A horta reinvéntase ante o peche dos mercados

O peche dos mercados de proximidade polo coronavirus forza ós produtores de horta a centrarse nos repartos a pequenos comercios e nos envíos a particulares. As vendas reséntense e as perdas aumentan coas primeiras colleitas de primavera

Publicidade
A horta reinvéntase ante o peche dos mercados

Os mercados de alimentación de proximidade foron dos primeiros prexudicados na crise xerada pola pandemia do coronavirus en Galicia. Boa parte das feiras de alimentos locais canceláronse xa nos primeiros días do estado de alarma e os que continuaron manténdose remataron por prohibirse a finais de marzo polo Ministerio de Agricultura.

O sector está á espera de que se permita a reapertura dos mercados, pero entre tanto, moitos produtores de horta galegos que tiñan nos mercados locais o principal punto de venda para as súas colleitas tiveron que buscar alternativas para dar saída ós seus produtos. As pequenas tendas e as vendas directas con entregas a domicilio son algunhas das vías para comercializar a produción, pero tampouco lles está resultando doado chegar así á súa clientela.

“Aqueles que xa facían entregas a domicilio e tiñan as infraestruturas precisas para facelo téñeno máis doado, pero para os que estabamos centrados na venda nos mercados e nas feiras está resultando moi difícil, mesmo notamos unha baixada dos pedidos por esta vía”, explica Belén Fervenza, unha produtora de horta ecolóxica en Redondela (Pontevedra), que comercializa a maior parte dos seus produtos no mercado na cidade do Lérez.

Internet e as pequenas tendas serviron como ferramentas para dar saída a parte da produción destinada á restauración

Moitos pequenos agricultores tiñan na restauración o seu principal cliente para os produtos frescos de tempada, e co seu peche tiveron que buscar saída para hortalizas e verduras a marchas forzadas. “Parte dos produtores de horta están dedicando moitos esforzos tanto económicos como de persoal para facer repartos de cestas de produtos frescos da horta a domicilio”, indica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

Tamén os produtores de planta de horta que teñen nas feiras unha das principais vías de comercialización de cebolo, remolacha, repolos ou coles, entre outras verduras e hortalizas, tiveron que buscar outros xeitos de chegar ós seus clientes. Neste caso as comerciais agrícolas foron un dos principais recursos para vender estas plantas, pero tamén internet e as redes sociais están sendo ferramentas empregadas para poñer en contacto a produtores e compradores.

Vendas a domicilio, con limitacións

Conseguir chegar á súa clientela habitual co peche dos mercados está sendo todo un quebracabezas para os produtores. “Cando traballas no mercado coñeces ós teus clientes, tes un trato directo con eles, pero non os seus datos de contacto, por iso cando pecharon quedamos sen xeito de contactar con moitos deles”, explica Fervenza.

No seu caso xa contaban con algunha clientela á que estaban facendo entregas a domicilio, pero era unha parte mínima, e mesmo notaron unha baixada no número de pedidos por esta canle. “A incerteza económica e as restricións de movemento penso que levaron a moita xente a optar polos supermercados, pese a que normalmente mercaran outro tipo de produtos de proximidade e ecolóxicos”, valora a produtora.

A falta dos datos de contacto coa clientela, o incremento dos gastos e a falta de medios condicionan as entregas a domicilio

Dispoñer dos medios para poder afrontar un reparto a domicilio está a ser unha das maiores limitacións para este tipo de entregas. O incremento dos custos ó ter que facer as entregas na casa provoca que moitos produtores fixen un prezo mínimo para os pedidos e que as condicionen á posibilidade de facer varias entregas na zona. “Co peche dos mercados estamos tendo perdas importantes e aínda que intentamos reinventarnos é difícil facelo tan rápido”, indica Belén. No seu caso, a crise do coronavirus tamén fixo que lle cancelaran os obradoiros sobre horta que tiñan previstos para estes meses.

“O reparto é unha forma de darlle saída á produción, pero as marxes que quedan ó produtor son moito menores, case mínimas”, explica Pilar Vázquez, unha produtora de horta de Miño (A Coruña), que adoita vender no mercado e de xeito directo para a restauración. Esta tempada as entregas a domicilio supuxeron un 30% das súas vendas, centradas na clientela que tiña máis próxima.

Mesmo para aqueles pequenos produtores que xa traballaban co sistema de reparto a domicilio está resultando difícil dar saída ós seus produtos. “A limitación de movementos está facendo moi complicado que os clientes veñan buscar as cestas como facían antes ou mesmo que llas levemos”, explica María José Tallón que conta cunha horta ecolóxica en Silleda (Pontevedra).

Horta-Minho_-

Produt
ores coma Pilar comenzan a contar con hortalizas e verduras de primavera nos seus invernadoiros e fincas.

Sen canles axeitadas para a horta variada

As pequenas tendas foron outra das vías para comercializar os produtos da horta. “Na tenda á que lle levamos os nosos produtos están a notar un pequeno aumento das vendas, gustaríanos crer que esta crise tamén pode servir para poñer en valor a importancia dos produtos frescos e de proximidade”, comenta Belén Fervenza.

As iniciativas postas en marcha dende o propio sector ou por distintos concellos para colaborar nas entregas da produción están tamén sendo unha ferramenta para os produtores de horta. “Están xurdindo propostas como a da Cooperativa da Faba de Lourenzá que buscou reunir as existencias de faba dos seus produtores para tentar darlle saída ó non haber mercados”, indican dende o Sindicato Labrego.

Outras alternativas de venda como a impulsada pola Consellería de Medio Rural, Mercaproximidade, pouco están a servir, polo momento, como opción de comercialización para moitos destes produtores. “Esta opción pode ser viable para aqueles produtores especializados en 2 ou 3 cultivos e que manexan grandes cantidades, pero para aqueles que teñen variedade de cultivos e pequenas cantidades vai ser difícil que teñan encaixe nela, por iso é tan importante conseguir reabrir os mercados de alimentos de proximidade”, valora Isabel Vilalba, dende o Sindicato Labrego.

“Aqueles produtores que teñen variedade de cultivos e pequenas cantidades vai ser difícil que teñan encaixe en Mercaproximidade” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)

A opinión compártena moitos produtores que ven nesta alianza coas grandes distribuidoras poucas garantías para acadar prezos dignos para a súa produción. “Os pequenos produtores sempre somos os grandes esquecidos, pese a nosa capacidade para adaptarnos e resistir”, indica Fervenza, que ve a proposta da Xunta como unha opción contraria á forma de comercialización pola que apostou dende un principio para a súa horta.

As experiencias previas con estas grandes distribuidoras sentan un mal precedente cos produtores de horta. “Xa vimos como algúns produtores que traballaron con eles noutras épocas tiñan problemas para sacar adiante a súa produción e como caían os prezos”, recorda Pilar, que adoita traballar cun prezo estable do produto durante a campaña, que dá garantías tanto á súa clientela como para garantir os custos de produción.

Propostas como a impulsada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que creou un listado de produtores con venda a domicilio tamén están a ter pouca resposta. “Polo momento non tivemos ningún pedido que chegara a nós por esta vía. Está a ser moi complicado darlle saída á produción”, explica María José Tallón, que comezan xa a ter produtos de tempada como a leituga ou os amorodos para a venda. No seu caso, a pandemia está tamén a ralantizar o lanzamento dalgúns produtos transformados que tiñan pensado comezar a comercializar. “Esta situación chegounos nunha fase de emprendemento, polo que nos está resultando moi difícil”, comenta Tallón.

Planta-pemento-Ponteareas-

As fotos das plantas que Flora tiña axudaron a comercializar a súa produción.

As vendas de planta para a horta

A crise pillou á horta galega aínda rematando as producións de inverno e comezando coas de primavera, por iso a comercialización de planta de hortaliza é un dos produtos que en plena campaña tamén se viu con dificultades. Internet está sendo un aliado para dar saída a esta planta que normalmente se vendía nos mercados. Tamén as comerciais agrícolas foron unha das vías para estas producións, onde produtos como a remolacha forraxeira tiveron unha gran demanda, que obrigou mesmo a facer peticións nas redes sociais para conseguir atender as encargas.

“Vinme sen poder vender a planta que ía levar ó mercado e botei man das redes sociais para tentar darlle saída”, Flora Porto, produtora de Ponteareas

“Vinme sen poder vender a planta que ía levar ó mercado e foron os meus fillos os que decidiron botar man das redes sociais para tentar darlle saída”, explica Flora Porto Martínez, unha produtora de Ponteareas (Pontevedra) que adoitaba comercializar tanto planta como hortalizas en mercados como o de Ponteareas, O Porriño ou Salceda. No seu caso, a maior parte dos clientes achegáronse ata a finca para adquirir o produto e deste xeito consegue dar saída a parte da produción aínda que tamén comeza a pasárselle xa algunha planta.

As hortas de autoconsumo están a ser un dos destinos para estas hortalizas e verduras. O cebolo foi unha das plantas con maior demanda xunto con verduras e hortalizas como os tomates ou os pementos. “As hortas de autoconsumo son un garante de produto fresco no verán para moitas familias por iso é tan importante que se protexan e resulta un escándalo as trabas que se están poñendo para continuar atendéndoas”, recrimina Vilalba. “As directrices que se están dando case tratan á xente que traballa nas hortas como delincuentes. É necesario que deixen de facer as medidas nas cidades sen pensar no campo”, reivindican dende o sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información