Homenaxe e folgos dende a cooperativa Coreber contra o coronavirus

A cooperativa agrogandeira Coreber, de Bergantiños, agradece nun vídeo os esforzos tanto de gandeiros e agricultores como de todo o persoal que se está volcando na loita contra o coronavirus

Publicidade

En plena crise do coronavirus están xurdindo distintas iniciativas para agradecer o esforzo de moitos profesionais nestes momentos e para dar folgos a toda a sociedade. Dende a cooperativa agrogandeira Coreber, de Bergantiños (A Coruña) quixeron sumarse a estas homenaxes cun vídeo de agradecemento, que recoñece tanto o labor do sector agrogandeiro como a todos aqueles que seguiron traballando tódolos días para abastecer, coidar ou protexer ó resto da sociedade.

Nesta ocasión foron os cativos os que iniciaron a mecha desta campaña. “Soubemos que os alumnos de terceiro de primaria dun dos colexios de A Laracha fixeran un vídeo para agradecerlle ós gandeiros e agricultores o seu traballo e quixemos darlle as grazas por acordarse de nós nestes momentos e ó mesmo tempo homenaxear a outros que tamén están a facer moito”, explica Melchor García Iglesias, xerente da cooperativa.

Así, uns dos protagonistas do vídeo son os propios rapaces que amosan o agradecemento a gandeiros e agricultores que seguen traballando para garantir alimentos ós fogares. “Quixemos homenaxear tanto ós nosos socios como a tódolos produtores que nestes días continúan traballando”, indica García.

Xunto co recoñecemento ós produtores do agro, tamén fixeron unha especial homenaxe para todos aqueles profesionais que seguen traballando para garantir os servizos esenciais e a seguridade nestes tempos coma sanitarios, persoal dos supermercados, transportistas, persoal de limpeza ou corpos de seguridade, entre outros. “Quixemos acordarnos de todos eles pola importancia do seu traballo, en especial daqueles como o persoal de supermercados e tendas de alimentación que están expostos ós riscos e que ás veces quedan máis esquecidos”, comenta.

Por outra banda, o vídeo serve tamén coma un mensaxe de optimismo e para dar folgos nun momento no que a incerteza está moi presente. Aínda que o traballo no campo segue, hai certa preocupación pola evolución da crise, sobre todo cando algúns sectores xa comezan a ter perdas moi importantes. “Os nosos socios están preocupados polas novas da entrada de produtos a baixos prezos procedente doutros países ou pola baixada dos prezos da carne.Todo isto xera moita incerteza”, apunta Melchor García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información