Hoflieferanten, unha cooperativa austríaca de 6 familias que transforman o leite das súas granxas baixo a mesma marca

Trala entrada na UE e o establecemento das cotas lácteas no ano 1995, o Goberno austríaco permitiu ás ganderías vender directamente unha parte do seu leite sen computalo dentro dos topes de produción. Foi o xerme de moitos proxectos de transformación e venda directa

Franz Bertl e a súa filla Bernadette, xunto ao grupo de técnicos e gandeiros galegos diante da tenda de produtos locais da cooperativa en Wilhelmsburg

Franz Bertl e a súa filla Bernadette, na tenda de produtos locais da cooperativa en Wilhelmsburg

Baixo a marca HOFLieferanten seis familias da localidade de Wilhelmsburg, en Baixa Austria, elaboran batidos de leite con cacao, queixos, requeixo, manteiga e iogures co leite das súas granxas. É unha fórmula que lles permite valorizar a súa materia prima pero compartindo os gastos de fabricación e distribución.

Grazas a este sistema, as 6 granxas que forman Hoflieferanten obteñen entre 5 e 6 céntimos máis por litro de leite que se o entregasen á outra cooperativa á que pertencen, Möm, encargada da recollida da maior parte do leite dos gandeiros da zona. “Son uns 20.000 euros máis de ingresos para unha granxa media como a nosa, duns 400.000 litros de produción ao ano”, explica Franz Bertl, un dos socios fundadores.

Transforman en total 1,2 millóns de litros de vaca ao ano, procedentes de 5 explotacións

A iniciativa complétase cunha tenda propia para vender directamente sen intermediarios na que, ademais de ofrecer os seus produtos, tamén comercializan os doutros veciños. “As 6 familias sempre nos entendemos moi ben desde o principio, porque todos imos na mesma dirección e mesmo nos axudamos entre nós nas granxas para poder ir de vacacións”, explican.

Alternativa ás cotas lácteas

Unha das 6 granxas que forman a cooperativa, a da familia Leichtfried, encárgase do subministro de leite de cabra ecolóxica

Unha das 6 granxas que forman a cooperativa, a da familia Leichtfried, encárgase do subministro de leite de cabra ecolóxica

No ano 1995 a familia Bertl e a familia Graßmann fundaron Wilhelmsburg Hoflieferanten e comezaron a abastecer escolas e gardarías con produtos de colleita propia. A eles sumáronse máis tarde a familia Stiefsohn, a familia Zauner, a familia Holzer e a familia Leichtfried, que se encarga do subministro de leite de cabra ecolóxica.

O leite de vaca de cada unha das 5 granxas non se mestura no tanque. Deste xeito o cliente sempre poderá saber de que familia de agricultores provén o leite do seu produto. “É un sistema complicado que vén dos tempos da cuota láctea. En Austria, desde o ano 1978 a cuota de produción era limitada, pero a de venda directa non, pero para iso cada granxa tiña que transformar o seu leite, non o podiamos xuntar todo”, explica Franz.

Entre o 1995 e o 2015 as granxas austríacas podían producir máis leite do que tiñan asignado na súa cuota sempre que o vendesen directamente

Grazas a esta modalidade, as granxas austríacas puideron de facto producir máis leite da cuota que tiñan asignada. Ademais, ao ano a cuota de venda directa pasaba a sumarse á cuota láctea total de produción da granxa, co que lograban consolidar eses incrementos. Este sistema de dobre cuota (cuota de produción e venda directa) incentivou o desenvolvemento da transformación e venda por parte das explotacións do país.

Venda directa

Na tenda que posúen venden os produtos da cooperativa e de outros produtores locais

Na tenda que posúen en Wilhelmsburg venden os produtos da cooperativa e doutros produtores locais

A marca HOFLieferanten está moi presente en supermercados rexionais e no sistema de leite escolar. A maiores, contan con dúas tendas propias, unha na granxa na que transforman o leite e outra á saída do pobo.

“Durante a pandemia parecíanos perigoso recibir a tanta xente na casa, que viñan mercar á tenda que temos na granxa, a carón da queixería, polo que decidimos montar unha tenda máis grande a carón da estrada principal, nunha zona moi transitada tanto pola xente de Wilhelmsburg como pola que se dirixe a outras localidades. Estanos a funcionar moi ben”, recoñece Bernadette, que se encarga da xestión do establecemento, aínda que se trata dunha modalidade de autoservizo sen ningún tipo de persoal, un modelo moi estendido en Austria.

O noso cliente principal son familias novas con fillos e persoas ás que non lles importa gastar un pouco máis para mercar un produto local de calidade

“Ao principio cando se montou tiñamos medo de que nos faltara produto, pero non temos ningún tipo de problema dese tipo. O noso cliente principal son familias de xente nova con fillos e persoas ás que non lles importa gastar un pouco máis na compra a cambio de ter un produto local de calidade. Desde a pandemia aumentou moito o consumo de produtos deste tipo porque a xente recoñece que son máis saudables”, explica.

Materia prima local

Os batidos de chocolate subminístranse aos colexios

Os batidos de chocolate elaborados con leite fresco subminístranse a 80 colexios e garderías da contorna

Na súa pequena central leiteira, situada ao pé da granxa da familia Bertl, elaboran os seus produtos as seis granxas socias: leite escolar, iogur, queixo, callada e cremas para untar. A variedade de produtos inclúe batidos de leite fresco con cacao para os colexios (un produto con 10 días de caducidade gardado na neveira), 5 tipos diferentes de queixo (o último produto que sacaron ao mercado), 2 de requeixo (un máis cremoso e outro máis seco) e 4 de iogures (natural, cereixa, fresa e albaricoque). “Non temos sabores de froitas que non haxa na zona”, explica Bernadette.

Elaboran os seus iogures con froitas mercadas na zona

Serven a 80 garderías e escolas a nivel local e aos supermercados Spar de Baixa Austria, Viena e Burgenland. En total crean 15 postos de traballo, a maior parte na queixería e no transporte e distribución. Os produtos máis vendidos son a manteiga, o requeixo e os iogures. 

Diferenciarse nos liñais

Elaboran distintos tipos de queixo, iogures e batidos de chocolate

Elaboran distintos tipos de queixo, iogures, manteiga, cremas para untar e batidos de chocolate

No seu momento, cando xurdiu a iniciativa, foron unha especie de proxecto piloto e recibiron o apoio da Cámara de Agricultura. “Eramos gandeiros e fixemos cursos para producir requeixo ou queixos, pero o máis difícil para nós foi aprender a vender”, recoñece Franz.

Aprenderon as claves da comercialización en cursos específicos que ofrece a Cámara de Agricultura e que imparten persoas expertas que traballan como profesionais nas áreas de vendas e marketing e centran a súa estratexia na diferenciación.

Eramos gandeiros e fixemos cursos para producir requeixo ou queixos, pero o máis difícil para nós foi aprender a vender

“Só poñemos os nosos produtos nun punto de venda novo se temos a garantía de que van ser os máis caros, porque o que queremos é que sexa un produto premium diferenciado”, din. Nos supermercados Spar, por exemplo, o que máis venden é requeixo. “Hai tamén requeixo de marca branca, que subministran cooperativas como Nöm, pero o noso figura como un produto rexional artesán. Nos últimos anos cada vez se vende máis marca branca e máis produto premium coma o noso; o que está sufrindo e deixando de venderse é o produto que está no medio”, razoan.

Malia seren competencia directa, lévanse ben coa cooperativa Nöm, a segunda máis grande de Austria, constituída por 2.200 gandeiros e da que tamén forman parte. “Temos moi boa relación con eles, investimos moito tempo en levarnos ben, o que nos permite regular os excedentes e cubrir as necesidades puntuais da nosa queixería”, explica Franz.

“As 6 granxas temos relevo xeracional; ese é o noso maior éxito”

Unha vaca co seu becerro na granxa da familia

Unha vaca co seu becerro na granxa da familia Bertl

Na granxa da familia Bertl traballan 5 persoas de varias xeracións. Teñen a continuidade asegurada, ao igual que as outras 5 familias que forman Hoflieferanten nas súas explotacións. “O noso éxito máis grande é que os nosos fillos queiran quedarse e continuar nas granxas”, afirma Franz.

O día a día da explotación xa o leva o seu fillo, mentres que a súa filla, Bernadette, se encarga da tenda. Austria é, nese sentido, un modelo en Europa de relevo agrario e un de cada 4 titulares de explotacións teñen menos de 40 anos.

Franz ten tamén 5 netos e considera moi importante que os cativos vivan desde pequenos a realidade da granxa. “É un traballo que pode ser rendible. Eu espero que os meus netos vexan o valor diso e queiran tamén continuar”, di.

Para que as novas xeracións poidan ter contacto co sector agrogandeiro e valoren cando sexan maiores o traballo que realizan os agricultores e gandeiros, os Bertl decidiron abrir a súa explotación para organizar visitas e ofrecer actividades para escolas.

Cando queremos convencer a un novo distribuidor traémolo á granxa porque a decisión de compra ten que ver coas emocións; non chega con argumentos e datos

É algo que tamén lles axuda a vender os seus produtos. “Para convencer aos distribuidores non chega cos argumentos e os datos, porque a decisión de compra ten que ver coa emoción. A nosa granxa non ten nada especial pero aporta autenticidade aos produtos que elaboramos e cando tratamos de convencer a un novo distribuidor convidámolo a vir para que poida ver e tocar a realidade do que vai vender”, explican.

Aposta pola robotización

No ano 1995, cando Franz e os seus veciños decidiron xuntar esforzos para transformar o leite que producían, muxían 30 vacas. Hoxe as 5 granxas de leite andan nas 60 vacas en produción e a de cabras ten 150 animais.

Ese crecemento, recoñecen, non tería sido posible se non tiveran optado por valorizar directamente o seu leite. Nos últimos anos están a apostar por investir en robotización e modernización das instalacións para paliar os problemas de man de obra e gañar calidade de vida.

Na súa granxa, por exemplo, Franz ten un robot de muxido da marca alemá GEA e un robot de alimentación da marca austríaca Wasserbauer. A introdución destas novas tecnoloxías, di, axuda tamén a facer máis atractivo o sector para as novas xeracións.

Reciben 100 autobuses ao ano na súa granxa, aínda que neste momento decidiron restrinxir as visitas debido ao avance da febre aftosa

A simbiose entre o coidado da paisaxe e a natureza e o mantemento dunha actividade tradicional coa imaxe de modernidade que aporta a dixitalización dos establos é positiva para un sector consciente da necesidade de loitar contra os bulos que se lanzan sobre o sector gandeiro e que moitas veces calan nos ámbitos máis urbanos da sociedade.

Para contrarrestar esa desinformación, a familia Bertl dediciu abrir as portas da súa granxa. Reciben 100 autobuses cada ano, aínda que este ano decidiron restrinxir as visitas e aumentar as medidas de bioseguridade na explotación debido ao avance da febre aftosa en diversos países europeos, con brotes en Eslovaquia ou Hungría a poucos quilómetros da fronteira con Austria. Franz aínda se acorda da desfeita que provocaran os últimos casos de febre aftosa no país nos anos 70.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información