“A hipodermose bovina segue afectando ata ao 80% das vacas non estabuladas”

Entrevista á veterinaria Eva Cabanelas Dopazo que ven de presentar no Campus Terra da USC a súa tese na que avanza nos métodos de detección da hipodermose bovina, popularmente coñecidas como “medradeiras” ou “barros”.

“A hipodermose bovina segue afectando ata ao 80% das vacas non estabuladas”

Eva Cabanelas durante a defensa da túa tese.

A hipodermose bovina, popularmente coñecida como “medradeiras” ou “barros”, é unha enfermidade parasitaria do gando vacún caracterizada por uns avultamentos baixo a pel do lombo, debidos á presencia neles da larva dunha mosca, a Hipoderma bovis. Chámaselles en galego “medradeiras” porque a saída desas larvas ó exterior prodúcese na primavera e algúns gandeiros atribuían antigamente o maior medre das vacas nesa época precisamente ás devanditas larvas e crían que con elas depuraban o sangue.

Porén os efectos da hipodermose bovina son moi negativos para a vaca xa que inciden nunha menor produción de leite, nunha maior incidencia de mamite, en perda de peso e en depreciación das peles.

A súa incidencia na cabana gandeira galega que non está estabulada roza o 80%, aínda que nas explotacións que están en Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) e seguen unhas boas pautas de desparasitación baixa ao 42%.

Estes e outros resultados foron expostos pola veterinaria Eva Cabanelas Dopazo que ven de presentar en Lugo no Campus Terra da USC a súa tese na que avanza nos métodos de detección desta patoloxía.

¿Que grao de incidencia ten a hipodermose bovina en Galicia?
Tendo en conta os datos de seroprevalencia obtidos en estudos realizados polo noso grupo de investigación nas últimas décadas, podemos afirmar que, a pesar da existencia de fármacos eficaces para o tratamento da hipodermose, o seu uso esporádico e sen pautas axustadas non se traduciu nun descenso significativo no contacto do gando vacún co parasito, xa que os valores de seroprevalencia da hipodermose seguen próximos ao 80% na nosa comunidade.

“A hipodermose bovina segue afectando ata ao 80% das vacas non estabuladas”

Cómpre subliñar, sen embargo, a considerable diminución da seroprevalencia en granxas incluídas en ADSG, nas que se reduce practicamente á metade (42,5%), feito que demostra que o control e a erradicación da hipodermose é posible a corto prazo.

¿Que perdas nos rendementos pode provocar e cal é a súa gravidade dende o punto de vista sanitario?
A hipodermose dá lugar tanto a perdas indirectas, como ao descenso da produción láctea e da ganancia de peso en gando de carne, como tamén a perdas directas derivadas da depreciación das canais e deterioro das peles, xa que os orificios polos que respiran as larvas a través da pel permanecen tralo curtido.

Como a maioría de enfermidades parasitarias, a hipodermose relacionase cunha maior incidencia de outros procesos infecciosos, como as mamites, xa que compromete o sistema inmune dos animais.

¿Cal é o ciclo dos “barros” ou “medradeiras” no gando vacún e a que tipo de animais afecta?
A cronobioloxía do parasito depende en gran medida das condicións climáticas, podendo variar entre ano e ano. Segundo estudos realizados no noso grupo de investigación, en Galicia axústase ao seguinte modelo: desde mediados de maio a setembro, ten lugar o voo das moscas, a posta de ovos e o inicio da migración larvaria.

Entre agosto e finais de decembro, as larvas 1 atópanse nos lugares de repouso invernal, isto é, o esófago, no caso de H. lineatum, especie maioritaria na nosa rexión. Desde outubro ata xaneiro, complétase a migración larvaria cara o dorso e entre decembro e abril, detéctanse a maioría dos nódulos subcutáneos coñecidos popularmente como “medradeiras” ou “barros”

A hipodermose afecta ao gando vacún en pastoreo, sendo un proceso mais frecuente no gando de carne en réxime extensivo. Asemade, pode darse en explotacións de vacún de leite nas que os animais saen fóra, xa que as moscas non entran nos establos.

¿Detectades que nos últimos anos houbo unha redución das desparasitacións que provocou un repunte da enfermidade?
Efectivamente, temos rexistrado varias explotacións nas que todos os animais presentaron barros durante varios anos consecutivos, debido a que non se realizou desparasitación para recortar custos. Nalgúns casos, sobre todo, en animais infestados por vez primeira, o número de barros no dorso adoita ser bastante elevado, feito que temos comprobado a nivel de campo e en matadoiro.

“O mais importante na prevención da hipodermose é unha boa pauta de desparasitación

¿Que recomendacións lle darías ao gandeiro para previr e erradicar os barros? ¿E de cara ao veterinario?
O mais importante na prevención da hipodermose é unha boa pauta de desparasitación. As lactonas macrocíclicas presentan unha boa eficacia fronte a tódolos estadios larvarios do parasito; a eprinomectina é o fármaco de elección para o gando leiteiro, xa que carece de período de supresión en leite.

Nas explotacións que forman parte de ADSG, adoitan realizarse dúas desparasitacións por ano: unha en primavera e outra en outono. Mentres que a primeira, contribúe a reducir o número de moscas de cara á tempada seguinte, a desparasitación de outono destrúe as larvas ao inicio da migración antes de que estas acaden ao dorso, interrompendo así o ciclo do parasito.

No que atinxe á aplicación dos antiparasitarios, debe realizarse de forma correcta, aplicando aos animais as doses adecuadas, xa que a subdosificación do fármaco pode ser ineficaz na prevención da hipodermose. Por outra banda, é preciso evitar a súa aplicación “pour on” en períodos de choiva, xa que a auga produce un efecto lavado e o fármaco non é absorbido na súa totalidade.

Medradeiras en vacas de leite.

Medradeiras en vacas de leite.

¿Que novidades presenta a túa tese sobre a detección en gando vacún de infestacións con larvas de Hypoderma e que avances supón?
Nesta tese, puxemos a punto técnicas inmunolóxicas e moleculares para a detección de citoquinas en animais infestados con Hypoderma.

As citoquinas están implicadas na regulación do sistema inmune e a súa dinámica vese alterada nos procesos parasitarios. Neste caso, comprobamos que os distintos antíxenos do parasito reducen a produción de citoquinas “in vitro” e que os animais infestados por Hypoderma desenvolven, con respecto aos non infestados, unha resposta inmune de memoria de cara a sucesivas reinfestacións.

Estes achádegos afondan nos mecanismos que favorecen a supervivencia do parasito e contribúen ao mellor coñecemento da resposta inmune que protexe aos animais dos danos producidos polas larvas de Hypoderma.

¿Cales cres que serán as vías para previr e erradicar no futuro esta patoloxía?
Como se comentou anteriormente, cómpre incidir na importancia da desparasitación e de concienciar aos gandeiros sobre as graves repercusións de non facelo.

As perdas económicas derivadas dos problemas parasitarios pasan a miúdo desapercibidas, xa que son dificilmente cuantificables. Porén, supoñen unha considerable ameaza á produción, ao empeorar o estado sanitario dos animais e facelos máis susceptibles a outras enfermidades.

“Estase a investigar en vacinas fronte a este parasito”

A realización de boas prácticas de desparasitación é, polo momento, a mellor alternativa para o control da hipodermose, tarefa na que as ADSG están a traballar satisfactoriamente.

Actualmente, estase a investigar en novas alternativas de control fronte a esta parasitose, como son as vacinas. Neste eido, o estudo das citoquinas resulta fundamental de cara a poder empregalas como potenciadores da resposta inmune natural dos animais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información