Hijos de Rivera prevé este ano duplicar as compras de mazá galega para elaborar sidra Maeloc

Estrella Galicia compra case a totalidade da mazá ecolóxica para sidra que se produce en Galicia. Este ano baixou o tamaño debido á seca pero aumentou a produción grazas ás novas plantacións e a non ser ano de vecería para as mazairas.

Publicidade
Hijos de Rivera prevé este ano duplicar as compras de mazá galega para elaborar sidra Maeloc

Mazá para sidra

Custom Drinks, a empresa propiedade de Hijos de Rivera (Estrella Galicia, Cabreiroá…etc), e que elabora na súa planta de Chantada a coñecida Sidra Maeloc duplicará este ano a compra de mazá sidreira: pasando do 1 millón de quilos do pasado ano aos algo máis de 2 millóns de quilos que prevé comprar este ano a produtores galegos.

Así o confirmou en declaracións a Campo Galego o xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Corporación, José Luis Olmedo, quen salienta a aposta que está facer a multinacional galega polo fomento da plantación de pomares en Galicia. “E é que a sidra Maeloc elabórase exclusivamente a partir de mazá 100% galega”, subliña.

Menor tamaño da mazá pero de gran calidade

A planta de Custom Drinks en Chantada comezou a recibir mazá o pasado mércores, nun proceso que se prevé que se alongue ata a mediados de outubro. José Luis Olmedo recoñece que “foi un ano complicado pola seca, que fixo que as árbores o pasasen mal en floración, pero ao ser a mazaira unha árbore que ten vecería, este ano agardamos unha boa colleita, con moita mazá, porque callou case todo o froito en floración, pero de menor tamaño pola seca do verán”.

En todo caso, salienta que “a calidade da mazá é moi boa porque practicamente non houbo problemas de fungos”.

Este aumento débese a que o ano pasado as mazairas estiveron en vecería, e polo tanto baixou a colleita, e tamén a que están empezando a entrar en produción as novas plantacións modernas que se fixeron en Galicia nos últimos anos.

Cada vez reciben máis mazá en ecolóxico

Por outra parte, dende Custom Drinks prevén que se siga incrementando a porcentaxe de mazá para sidra en ecolóxico, que o ano pasado xa chegou ao 60% do total. “Vimos realizando charlas, en colaboración co CRAEGA, nas principais comarcas produtoras de mazá de sidra de Galicia para convencer aos produtores das vantaxes de producir mazá en ecolóxica, e empezamos a recoller os froitos”, asegura José Luis Olmedo.

Prezos similares aos do pasado ano

Polo que respecta aos prezos, dende a Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL), unha entidade que agrupa, fundamentalmente, a produtores con novas plantacións das provincias da Coruña e de Lugo, aseguran que se manteñen parecidos aos do ano pasado: 0,24 € por quilo para a mazá sidreira convencional e entre 0,27 e 0,28 € para a producida en ecolóxico.

Coa colleita deste ano, Custom Drinks prevé extraer arredor de 1,7 millóns de litros de sidra Maeloc, cun rendemento de sidra por kilo de mazá algo menor ao doutros anos debido á seca.

A Sidra Maeloc trunfa fora de España

En canto ás vendas de Sidra Maeloc, Olmedo salienta que “a nosa produción de sidra está tendo unha tendencia ascendente, porque estamos medrando moito en mercados como Estados Unidos, o Reino Unido, Irlanda ou China”. “Curiosamente -lamenta-, o mercado español e o galego é onde máis difícil nos é medrar, xa que moita xente segue pensando en Asturias como o referente para a sidra”.

As perspectivas de Custom Drinks para a sidra Maeloc nas súas 9 variedades son moi positivas. De feito, a finais deste ano está previsto que entre en funcionamento a ampliación da súa sidrería de Chantada, que suporá multiplicar por tres a capacidade da planta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información