Heide Hoeve, xeados holandeses a partir da produción de 56 vacas ProCROSS

Kees Pijs herdou fai 20 anos 60 vacas holstein dos seus pais. No canto de aumentar ás cabezas, deciciu rendibilizar a explotación producindo xeados xunto á súa muller Anja para o mercado local, apostando por leite de máis calidade e vacas máis duradeiras

Kees e Anja na explotación familiar en Etten-Leur, no sur de Holanda

Kees e Anja na explotación familiar en Etten-Leur, no sur de Holanda

“Máis produción e menos marxe lévate a un burato sen saída”, afirma contundente Kees Pijs, un granxeiro holandés que decidiu fai 20 anos xunto á súa muller Anja facer xeados co leite que producen as súas vacas para rendibilizar a explotación familiar no canto de aumentar o número de cabezas da granxa.

Kees herdou en 1997 a explotación dos seus pais, con 60 vacas frisonas de leite e unha superficie de 27 hectáreas de terreo arredor da granxa. Hoxe, dúas décadas despois, moxe o mesmo número de animais, unhas 56 vacas, pero transforma unha parte da súa produción para valorizar o leite.

Outro dos cambios decisivos que adoptou foi cruzar as vacas de pura raza holstein que había na casa con outras razas para mellorar en aspectos como a saúde, a lonxevidade ou a produción de sólidos. Hoxe o rabaño desta explotación é xa todo procross, froito do cruzamento de holstein, montbeliard e rojo sueco.

A explotación sufriu un problema de botulismo que as vacas cruzadas superaron mellor que as súas compañeiras de raza frisona 100%

Ao pouco de asumir o relevo na granxa familiar e cando xa comezara a incorporar o programa de tres cruzamentos na explotación, os animais da gandeiría sufriron de botulismo e Kees notou como as vacas híbridas se viron menos afectadas e lograron recuperarse moito antes da enfermidade que as súas compañeiras frisonas. Foi iso o que fixo que se decidira definitivamente por continuar apostando polos animais procross.

Unha das vacas procross de cuarto parto que hai nesta gandeiría

Unha das vacas procross de cuarto parto que hai nesta gandeiría

“Como non son veterinario preciso vacas sas e o vigor híbrido que se logra cos cruces fai que as vacas sexan máis fortes e resistentes ás enfermidades”, argumenta. A media de tratamentos veterinarios por ano nesta explotación está en 0,78 (menos dun tratamento por vaca), o que quere dicir que o veterinario pasa semanas sen pisar a granxa e que moitas das vacas pasan o ano sen enfermar nin unha soa vez.

“Este tipo de animais dan menos traballo porque necesitan menos atención, son vacas máis duras, lonxevas e doadas de manexar e para facer xeados interésannos porque producen máis sólidos”

“Este tipo de animais dan menos traballo porque necesitan menos atención, son vacas máis duras e máis doadas de manexar”, afirma. “Son tamén vacas máis sas e máis lonxevas”, engade. As vacas en muxidura de cuarto parto son habituais neste establo e Kees asegura que manteñen ben a produción. “En holstein non sabemos como se comportan na cuarta lactación porque case ningunha chega a ela”, argumenta.

Xeados artesáns para o mercado local

A xeadería está situada a carón da granxa e recibe visitas e excursións

A xeadería está situada a carón da granxa e recibe visitas e excursións

As vacas procross teñen outra vantaxe para Kees e Anja, xa que producen máis graxa e proteína, un factor importante a ter en conta á hora de facer os seus xeados. Cando asumiron a granxa buscaban un xeito de valorizar o leite que producían as súas vacas. Kees estivera traballando nunha fábrica de queixos nesta zona do sur de Holanda e inicialmente pensou niso, en facer queixos na casa co seu leite. Pero o verán de 1999 viñera moi caluroso e iso fixo mudar os seus plans e decidirse polos xeados.

Nos últimos anos tamén foron varias as explotacións galegas que decidiron transformar parte da súa produción de leite en xeados baixo marcas como Xeou! ou Bico de Xeado

Nos últimos anos tamén foron varias as explotacións galegas que decidiron transformar parte da súa produción de leite en xeados. É o caso da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que os vende por toda Galicia baixo a marca Bico de Xeado, ou da SAT Seixas de Taboada, que os comercializa en dúas tendas propias en pleno Camiño de Santiago, en Palas de Rei e Portomarín, co nome Xeou!.

A carón da explotación, onde tamén está a vivenda familiar, o matrimonio Pijs construiu un pequeno obrador para fabricar os xeados, que venden co nome HeideHoeve no mercado de proximidade, por exemplo en tendas e restaurantes da zona, e tamén na propia xeladería ás visitas que colexios ou persoas do entorno urbán fan á granxa ou nas festas de cumpreanos e celebracións infantís que organizan. Estas outras actividades son un complemento á explotación e a explotación o verdadeiro reclamo para estas outras actividades nun país que recibe aos visitantes no aeroporto de Ámsterdam cunha vaca xigante e onde ser gandeiro é unha profesión de prestixio social que se transmite con orgullo de pais a fillos.

O leite da súa propia granxa é o factor distintivo dos xeados e a produción que lles sobra véndenlla á cooperativa Friesland Campina

“Facemos varios tipos de xeados, sorbetes, xeados de iogur e sen azucre. Temos uns 30 sabores dispoñibles. Facemos o xeado co leite fresco pasteurizado das nosas propias vacas, xema de ovo pasteurizada, froita e espesantes naturais, sen empregar emulsionantes nin colorantes”, explican Kees e Anja.

Aínda que tamén fan sorbetes sen leite para persoas alérxicas ou intolerantes á lactosa, o leite da súa propia granxa é o elemento distintivo da súa produción de xeados. “Con 2,5 quilos de leite facemos 6 quilos de xeado”, detalla Kees.

Produción en pastoreo

Dispoñen de 30 hectáreas de terreo arredor da explotación

Dispoñen de 30 hectáreas de terreo arredor da explotación

O leite que non son capaces de comercializar en forma de xeados, sobre todo en periodos de menor demanda, como pode ser o inverno, véndenllo a Friesland Campina. A cooperativa holandesa firmou un prezo garantido para os seus produtores de 35,75 céntimos para xaneiro de 2020. Kees cobra un prezo base de 34 céntimos máis a prima por calidades (graxa, proteína e lactosa), a maiores da prima por pastoreo. O 82% dos gandeiros que entregan o leite a Campina aproveitan esta prima por pastoreo, que é de 1,5 céntimos por litro, coa obriga de que as vacas pazan como mínimo 120 días ao ano durante máis de 6 horas diarias.

Malia contar con robot de muxido, as vacas saen ao pasto como mínimo 5 horas ao día repartidas entre a mañá e a tarde e reciben unha prima de 1,5 céntimos por litro de leite

No caso da explotación da familia Pijs, as vacas saen menos horas ao día pero máis días ao ano. A organización do pastoreo nesta granxa está condicionado polo sistema de muxido mediante robot. Isto fai que as vacas non poidan botar longas estadías na pradeira, pois colapsarían o robot á volta, de maneira que saen dúas veces ao día (dúas horas e media pola mañá e outras dúas horas e media pola tarde). Son un total de 5 horas ao día no pasto pero a cambio pastorean máis dos 120 días fixados ao ano.

Con este sistema logran combinar o robot de muxido co pastoreo, abaratando custos en alimentación e man de obra e logrando producións medias de 9.591 quilos por lactación, cun promedio de 4,55% de graxa e de 3,67% de proteína.

Cama de palla sen cubículos

Dispoñen dunha encamadora móbil no teito para esparexer a palla

Dispoñen dunha encamadora móbil pendurada no teito para esparexer a palla

A calidade de vida é prioritaria para esta familia. Por iso Kees e Anja non están pensando en medrar malia que no establo poderían meter máis vacas das que teñen. É unha construción nova, de estrutura metálica e teito e paredes de metacrilato traslúcido que permite entrar moita luz ao interior. O teito ábrese tamén para facilitar a ventilación.

As vacas en produción están en cama quente de palla nunha superficie ampla na que non hai cubículos. “As nosas vacas teñen o dobre de espazo dispoñible en comparación cun establo tradicional con cubículos e ao non haber divisións nin pasillos as vacas poden camiñar ou deitarse libremente e expresar mellor o seu comportamento natural no rabaño. Como resultado, o bienestar animal mellorou moito”, indica Kees.

A empresa á que venden o leite exporta unha parte importante da súa produción a países árabes e por iso non permite o uso de compost nas camas

Coa amplitude que teñen, poderían empregar compost no canto de palla, como fan outras granxas holandesas con este mesmo sistema, pero a cooperativa á que entregan o leite sobrante nesta gandeiría, Friesland Campina, envía unha parte importante da súa produción a Oriente Medio, polo que non lles deixa empregar compost. “Para exportar aos países árabes non se pode usar compost, ademais, o esterco de palla é mellor para a terra”, argumenta Kees. Dispón dun sistema móbil colgado do teito da nave para esparcir a palla e facilitar deste xeito as tarefas de renovación da cama. As células somáticas sitúanse de media nesta granxa nas 175.000.

Menor necesidade de recría

As secas e a recría están en cubículos con manta de goma na parte vella

As secas e as xovencas están en cubículos con manta de goma na parte vella da nave

Na outra parte da explotación, a que herdou dos seus pais, ten a recía, mantendo o sistema de cubículos que había na granxa con manta de goma para as secas e as xovencas, uns 32 animais neste momento. O incremento da lonxevidade do rabaño como consecuencia da introdución do programa de cruzamentos fixo que se reducira notablemente a taxa de reemprazo e, polo tanto, tamén as necesidades de recría. Tamén mellorou a fertilidade. As doses necesarias para empreñar unha primeiriza son actualmente de 1,3 nesta explotación incrementándose a 1,5 nas multíparas. O intervalo entre partos é de 404 días.

A decisión de non aumentar o número de cabezas e a menor necesidade de recría trala introdución do programa de cruzamentos fixo que non se viran obrigados a enviar as xovencas a Alemaña coma outras granxas da zona polas limitacións aos fosfatos

A decisión de non aumentar o número de cabezas e o feito da menor necesidade de recría fixeron que esta granxa puidera seguir criando as xovencas na explotación. Moitas outras gandeirías holandesas vírose obrigadas a mandar a recría a Alemaña cando o Goberno neerlandés introduciu as limitacións aos fosfatos. A familia Pijs conta con 30 hectáreas de terreo próximos á explotación que empregan ademais de para o pastoreo para a produción de forraxes, sementando raigrás e millo, co que suplementan a ración no pesebre. Dispoñen a maiores de 12 hectáreas de natureza (superficie forestal, canles de regadío, etc) e que computan tamén como superficie da granxa a efectos de dereitos de fosfatos.

Outras imaxes desta gandeiría:

vacas producion2vacas producion1cama quente de pallavaca producion3vaca producion1recriabecerreas2becerras1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información