“Hai unha suma de vontades individuais que fixo do eucalipto a primeira especie en Portugal”

Falamos con Nelson Matos, da Universidade de Aveiro, sobre a realidade forestal do país veciño e sobre o proxecto Forest-in, que trata de promover a educación forestal dos pequenos propietarios forestais en Galicia e noutros territorios do sur de Europa

“Hai unha suma de vontades individuais que fixo do eucalipto a primeira especie en Portugal”

Nelson Matos, nunha plantación que visitou en Galicia no marco do proxecto Forest-In.

Nelson Matos, da Universidade de Aveiro (Portugal) visitou recentemente Galicia no marco dunha actividade do proxecto Forest-in, que trata de promover a educación forestal dos pequenos propietarios forestais. Falamos con el sobre a iniciativa e sobre a realidade forestal do país veciño, marcada polos tráxicos incendios do pasado verán.

Estades a promover un proxecto, conxuntamente coa Asociación Forestal de Galicia e con outros socios internacionais, para mellorar os coñecementos forestais dos pequenos propietarios. Explícanos a orixe da iniciativa.
– O proxecto, que é coordinado pola Universidade de Aveiro, nace en parte do interese da propia industria, en concreto de Unimadeiras, que como é lóxico ten un interese mercantilista no bosque, pero que tiña tamén a preocupación de percibir que non existía unha sustentabilidade no aproveitamento forestal.

En Portugal, como en Galicia, os pequenos propietarios son a maioría e non adoitan estar capacitados no coñecemento das boas prácticas que se precisan para as necesidades do territorio, para o desenvolvemento do patrimonio forestal e para a conservación dos bosques.

Coa iniciativa Forest-in, buscamos construir un proxecto, conxuntamente con socios internacionais, para aportarlle coñecemento ós pequenos propietarios. Están previstos cursos, materiais didácticos e unha aplicación móbil (App) de apoio á toma de decisión. O obxectivo é lograr unha xestión forestal máis eficaz e proveitosa a todos os niveis.

Pasando á situación forestal de Portugal, que análise fas do grave problema dos incendios forestais?
– Hai que facer un diagnóstico con moitos factores en xogo. O primeiro é que hai moitas dificultades na organización da loita contra os incendios forestais. Temos tamén claras causas subxacentes dos incendios a nivel territorial, pois contamos cunha poboación envellecida e un territorio desestruturado, que está perdendo poboación no interior.

“Temos unha poboación envellecida e un territorio que perde poboación no interior. Sobre ese territorio hai unha aposta por monocultivos”

Sobre eses territorios hai unha aposta por monocultivos, que son os que lle ofrecen algunha renda ós propietarios. O problema non está nas especies forestais en si, senón na xestión que se está facendo en Portugal, que é deficiente, en monocultivos e ligada a situacións de abandono. Son cuestións difíciles de correxir. As políticas precisan unha visión de conxunto, pero dificilmente logran acadar a raíz da xestión forestal, que é o pequeno propietario.

En Portugal decidiuse no 2017 unha regulación do eucalipto para evitar que siga aumentando a súa presenza no territorio. Cal é a percepción social da cidadanía e dos propietarios forestais sobre esta regulación?
– O que pretende a lei é limitar a superficie total de eucalipto ó valor do último inventario forestal nacional. A intención é que coa mesma superficie da especie, se produza máis cantidade de madeira, pasando áreas de plantación marxinais, sobre todo no interior, a superficies máis produtivas, en territorios próximos á costa.

“Existe unha forte presión social contra o eucalipto, en tanto no propietario forestal hai preocupación, pois percebe que se vai prohibir plantar”

Tras os incendios, percíbese unha forte presión social contra o eucalipto, notoria nos medios de comunicación e nas redes sociais, en tanto no propietario forestal existe preocupación, pois a ausencia dunha campaña de comunicación levou a que o propietario perceba que se vai prohibir plantar o eucalipto. O certo é que onde xa hai plantado eucalipto, poderá seguir.

O que se estivo dando en Portugal, a nivel dos propietarios forestais, é unha suma de pequenas vontades individuais que son todas iguais. Esa situación levou a unha gran extensión da superficie de eucalipto, sen a penas discontinuidades, cunha escasa xestión e cunha limitada capacidade de intervención.

Outra cousa que está a suceder en Portugal é que o Goberno central descarga cada vez máis responsabilidades nos Concellos, que non teñen medios para afrontar a situación, como tampouco os teñen os pequenos propietarios.

O eucalipto aumentou un 16% a súa superficie en Portugal no periodo 1995-2010, ata superar as 800.000 hectáreas, en tanto o piñeiro bravo (‘Pinus pinaster’) baixou no mesmo periodo un 13%, quedándose en 714.000 hectáreas. Está a haber unha sustitución do piñeiro polo eucalipto?
– O piñeiro está a perder territorio fronte ó eucalipto. Se eu son un axente racional, propietario dun terreo, vou optar por aquilo que teña un rendemento seguro, a non ser que haxa un incendio e leve todo, claro. O eucalipto é unha especie que permite varias explotacións durante unha mesma xeración. O piñeiro só pode ser viable se hai un patrimonio anterior, xa que precisa duns 40 anos a medrar.

“O piñeiro perde territorio fronte ó eucalipto. Se eu son un axente racional, vou optar por aquilo que teña rendemento seguro”

Hoxe en día, os propietarios queren obter un rendemento rápido, non é como no pasado, que se deixaba para a xeración seguinte unha plantación, que era rendible e que mantiña a produtividade durante décadas.

En Portugal, está moi extendida a praga do nematodo do piñeiro, da que xa houbo dous casos no sur de Galicia. Que impacto está a ter?
– O problema do nematodo do piñeiro é outro factor que contribúe á desfragmentación da cadea do piñeiro. No pequeno propietario, non hai vontade de refacer o patrimonio forestal afectado porque co nematodo, percíbese un risco innecesario. É un factor máis que ten levado a que o eucalipto sexa a primeira especie en Portugal.

Para as persoas que traballan no territorio, é un shock ver que a maior parte do territorio está ocupada por unha especie alóctona que non está integrada ecosistemicamente, Está demostrado que as plantacións de eucalipto, cando non adoptan as mellores prácticas, reducen a biodiversidade e teñen efectos negativos sobre cuestións como a calidade da auga ou incluso no control da erosión. Tamén é certo que hai moitos mitos sobre a especie, moitas crenzas falsas que xa foron derrubadas pola ciencia.

“O eucalipto, cando non se adoptan as mellores prácticas, ten efectos negativos sobre o medio, pero tamén existen moitos mitos xa derrubados”

Estase a plantar eucalipto nitens en Portugal ou só globulus?
– Maioritariamente globulus e só puntualmente nitens, en altitude, en parte por influencia de Galicia. O globulus é a aposta da cadea industrial do eucalipto, que está copada por poucas empresas que se poden contar cos dedos dunha man. Se comparamos a cadea do eucalipto coa do piñeiro, no piñeiro temos unha cadea menos estruturada, con moitas empresas, diversas e sen unha coordinación sólida.

En Galicia, a cadea industrial céntrase no eucalipto e no piñeiro, en tanto case non hai aproveitamento das frondosas caducifolias. Como está a situación en Portugal?
– Claramente as frondosas son as grandes perdedoras. Todas as especies, mesmo o castiñeiro está en dificultades por factores como as doenzas. En canto ás carballeiras, non existe un aproveitamento industrial e o mesmo sucede con outras frondosas que, se fosen xestionadas a longo prazo e sen pensar no lucro inmediato, poderían ser tamén moi rendibles. Precisaríase o apoio de políticas forestais específicas.

De xeito xeral, o eucalipto ocupou o lugar do piñeiro e algunhas áreas agrícolas, en tanto os matos mediterráneos tamén se expandiron, ocupando áreas abandonadas ou zonas de monte post-corta. Os grandes perdedores son o piñeiro e as frondosas, que son importantes para a conservación da natureza e dos servizos ecolóxicos, pero que non teñen traducción económica inmediata.

“Os territorios son feitos de persoas”

En Portugal tedes unha figura, a dos baldíos, similar ás comunidades de montes veciñais en Galicia. Cal é a situación da súa xestión?
– É unha situación similar á galega, hai baldíos que están extremadamente ben xestionados e que integran outros aproveitamentos, a parte dos forestais, como canteiras, parques eólicos ou explotacións acuícolas, e hai outros baldíos que están en abandono, nos que pouco ou nada se fai.

Os territorios son feitos de persoas, hai territorios con persoas de grandes cualidades que fan unha xestión seria e hai territorios con poucas persoas e sen capacidade de intervención. Tamén se percibe que os baldíos seguen o modelo vixente, non teñen o seu propio modelo integrado.

Por outra banda, temos unha regulamentación dos baldíos complexa de traducir á realidade. Na maior parte deles, o Estado central é participante e a autonomía de actuación é en ocasións limitada. Tanto é así que a Estratexia Nacional para as Florestas considera necesario flexibilizar os modelos organizativos de xestión coa creación de novas fórmulas de colaboración entre o Estado e os órganos de administración dos baldíos e as súas asociacións, de cara a garantir a sustentabilidade da xestión nos piares social, ambiental e económico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información