A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Hai unha revalorización da profesión gandeira, con persoas mozas que apostan pola innovación”

Entrevistamos ó director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel López Marcos, para falar da actual situación económica, derivada da Covid, e do seu impacto no agro

José Manuel López.

José Manuel López.

Que impacto financieiro está a ter a crise do coronavirus no agro?. Abordamos a situación e as perpectivas dos distintos sectores con José Manuel López Marcos, director comercial de Caixa Rural Galega. A entidade destaca pola importante presenza que mantén no sector agroalimentario de Galicia, que representa un 40% dos seus investimentos crediticios en sectores produtivos.

A crise da Covid-19 está tendo un impacto importante en toda a economía, pero quizais a parte que mellor está aguantando é o sector primario e agroalimentario. Desde a vosa perspectiva, como vedes a situación?
– Esta crise foi moi profunda e sobre todo rápida, pero aínda que afectou de xeito moi xeneralizado, hai sectores menos afectados e un deles é o agroalimentario. Isto favorece dalgún xeito a Galicia, xa que este sector ten un peso relativo na nosa economía superior a outras comunidades ou países. A cuestión e que a alimentación segue sendo unha necesidade básica. Pero non debemos esquecer que algunhas industrias do sector están moi enfocadas á restauración, polo que se viron igual de afectadas que o sector hostaleiro.

A incerteza é tan grande que é moi complexo facer previsións, pero esperamos que os avances en vacinas e tratamentos permitan reducir a restricións e se perciba certa reactivación. A gran dúbida está no sector turístico porque esta pandemia provocará mudanzas de comportamento e non parece que as cifras de visitantes se vaian a recuperar tan rápido, aínda que as restricións se eliminen.

Dentro do agro, as ganderías de vacún de carne e as adegas son dous dos sectores máis afectados, xunto con parte do sector forestal. Están aumentando os créditos para manter liquidez?
– As ganderías de vacún de carne si que o están a pasar mal pola caída de prezo, ante a falta de demanda de determinados despeces. Pero hai iniciativas interesantes a nivel cooperativo para crear canles directas de venda e chegar por internet aos consumidores finais. Como sempre, o nivel de gasto e as necesidades vitais dos gandeiros nas zonas de montaña, principais produtoras de carne, son máis reducidos e por iso teñen capacidade para aguantar máis tempo.

O sector vinícola segue tirando ben gracias á exportación, que mantivo un nivel de vendas moi aceptable e permitiu que seguisen vendendo os grandes produtores, e indirectamente tamén os pequenos.

“A solución a esta crise non debe ser asumir niveis de endebedamento excesivos que poidan condicionar a sostibilidade futura”

Por último, o sector forestal non parou na pandemia e só pecharon algunhas industrias, que xa recuperaron a actividade pola forte demanda do sector da construción para reformas. En xeral, este sector saíu reforzado na pandemia.

Non estamos a percibir un incremento de crédito para manter liquidez nestes sectores nin en xeral no sector primario, o cal é moi positivo porque a solución a esta crise non debe ser asumir niveis de endebedamento excesivos que poidan comprometer a sustentabilidade futura de produtores e empresas.

Os tipos de interese están en mínimos históricos, pero tamén existe incertidume pola evolución da pandemia nos próximos meses. ¿En que medida se están freando os investimentos no campo en sectores punteiros como o lácteo por mor desta situación?
– O sector lácteo saíu moi reforzado polo tirón do consumo e os investimentos medraron tamén gracias ás liñas de axudas europeas para a mellora das granxas. Unha das leccións da pandemia foi constatar que os lácteos son una proteína básica, moi completa, e ó mesmo tempo hai que lembrar que apoian o bo funcionamento do sistema inmunitario.

“Unha das leccións da pandemia foi a de constatar que os lácteos son unha proteína básica”

Con isto é de prever nos próximos anos un tirón no consumo asociado aos lácteos, que presumiblemente reforzará os prezos do leite nos niveis actuais. Ao mesmo tempo, a aposta das granxas pola mellora da eficiencia e a automatización, aproveitando as importantes axudas europeas, está a ser a vía pola que as persoas mozas se incorporan ás granxas familiares. Sen dúbida hai unha revalorización da profesión gandeira, unida a unha sociedade na que se aprecia unha tendencia post-crise de volta ó rural.

De cara a próximos anos, que prioridades de traballo destacariades para o sector agrario de Galicia, co que tedes unha relación histórica de máis de medio século?
– O noso compromiso está en poñer da nosa parte para que a actividade no medio rural siga viva e incluso poida incrementarse. Trataremos de estar presentes con oficinas físicas, ó tempo que seguiremos poñendo á disposición dos socios e clientes medios dixitais, como xa vimos facendo dende fai anos.

A día de hoxe, a porcentaxe que o sector primario supón na nosa inversión crediticia total acada o 18%. Se da inversión crediticia total descartásemos a que corresponde a particulares, poderiamos dicir que o sector primario supón aproximadamente o 35% da inversión crediticia en sectores produtivos.

Se ademais lle engadimos ao sector primario a industria agroalimentaria, estaríamos falando de que a inversión crediticia nestes sectores supera o 40% da inversión produtiva, como dixen, excluíndo aos particulares.

Estas cifras plasman un compromiso e unha relación histórica de moito calado. Pensemos que, por exemplo, o sector primario en Galicia non acada nin o 6% do PIB da comunidade, pero nós mantemos unha importante presenza e relación.

A nivel xeral, no conxunto dos vosos clientes, que tendencias vedes a raíz da crise da Covid-19?, está aumentando a morosidade?
– A realidade é que a día de hoxe aínda non notamos o reflexo da crise na morosidade, que segue a experimentar un descenso paulatino desde 2014, cando empezamos a ver as primeiras melloras tras a crisis de 2008.

“Polo de agora, a crise non está repercutindo nos niveis de morosidade, pero podemos ter unha situación máis adversa no futuro”

O certo é que, si nos retrotraemos a marzo, pensabamos nun escenario peor a estas alturas. Pero non cabe dúbida de que a morosidade se verá afectada por esta recesión tan brusca. Deste xeito, estamos a incrementar dotacións prevendo unha situación máis adversa no futuro. A nivel sectorial, tampouco se está disparando.

As medidas de contención como ERTES e a facilidade de liquidez mediante as liñas ICO, con aval do Estado, están dalgún xeito salvando esta situación. Pero temos a economía un tanto “medicada” e non sabemos se será capaz de recompoñerse antes de que se acaben a mediciñas.

En canto ao aforro, que lles estades recomendando ós distintos perfís de clientes?
– Os tipos negativos non permiten obter rentabilidades sen riscos, como sucedeu sempre. Os perfís máis conservadores non poden aspirar máis que a preservar o capital no mellor dos casos. Así que o investimento canalizado a través de fondos de investimento, cunha porcentaxe de renda variable acorde ao perfil de risco do cliente, é a única forma de ter opción a rendementos positivos.

Por outro lado, recomendamos fondos mixtos e globais que permitan unha elevada diversificación fronte a fondos con marcado carácter sectorial ou xeográfico. Para iso están os xestores, que sobreponderan ou infraponderan sectores, moedas ou áreas xeográficas en función do contexto económico. Actualmente, os fondos sostibles, con diferentes graos de aversión ao risco, están entre o catalogo de recomendacións.

“Os actuais tipos de interese baixos son unha anomalía”

Como está atravesando Caixa Rural Galega a crise da Covid-19, pois a mala situación xeral sen dúbida tenvos que repercutir?
– En primeiro lugar, con moita preocupación pola saúde de empregados e clientes. Tanto porque as consecuencias da enfermidade poden ser moi severas como porque as posibles baixas por enfermidade ou corentenas poden resultar críticas.

En relación á actividade, estamos medrando a ritmos máis intensos que en épocas precedentes, pero esperamos que isto tenderá a estabilizarse. Outra das grandes preocupacións é a morosidade que, tal como comentaba antes, aínda non chegou de xeito claro. Con todo, temos que estar preparados para situacións máis adversas neste senso.

Pero o gran problema para o sector está na persistencia de tipos negativos, que están a lastrar as contas de resultados das entidades financeiras. A crise do Covid vén a prolongar as políticas monetarias expansivas e os tipos negativos. Os tipos baixos son favorables para quen se endebeda e para incentivar a actividade, pero desfavorables para os aforradores.

Realmente, os tipos negativos son unha anomalía que dura demasiado tempo e que limita a capacidade do sector financeiro para autocapitalizarse e acadar mellores graos de solvencia para afrontar situacións de crise, ou simplemente para seguir medrando cunha boa base. Con todo, o sector financeiro está facendo de soporte nesta crise, en lugar de ser unha das causas da mesma, como sucedeu no 2008.

Sodes unha entidade bancaria singular, pois sodes a única que continúa a ser 100% galega e cunha base cooperativa. Como afronta Caixa Rural Galega o futuro?
– O segredo para manter o carácter local e cooperativo radica nas sinerxias que o Grupo Caja Rural lle aporta ás entidades que o formamos e que supón, de xeito agregado, o sétimo grupo bancario do pais no 2019. Esa é a gran fortaleza que nos permite a entidades pequenas ou medianas manternos apegadas ao noso territorio, de xeito independente, pero capaces de ofertar os mesmos servizos que entidades de moito maior tamaño.

O futuro pasa por seguir formando parte do Grupo Caja Rural e incrementar na medida das posibilidades a presenza en zonas de Galicia nas que non estamos. O gran reto é a transición tecnolóxica e dixital, coas continuas adaptacións que isto implica, sen perder a presenza física e a proximidade a socios e clientes que sempre tivemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *