“Hai unha boa oportunidade na producción ecólóxica de porcino para granxas pequenas e medianas”

O director de Interporc, Alberto Herranz, analiza a situación do sector porcino en España no que a produción galega achega unhas 33.000 toneladas destinadas a mercados internacionais

“Hai unha boa oportunidade na producción ecólóxica de porcino para granxas pequenas e medianas”

Alberto Herranz, director de Interporc.

O sector porcino español mira cada vez máis cara ós mercados internacionais, unha labor na que traballan dende hai anos na Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Branca (Interporc), unha entidade sen ánimo de lucro na que están representados tódolos sectores da cadea de valor: produción, transformación e comercialización. O seu director, Alberto Herranz, aborda algunhas das cuestións claves que afectan ó sector que conta cunha facturación global de 15.000 millóns de euros que representa o 1,4 do PIB nacional e ó que Galicia contribúe cada vez máis.

Como valora desde Interporc a situación que atravesa o sector cárnico na actualidade?
Só podo facer unha valoración moi positiva. Vimos dun ano 2016 que foi récord de exportacións. O sector porcino de capa branca español ten que exportar preto do 50% do que produce co que para nós está no noso ADN a internacionalización. En 2017 regulouse un pouco pero non deixou de ser moi positivo.

En que están a traballar desde Interporc este ano?
Creo que este ano vai camiño de ser tamén moi positivo xa que as exportacións e a internacionalización, sobre todo a países terceiros, está a ser moi enérxica. De feito, en maio Interporc estará presente na feira de referencia a nivel mundial do sector alimentario que se celebra en Shanghái. Alí Interporc reunirase co comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, e con empresarios. Tamén aproveitaremos para ter reunións coa administración chinesa e con empresas importadoras. Creo que será o indicador de como se vai comportar o mercado mundial de carne porcino nos próximos meses.

“Para as granxas pequenas e medianas ábreselles un camiño moi interesante coa produción ecolóxica”

Precisamente as granxas galegas sufriron directamente as flutuacións do mercado chinés. ¿Que actuacións poderían ser efectivas para reducir estes efectos?
Non podemos negar que o sector está a evolucionar esixindo que as granxas fagan cada vez máis investimentos en tecnoloxía, para protexer e mellora o benestar animal, formar o persoal… Para as granxas pequenas ou medianas dalgunhas rexións que son economías familiares creo que se lles abre un camiño moi interesante coa produción ecolóxica que está a se proxectar a nivel mundial cada vez máis. Creo que se lles abre un posicionamento importante ante a evolución imparable e globalizada dos mercados.

Que papel representa Galicia dentro do sector da carne de porcino nacional?
Galicia existe e está aí. As exportacións de carne porcino galega alcanzaron unha facturación de 92 millóns de euros e creceron preto do 40% nos últimos 5 anos. Son 33.000 toneladas que supoñen o 2% do total exportado. En volume creceron un 13% nos últimos cinco anos. Galicia é a sétima comunidade autónoma en número de explotacións e produce a nivel xeral o 2% do total nacional co 4% do censo.

Que opinión lle merecen os esforzos por recuperar unha raza autóctona como o porco celta?
Aínda que non é competencia de Interporc, creo que deberiamos conservar ese patrimonio racial tanto en porcino como en vacún que temos en determinadas rexións ás que se lle pode buscar a obtención dun produto que se sitúe no mercado con valor engadido.

Nos últimos meses, o sector viuse sacudido pola denuncia realizada polo programa Salvados sobre as irregularidades detectadas nalgunhas granxas, queda aínda moito que mellorar en tema de benestar animal?
Nós sempre miramos cara ó futuro e iso pasa por asumir retos, esixencias, innovación e investigación. Así dentro do traballo que fai a Interprofesional, estamos a asesorar ós profesionais para que cada vez aumentemos as condicións de benestar animal, máis aló da propia normativa. As asociacións que integran Interporc están tamén formando tanto ós gandeiros como ós industriais para que cada vez fagan mellor o seu traballo. Estamos a falar de grandes investimentos de empresas onde aplican as máis modernas tecnoloxías. Agora mesmo tamén estamos a traballar co novo mundo do Big Data, onde pomos a disposición do sector información a nivel mundial que poidan contribuír na toma de decisións acertadas e eficaces.

E, doutra banda traballamos tamén na promoción nacional, onde se explica ó consumidor a importancia dunha dieta equilibrada incidindo en temas de control da obesidade infantil e en reducir os desperdicios, entre outras cuestións. Todo ese conxunto fai que sexamos capaces de superar feitos puntuais e individuais concretos que se poden dar en calquera sector e actividade. España é un país agrícola e gandeiro e debemos sentirnos orgullosos de todos aqueles que traballan dunha forma respectuosos para ofrecer produtos saudables e seguros á poboación, que superaron xa unhas esixencias enormes.

“En Interporc estamos a traballar nunha guía de boas prácticas para a redución e o uso correcto de antibióticos”

Precisamente no que a benestar animal refírese, prevense cambios na normativa que abarcan desde as prohibicións de cortar os rabos ata dotar de maior espazo e mesmo xoguetes ós criadeiros, que opinión lle merecen estas modificacións?
Hai grupos de traballo nos que a Iterprofesional non participa, senón que son as propias organizacións agrarias, de produtores, de industrias as que xestionan directamente esas discusións técnicas, científicas e lexislativas.

España é o país de Europa que máis antibióticos utiliza en gando porcino. ¿Está a traballarse para baixar dese posto?
Desde a Interprofesional estamos a traballar na elaboración dunha guía de boas prácticas para a redución e o uso correcto dos antibióticos. Estamos a tentar informar os profesionais relacionados coa gandaría. O sector tamén está a realizar compromisos para unha redución no seu uso tendo en conta que hai prácticas médicas, baixo a supervisión dos veterinarios, que levan a aplicación de antibióticos para o benestar dos animais pero que levan parello unha serie de controis ó longo de toda a cadea que garanten que ningún residuo chegue ó consumidor.

Hai quen ve ó sector como un dos principais responsables da elevada contaminación por nitratos detectada nos chans españois, que medidas están a adoptar para reducila?
Aínda que son as asociacións as que se encargan deste traballo, somos sensibles a esa realidade ambiental e estamos a elaborar unha guía de responsabilidade social que imos divulgar no sector para adquirir compromisos. Neste documento estamos a traballar dende a pegada hídrica ata as emisións de CO2 ou como podemos buscar alianzas con outras organizacións a nivel mundial para poder preservar a biodiversidade ou a redución de desperdicios de alimentos. Estamos tamén integrándonos no pacto mundial de desenvolvemento sustentable…

Desde Interporc logo trasladámosllo ós membros para, entre todos, buscar compromisos que repercutan na sociedade.

“Interporc está presente en 14 mercados internacionais e as empresas españolas están a exportar xa a 130 países”

Que retos se lle presentan ó sector neste 2018?
Queremos darlle continuidade a aqueles retos que xa se estableceron na Interprofesional desde 2013 cando comezou a funcionar. Necesitamos seguir situando os nosos produtos nun mercado internacional moi esixente no que tanto o sector porcino español como as empresas que o integran son un referente, unha posición que se alcanza ó contar co modelo de produción e a normativa máis esixentes do mundo.

As exportacións son xa neste momento o destino de boa parte da produción nacional. ¿Que tipo de medidas pretenden impulsar para fomentar a venda en mercados internacionais?
Agora mesmo Interporc está presente en 14 mercados internacionais facendo promoción da carne de porcino de capa branca española, con marca España. Doutra banda, as empresas están a exportar xa a 130 países dos 5 continentes, con condicións moi esixentes, e que avalan ó sector. As actividades que adoitamos facer dependen do mercado ó que nos dirixamos.

Nalgúns centrámonos na relación coas empresas para poder acceder ó mercado, presentando as características da carne de porcino. Noutros centrámonos en iniciativas que nos acheguen ó consumidor ou mesmo actividades culturais. Tamén traballamos con prescriptores como grandes cociñeiros ou escolas de restauración… que mostran nos países de destino as características da carne de porcino española e que moitas veces implica unha fusión da cultura e produtos de destino pero coa materia prima española.

Antes de chegar a exportar a distintos países hai unha serie de trámites que poden levar entre 2 ou 5 anos polo que para nós é fundamental o apoio tanto de embaixadas, como do Ministerio de Agricultura para ampliar esa lista de destinos que temos aínda pendentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información