“Hai un desequilibrio territorial na repartición das axudas da PAC en España que non pode continuar”

Entrevista a María Jesús Álvarez González, conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias

“Hai un desequilibrio territorial na repartición das axudas da PAC en España que non pode continuar”

María Jesús Álvarez González, conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias

María Jesús Álvarez González é desde o ano 2012 Conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias, unha comunidade que deu pasos importantes cara á sustentabilidade das súas producións agrogandeiras e forestais.

Falamos con ela sobre os principais retos para manter a poboación e as actividades produtivos no medio rural.

Galicia e Asturias comparten moitas problemáticas no medio rural e en sectores estratéxicos para as dúas comunidades como o vacún de leite. ¿Como é a relación entre as dúas administracións, Xunta e Goberno do Principado?
Temos boa relación entre as dúas administracións, non soamente a nivel político senón desde o punto de vista administrativo. Destacaría o apoio político que conseguimos as 4 comunidades da Cornixa Cantábrica -Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco- para ter unha voz única sobre a nosa proposta de repartición das axudas da PAC en España para a próxima reforma e que defende o noso modelo produtivo: a gandaría familiar, as axudas acopladas, un límite das mesmas a 60.000 euros por preceptor….etc. Cremos que as axudas da PAC debe contribuír a acabar cos desequilibrios que hai nestas axudas.

¿Custa facer ver en Madrid a importancia do sector de vacún de leite e de carne nun país como España cuxos gobernos lle dan máis peso político á agricultura de secaño e mediterránea?
O Ministerio de Agricultura ten que interpretar toda a política agraria tendo en conta que España é un continente en miniatura, con moitos modelos produtivos distintos en cada territorio.

Porén, segundo a miña experiencia, o peso das agriculturas máis vinculadas a sectores moi potentes como o oliveiral, o viño ou a horta tradicionalmente pesaron moito na política agrícola do Estado e é difícil cambiar esas tendencias.

 “Hai un desequilibrio na repartición das axudas da PAC en España que non pode continuar”

Por iso é moi importante que o catro comunidades da Cornixa Cantábrica defendamos o noso modelo produtivo cunha soa voz para ter máis forza. É a primeira vez que presentamos unha proposta común e no momento oportuno, cando se está empezando a discutir a nivel estatal como vai ser a postura de España ante a próxima PAC.

¿En que aspectos notades máis discrepancias para a reforma da PAC coas outras Comunidades Autónomas?
Hai unha parte moi importante das axudas directas que se destinan a territorios que non son os do Norte de España. Se estamos a defender as catro comunidades que se estableza un límite máximo á percepción de axudas de 60.000 euros por solicitante, e vemos que a media de axudas da PAC que perciben os agricultores e gandeiros da Cornixa Cantábrica é de entre 6.000 e 10.000 euros hai que pensar que hai moitos perceptores noutras zonas que perciben importes moi superiores aos 60.000 euros.

Este modelo non pode continuar: as axudas da PAC débense destinar preferentemente aos que produzan alimentos e aos agricultores e gandeiros que lles custa máis producir. E no caso da Cornixa o territorio e a orografía condicionan o que podemos producir e a rendibilidade do que producimos.

Desde Galicia e desde outras comunidades os gandeiros miran con sa envexa os prezos que perciben as gandarías de vacún de leite de Asturias, cunha media de 2 céntimos por litro máis que a media española. ¿Cal é a clave que explica este diferencial?
Desde o fin das cotas en 2015 e as crises de prezos posteriores Asturias enfrontou mellor esa situación. E isto non quere dicir que os nosos gandeiros non teñan problemas, como unhas marxes de rendibilidade moi comprometidas e que se vexan expostos ás oscilacións de prezos do mercado.

Pero o sector lácteo de Asturias ten unha fortaleza indiscutible e recoñecida que é que o 70% dos produtores forman parte dunha cooperativa -Central Lechera Asturiana- que ademais é accionista maioritaria dunha industria láctea -CAPSA- e isto permite soster un mellor prezo do leite.

Inflúe tamén que haxa outras empresas de capital privado asentadas en Asturias e que tamén teñen compromiso co noso territorio.

 “A clave en Asturias non é tanto producir máis leite senón vender os nosos produtos a un mellor prezo”

En todo caso, o sector lácteo de Asturias ten tamén problemas que compartimos: perdemos explotacións do mesmo xeito que no resto de España e é clave atallar esa falta de relevo xeracional, dándolles aos gandeiros un horizonte de que poden vivir da súa granxa.

Sen embargo, desde o fin das cotas Galicia foi unha das comunidades que menos aumentou a súa produción láctea. ¿Preocupa ao goberno rexional?
Cremos que podemos seguir incrementando a produción, porque España é deficitaria en produtos lácteos, pero a decisión de producir máis corresponde aos gandeiros. E hai moitos gandeiros que prefiren non incrementar a produción e mellorar a rendibilidade. Por outra banda, a base territorial tamén condiciona moito. A clave non é tanto producir máis leite senón vender o produto a un mellor prezo, cun maior valor engadido dos nosos produtos lácteos.

Un tema que preocupa ás gandarías de vacún de leite da cornixa é a normativa de xurros e como quedará finalmente. ¿Cal é a postura do Goberno de Asturias e como prevedes que quede a normativa estatal?
Desde Asturias sempre dixemos que a achega de emisións de amoníaco á atmosfera do sector de vacún de leite e de carne é pequena, e que si que son moito máis importante as emisións do sector porcino.

Tratamos de explicar que esa normativa do Ministerio de aplicar o xurro para que se aproveite mellor o seu valor fertilizante e se reduzan as súas emisións de amoníaco non sempre é posible aplicala en Asturias, pola nosa orograría, pendente, tamaño das parcelas….etc.

Todo isto plasmámolo na nosa normativa que exime da aplicación da norma estatal a unha porcentaxe moi elevada das parcelas. A novidade da regulación estatal deste ano é que nos obriga a exceptuar todas as parcelas con máis do 20% de pendente, algo que xa cumprimos pois unha parta moi importante dos concellos asturianos están clasificados como zona de montaña.

“A normativa do Ministerio sobre aplicación de xurros veu para quedar”

A próxima PAC vai primar máis aínda as medidas ambientais, polo que a normativa do Ministerio veu para quedar. O que dicimos é que o sector gandeiro non é o problema, senón parte da solución, pero sempre tendo en conta a realidade de cada territorio.

“En Asturias prohibimos plantar eucalipto nitens e non temos un conflito importante por iso”

Asturias foi unha das primeiras comunidades en limitar as plantacións de eucaliptus nitens. ¿Cal é a avaliación da aplicación desta norma?
En Asturias contamos cun plan forestal que regula onde se pode plantar eucalipto e que permite unicamente plantar globulus, non nitens, e nisto estamos avalados por sentenzas xudiciais. Temos un máximo de hectáreas que poden destinarse á produción de madeira de eucalipto e nese marco a administración autoriza ou non novas plantacións.

Está a custar aplicar a normativa?
Creo que xa está moi interiorizado e si que hai casos concretos de solicitudes non atendidas ou de plantación irregular que obrigamos a levantar. Pero neste momento non hai unha gran tensión con esta cuestión. Non me consta que neste momento teñamos un conflito importante.

Cales son os principais desafíos para manter a actividade agrogandeira en Asturias?
Ante todo ten que ser unha actividade rendible e para iso o produto, sexa leite, carne ou froita, ten que ter un prezo. E para contribuír a elevar o prezo en territorios como a Cornixa Cantábrica, onde nunca imos ser competitivos en cantidade, temos que contar con marcas ou selos de calidade que nos diferencien no mercado.

Tamén creo que é clave que a xente que vive no rural teñan bos servizos públicos e acceso a internet, que hoxe en día é clave para o desenvolvemento de calquera actividade profesional, incluídas as vinculadas ao sector primario.

“Temos que manter os servizos públicos e dar acceso a internet para que a xente viva no rural”

Retos para a próxima lexislatura?
Temos que ser capaces de soster os servizos públicos no rural, como escolas, centros rurais agrupados, centros de saúde e consultorios, servizos sociais, actividades de lecer…etc.

Presentamos hai unhas semanas a iniciativa ASTELECOM, unha estratexia pola que imos investir máis de 14 millóns de euros para mellorar o acceso a internet naquelas zonas onde non chega a iniciativa privada por falta de rendibilidade.

Por último, insisto en que é clave que a próxima PAC discrimine positivamente ás gandarías familiares e de zonas de montaña como son as da Cornixa Cantábrica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información