“Hai terras boas para a gandería que quedarán sen granxas”

A Asociación de Gandeiros da Fonsagrada está formada por un cento de explotacións ás que presta servizos de asesoramento e compra de insumos en conxunto. Agora poñen en marcha un proxecto de venda directa de pratos cociñados elaborados con carne de tenreira dos seus socios. Coñecemos como traballan

Marcos López, presidente da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, coas súas vacas en Xestoso de Neiro

Marcos López, presidente da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, coas súas vacas en Xestoso de Neiro

Marcos López López colleu o relevo da gandería familiar de vacún de carne que tiñan os seus pais en Xestoso de Neiro. Hoxe conta con 80 reprodutoras, maioritariamente de raza rubia galega, e produce baixo a IXP Ternera Gallega Suprema. O seu pai está xa xubilado, pero a súa nai aínda segue a traballar na explotación. 

Marcos é o presidente de ASGAFON, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, que conta cun cento de socios da montaña de Lugo, de Asturias e mesmo de Ourense. A maioría son explotacións de carne, aínda que queda algunha granxa de leite de pequeno tamaño. 

ASGAFON naceu como entidade de aconsellamento no 2009 e desde entón foi ampliando servizos como compras en conxunto de insumos e venda da carne dos socios

A asociación naceu como entidade de aconsellamento no ano 2009. Hoxe tramitan a PAC, plans de mellora e outros tipos de axudas aos seus socios, aos que asesoran tamén en aspectos produtivos. Contan con tres técnicos: un veterinario (Pablo), unha enxeñeira agrónoma (Rocío) e unha administrativa (Ana).

Xunto á labor de asesoramento, ASGAFON vende a carne que producen os socios e merca en conxunto insumos como o penso. Dispoñen de dúas fórmulas propias para alimentación do gando, mediante un acordo de subministración con De Heus, unha para a etapa de crecemento e outra para o momento do cebo e remate final dos xatos. “Son formulacións específicas feitas por nós, adaptadas ás condicións do gando que temos aquí e ao destino final da carne. Nesta zona as ganderías traballamos normalmente con animais cunha idade de sacrificio de menos de 10 meses”, explica Marcos. 

A filosofía da asociación é que o que se cobra aos socios revirta en servizos para eles

Os socios pagan distintas cotas en función dos servizos que reciben. “A filosofía da asociación é que o que se cobra aos socios revirta en servizos para eles, pero ningún dos servizos que prestamos é obrigatorio. Calquera socio pode mercar o penso a través da Asociación se lle interesa por prezo ou por calidade pero é algo voluntario e temos diferentes modalidades de pago en función dos servizos aos que se queira optar: para compras e vendas en conxunto, para a tramitación da PAC ou para aconsellamento, que está enfocado ás axudas agroambientais”, detalla. 

É facilmente defendible, di, que en territorios como a comarca da Fonsagrada a gandería non só é unha actividade económica esencial, senón unha ferramenta de loita contra o despoboamento e coidado medioambiental do territorio. “A labor que facemos nese sentido é evidente, e máis nun sistema de manexo en extensivo coma o noso, no que se usa moita base territorial”, indica. 

Falta de relevo nas explotacións

Os gandeiros da Fonsagrada comercializan directamente a carne que producen

Os gandeiros da Fonsagrada producen carne de Ternera Gallega Suprema, que comercializan directamente

A falta de xente nova que dea continuidade ás ganderías da zona é un dos principais problemas na comarca da Fonsagrada e noutras áreas de montaña. “O número de gandeiros menores de 30 anos non chega a 10. A maioría teñen 50 e 60 anos”, recoñece Marcos. 

Eu teño 42 anos e por desgraza aquí hai poucos gandeiros máis novos ca min

Cando eles se xubilen, di, haberá un problema importante no sector. “Non é tanto que esas terras vaian quedar sen traballar, porque o resto de explotacións iremos asumindo esa superficie, pero a nivel de xente en activo e de ter con quen falar é un problema”, considera.  

Marcos ten 42 anos e lembra que na súa xeración eran “90 ou 100 cativos” mentres hoxe “pode haber como moito 6 ou 7 do mesmo ano”. “Dese xeito é complicado manter a escola aberta e prestar o resto de servizos que son necesarios para que a xente non marche”, di. 

Na Fonsagrada hai sitios bos que van quedar sen explotacións

En Xestoso quedan aínda 4 explotacións de carne, pero recoñece que non é o habitual noutras parroquias da Fonsagrada. “Xestoso é un sitio chao que se presta para a gandería; hai outros lugares nos que resulta moito máis difícil producir, nesas zonas a xente debería recibir axudas só por manter a actividade alí”, defende.

O presidente de ASGAFON considera “entendible” que neses lugares de orografía complicada non haxa persoas dispostas a manter a actividade, pero alerta de que “hai sitios bos que van quedar tamén sen explotacións”. “Ocorre na Fonsagrada, pero tamén na Terra Chá ou noutras zonas de Galicia”, engade. 

Tendencia cara á produción ecolóxica

Os invernos na montaña son duros, o que condiciona a alimentación do gando e a época dos partos

Os invernos na montaña son duros, o que condiciona o manexo, a alimentación do gando e a época dos partos

Na montaña de Lugo as explotacións que continúan están a incrementar a súa base territorial a costa das que pechan e un número crecente decidiu nos últimos anos certificar a súa produción en ecolóxico, animados polas axudas da PAC. “O ano pasado nesta zona houbo moitísimas granxas que se pasaron a ecolóxico e explotacións moi grandes”, conta Marcos.

O sistema de manexo difire pouco do manexo convencional en extensivo levado a cabo de xeito tradicional na zona, agás á hora de cebar os becerros. “Aquí sempre se fixo un cebo moi bo dos xatos, cun remate final na corte, aínda que iso agora estase perdendo un pouco, tanto polo prezo do penso como polo paso a ecolóxico, que condiciona aspectos como o tempo que hai que ter os becerros no prado ou a cantidade de concentrado que poden comer, o que fai moito máis difícil cebar”, asegura. 

Os xatos son malos de cebar, sobre todo se son animais de talla; necesitan moita comida

A maioría das gandarías da zona ten touro e Marcos recoñece as dificultades para facer unha programación de partos ao longo de todo o ano, como pide Ternera Gallega, que evite a súa acumulación nos meses da primavera. “Houbo xente que fixo probas apartando vacas e un ano podes logralo, pero ao ano seguinte as vacas saen en celo na primavera. Cambiar iso é difícil polo manexo e porque loitas contra unha tendencia moi clara que se dá nos animais. Para facer iso tiña que compensar moitísimo no prezo, porque dá máis traballo e normalmente lévate a atrasar partos”, argumenta. 

A rubia galega, en retroceso

A cabana gandeira na zona da montaña de Lugo estase diversificando. A raza rubia galega está perdendo protagonismo en favor doutras razas como a asturiana ou a limusín, ben sexa en pureza ou en cruzamentos. Hai presenza tamén doutras razas cárnicas, aínda que de xeito moito máis minoritario, como a blonde de Aquitania ou a charolesa.

A comercialización en conxunto dos becerros que realiza ASGAFON faise directamente a matadoiro. Mandan entre 30 e 40 xatos ao mes, aínda que o número varía dependendo do momento do ano e o volume de produción das granxas. “Vendemos a varios sitios. Os animais poden ir a Novafrigsa, á Coruña ou a outros matadoiros”, explica Marcos. 

Os baixos prezos da carne e o encarecemento dos custos de produción están provocar unha redución das marxes e obrigando aos produtores a incrementar o número de animais para poder obter un soldo digno da súa actividade. “Antes con 10 vacas vivía unha familia; agora fan falta 80 ou 100”, di. “Tal como están as cousas hoxe, o prezo da carne e dos cereais, se tes que traballar con fincas arrendadas ou facer investimentos é moi difícil obter rendibilidade”, quéixase. No seu caso, aproveitou un establo construído polos seus pais no ano 1990 “que xa estaba amortizado cando eu me incorporei”, recoñece. “Empezar de cero sería practicamente imposible”, opina. 

Venda directa de carne e pratos cociñados

Pablo, Marcos, Ana, Esther e Rocío no local da Asociación, un antigo bar situado na Avenida de Galicia

Pablo, Marcos, Ana, Esther e Rocío no local da Asociación, un antigo bar situado na Avenida de Galicia

A Asociación de Gandeiros da Fonsagrada encabeza un Grupo Operativo, denominado GAyAS, que ten por finalidade unir aos produtores desta zona fronteiriza entre Galicia e Asturias nun proxecto innovador en base á gastronomía da zona, con vocación de apoiar iniciativas emprendedoras no territorio centradas nos produtos locais mediante a elaboración de comidas preparadas e a súa comercialización directa para asegurar deste xeito uns ingresos xustos para os produtores. “Queremos crear valor engadido e que ese valor revirta no produtor e non quede polo camiño”, explica Marcos. 

Tras recibir unha axuda europea de máis de 450.000 euros, concedida polo Ministerio de Agricultura, o grupo operativo, do que forman parte 7 socios, constituíuse no 2021 e vén de finalizar a súa vixencia en marzo deste ano, tras rematar os seus traballos. “Agora temos que voar sós”, admiten en ASGAFON. 

O proxecto dos gandeiros da Fonsagrada consiste en elaborar pratos cociñados coa súa carne e facelos chegar directamente ao consumidor ás súas casas. Contan para iso cunha cociñeira, Esther, que é a que vai elaborar eses pratos, cociñados ao xeito tradicional, para enviar a fogares de toda a península por mensaxería.

ASGAFON está constituída como asociación sen ánimo de lucro e persegue dar valor engadido ao que producen os socios

Como obrador alugaron un establecemento de hostalaría que estaba pechado na Fonsagrada, o antigo bar Navia e bar Manaia sea Ela, que dispoñía de cociña e contaba con todas as licenzas e autorizacións sanitarias necesarias para a elaboración dos pratos.

Polo momento sacaron ao mercado catro receitas (caldo, callos, carne asada e albóndigas) elaborados coa carne producida polos socios pero teñen previsto seguir ampliando o catálogo. A acollida está a ser moi boa, tras dar a probar os pratos en distintas feiras celebradas na comarca. As distintas preparacións, envasadas ao baleiro, poden mercarse no propio establecemento ou ben por internet. 

Sinerxias con outros produtores da zona

Tras facerse coa propiedade da plataforma de venda online Son de Lugo, ASGAFON está comezando tamén a facer venda directa da carne que producen ao consumidor final. Os animais son sacrificados en Rábade e as canais preparadas despois para o envío mediante un acordo coa cooperativa A Carqueixa, que ten xa implementado tamén un sistema para o despece e comercialización dos seus becerros.

“Nós temos cociñeira pero non temos carniceiro. Contamos con licenza para elaboración de pratos pero non para o despece da carne”, aclara o presidente de ASGAFON, que defende a colaboración con outros produtores de mel, viño ou queixo que hai na comarca. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información