Vanesa Baño é unha enxeñeira forestal galega que desde o pasado mes de outubro traballa en InnovaWood, a organización europea con sede en Bruxelas que integra os principais centros de investigación sobre os distintos usos da madeira.
Antes, Vanesa traballou como investigadora no Cetemas en Asturias e no Cesefor en Castela e León e como profesora na Universidade de Uruguai. A súa estancia no país suramericano brindoulle a oportunidade de participar no proxecto do Museo de Arte Contemporáneo Atchugarry (MACA), inaugurado en xaneiro deste ano en Punta del Este e construído en madeira.
A investigadora galega, que participou recentemente nas xornadas sobre valorización de frondosas celebradas en Lugo, pon este edificio como exemplo das novas tendencias de construción a nivel internacional, onde a madeira está a gañar protagonismo.
“Todos nos cremos xa que a madeira é o material do futuro, pero é necesario sacar o medo e rachar coa opinión de que a madeira é para facer cabanas”, di. “A construción en madeira pasou de usarse para salvar grandes luces, en pavillóns ou piscinas, por exemplo, a destinarse á construción en altura, en edificios residenciais ou de oficinas”, explica.
Coníferas vs frondosas
A investigadora galega é partidaria de evitar as comparacións entre coníferas e frondosas para “non competir coa propia madeira, senón co formigón e o aceiro”. “Se o vemos así, hai un rol para as frondosas”, asegura.
A biodiversidade vai empezar a calar tamén na sociedade e van empezar a demandarse bosques mixtos
Vanesa apela a unha especie de convivencia pacífica entre coníferas e frondosas, tanto nos mercados como nos montes. “A biodiversidade vai empezar a calar tamén na sociedade e van empezar a demandarse bosques mixtos”, prognostica.
A suba do abeto laminado: unha oportunidade para as frondosas
No continente europeo prodúcense 8 veces máis coníferas ca frondosas, pero a suba das coníferas no último ano está a reducir esta diferenza. “O prezo do abeto laminado, que é o máis empregado en construción, disparouse nos últimos meses e non había dispoñibilidade. Aí é onde atopa o seu nicho a madeira laminada de frondosa”, afirma Vanesa.
“A tendencia xeral é que está a aumentar o consumo de madeira sólida de frondosas temperadas, non tropicais”, afirma. Ademais, explica, “estanse montando laboratorios específicos de frondosas en Escocia e en Alemaña, o que mostra o interese crecente polo desenvolvemento de produtos laminados a partir de frondosas”. “A frondosa é máis difícil de secar e encolar pero ten propiedades mecánicas máis altas”, detalla.
A frondosa é máis difícil de secar e encolar pero ten propiedades mecánicas máis altas
Secar a madeira de frondosa leva moito máis tempo (os tempos de secado do castiñeiro en cámara, por exemplo, están por enriba de 20-30 días), polo que se consome moita máis enerxía, o que fai que o prezo se dispare. “O laminado de frondosa é moito máis caro, polo que seguramente non chegue a ter un mercado masivo”, admite.
Exemplos de empresas: Grupo Siero, Gámiz e Exfopino
A nivel español, existen xa empresas que están a fabricar produtos laminados a partir de frondosas. O grupo Siero en Asturias fabrica viga laminada de castiñeiro con marcado CE para empregar en construción e no País Vasco Gámiz fai produtos laminados con carballo.
En Galicia, Exfopino, un serradoiro con máis de 30 anos de experiencia no procesado de madeira de castiñeiro, elabora ademais de produtos transformados de castiñeiro, como vigas, puntóns e pavimentos, laminados, tanto para uso estrutural como para carpintería.
Madeira de castiñeiro en verde para rehabilitacións
A maiores, as frondosas autóctonas teñen tamén o seu protagonismo en obras de rehabilitación. “Neste momento, en todas as rehabilitacións que se fagan en Galicia de bens patrimoniais é obrigatorio empregar madeira local. É dicir, para rehabilitar unha igrexa hai que empregar madeira galega de castiñeiro”, explica Vanesa.
“Ese é un mercado que existe, pero non se pode secar, trabállase con madeira maciza en verde”, indica. “O problema das frondosas en uso estrutural é moitas veces a ausencia de certificación CE para poder estar dentro da legalidade. Por iso moitos arquitectos son reticentes á súa utilización”, recoñece.
Clasificación visual e mecánica
Neste momento non existe unha táboa definida de clases resistentes para as frondosas a nivel europeo, ao contrario do que ocorre no caso das coníferas. “Até agora co castiñeiro facíase normalmente unha clasificación visual nos aserradoiros en función dos nós e outros factores”, conta.
Actualmente baixo a normativa europea hai 7 especies permitidas para construción estrutural por clasificación visual en España (piñeiro pinaster, radiata, sylvestris e nigra; eucalipto globulus e nitens e castiñeiro) cando en Francia son 20 as especies incluídas.
Rumanía, Francia, Croacia e Alemaña son os catro principais países produtores de frondosas en Europa
No que respecta á clasificación mecánica, en Francia empezaron no 2008 e contan con 6 especies clasificadas mecanicamente para uso estrutural, mentres que en España a primeira especie clasificada levouse a cabo aínda o ano pasado. As especies incluídas neste momento son piñeiro (radiata, pinaster e sylvestris) e eucalipto (globulus). Empresas como a galega Xilonor ou a vasca Egoín xa teñen esta clasificación implementada nos seus procesos.
Proxectos exemplarizantes
Na súa ponencia nas xornadas celebradas a finais de novembro na Escola Politécnica de Lugo, Vanesa puxo varios exemplos de edificios construídos en madeira e falou da súa utilidade como proxectos exemplarizantes.
O Museo de Arte Contemporáneo Atchugarry é un deles. Ten 1.600 metros cadrados de superficie en planta e para a súa construción usáronse 200 metros cúbicos de madeira de eucaliptus grandis. Consta de 19 grandes vigas laminadas de ata 26 metros de luz, que non foi posible fabricar en Uruguai ao carecer deste tipo de industria, polo que a madeira cortada no país suramericano foi levada a Francia a laminar.
Uruguai multiplicou por 30 a superficie plantada nos últimos 25 anos
“O prezo final foi un terzo máis alto que se fose en abeto, pero buscábase a singularidade e un uso exemplarizante empregando madeira de produción local”, explicou Vanesa, involucrada no proxecto.
O sector forestal ten sido un dos máis dinámicos da economía uruguaia nas últimas décadas. Desde a Lei Forestal (1987) á actualidade, as plantacións multiplicáronse, cun incremento do 30% na superficie forestal, e a extracción de madeira quintuplicouse, sentando as bases para a instalación de importantes investimentos na industria do aserrado e a celulosa.
“Cando falamos de revalorizar frondosas, o papel fundamental está na industria”
As xornadas sobre valorización de frondosas, organizadas polo Distrito forestal IX Lugo-Sarria e celebradas o pasado 30 de novembro na Escola Politécnica, reuniron, ademáis de a Vanesa Baño, a outros expertos que están a traballar con especies como carballos, castiñeiros ou faias.
É o caso de José Luis Villanueva, da Fundación Cesefor de Soria, que asegurou que “cando falamos de revalorizar frondosas, o papel fundamental está na industria”. Por iso, desde Cesefor están a levar a cabo varios proxectos en colaboración con empresas para buscar novos usos, como o desenvolvemento de taboleiro LVL de faia ou a utilización de madeira de rebolo en taboleiro aglomerado e MLE, tanto para perfilerías de carpintería como para uso estrutural.
Estamos a facer probas de taboleiro aglomerado con rebolo e taboleiro LVL de faia con usos estruturais
“A Junta de Castela e León está cada vez máis interesada nas frondosas por mor do cambio climático e os incendios, ata o de agora a prioridade eran só as coníferas”, explica José Luis. Na comunidade hai por exemplo 739.000 ha de rebolo e córtanse uns 170.000 metros cúbicos ao ano en curtas a medida, das que o 99% destínanse a biomasa, fundamentalmente a leña.
Os labores selvícolas implicarían traballos de sinalización e resalveo polo alto deixando árbores de porvir
“Hai falta duns criterios claros en selvicultura en rebolo. Porque a mellora da xestión destes montes vai mellorar a captura de carbono, os aproveitamentos madeireiros e a rendibilidade do monte”, asegura.
Uso de tronco fino de rebolo en xardinería
O obxectivo é variar o aproveitamento maioritario actual como leña xerando novas utilizacións de maior valor engadido, mediante labores selvícolas nos montes que permitan dispoñer de madeira de maior calidade e prezo.
Diámetros de 25 centímetros en punta delgada son aproveitables pola industria
“A apea de xardinería, en carballo e tratada, substitúe á travesa antiga de ferrocarril. É unha alternativa moi interesante e unha peza chave para mellorar a selvicultura, porque por encima de 25 cm de diámetros en punta delgada e de 2 metros de longo recto xa serviría para este uso, polo que permite rendibilizar os traballos intermedios que é necesario facer no monte”, indica.
Acordos para clasificar tronco
En canto á utilización en tonelería, “hai que darlle varios usos á barrica, primeiro para viño, logo par licor e posteriormente para ron, para aumentar a súa vida útil e por tanto o seu valor”, argumenta.
Tamén propón fomentar os acordos entre empresas que se dedican á leña e as que están especializadas na industria de transformación, de maneira que estas empresas locais de leña poidan separar pezas para aproveitamento industrial.
“En montes de rebolo decidados a leña haberá pezas que sirvan para transformar, pero por esas poucas pezas á industria non lle interesa ir cortar a ese monte. Por iso é fundamental establecer alianzas entre leñeiros locais e as industrias de transformación en acordos que impliquen clasificar tronco para a industria e aproveitar as demais partes da árbore como leña”, propón.
“As masas de coníferas de Europa están desaparecendo por culpa do cambio climático”
Esther Merlo Sánchez forma parte de Madeira Plus, unha empresa de investigación e enxeñería forestal que realiza avaliacións e caracterizacións de árbores en pé con técnicas non destrutivas para con esa información mellorar a xestión do monte cara a produción de madeira de máis calidade.
“Hai que diferenciar as frondosas que proceden de plantacións das que veñen de masas naturais. A selvicultura a aplicar é distinta”, explica Esther, que destaca que en Croacia, un dos principais países produtores de frondosas de Europa, teñen quendas de corta de 120-140 anos.
En Croacia teñen quendas de corta de 120 anos
“As masas de coníferas de Europa están a desaparecer por culpa do cambio climático, mentres a demanda está a aumentar. Por tanto, por que non substituír esas coníferas por frondosas para usos en madeira estrutural como CLT e madeira laminada?”, pregúntase. “Hai 387.776 ha de faia en España e é absurdo enviar para picar unha árbore de 40 cm de diámetro. O mesmo ocorre co carballo”, remarca.
Metodoloxías de selección no monte
As propiedades de resistencia, rixidez e densidade da madeira varían coa especie, pero tamén co lugar de procedencia e a xestión forestal realizada. “Hai unha clara influencia do sitio no resultado final das propiedades da madeira. Un mesmo clon plantado en dous lugares distintos dá resultados totalmente diferentes. Porque as propiedades tecnolóxicas dependen do proceso de formación da madeira, e o proceso de crecemento das árbores está afectado por varios factores, entre outros o clima, porque canto máis se alongue a primavera menor densidade basal terá a madeira, o que condiciona os usos posteriores”, explica.
É absurdo enviar para picar para leña unha faia de 40 cm de diámetro e o mesmo ocorre co carballo
En canto á utilización para leña, considera que “hai que pensar nun marco de certificación que demostre valores como recurso local ou biodiversidade. Temos que ser capaces de desenvolver eses indicadores para a leña obtida a través dun sistema de xestión sostible. Coa crise enerxética todo o mundo está a volver á leña, pero hai unha inquietude do consumidor por saber de onde vén esa leña e unha preocupación de se é obtida a través dun aproveitamento sostible co que non nos esteamos cargando as carballeiras”, asegura.
NOTA: A presentación de Vanesa Baño foi preparada no marco do proxecto EUFORE financiado por Horizon Europe