“Hai que esquecerse do piñeiro radiata como especie produtora de madeira en Galicia”

Enxeñeiro de montes de formación, Raúl García é o voceiro da Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL), que aglutina a propietarios afectados pola moratoria do eucalipto. Explícanos a chamada ‘cota do carballo’, a súa proposta para a ordenación de novas plantacións en solo rústico de protección forestal

Publicidade
AFIL propón a 'cota do carballo' permitindo plantar un 60% da superficie con eucalipto a cambio de manter o outro 40% a frondosas e coníferas

AFIL propón a chamada ‘cota do carballo’, permitindo plantar un 60% da superficie de cada propietario con eucalipto a cambio de manter o outro 40% a frondosas e coníferas

Raúl García (A Fonsagrada, 1977) é o voceiro da Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL), un colectivo creado fai tan só 2 meses e que aglutina xa a centos de propietarios de monte da provincia de Lugo onde a extensión da moratoria ao eucalipto deixa con poucas alternativas ás parcelas afectadas polas enfermidades fúnxicas que están a cebarse co piñeiro radiata.

Raúl é enxeñeiro de montes de formación e propietario dunhas 35 hectáreas de monte en Galicia e Asturias, algunhas herdadas pero máis da metade delas mercadas como “plan de pensións”.

– A finais do 2025, tralo anuncio da continuidade da moratoria a novas plantacións de eucalipto, constituiades AFIL. Como está a ser a acollida?
– Agora mesmo estamos xa nos 300 socios e socias pero o número real de persoas interesados en formar parte da asociación é maior, porque algúns socios representan a comunidades de montes con ducias de propietarios e temos un grupo de whatsapp da asociación onde hai máis de 800 membros. Viamos a necesidade de crear esta asociación e se acode tanta xente ás nosas xuntanzas é porque hai un problema real.

Se acode tanta xente ás nosas xuntanzas é porque hai un problema real

– Cal é o perfil de xente que acode a esas reunións?
– Maioritariamente xente maior. O perfil do propietario forestal en Galicia é ese. Estamos a facer xuntanzas en distintos concellos da provincia, fixemos xa en Castroverde, en Friol, en Outeiro de Rei, en Palas de Rei e en Xermade e temos outras xa programadas, por exemplo en Castro Riberas de Lea o 5 de febreiro ou tamén en Sarria.

– Unha das cousas que pedides é que se vos deixe plantar eucalipto
– Coas bandas marrón e vermella, que están a afectar gravemente ao piñeiro en Galicia, a alternativa que nós vemos é o eucalipto. Hai que esquecerse do piñeiro radiata como especie produtora.

Nós levabamos desde o mes de xullo falando deste tema e viamos no 31 de decembro unha oportunidade para que a moratoria se abrise a que nesas zonas produtoras se puidese cambiar unha especie por outra.

Había moitas expectativas postas en que se permitira cambiar de especie pero a Administración optou por contentar a todo o mundo

Pero no canto diso, o que fixeron foi un intento de contentar a todo o mundo, intentar convencer aos serradoiros e á industria da madeira do piñeiro e por outro lado aos produtores, pero resultou ser un mal parche, que supón un problema para o propietario e para a propiedade forestal, pois supón volver a dividir os montes, que xa eran un minifundio e agora pasa a ser minifundio sobre minifundio, porque se tiñas unha parcela dunha hectárea, agora vas ter unha división por cultivos e vas ter dúas parcelas de media hectárea.

– Veriades ben entón que esa posibilidade de plantar un turno de nitens se aplicase á totalidade da superficie e non só ao 50%, co compromiso de volver despois a plantar piñeiro?
–Si. Porque hai que buscar unha alternativa ao radiata dentro das coníferas pero a curto prazo, mentes iso non se estuda e se testa, habería que permitir plantar eucalipto nitens. Permitilo só no 50% só leva a máis minifundio no monte. Se agora fálase de que a parcela media é de 0,7 hectáreas, con iso retrocedemos e volvemos a 0,35 hectáreas.

– A posibilidade de cambio de cultivo no 50% da superficie durante un turno de corta en masas de piñeiro gravemente afectadas polas bandas está en vigor desde o 1 de xaneiro. Como se está a aplicar?
– O que di a transitoria novena en canto a esa excepción é que se desenvolverá regulamentariamente. Iso non se fixo e agora mesmo xa se están facendo solicitudes e verase o que resolve a Consellería pero como ten que ser mediante autorización supoño que se autorizará nas zonas nas que o propietario poida acreditar que tivo unha grave afectación do fungo polo medio que sexa, ben un informe técnico ou con ortofotografías onde se vexan as manchas brancas e os cambios de cor na masa. Eu entendo que eses medios para acreditar a grave afectación servirán para a Administración.

A ampliación desta moratoria non ten ningún sentido técnico

Non sei como se artellará iso finalmente. De momento non sacaron ningún modelo específico de solicitude e hai que presentala mediante un modelo xenérico de solicitude. Nós estamos recomendando solicitar e agardar despois que a Administración conteste.

Tampouco está claro que as cortas que se fixeron con anterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, por exemplo tantas cortas como se fixeron no interior de Lugo no ano 2025, van entrar nesa casuística ou non. Entendemos que si, porque todas esas están gravemente afectadas.

– Tal como dis, o ano pasado cortouse moito piñeiro. Houbo especulación pensando en que se permitiría cambiar a eucalipto?
– O ano 2025 foi un ano récord de corta de piñeiro, na provincia de Ourense porque arderon e en Lugo porque están secando. Moitas desas parcelas non chegaran ao seu turno de corta final e esa madeira vai para trituración, cando se se lles agardara 6 ou 7 anos soamente podería ir para chapa ou para serra, multiplicando o seu valor.

O 2025 foi un ano récord de corta de piñeiro

Había moitas expectativas postas en que se permitira cambiar de especie e foi como un xarro de auga fría. É certo que por iso a xente está máis motivada e acode máis ás reunións.

– Neste momento, está estancada a enfermidade ou segue avanzando?
– A enfermidade vaise estendendo como mancha de aceite. Chegou xa á zona da Terra Chá, á provincia da Coruña e ao sur da provincia de Lugo. O que sucede cos fungos é que teñen picos, en función da temperatura e a humidade, que coinciden normalmente coa primavera e o outono. É verdade que este ano o de outono non foi grave e que houbo moi boa recuperación no verán do pico de primavera, onde si que houbo moitísima afectación, porque houbo moita humidade e temperatura, pero o verán veu moi seco, sen chuvia e recuperaron ben as masas.

Este inverno choveu moito e contamos que volva haber moita afectación por fungos na primavera

Pero co que está chovendo este inverno, que está chovendo moito, contamos con que se vén unha primavera con boa temperatura vai volver haber moita afectación. A dinámica que ten o piñeiro radiata é esa, que no mellor dos casos recupérase no verán pero volve verse afectado no outono e na primavera. Deste xeito, como mínimo perdes crecemento, conseguen sobrevivir no mellor dos casos pero non medran, están aí simplemente e a produción vese moi mermada.

Un 80% das masas de radiata do interior de Lugo están afectadas ou gravemente afectadas pola banda marrón

Nós calculamos que máis do 80% das masas de radiata do interior de Lugo están visiblemente afectadas pola banda marrón, aínda que con presenza do fungo serían o 100%. O fungo espallouse e está presente e todas as masas, aínda que nalgunha non o percibamos, pero como se dean durante 2 ou 3 anos as condicións idóneas de humidade e temperatura na primavera e no outono pode ser catastrófico. Isto non vai desaparecer. Temos o exemplo do País Vasco, cunhas condicións semellantes ás nosas en canto a clima e tipo de solo. Vemos o que pasou alí e o que vai pasar aquí.

– Non foron efectivas, logo, as medidas establecidas para conter o fungo?d
– Algunhas mesmo foron contraproducentes. Unha das medidas silvícolas que se recomendan é o de abrir as masas mediante podas e clareos para permitir que o aire circule porque esa ventilación fai que baixe a humidade do chan e poida haber menos carga de fungos. Sen embargo, o efecto que se produciu foi todo o contrario. O que vemos é que esa medida profiláctica contribúe a que o fungo arrase por completo coa masa, porque entra máis luz e ábrense os estomas da planta e penetra moito máis o fungo.

Esa medida, polo tanto, non funciona, e  pensar en aplicacións de cobre no medio forestal, con zonas en pendente e de difícil acceso sen a posibilidade de facelo con medios aéreos, é inviable.

Este fungo leva xa máis de 15 anos no País Vasco e o último que nos están a dicir os estudos feitos en centros de investigación no País Vasco é que eles non atoparon a forma de combatelo mediante mellora xenética, porque ían conseguindo pequenos pasos pero cando esa planta de piñeiro se facía resistente a unha cepa, esta mutaba e volvía a afectarlle.

O fungo comeza a atacar desde a parte baixa da planta cara a copa e abrir a masa é contraproducente

Desde que entrou en Galicia no ano 2022 a banda marrón a situación foi empeorando. No 2022 foi unha afectación inicial, no 2023 máis, no 2024 máis e no 2025 xa vimos que secaban os piñeiros. Ao principio ves as acículas na parte baixa e a medida que pasan os anos a copa vai secando por completo.

Na miña zona, entrando desde Asturias, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada foi a zona cero da enfermidade. Alí dá pena ver masas secando, sobre todo nas zonas máis altas. É certo que algúns recunchos en zonas máis baixas menos expostas a ventos, que serven de método de transporte do fungo, libraron un pouco máis, pero nas zonas altas moitos piñeirais están completamente arrasados.

– Por que defendedes que a alternativa ten que ser o eucalipto e non outras especies de coníferas como pode ser o piñeiro taeda?
– O taeda é como xogar unha lotería. Nas zonas máis altas, a partir de 700 metros, sábese que non vai resultar ben. A variante que vén de Francia pode adaptarse mellor a Galicia, pero por enriba deses 700 metros ninguén recomenda poñer taeda.

Plantar taeda é como xogar á lotería

Ademais, tampouco se sabe como o vai asimilar a industria. Xa vimos o que pasou co Pseudotsuga menziesii, eu mesmo téñoo plantado, que se nos vendeu que ía ter un valor elevado, similar ao castiñeiro, pero sen embargo o valor desa madeira hoxe en Galicia é mesmo inferior ao do radiata, cando necesita como mínimo 40 ou 45 anos, pero ao non haber un volume suficiente nin unha industria especializada non se logra esa valorización. Pola contra, en Galicia hai toda unha cadea enfocada ao eucalipto, tanto para mercar a planta e abonos específicos como despois unha cadea de valor para esa madeira.

En Galicia hai toda unha cadea de valor enfocada ao eucalipto nitens, que non hai para outras especies

En canto ao Pinus nigra, necesita máis frío. Dáse ben en zonas de Sogovia ou na Serra da Culebra en Zamora, pero no se adapta ao clima que temos hoxe en Galicia. Mesmo o Pinus strobus de 5 acículas podería ser outra alternativa, pero tamén está sen testar.

O Pinus pinaster, que xa está en Galicia, non é tan sensible ás bandas coma o radiata, pero tamén se ve afectado e non ten tampouco nin o mesmo rendemento en metros cúbicos por hectárea nin o mesmo turno de corta comparado co radiata, pois xa nos iriamos a un turno de 35 anos, 10 máis ca o radiata.

O turno de corta e o rendemento por hectárea do piñeiro do país non é comparable ao do radiata

O Pinus sylvestris, con turnos de 75 anos, tampouco é unha alternativa; non compite nin serve para ocupar o oco do radiata. Eu teño plantado radiata cunha moi boa mellora xenética, procedente do viveiro de Tragsa en Maceda, cuns crecementos espectaculares, de até 45 ou 50 cm anuais, que medraban coma un eucalipto, pero esa opción agora é inviable polas enfermidades fúnxicas.

– Non é un risco para o sector forestal galego apostalo todo ao eucalipto?
– Nós o que dicimos é que eucalipto nitens no interior vaise poñer. Non o imos poñer nós, senón que van vir dereitos de terceiros a plantar as nosas parcelas, esas que non nos deixan plantar aos propietarios, mediante ese 75% que se abre da cuota do eucalipto.

O eucalipto nitens no interior vaise poñer; se non nos deixan poñelo aos propietarios virán grandes empresas que trasladarán a estas zonas os dereitos de plantación

Cando algo se devalúa tanto, despois veñen os oportunistas, as grandes empresas e os fondos de investimento. Eles serán os que planten nesas zonas no futuro, non os veciños e veciñas que nos veñen hoxe ás nosas reunións e aos que non se lles dá unha alternativa.

– No canto desa cota do eucalipto do 75%, vós propuxestes a cota do carballo. En que consiste?
– É unha alternativa a esa cota do eucalipto, mediante a cal, calquera propietario forestal, a través dunha declaración responsable da totalidade das parcelas que está xestionando se compromete a ter un equilibrio de especies, cun 60% de eucalipto, un mínimo dun 15% de frondosas, un mínimo dun 15% de coníferas e a suma entre coníferas e frondosas debe supoñer cando menos un 40%.

– Avogades entón por unha diversificación das producións de madeira?
– Efectivamente. Nós entendemos que a xestión forestal sostible está no equilibrio, en ter un pouco de todo e en diversificar as rendas a distintas anualidades en función do turno de corta de cada especie. Como propietario forestal, eu cumpro a regra dos tres terzos: un terzo de frondosas, un de coníferas e outro de eucalipto.

Eu teño unha zona plantada con castiñeiro de madeira á que agardo sacarlle unha rendibilidade igual ou maior que se fose eucalipto. Pero é unha zona de castiñeiro, non me serve poñer castiñeiros nun pedregal porque cada especie ten o seu sitio. Ogallá toda a miña superficie fose apta para Castanea sativa en canto a calidade de solo, orientación, pendente, etc, porque tería todo a castiñeiro sen ningún problema.

En zonas pedregosas ou con pendente, ou plantas nitens ou toxos

Desde logo, eu á zona que me vale para castiñeiro non lle vou plantar eucalipto, porque se me van pagar o castiñeiro a 85 ou 90 euros o metro cúbico de madeira é máis rendible que os 20 ou 25 euros, no mellor dos casos, que me poden dar polo eucalipto.

Pero teño outras zonas pedregosas, con maior pendente e peor solo nas que ou plantas nitens ou toxos, porque son as dúas especies que se dan ben neses sitios. O valor engadido que xeramos poñendo esas zonas en produción é moi importante.

– E ese reparto de 60% eucalipto e 40% suma de frondosas e coníferas, aplicaríase tamén ás zonas nas que hoxe xa está implantado o eucalipto ao 100%?
– Nós propoñemos esa diversificación para novas plantacións de eucalipto en zonas onde neste momento non están permitidas. Nas zonas que xa están plantadas hoxe a eucalipto, a disposición transitoria novena permítelles seguir con ese 100% de eucalipto e tamén trasladar o 75% desa superficie ao interior, de maneira que se teño neste momento producións de 3,5 ou 4 metros cúbicos por hectárea de eucalipto glóbulos en zonas de moita pendente e mala mecanización e podo trasladar o meu dereito ao interior con boa produción de nitens, que pode chegar aos 30-35 metros cúbicos.

O eucalipto nitens é unha especie que se adapta moi ben ao frío do interior e non tan ben ás condicións climáticas da costa, onde non fai tanto frío no inverno. En Pol, Castroverde ou mesmo na Fonsagrada hai zonas moi boas para o eucalipto nitens e non entendemos por que debemos renunciar a plantalo. Estase poñendo na Mariña, onde nunca vai chegar a acadar as producións que podería ter no interior.

En Pol, Castroverde ou mesmo na Fonsagrada hai zonas moi boas para o eucalipto nitens e non entendemos por que debemos renunciar a plantalo

As entidades certificadoras sempre falan de que debe haber unha diversificación de especies, aínda que neste momento están certificando a propietarios que teñen o 100% de eucalipto. O que nós propoñemos sería un primeiro paso, que vai dirixido a quen queira entrar no sector do eucalipto con estas novas condicións, pero que no futuro ao mellor tamén se pode aplicar ao resto.

– Pode parecer inxusto ou discriminatorio que se recurra aos dereitos históricos ou aos feitos consumados para autorizar onde plantar eucaliptos e onde non. Valorastes recorrer xudicialmente a moratoria?
– Enténdese que a Lei de Montes ou a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia entran sectorialmente dentro do que é a ordenación do territorio e, polo tanto, a competencia é da comunidade autónoma, que é quen lexisla.

Neste caso están ordenando urbanisticamente solo rústico e é moi difícil que prospere un recurso xudicial contra algo que é potestade da Administración facer e que lexisla dunha determinada maneira, aínda que a nós nos pareza máis ou menos xusto.

É potestade da Administración autonómica lexislar no ámbito da ordenación do territorio e é moi complicado conseguir unha sentenza en contra dunha normativa deste tipo

Poñendo outra comparación: eu e ti temos dúas parcelas colindantes, a túa queda en solo urbano e a miña en solo rústico porque o Concello así o aproba na normativa urbanística, no seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, de maneira que ti podes levantar 3 alturas e eu só podo facer unha nave agrícola. Pode parecer tamén inxusto ou discrecional e sen embargo ningún xuíz se vai meter niso.

Por iso, no caso da moratoria, non lle vemos percorrido xudicial. E tampouco tería un efecto práctico inmediato, porque sería algo que iría para longo.

– Na vosa opinión, este tipo de normas favorecen o abandono do monte?
– Si. Coa situación das enfermidades por fungos raidata non vas plantar e se non tes unha alternativa o que vai a quedar é sen plantar. O que teremos é máis abandono, máis zonas improdutivas de matogueira en maior risco de incendios.

Un monte plantado da especie que sexa, coidado, abonado e desbrozado sempre vai estar máis protexido e sobre todo porque a persoa que ten aí un diñeiro investido vai velar por el.

As plantacións de coníferas están subvencionadas pola Administración, mentres que as de eucalipto non se subvencionan desde fai xa máis de 20 anos e aínda así a xente ségueo plantando. É unha cuestión de rendibilidade.

En condicións normais, a rendibilidade en euros por hectárea do piñeiro radiata e do eucalipto nitens é semellante

En condicións normais, a rendibilidade en euros por hectárea do piñeiro radiata e do eucalipto nitens é a mesma, porque o prezo de venda por tonelada é o dobre para o radiata que para o nitens, polo que eu como propietario forestal podo elixir entre percibir esa renda a 15 anos (dous turnos de nitens) ou a 30 anos (un turno de radiata). O problema é cando a alternativa do radiata non existe e non temos outra especie que ocupe ese espazo: porque nin o Pinus taeda nin o Pinus strobus están testadas en canto á súa viabilidade.

E os experimentos vanche ao peto, polo que o propietario non vai investir, pensando en percibir unha renda dentro de 25 anos, en algo que non ten claro que vai a funcionar. O propietario non vai arriscar nin se vai meter en aventuras, e máis vendo o perfil que temos de xente maior.

– Recentemente producíronse cambios na Consellería do Medio Rural vinculados á parte forestal. A que os achacades? Pensades que tiveron máis que ver coa xestión dos lumes este verán ou a discrepancias en relación a como se resolveu o tema da moratoria?
– Cónstanos que o tema da moratoria foi un asunto que se debateu na Consellería. Eu creo que tampouco había unanimidade en canto aos criterios a ter en conta e que se percataron de que unha parte dos propietarios forestais do interior de Galicia non viron reflectidas as súas expectativas e as súas necesidades, porque co problema sanitario que hai no piñeiro radiata non se nos dá unha alternativa real.

– E agardades que eses cambios na consellería leven aparellados un cambio de actitude a respecto das vosas demandas?
– Eu creo que máis que as persoas o importante son as ideas. Non coñezo á nova directora xeral pero eu agardo unha maior receptividade. A nosa idea da cota do carballo, que presentamos en forma de emenda á Lei de Acompañamento aos Orzamentos para este ano 2026, tivo unha moi boa acollida, tanto entre os técnicos e a industria e na propia Administración.

Por iso, agardamos que os cambios na Consellería fagan que poidan ser máis permeables á nosa idea e esperamos que poida avanzar normativamente ao longo deste ano. Porque non se pode manter por máis tempo esta situación porque a incertidume existente é moi prexudicial.

Por parte da Consellería a cota do carballo tivo boa acollida e agardamos que poida ter recorrido normativo nos vindeiros meses

Até agora, o tema do eucalipto en Galicia sempre foi coma a rivalidade no fútbol: ou es do Madrid ou es do Barça. Non se defende con criterios técnicos, nin edáficos, nin climáticos, nin de mellora de solos.

Até agora era unha cuestión dogmática: queres acabar coas carballeiras e plantar eucaliptos. Pero iso desde o ano 2012 xa está superado. A Lei de Montes do 2012 xa prohibe as plantacións onde existen frondosas ou en solos agropecuarios. Xa había unha boa regulación sen a necesidade da moratoria.

Coa consolidación da moratoria o que se fai é perpetuar no tempo a non ordenación do territorio

E agora, con esta consolidación dunha transitoria que tiña que ser transitoria, o que se fai é perpetuar no tempo a non ordenación do territorio, porque nós entendemos que iso non é facer unha ordenación do territorio.

O ideal sería ter plans de ordenación de recursos forestais, pero a nosa proposta de ordenación voluntaria por propietario, buscando un equilibrio entre especies, podería ser interesante e supoñer unha primeira ordenación sinxela que se adapta a todo tipo de propietario.

“Hai unha visión moi utópica do medio que vén do descoñecemento e que non favorece en nada á produción forestal”

Asistentes á xuntanza convocada por AFIL o pasado 14 de xaneiro en Palas de Rei

Asistentes á xuntanza convocada por AFIL o pasado 14 de xaneiro en Palas de Rei

– Fálase sempre de que Galicia ten xa o 50% da súa superficie arborada. Queda aínda sitio onde plantar máis e producir máis madeira en Galicia?
– Queda moito. Na provincia de Lugo prodúcese a metade da madeira de Galicia e na comunidade autónoma a metade da madeira de España, pero temos aínda moita superficie bacante. E en Ourense temos tamén moitísima superficie rasa para poñer en produción.

Un dos motivos da asociación é precisamente poñer a producir monte raso, para que non haxa superficie baldía a toxos, matogueira e demais. Nós o que defendemos é que, sempre cumprindo a lexislación, o solo rústico de protección forestal, que é o propio, ten que ter unha función produtora.

Non é que as frondosas non podan ser rendibles, como pode ser o caso do castiñeiro ou das cerdeiras, pero non hai tradición de silvicultora de frondosas. E despois, a Administración asociou sempre ás frondosas un carácter protector; nunca pensaron que pode ser unha especie produtiva.

Moitas veces o afán protector da Administración choca coa realidade e é contraproducente

Aquí na provincia de Lugo, para unha corta final de Castanea sativa só che permiten un 15%. Iso non é unha corta final; iso é un clareo de baixa densidade. Noutras comunidades autónomas iso non é así. Eu teño parcelas de castiñeiro en Asturias que cortei a matarrasa. Un aproveitamento ao 100% e unha rexeneración posterior da plantación.

Moitas veces o afán protector da Administración choca coa realidade e é contraproducente. Como exemplo está o famoso caso da sobreira que había en Estremadura. Era de dimensións importantes e veu un iluminado da Administración e dixo ‘isto hai que protexelo, non se pode tocar’. O propietario non lle volveu tocar e secou, porque ao Qercus suber hai que sacarlle a pana porque é alí onde se crían insectos que o danan. Ese propietario o que estaba facendo con ese aproveitamento é que esa árbore levase aí 200 anos. É dicir, hai que protexer, si, pero desde o coñecemento. Hai unha visión moi utópica do medio que moitas veces vén do descoñecemento e non favorece en nada á produción forestal.  

– Que opinades do proxecto de Altri en Palas de Rei?
– Toda industria contamina, o tema é se neste caso se cumpren os estándares europeos de contaminación. A industria necesitámola, non sei se é o sitio mellor ou non, pero o que non se pode usar é mediaticamente no sentido de ou estás comigo ou estás contra min.

Empezouse a ligar o tema da moratoria con Altri e eu penso que non ten nada que ver

Empezouse a ligar o tema da moratoria con Altri e eu penso que non ten nada que ver; Altri non é o cabalo de batalla dos produtores de madeira. Claro que os propietarios producimos para que haxa unha industria de consumo á que venderlle a nosa madeira, pero hai moita industria e moitas empresas neste momento que consumen nitens, non é todo celulosa, tamén a industria diversificou con esta especie.

– Falabas antes da Lei de Recuperación da Terra Agraria. Galicia é unha das rexións da UE con menor porcentaxe de superficie agraria útil. Supón o avance do eucalipto unha ameaza para as explotacións agrogandeiras existentes?
– Non. Agora mesmo a diferenza entre o agropecuario e o forestal é moi clara e esa pelexa que ao mellor existía fai uns anos, a día de hoxe non existe, porque a parcela que ten unha aptitude agrícola, cos prezos de aluguer que hai hoxe en día, ninguén vai plantala. E vémolo claramente na zona da Pastoriza, onde algunhas plantacións que había de eucalipto elimináronse para facer pradeira ou para plantar millo. Hoxe esa competencia non existe porque é máis rendible o uso agrario que o forestal. Polo tanto, os solos con aptitude agrícola que sexan mecanizables van seguir sendo agrícolas.

Os solos con aptitude agrícola que sexan mecanizables van seguir sendo agrícolas; hoxe non existe esa competencia co forestal porque o uso agrario é máis rendible

Outra cousa son zonas de montaña ou con máis pendente, onde si que pode haber solos agrícolas que se convertan a forestal, pero é que se non se converten a forestal van a estar abandonados. Entón, a disxuntiva é que eses terreos sexan de produción forestal ou de produción de toxos, uces e silveiras.

Ademais, os gandeiros tamén son propietarios forestais na maioría dos casos. Non creo que haxa en Galicia moitos propietarios forestais que vivan diso exclusivamente, a propiedade forestal sempre foi un complemento á renda agraria ou a outro traballo e hoxe tamén un plan de pensións para moita xente.

Como se van regular as excepcións á moratoria do eucalipto?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información