Boa parte da madeira de frondosas galegas como o carballo, o castiñeiro ou a nogueira rematan usándose para leña ou biomasa, unha opción cunha valorización económica mínima para os propietarios. Pero hai outras alternativas para este tipo de madeira? Empresas vinculadas ó sector forestal e que empregan este tipo de madeiras no seu día a día teñen claro que en Galicia pódese producir madeira de calidade e, polo tanto, que poida proporcionar unha maior rendibilidade. Aínda que para usos minoritarios polo momento, hai demanda destas madeiras.
Así o poñían de relevo hai uns días expertos e empresas do sector nun encontro sobre a valorización das frondosas autóctonas organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria e celebrado na Escola Politécnica de Lugo. No encontro, apuntouse á calidade e á cantidade como os dous principais factores que están a condicionar a comercialización das frondosas hoxe en día en Galicia.
“Estamos nun territorio de frondosas e vémonos obrigados a traer madeira de fóra. Máis do 80% que serramos non é de Galicia”: Gabriel Fernández, Maderbar
“Estamos nun territorio de frondosas e vémonos obrigados a traer madeira de fóra. Máis do 80% que serramos non é de Galicia”, indica Gabriel Fernández, un dos responsables da firma lucense Maderbar, situada en Baralla, serradoiro especializado en madeiras de frondosas. Boa parte da madeira que procesan no seu centro destínase para elaborar doelas para pipos e barrís. Traballan con firmas tan prestixiosas como a destilería irlandesa Irish Distillers, á que lle proporcionan doelas para as súas barricas de whiski.
Así, a madeira de carballo segue a ter nas destilerías e adegas un nicho de mercado. “A madeira de carballo do sur de Europa ten moita demanda para licores polos taninos que lle proporciona”, ratifica Froilán Sevilla, xefe de Sección Territorial na Junta de Castela e León.
“Toda a madeira de carballo que podo a merco en Galicia, xa que sei que toda doela feita con madeira do país a temos vendida xa antes de mercar a madeira”, concreta Fernández. Ademais da madeira de carballo tamén están especializados en madeira de castiñeiro. “O castiñeiro pode ser unha liña de negocio importante en Galicia, xa que en zonas como a de Lugo temos madeira de gran calidade”, apunta.
Hai adegas que están probando a empregar a madeira de castiñeiro para as súas barricas polas propiedades desta madeira, semellantes ás do carballo
De feito, en Maderbar están levando a cabo unha investigación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para potenciar o emprego de madeira tanto de carballo galego como tamén de castiñeiro para toneis. “Coa madeira de castiñeiro obtivemos valores moi semellantes ós logrados coa madeira de carballo en canto ás propiedades que ofrecen. Existe potencial para utilizar a madeira de castiñeiro e xa hai adegas que están probando a empregala”, explica Adriana Conde, investigadora da USC que está a desenvolver o estudo.
Polo momento a falta de madeira de frondosas en cantidade e de calidade -árbores con coidados silvícolas como podas- obriga ó serradoiro Maderbar a mercar noutras zonas de Europa. Gabriel Fernández recoñece que pasa longas tempadas en Francia mercando madeira nos principais mercados do país galo, especializado en madeiras de frondosas. “Nalgúns dos mellores bosques da zona centro de Francia estase a pagar a 1.200 euros o metro cúbico de madeira en pé. Con estes prezos ninguén baralla plantar piñeiro ou eucalipto”, apunta o madeireiro.
Frondosas para a construción
A construción é outro dos ámbitos onde se están a dar esforzos por recuperar a utilización da madeira de frondosas autóctonas, como se facía tradicionalmente. Porén, tamén hai certas dificultades para lograr a madeira precisa nas condicións axeitadas, como recoñecen dende Domohomo Arquitectura, un estudo compostelán de arquitectura e deseño que está a facer unha decidida aposta polo uso de madeira de frondosas nas súas obras e rehabilitacións. A dificultade para atopar madeira de castiñeiro co marcado CE obrigatorio foi unha das trabas que atoparon para poder levar a cabo un encargo onde o cliente buscaba que toda a madeira empregada na rehabilitación da súa vivenda fose de castiñeiro.
“Precisamos que o uso de madeira de frondosas sexa de fácil montaxe, como acontece con competidores directos, tales como o abeto laminado, moi en auxe en construción”, apunta Xulio Turnes, arquitecto de Domohomo. Pese ás oportunidades que ven nas madeiras de frondosas autóctonas sinalan tamén a necesidade de popularizar o emprego destas madeiras, para xerar unha maior demanda de produtos delas na sociedade, tal e como acontece en países como Austria ou Alemaña, onde a madeira ten gran importancia na construción. “O 20% das vivendas en Alemaña están construídas con madeira, mentres que en Galicia non chega ó 5%”, apunta o arquitecto.
En Domohomo topáronse de cheo con este descoñecemento da madeira de castiñeiro nun proxecto de deseño de cadeiras fabricadas nesta madeira, que ao final non foi adiante. “Precisamos incrementar a capacidade de aportar valor engadido á madeira das frondosas autóctonas”, indica Turnes.
A fabricación de instrumentos
“Nun territorio tan vinculado á música tradicional como é Galicia, con preto de 100 talleres artesáns de fabricación de instrumentos, este pode ser tamén unha oportunidade para o aproveitamento de madeiras de frondosas autóctonas”, recoñece Xoan Manuel Tubío Fernández, propietario de Xaneco Obradoiro, un taller artesanal de fabricación de instrumentos musicais situado no concello lucense de Outeiro de Rei.
Fillo de carpinteiro e músico, cando Tubío comezou coa fabricación de instrumentos musicais como as pandeiretas ou as zanfonas galegas, botou man, do mesmo xeito que moitos artesáns, das madeiras tropicais subministradas por unha firma valenciana especializada neste ámbito, ante a imposibilidade de contar con outras alternativas. “En Galicia, durante moitos anos os artesáns empregaban o buxo para fabricar gaitas, do mesmo xeito que os clarinetes do século XIX en Europa eran fabricados con esta madeira. As longas quendas de corta, a pouca madeira requirida e a dificultade para conseguir esta madeira fan que se opte por outras alternativas como as madeiras tropicais”, explica.
“Decidín comezar a procurar as miñas madeiras porque no país tiñamos madeira de calidade para a elaboración dos instrumentos” : Xoan Manuel Tubío, Xaneco Obradoiro
No obradoiro Xaneco axiña decidiron cambiar a importación das madeiras polo uso de madeiras autóctonas e de proximidade. “Decidín comezar a procurar as miñas madeiras porque no país tiñamos madeira de calidade para a elaboración dos instrumentos e que proporciona as mesmas calidades ó instrumento”, sinala. “Se a madeira que temos en Galicia foramos quen de procesala non só se vendería para os artesáns galegos, senón para o resto do mundo pola calidade que ten”, explica.
Tubío recorda como algunhas madeiras como a nogueira negra de calidade que empregaba para fabricar zanfonas galegas podían acadar prezos de 3.500 euros o metro cúbico antes da crise económica de 2008. “É certo que na fabricación de instrumentos non requirimos de grandes cantidades, pero tamén pode ser unha oportunidade para madeiras de calidade de frondosas galegas. En Galicia temos a materia prima pero non chegamos a xerar o valor engadido”, valora o artesán.