“Hai moita marxe de mellora para reducir o amoníaco no aire das granxas de porcino”

Entrevista á enxeñeira agrónoma Tamara Arango, que ven de presentar no Campus Terra de Lugo unha tese na que propón importantes melloras na eficiencia climática e na calidade do aire das granxas de porcino.

“Hai moita marxe de mellora para reducir o amoníaco no aire das granxas de porcino”

Tamara Arango

Ata un 47% de mellora na eficiencia enerxética nas granxas de porcino e sistemas máis baratos e accesibles para medir a presenza no aire destas explotacións de amoníaco, un gas que prexudica tanto a saúde dos animais como a dos traballadores. Estas son dúas das contribucións da tese presentada recentemente pola enxeñeira agrónoma Tamara Arango no Campus Terra da USC.

A tese, que leva por título ‘Caracterización e interacción de variables ambientais no interior de aloxamentos porcinos de transición no Noroeste peninsular’ foi dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e María Dolores Fernández Rodríguez, integrantes do grupo de investigación Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas (BioMODEM).

A túa tese leva por título ‘Caracterización e interacción de variables ambientais no interior de aloxamentos porcinos de transición no Noroeste peninsular’ ¿Que te levou a centrar o teu estudo nesta temática?
Mediante unha beca para recén titulados da Xunta de Galicia, incorporeime ao grupo de investigación GI1720 do Campus Terra para colaborar no proxecto “Estratexias de control e automatización para a eficiencia enerxética e produtiva en explotacións porcinas de destete”. Pareceume un proxecto interesante, ambicioso e moi novedoso.

Con este proxecto permitiríase redefinir o modelo de explotación porcina de cría de leitóns de 6 a 20 kg de peso vivo para facela máis sostible, analizando as concentracións de gases e outras variables ambientais que inciden no benestar animal, así como o comportamento animal en canto a alimentación e actividade, e posterior creación de modelos de predición que sirvan de axuda na formulación e execución de novos sistemas de control das instalacións (calefacción, ventilación e iluminación). Estas técnicas que contribuíran ó aforro e á eficiencia enerxética, sen esquecer a eficiencia produtiva.

“Hai moita marxe de mellora na calidade do aire das granxas de porcino, sobre todo na redución do amoníaco”

Dentro deste amplo proxecto, ca miña tese pretendeuse acadar un maior coñecemento do ambiente interior de explotacións porcinas, das variables que interveñen na produción, así como da interacción entre estas. Coa análise e medición da actividade animal xunto a variables que interveñen no benestar animal e humano (temperatura, humidade, CO2, etc) pretendeuse empregalas como base dos sistemas de control das instalacións. Esta perspectiva combinaba os factores ambientais e de benestar animal cos produtivos, dando unha nova visión destes e da produción gandeira. Isto configurando unha nova imaxe do sector que se ha de proxectar así ante a sociedade, como un sector moderno, produtivo e implicado no benestar animal e o medio.

¿En que aspectos existe máis marxe de mellora no ambiente interior das explotacións de cría de leitóns de porcino que estudaches?
Na calidade do aire, caracterizada pola concentración de gases e partículas en suspensión. Moitos traballos relacionaron as altas concentracións de CO2 e NH3 con problemas de saúde, tanto no animal como nos propios traballadores. De todos os gases presentes nos aloxamentos gandeiros, o NH3 ou amoníaco é un dos gases que require un estudio máis profundo debido ás súas elevadas emisións e á influencia que os elevados niveis de concentración teñen sobre a saúde e a produción dos animais, especialmente en porcino.
¿Cales serían, por tanto, as condicións ambientais óptimas ou recomendables no interior destas instalacións de porcino?

As recomendacións de temperatura durante a fase de transición varían desde os 30-32 ºC ata os 19-25 ºC para 5 e 20 kg de peso vivo. Para a humidade considéranse valores adecuados entre o 50 e o 75%. En canto á concentración de NH3 os valores non deberían superar as 10 ppm, mentres que existen recomendacións más estritas de non exceder as 7 ppm. No caso das concentracións de CO2 deben de estar por debaixo das 3000 ppm, mentres que para outros autores establecen concentracións por debaixo de 1540 ppm.

Recomendas incluír a humidade relativa entre os parámetros analizados para o control ambiental destas instalacións gandeiras. ¿Por que? ¿Que melloras podería supoñer?
A humidade relativa móstrase como a variable con maior efecto sobre a eficiencia enerxética. Un mellor manexo da humidade deu lugar a un aforro do 17% da enerxía dos sistemas de climatización, o que se traduciu nun aforro entre o 33 e o 47% da enerxía aplicada por kilogramo de leitón producido. Polo tanto, a inclusión da humidade como variable control podería supoñer maiores taxas de ventilación con consecuencias positivas no benestar animal, na redución do consumo enerxético do sistema de calefacción e na mellora da produtividade.

“Un mellor manexo da humidade permitiu ata un 47% de aforro en electricidade”

Propós un modelo de regresión lineal para controlar o ambiente interior destas granxas de porcino. Explica en que consiste e que melloras podería supor para os gandeiros e para o benestar animal…
Un dos obxectivos desta tese foi o estudio das variables ambientais así como da interacción entre as mesmas, prestando especial atención á estimación da concentración de NH3 a través doutras de máis fácil medición. A concentración de NH3 é unha variable cunha medición complexa e cara que presenta múltiples problemas, especialmente a detección en continuo, xa que precisa de equipos extremadamente caros e con elevados custes de mantemento.

Neste sentido, existen diversos traballos buscando relacionar de forma fiable a concentración de NH3 con outras variables de máis doada medición, co fin de ser utilizadas para o control das instalacións. O emprego de modelos de regresión lineal entre as distintas variables ambientais permiten inferir unhas en función doutras de modo que, minimizando o número de sensores e mantendo a precisión, caractericen a calidade ambiental global do aloxamento e permitan que, mediante a observación e o análise de todos os datos dispoñibles, sexa posible anticiparse ós cambios que se produzan.

Dos modelos obtidos, destacan os modelos baseados nas variables concentración de CO2 na zona animal e temperatura medida no corredor exterior, xa que proporcionan bos axustes na estimación do NH3 e están baseados en variables de fácil medición, sendo sensores de baixo custe e de uso factible para o gandeiro.

“Pódese facilitar a medición do amoníaco con modelos baseados na temperatura media do corredor exterior e da concentración de CO2 na zona animal”

-Tamén recomendas na túa tese o uso de ecuacións senoidais para estimar a humidade relativa e a concentración de amoníaco. ¿Que melloras suporía?
O uso de ecuacións senoidais para a estimación da humidade relativa e a concentración de NH3 resultaría beneficioso para os gandeiros, xa que proporcionan información sobre os niveis das variables e, polo tanto, sobre o nivel de contaminantes e confort térmico ao que están expostos os animais. Debido á que a simplicidade da expresión permite a implementación en moitos controladores convencionais, as ecuacións senoidais son útiles para o control en tempo real do sistema de control climático, o que melloraría o benestar animal.

Para o ensaio experimental, contamos ca disposición de varias explotacións comerciais, ademais estableceuse contacto cunha empresa de recente creación, AutoFarm, adicada á monitorización e control de explotacións agropecuarias mediante o manexo de hardware e software propios.

O benestar animal é unha das preocupacións crecentes nos consumidores. ¿Cres que a lexislación vai incorporar cambios para mellorar o ambiente interior das granxas de porcino?
Si, hoxe en día, ademais de contar cunha estrita regulación de benestar animal, cada vez é máis frecuente atoparse cun perfil de consumidor cada vez máis esixente, que obriga a que os produtos de orixe animal proveñan de animais que estiveran en condicións óptimas durante a súa vida. Neste contexto, o sector enfróntase ao desafío de atopar sistemas máis eficientes que minimicen o impacto que actividade xenera, reducindo a emisión de gases como o CO2 e o NH3.

Outro gran reto ao que se enfronta o sector porcino, é a redución do uso de antibióticos. Actualmente a lexislación europea traballa no propósito de limitar cada vez máis o uso de antibióticos en animais en favor doutras medidas, reforzando a saúde dos animais mediante un mellor manexo e unha mellora das instalacións, e cunha maior bioseguridade para previr a aparición de enfermidades nos animais. Tamén se reducirá a densidade de animais, en determinadas fases do seu crecemento, para proporcionar o espazo necesario.

Unha vez presentada a túa tese, ¿Cara onde che gustaría orientar a túa carreira profesional?
Actualmente estou traballando na publicación de parte da miña tese doutoral, e gustaríame seguir vinculada ao mundo da investigación, se é posible, na temática na que estou especializada. Pero dada a situación actual da investigación en España, e particularmente en Galicia, non descarto outras opcións. Gran parte da saída profesional como investigador pasa por saír fora de España, e aínda que para min esa experiencia non sería nova, de momento prefiro desenvolver a miña carreira profesional no meu entorno, aínda que como dicía non pecho ningún camiño.

-Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame resaltar e poñer en valor a investigación que se realiza a pesar dos escasos medios económicos, e a necesidade de mellorar o sistema de xestión da investigación en Galicia, xa que resulta imposible entender o desenvolvemento económico e social dun país sen un sistema científico e tecnolóxico sólido. España sitúase á cola de Europa cun 40% menos en investimento en I+D+i. Aínda que dende 2014 se experimentou unha lenta recuperación, segue sendo insuficiente para acadar o nivel de países europeos á vangarda en investigación, mostrándose en Galicia unha das situación máis desfavorable do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información