O uso da motoserra é unha das principais causas de accidentes, algúns deles graves e mesmo mortais, en Galicia. De aí que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, estea incidindo nas súas campañas informativas e formativas na necesidade de observar as medidas de prevención no uso desta maquinaria.
Para coñecer a gravidade desta problemática e, sobre todo, os puntos claves que debemos ter en conta para reducir o risco de accidente durante o uso da motoserra, falamos con Ángel López Álvarez, xefe do Centro do Issga en Ourense.
O uso da motoserra é unha das principais causas de sinistros no agro? Cales son os últimos datos dos que dispoñedes no ISSGA?
Así é. Hai que ter en conta que é unha máquina imprescindible nas actividades de silvicultura e explotación forestal para levar a cabo os apeos e os derrames. Tamén se utiliza nas actividades de xardinería que inclúan a poda das árbores. Ao ter elementos afiados que traballan a gran velocidade e con gran poder de corte ten unha capacidade importante de provocar lesións. No ano 2023 rexistráronse 172 accidentes laborais en Galicia nos que a motoserra estivo presente, aínda que o número real é moito maior se se teñen en conta os sinistros fora da xornada laboral.
-Cales son os principais erros que detecta no uso da motoserra en Galicia?
Os principais erros no uso da motoserra están relacionados por unha banda coa técnica de apeo, con atoparse a unha distancia segura da árbore durante o apeo ou co manexo de situacións nas que as árbores que se pretenden apear quedan enganchadas noutras ou sentadas. Tamén se producen cortes da persoa que esta utilizando a motoserra, sobre todo no derramado, tronzado e na poda.
-Debemos elixir o tipo de motoserra adecuada ao traballo que imos realizar. Que recomendaría neste sentido?
Para elixila, por unha banda debemos ter en conta a tarefa que imos realizar con ela, pero tamén debemos considerar as condicións físicas da persoa que a vai usar xa que unha motoserra de maior potencia e lonxitude de espada leva aparellado un maior peso. Ademais, se a velocidade da cadea é maior implica que a roupa de protección (EPI) que usemos deba ser dunha clase de protección superior, o que en moitas ocasións supón que sexa máis ríxida, máis incómoda e provoque unha maior fatiga.
Polo tanto, a condición física do operario determinará a posibilidade dos traballos a realizar en función da motoserra coa que pode traballar. Aquelas persoas que non conten cunha boa forma física deberán de optar por motoserras de menor potencia e menor lonxitude de espada.
“Se non temos unha boa forma física deberíamos optar por motoserras de menor potencia e menor lonxitude de espada”
Sempre que sexa posible deberemos tratar de escoller aquelas máquinas que teñan o menor peso e usar unha lonxitude de espada que nos permita facer o traballo pero que non sexa excesiva, isto favorecerá o traballo para calquera persoa. Se pola tarefa que imos realizar se precisa unha máquina de moita potencia e dunha lonxitude de espada grande debemos contar cunha boa forma física para poder levala a cabo.
-Un correcto mantemento da máquina, en especial da cadea, pero non só, é clave para reducir sinistros. Que puntos clave debemos ter en conta neste sentido?
Debemos ter sempre en conta as indicacións especificadas polo fabricante no manual de instrucións.
Os aspectos clave á hora de realizar un axeitado mantemento da motoserra son, por unha parte, unha revisión e mantemento de elementos de seguridade (freo de cadea, captor de cadea, silentblocks, etc). Isto reducirá o risco de accidente.
Ademais, debemos prestar atención ao afiado correcto da cadea, xa que facilitará o corte, mellorará a súa precisión, diminuirá o consumo de combustible, limitará a posibilidade de rebote, diminuirá as vibracións, alongará a vida útil dos compoñentes (piñón de arrastre, cadea e espada) e reducirá o esforzo do operario ao tempo que mellora a súa seguridade.
A limpeza do sistema de engraxe da cadea é outro punto clave, xa que un bo engraxe alonga a vida útil da espada e da cadea ademais de diminuír o risco de rotura desta última.
Outro aspecto que debemos coidar é a limpeza do filtro de aire. Axudará a reducir o consumo de combustible, evitará problemas no acendido, permitirá traballar con unha potencia óptima e previrá fallos no carburador, incrementando a súa vida útil.
Por último, debemos procurar un correcto mantemento da espada e da cadea. Revisión do seu estado buscando posibles fisuras ou pequenas roturas que podan provocar un accidente.
“O acendido da motoserra deberíamolo facer no chan”
-Que pautas debemos seguir para o acendido da motoserra en condicións seguras?
A técnica de acendido máis recomendable, para manter en todo momento o control total da motoserra, é aquela na que acendemos a motoserra apoiada no chan. Para iso asentaremos a máquina sobre o terreo e, mentres agarramos o mango dianteiro de xeito firme coa man esquerda e empurramos cara abaixo, introduciremos a punta do pé dereito no mango traseiro. Coa man dereita tiraremos do mango de arranque.
Se facemos recarga de combustible, arrincaremos a motoserra a máis de 3 metros do lugar de recarga, sobre unha superficie chá e nunha posición firme e segura evitando facelo en sitios pechados, agás que sexa eléctrica.
-E para desprazarnos con ela, que erros debemos evitar?
Debemos ter en conta que cando nos desprazamos coa máquina acendida se temos un esvarón ou se tropezamos podemos apertar accidentalmente o gatillo e que a cadea comece a xirar e producir un corte a nós mesmos ou a outros que estean próximos.
Á hora de desprazarnos coa máquina debemos diferenciar sempre entre desprazamentos curtos no entorno da árbore na que estamos a traballar ou desprazamentos máis longos para cambiar de zona de traballo.
No caso de desprazamentos curtos (cambiar de pólas durante o derramado ou avanzar no torado da árbore), activaremos sempre o freo de cadea e procuraremos pisar con seguridade e mirando a zona sobre a que nos moveremos.
Nos desprazamentos máis longos, apagaremos a motoserra, colocaremos o protector da espada e camiñaremos suxeitando a motoserra polo mango superior, mantendo o escape separado do corpo e a espada cara atrás.
-Comezamos o traballo de cortar unha árbore ou unha póla coa motoserra. Como debemos facelo para reducir o risco de accidentes?
Se imos cortar unha árbore polo pé debemos seguir unhas rutinas. En primeiro lugar observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos que debamos de ter en conta (liñas eléctricas, construcións, estradas, etc) e sinalizar a zona, para evitar o tránsito de persoas ou vehículos.
A continuación elixiremos a dirección de caída, en función da de caída natural da árbore (para o que valoraremos a inclinación do tronco e a disposición das ramas da copa), da dirección do vento, da pendente do terreo e da existencia de árbores ou outros obstáculos próximos. Sempre é mais sinxelo cando a dirección elixida coincide coa de caída natural. Procederemos a despexar de vexetación e/ou obstáculos o entorno do tronco, así como a nosa ruta de escape (45º, na dirección oposta á de caída, en ambas direccións).
O seguinte paso é asegurarse de que a zona está libre de persoas ou obxectos que poidan ser alcanzados pola árbore.
Por último procederemos a realizar o corte polo pé de xeito seguro. Comezaremos polo corte direccional, para o que efectuaremos un primeiro corte a 45º, na zona da dirección de caída, de arriba cara abaixo e, a continuación, un corte horizontal que penetre aproximadamente 1/4 ou 1/5 do diámetro da árbore ata atoparse co anterior.
Remataremos cun terceiro corte horizontal, que efectuaremos na parte oposta da árbore, e uns 3 cm por encima do segundo corte de dirección. Entre ambos cortes deixaremos unha zona sen cortar (bisagra) que servirá para que a árbore caia de xeito controlado. No momento que comece a caída da árbore pararemos a motoserra e separarémonos do toco polas vías de escape.
Unha vez que a árbore está no chan para cortar as pólas debemos procurar que a altura de traballo durante a derrama se atope entre os xeonllos e a cadeira, evitar colocar os pés onde caen as pólas e traballar sempre só.
“Procuraremos traballar sempre dende o chan, cos pés ben asentados e, se houbese pendente, facelo dende o lado superior”
Tamén debemos colocar as mans aliñadas e rectas co antebrazo e manter as empuñaduras da motoserra firmemente cos polgares, comezando da parte máis grosa da árbore á máis estreita.
Ademais, procuraremos traballar sempre dende o chan, cos pés ben asentados e, se houbese pendente, facelo dende o lado superior. Durante o corte, debemos procurar que a motoserra descanse na árbore e mesmo se poderá facer panca, co fin de aliviar esforzos.
En pólas grosas, hai que estudar as súas tensións para evitar que a espada quede aprisionada. É recomendable empregar o sistema da panca para pólas grosas e o do péndulo para as máis delgadas, eliminando as pólas superiores e laterais.
Para eliminar as pólas inferiores, convén voltear o tronco; se as pólas quedan na parte lateral do tronco, hai que atacalas coa cadea en movemento de ida e, se quedan na parte superior do tronco, débense atacar coa cadea en retroceso
-Que debemos facer en caso de que a árbore non caia e quede enganchada noutra?
Cando a árbore que estamos apeando queda enganchada noutra, seguiremos unha serie de recomendacións.
En primeiro lugar, sinalizaremos a zona de influencia de caída da árbore enganchada e avisaremos a todo o persoal da localización da árbore.
Non apearemos outras árbores sobre a enganchada nin apearemos a árbore sobre a que hai outra enganchada. Tampouco subiremos pola árbore enganchada para facela caer.
Ademais, non traballaremos na zona de influencia de caída da árbore enganchada, nin tan sequera transitaremos por ela. E asegurarémonos de que ningunha outra persoa o fai.
Por outra parte, analizaremos a existencia de pólas inseguras na zona de traballo e avaliaremos as posibles traxectorias de caída da árbore de cara a elixir o método de apeo máis seguro.
Se consideramos que podemos voltear a árbore con seguridade, cortaremos a bisagra comezando polo centro e deixando un pequeno anaco desta no lado sobre o que queremos que xire a árbore, para a continuación empurrar a árbore, cara ao lado contrario do que nos atopamos, coa axuda dunha panca de derrube.
Por último, cando sexa necesario empregar medios mecánicos (cabrestante manual ou cabrestante da maquinaria) amarraremos o tronco da árbore enganchada o máis abaixo posible e tirarase ata que caia ao chan. Se usamos cabrestantes manuais é recomendable usar os de corda en lugar dos e cable, para evitar os perigos derivados da rotura do cable. Durante esta operación non se situará ninguén na zona de caída da árbore nin na zona de varrido do cable no caso de rotura.
-E se a espada nos queda trabada no medio do corte, como deberíamos proceder para solventar este problema?
É moi importante ter en conta que isto pódenos suceder e por elo debemos dispor dos elementos que nos axuden a resolver este problema.
Se a motoserra quédanos trabada cando estamos apeando unha árbore podemos optar por empurrar a árbore a certa altura cunha panca. Outra opción será empregar unha panca de derrube que introduciremos no corte no que temos a motoserra atascada, tratando de levantar un pouco o tronco para liberala. Tamén podemos introducir unha cuña na zona de corte para que levante un pouco o tronco e nos axude a liberala.
No caso de que as opcións anteriores non funcionen procederemos, con outra motoserra, a realizar un novo corte en dirección oposta ao anterior.
Se estamos a cortar en toradas para evitar que a motoserra nos quede trabada é moi importante comezar por facer un corte de descarga por a zona en que está sometido a compresión e rematar por a zona sometida a tensión. Se a pesar disto nos queda trabada podemos usar unha cuña para liberala.
-O rebote da motoserra é unha das principais causas de lesións. Por qué se produce e como podemos evitalo?
Para evitar o rebote da motoserra evitaremos cortar co cuarto superior da punta da espada e sempre que sexa posible cortaremos coa parte inferior da espada.
Ademais empregaremos cadeas de seguridade ben afiadas e correctamente tensadas, traballaremos coa motoserra en aceleración plena.
“Para evitar o rebote da motoserra evitaremos cortar co cuarto superior da punta da espada”
Debemos pór moita atención e coidado cando teñamos que introducir a espada nun corte xa iniciado e procuraremos que non existan ramas ou obxectos que poidan tocar a punta da espada mentres traballamos.
Non traballaremos agachándonos en exceso nin por riba dos ombros.
Por suposto sempre utilizaremos os equipos de protección individual axeitados e verificaremos que o freo de cadea da motoserra funciona perfectamente.
-As motoserras eléctricas teñen menos riscos de accidentes que as de gasolina? Que carencias detecta neste tipo de máquinas?
Normalmente as motoserras eléctricas son máis pequenas e menos potentes que as de gasolina. Esta menor potencia fai que habitualmente teñan unha menor velocidade de xiro da cadea e un menor peso, isto favorece o control por parte do usuario e reduce o risco de accidente. Ademais o menor peso axuda a reducir os esforzos e os problemas musculoesqueléticos do operario.
“En xeral, as motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina”
As motoserras eléctricas non emiten gases, son menos ruidosas e producen menos vibracións que as de gasolina, o que redunda en beneficio do motoserrista que estará exposto a menos gases e ruídos e soportará menos vibracións que se traballase con unha de gasolina.
Por todo o anterior podemos afirmar que as motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina, aínda que na actualidade pode que non atopemos máquinas eléctricas coa autonomía e potencia que nos permitan realizar todos os traballos profesionais que se fan coas motoserras de gasolina.
-Como valora a acollida dos cursos do ISSGA de prevención de riscos de accidente no uso da motoserra?
A acollida dos cursos de motoserra segue a ser moi boa. De feito, unha vez rematadas as accións formativas, a práctica totalidade do alumnado participante valóraas moi positivamente, xa que se trata de cursos eminentemente prácticos e mesmo, á maioría, gustaríalle que contaran con maior carga horaria.
-Cales son as próximas accións formativas que tedes previsto organizar?
Neste momento no ISSGA estamos a traballar na elaboración do Plan de actuación para 2025 no que a formación é un dos eixes máis importantes e, polo tanto, trataremos de reforzala para o vindeiro ano programando actividades formativas que se adecúen tanto á perspectiva técnica como ás demandas e as necesidades que se observan no tecido empresarial galego no eido da seguridade e saúde nos centros de traballo.
Potenciaremos a formación específica eminentemente práctica en PRL naquelas actividades ou sectores con especial incidencia na sinistralidade, e/ou na escasa estrutura preventiva, multiplicidade de riscos, tanto tradicionais como emerxentes, ou ben os colectivos que precisen dunha especial tutela por parte do ISSGA para acadar melloras das súas condicións de traballo e integración das técnicas preventivas.
Esta formación diríxese principalmente a pemes, micropemes e persoal por conta propia. Especial relevancia adquirirán sectores con peso en Galicia como son actividades no sector forestal e na silvicultura, pesca e actividades afíns, asemade priorizaranse sectores altamente feminizados e sectores considerados pola normativa de PRL como de alto risco.
-Algo máis que queira engadir?
Queremos sinalar que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) complementa as actividades de formación coa dinamización de campañas informativas de carácter preventivo co obxectivo de fomentar a concienciación de todo o sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo. Entre elas, podemos salientar a orientada á prevención en traballos de tala e roza no monte ou a relacionada coa planificación dos traballos de aproveitamento forestal en zonas perigosas.
Esta información foi elaborada en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.