
Fran, xunto ás vacas cruzadas de Finca O Cruceiro SL
Situada no lugar de Limiñoa, pertencente á parroquia de Cores (Ponteceso), Finca O Cruceiro SL é unha explotación leiteira que no vindeiro mes de xullo cumpre 20 anos. Na actualidade son dous os socios desta granxa: Francisco Puñal e Ramón García.
Moxen 122 vacas en dous robots que montaron fai 3 anos “por falta de man de obra e para ter unha vida un pouco máis relaxada”, admite Fran. Non pensan en seguir medrando, senón en obter a máxima rendibilidade do número de cabezas actual.
A media de produción sitúase nos 40 litros, cun 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína. Entregan o leite a Lactalis desde que se xuntaron no 2005. Inicialmente eran tres socios, pero un deles, Julio Nieto, faleceu tras recibir un golpe por parte do touro que tiñan na explotación.
Cruzamentos desde o ano 2019
Finca O Cruceiro é unha das granxas galegas que traballa xenéticamente dentro do sistema Procross. As primeiras xovencas preñadas próximas ao parto trouxéronas de Portugal no ano 2019. “Algunhas fixeron 7 partos aquí na granxa, máis dun por ano”, destaca Fran.
Hoxe xa recrían dos propios animais cruzados da explotación. “Tivemos que deixar de traer gando de Portugal, de ganderías que levaban xa unha década seguindo o método Procross de cruzamento rotacional, polos problemas que nos poñían despois aquí co saneamento os veterinarios oficiais”, quéixase.
As granxas da zona quéixanse do exceso de celo dos veterinarios oficiais da Xunta na comarca de Bergantiños
“Chegaron a dicirnos que se seguiamos traendo vacas de Portugal nos ían pechar a granxa, a presión sobre nós era inaguantable”, denuncia. Facíanlles o saneamento todos os anos, pero ningún daqueles animais mercados en ganderías portuguesas lles deu nunca positivo.
“As vacas procross van mellor ao robot”
Hoxe a metade do rabaño é xa cruzado “e contentos que estamos con elas”, salientan. “Van moito mellor ao robot que as frisonas puras e en leite son coma as outras, en produción non lles notamos diferenza algunha, pero en duración no establo si”, engaden.
En patas e fertilidade non hai punto de comparación; as frisonas dúrannos de media 2,4 partos e as cruzadas un máis
“En patas e en fertilidade non hai punto de comparación, igual que no tema sanitario. Antes tiñamos a enfermería sempre chea de vacas, ou coxas ou mamiteiras, e agora a metade das veces está baleira e cando hai unha, é frisona”, din.
Cando hai un cuajar sempre é nas frisonas, nas cruzadas nin o primeiro
As vacas que se van do establo por algún tipo de problema son habitualmente as holstein, polo que en pouco tempo o 100% do rabaño será cruzado. “Xa imos a iso, estamos inseminando todo con seme cruzado porque a configuración do ubre das vacas procross é mellor para muxir con robot”, insiste Fran.
Redución do intervalo entre partos
Están inseminando as xatas máis ou menos cando cumpren o ano de vida. “A primeira dose poñémosllela como máximo aos 13 meses”, detallan. “Estas xatas permíteno porque desarrollan máis rápido que as frisonas e ademais continúan desarrollando unha vez preñadas. Non lles pasa coma ás holstein, que en canto quedan preñadas paran de medrar”, aseguran.
O intervalo entre partos da explotación sitúase en 369 días e a media por vaca xestante está por baixo das 2 doses
Finca O Cruceiro atópase todos os anos na memoria anual de Africor A Coruña entre as ganderías da provincia en Control Leiteiro con menor intervalo entre partos, con 369 días. “Eu non sei por que, pero as vacas procross empreñan mellor; nós estamos por baixo das dúas doses por vaca xestante. Nós aquí temos vacas que paren dúas veces no ano”, indica.
Cada robot conta cunha área de separación con catro prazas, que é para onde mandan as vacas en celo para inseminalas e evitar así accidentes polo medio das outras
Este ano cambiaron a uralita do tellado por paneis sandwich transparentes, algo co que lograron máis luz no interior do establo e melloraron a saída en celo das vacas. “Parece unha tontería pero nótase moito na reprodución. Aquí aos 30 días de parir as vacas xa saen en celo, aínda que lles esperamos ao segundo celo, entre os 55 e 60 días para inseminalas”, conta Fran. “A maioría xa quedan preñadas nesa primeira inseminación porque aquí limpan moi ben as vacas tralo parto e para ter boa fertilidade é moi importante que se desquiten”, di.
Non exprimir as vacas

Nas camas botan casca de piñeiro con carbonato cálcico por enriba como secante. Cada camión cústalles 726 euros e chégalles para 15 días
Fran e Ramón son partidarios de non exprimir en exceso aos animais desde o punto de vista produtivo porque, argumentan, “canto máis leite dan, máis problemas”. “Hai xente moi fanática co tema da produción, van a producións moi altas, pero tamén hai que saber a como sae o litro ese a partir dos 40 litros. Cada un ten que facer os seus números pero, é rendible ese litro?”, pregúntase Fran, que prefire producións medias máis normais pero a menor custo e con menor carga de traballo.
“Nós preferimos unha vaca de 40 litros que non hai que estar pendente dela todo o día e que empreña á primeira antes que unha de 50 que enferme e dure menos ou que tarde máis en empreñar”, din.
“Tivemos unha xovenca frisona que chegou aos 57 litros no primeiro parto, pero deunos só nese parto, porque despois xa non empreñou máis”, exemplifican. “Estivemos criándoa durante dous anos e gastando cartos nela para despois sacarlle un parto só; iso non é rendible nin é nada. Esa xovenca non deu nin para os gastos dela”, asegura Fran. “Para saber se unha vaca foi rendible ou non o que hai que mirar son os litros de leite producidos por día de vida”, defende.
Non nos interesa apuralas moito e que tarden máis en empreñar; preferimos ter unha maior rotación de animais recén paridos
Cunha boa taxa de fertilidade e un menor intervalo entre partos, defenden, “estás metendo sempre máis vacas recén paridas no robot, polo que os ciclos acúrtanse e as vacas están menos tempo paradas e máis tempo producindo”, aseguran. Pola contra, din, “as vacas de moi alta produción tardan máis en empreñar, polo que engordan máis no final da lactación e teñen máis problemas postparto”.
Nós aquí temos sempre vacas recén paridas e as vacas frescas sempre dan máis leite e van mellor ao robot
“Aquí secamos as vacas porque van volver parir, non porque baixen á produción”, afirman. “Secamos moitas vacas dando aínda 40 litros por motivos de preñez, porque lles falta mes e medio para volver parir, e o que facemos é reducirlles ao penso do robot para poder secalas”, explica Fran.
Secas e xovencas fóra

Cambiaron a palla por silo de herba e reduciron a cantidade de silo de millo na ración das secas
Ás vacas secas e de preparto en Finca O Cruceiro danlles unha ración a base de silo de herba (12 kg), algo de silo de millo (8 kg) e penso de produción (2 kg). “Non lles damos penso de secas porque é máis caro e para min vai peor”, xustifica.
“Antes tiñámolas cunha ración que levaba palla, silo de millo e penso de secas pero desquitaban peor”, asegura. “O que nos pasaba cando parían é que libraban moi mal e foi cando probamos a cambiar o silo de millo por silo de herba, porque antes os vellos dábanlles herba e desquitábanse ben. Probamos con iso e melloramos o 100%”, afirma.
Dispoñen dunhas 6 hectáreas de terreo a carón da nave tanto para as secas como para a recría
No momento do secado, para o que non utilizan ningún tipo de antibiótico nin tampouco cánula de secado, as vacas permanecen no establo unha semana comendo palla. Logo desparasítanas e xa as botan fóra. “Buscamos un manexo que sexa o máis cómodo posible. Veñen comer e despois entran e saen cando queren. Normalmente paren no prado, desquítanse alí e despois traémolas para o lote dos robots”, detalla Fran.
Tamén a recría, despois do destete, a fan fóra. “Non temos ningún problema de pneumonía nin de nada”, aseguran. Para iso, dispoñen dunhas 6 hectáreas de terreo a carón da nave tanto para as secas como para a recría. “Aforras cubículos, instalacións e moito traballo”, destaca.
As xovenxas cruzadas son máis vivas e curiosas; á segunda vez xa entran soas ao robot
Dous meses antes do parto soben ás xovencas para o lote das secas, que ocupan unha parte da nave de produción pero teñen tamén saída ao exterior, para que se acostumen ás instalacións e aos cubículos.
Normalmente nunca meten ás xovencas ao robot antes de parir. Fran asegura que “coas cruzadas non hai nada que pelexar, porque á segunda vez xa entran soas, pero coas frisonas si, sempre dan máis a lata para acostumalas”, afirma.
Evitar traballo e problemas, principal criterio para o descarte

Á enfermería, que agora case non usan, buscáronlle unha nova utilidade como lugar onde ter apartadas no momento posterior ao secado as vacas unha semana comendo herba seca
Como están limitados polos robots, cando teñen que facer sitio para meter unha xovenca que acaba de parir aproveitan para mandar ao matadoiro vacas con altos recontos celulares, por exemplo. “O noso principal criterio de descarte é ese, non queremos ter que andar tratando, separando vacas e tirando o leite. Aquí non pinchamos vacas nin pelexamos con elas”, din.
As vacas que están na explotación pero non se sabe nin que están, esas son as boas
“As vacas que están na explotación pero non se sabe nin que están, esas son as boas”, afirman en Finca O Cruceiro. “Unha vaca de 14.000 ou 15.000 litros por lactación ten moito desgaste, custa moito empreñala e require moita atención. Nós estamos en 12.000 litros porque aquí preferimos outro tipo de vaca, a que empreña, pare e vai soa ao robot, que case non hai que estar pendente dela”, aseguran.
Ao montar os robots aforramos dous empregados, un por robot
Ademais dos dous socios, na explotación traballa tamén un empregado a tempo completo. “Antes de ter os robots eramos cinco, nolos dous e tres traballadores contratados, e ao montalos aforramos un empregado por robot”, destaca, aínda que agora teñen previsto contratar un segundo traballador para que poidan estar a xornada continua. “senón quéimalos e márchanche”, recoñecen.
De ter que comprar vacas a ser excendentarios en recría
Recriando o mesmo número de animais que recrían hoxe, antes non lles chegaban para cubrir a súa taxa de reemprazo. “Tiñamos que comprar todos os anos unha media de 15 vacas; agora sóbranos coa nosa recría. Hoxe temos unhas 70 xatas de recría de todas as idades, así que imos ter que mandar vacas ou vender recría, pero ningunha das dúas opcións non é un problema, porque tanto as vacas como as xatas valen cartos neste momento, o problema sería non telas”, razoa Fran.
Se unha xovenca só che dura un parto, non hai recría que chegue, así é imposible
Practicamente non usan seme sexado e cando o fan, póñeno sempre nas mellores vacas. “Cando ti pos sexado nunha xovenca arriscas máis, porque o pos máis a cegas porque esa xovenca aínda non pariu e non sabes como vai ser, mentres que se pos o sexado nunha vaca que xa pariu e xa demostrou que é boa, tes unha maior garantía de que esa cría vai ser boa, porque xenotipando tes unha idea, pero o dato máis fiable é o que che dá o robot cando a moxes”, razoa.
O sexado hai que usalo nas vacas que xa demostraron que son boas, non nunha xovenca que aínda non pariu e non sabes como vai saír
Por iso, di, “eu non poño sexado nas xatas sen muxilas primeiro, porque se despois sae mala tes unha filla dunha primeiriza que acabará sendo un descarte. Ao meu modo de ver desa maneira non se mellora a cabana, máis ben ao revés. Nas vacas frisonas moita xente non se atreve a poñer sexado porque empreñan mal e teñen que poñelo nas xovencas porque empreñan algo mellor, pero con estas vacas, que empreñan ben, podes poñer o sexado ás vacas adultas sen problema”, defende.
CUMA A Lamela, unión con outras 6 granxas do municipio para compartir o carro mesturador
Para a alimentación do gando, Finca O Cruceiro comparte un carro mesturador con outras ganderías leiteiras co concello de Ponteceso a través dunha CUMA, A Lamela, constituída fai 5 anos e integrada por 7 explotacións. “Este sistema quítache moito choio e aforramos 6 carros, porque doutro xeito cada granxa tería que ter un”, razoan.
Todas as explotacións atópanse nun radio duns 7 quilómetros polo que os desprazamentos son pequenos e o servizo que reciben moi eficiente. “Para min é moito máis rendible este sistema, porque aforramos na compra do carro, nos mantementos, en persoal e en tempo”, valora Fran.
A ración está composta por 25 kg de silo de millo, 19 de silo de herba e 8 de concentrado, máis o que puntea o robot
Traballan unhas 70 hectáreas de superficie, das que botan 50 a millo e o resto están a herba. “O ano pasado xa non puidemos sementar a pradeira en moitas das fincas de millo porque non entrabas e quedaron xa así porque non puidemos preparalas”, explica Fran.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics