Hai futuro para a produción de abelá en Galicia?

As primeiras plantacións de abelá en zonas de Pontevedra, Ourense e Lugo abren novas oportunidades para este froito seco en Galicia. Coñecemos máis sobre as variedades con posibilidades e a experiencia doutras rexións 

Publicidade
Hai futuro para a produción de abelá en Galicia?

A recollida da abelá adoita realizarse en pleno verán, no mes de agosto.

É habitual atopar abeleiras nas marxes de leitos de ríos ou nos lindes dos prados, son unha froiteira que resiste, agroma e produce en moitos lugares da xeografía galega sen excesivos coidados. Porén, hai futuro para a produción de abelá en Galicia dun xeito máis profesional? Esta foi a pregunta que se fixeron uns dos maiores coñecedores de froitos secos de Galicia, a empresa El Nogal, asentada en Campo Lameiro (Pontevedra), con capacidade para producir 4.500 toneladas de froitos secos ó ano nas súas instalacións e que procesa actualmente unhas 40 toneladas de abelá procedente de Turquía.

A firma pontevedresa El Nogal impulsa plantacións experimentais de abelá en terras de Lugo, Ourense e Pontevedra

Da man de distintos produtores, a firma está comezando a realizar plantacións experimentais que lle permitan avaliar a rendibilidade e produtividade das abeleiras en Galicia. Así, polo momento, á marxe destas parcelas, en Galicia non se produce abelá de xeito profesional e comercial, senón que as abeleiras están vinculadas a un ámbito doméstico. Porén, na orde de superficies forestais que xestiona a Consellería do Medio Rural contémplase a posibilidade de plantar estas árbores.

A recollida das primeiras abelás

Na campaña de 2020, El Nogal recibiu a primeira colleita de abelás dalgunhas das plantacións. Polo momento, trátase dunha cantidade mínima, xa que a maioría das árbores aínda non comezaron a producir. “Esta tempada recollemos froitos nunha plantación dunha hectárea, foron as primeiras e polo momento non chegarían nin a 10 quilos. Contamos comezar a ter produción na vindeira campaña e nos próximos anos irán comezando a producir tamén as outras parcelas”, explica Pedro Álvarez, director de operacións dentro da firma.

Na campaña de 2020 obtiveron as primeiras abelás dunha das parcelas experimentais

As plantacións experimentais comezaron a tomar forma hai case 5 anos. As primeiras realizáronas en parcelas de A Cañiza e Caldas (Pontevedra), ás que se foron sumando plantacións de 1,5 hectáreas na Estrada, Pontevea e Ourense. As últimas foron dúas parcelas cadansúa de 2 hectáreas que plantaron en Lugo, unha delas o ano pasado e a última neste 2021. “Fomos falando con aqueles propietarios que se puxeron en contacto con nós nestes anos interesados en plantar abeleiras”, detalla.

Agardan avaliar os primeiros resultados destas parcelas co remate deste ano e decidir entón se continúan incrementando as plantacións. “Ata o 2023 non imos formalizar compromisos con máis produtores dos que temos agora, xa que temos que analizar ben a rendibilidade da produción, pero vemos que hai interese”, apunta Álvarez

Recomendacións dos principais produtores en España

A provincia de Tarragona (Cataluña), na que se inclúe a Denominación de Orixe Protexida de Reus, concentra o 80% da produción de abelá en España. Por iso, non é de estrañar que en El Nogal recorreran a eles para obter consello á hora de plantar e xestionar as súas plantacións de abelá. “Asesoráronnos en canto ás variedades que podían ter mellor saída polas condicións climáticas de Galicia”, comenta.

Así, optaron polas variedades San Giovanni e Pautet, dúas das empregadas na DOP de Reus e que maior resistencia presentan ás xeadas e precisan menos horas de sol para producir froito de calidade. Estas plantacións realizáronas en terras de labradío e bastante húmidas. “Non poden ser parcelas que se aneguen, pero en terreos húmidos e en anos con moita choiva mesmo é probable que en Galicia non precisen regarse para producir”, detalla Álvarez.

Estas plantacións están orientadas á produción de abelá en gran, sen casca, polo que tamén decidiron apostar por aquelas variedades cunha casca máis fina, de xeito que facilite o seu procesamento. A abelá en gran é tamén o principal destino da produción de Tarragona, que na campaña pasada acadou as 4.250 toneladas, que se empregan na industria en fariñas, gran ou pasta. De feito, na DOP Reus só certifican a abelá con casca, abelá crúa ou tostada, que se consume principalmente como snack ou ingrediente de cociña. Así, das máis de 4.000 toneladas recollidas, arredor dun 3,78% foi certificada como DOP Avellana de Reus.

A rendibilidade da abelá

Mellorar o prezo que percibe o produtor é unha dos principais retos, xunto coas pragas e enfermidades, ós que recoñecen enfrontarse nestes momentos na DOP de Reus. Dende El Nogal, sinalan ademais “o prezo da abelá adoita estar sometido a moitas variacións”.

Os prezos da abelá sen casca sitúanse entre os 6,29 e os 6,76 euros, dependendo da calidade e variedade. Mentres, no caso das abelás entregadas con casca o prezo manexado na DOP de Reus é de 2,50 euros o quilo. Cifras semellantes indican dende El Nogal, sinalando que “habitualmente o prezo ó produtor de abelá con casca sitúase entre 1 e 1,5 euros o quilo, aínda que tamén hai picos nos que se chegan a acadar os 2,5 euros”, detalla Álvarez.

Asturias e o norte de Portugal tamén miran á abelá

Rexións da cornixa cantábrica como Asturias tamén teñen tido unha importante produción de abelá. Tal e como recollen nun traballo os investigadores Ana Campa e Juan José Ferreira, ambos do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida), xunto con Mercé Rovira, do Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias de Cataluña (Irta), Asturias ten sido unha das principais rexións abelaneiras de España. Aínda que nos últimos anos a produción se reduciu en gran medida, pasando das 170 toneladas producidas en 1196 ás 70 toneladas que se colleitaron no ano 2012 segundo os datos do Ministerio de Agricultura, os investigadores sinalan que este cultivo se adapta moi ben ás condicións edafoclimáticas de Asturias.

Os investigadores apuntan a que a abelá pode contribuír á diversificación da produción agroalimentaria asturiana. “A recuperación do seu cultivo debería paralelamente implicar a modernización dos cultivos locais que permitan unas producións sostibles e rendibles, ademais da promoción e a posta en valor do consumo das abelás asturianas”, sinalan no seu traballo.

Tanto Asturias como Portugal tiveron unha destacada produción de abelá que se reduciu nos últimos anos pola competencia exterior e a crise de prezos

Portugal tamén se aproximou á produción de abelá, aínda que este sector sufriu nos últimos 25 anos unha fonda crise, pasando de ter unhas 1.800 hectáreas de abeleiras a menos de 500 hectáreas a comezos do ano 2000, en gran medida debido ós baixos prezos e ás dificultades para competir co mercado exterior, tal e como indica a investigadora Ana Paula Silva, da Escola de Ciencias Agrarias e Veterinarias da Universidade de Trás-os-Montes de Alto Douro, en Portugal.

Porén, nos últimos 5 anos tamén se detectou un certo interese en agricultores mozos por apostar de novo pola produción da abelá, en gran medida debido a que se trata dun cultivo cuns custos de instalación e produción baixos e ó tratarse dun froito menos perecedoiro, de fácil conservación e transporte, tal e como apunta Silva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información