
Mar, cos seus animais no lugar de Barán, en Paradela
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acolle no seu seo a un total de 7.554 explotacións de vacas nodrizas e 358 cebadeiros. Nestes últimos engordáronse o ano pasado máis de 47.000 becerros.
Un deles é Cebobarán, situado en Paradela, con capacidade para cebar 2.000 becerros ao ano, que entran tralo destete e son sacrificados antes dos 12 meses. A suba rexistrada no prezo dos animais de recría no último ano, disparou os custos de produción deste tipo de explotacións, compensado até o de agora cun incremento tamén no valor dos becerros no matadoiro.
Pero neste momento, no que o prezo dos xatos que se sacrifican está a baixar, o alto prezo pagado no seu momento para a adquisición dos becerros pesa na conta de resultados, reducindo as marxes de beneficio e aumentando a incertidume de cara ós vindeiros meses.
Con capacidade para cebar uns 2.000 becerros ao ano, Cebobarán é un dos maiores cebadeiros de Galicia
Mar González López, que está á fronte deste proxecto iniciado polo seu pai, teme que a baixada no consumo de carne de tenreira por mor da inflación incida nunha caída de prezos aínda maior de cara ao inverno. A gandeira pon o foco na perda de poder adquisitivo das familias e a suba experimentada nos puntos de venda da carne amparada polo selo da IXP.
Nos 358 cebadeiros amparados pola IXP Ternera Gallega cebáronse o ano pasado 47.028 animais
Para ser capaces de enfrontar a situación, que os obriga a traballar con menores marxes, Cebobarán reformou no último ano as súas instalacións, optando pola automatización de tarefas como a alimentación ou a limpeza, e aumentou a súa capacidade de produción de enerxías renovables, para non depender da suba dos custos da luz.

Cebobarán conta con paneis fotovoltaicos e dous minixeradores eólicos e está desconectado da rede eléctrica
Historia de superación
O proxecto iniciouse no ano 2007 da man de José Manuel González López, o pai de Mar, que foi o impulsor do proxecto e que faleceu fai 6 anos. A súa filla decidiu continuar o seu legado. “Tiven que elixir”, recoñece.
“El foi o impulsor de todo isto, eu traballaba como enfermeira e non tiña en mente facerme cargo disto, pero a raíz dun derrame cerebral que sufriu no ano 2013, aterrei eu aquí e despois dunha montaña rusa vivida optei por incorporarme”, conta Mar, que non se arrepinte, malia que foron momentos duros.
No 2013 foi a primeira vez que eu aterrei aquí porque o meu pai sufriu un derrame cerebral
“Estaba todo da súa man e tiven que poñerme ao día de todo. Ademais, a raíz dun impago dun cliente que nos levaba os becerros, vímonos nunha situación económica complicada. Houbo que traballar moito, pero hoxe está todo moi estable e temos todo moi controlado. Estar aquí permitiume conciliar coa crianza dos meus fillos e co coidado das persoas maiores da casa, porque eu son filla única e o meu pai tamén o era”, explica.
Man de obra e instalacións
O cebadoiro está formado por 5 naves como establos para o gando (a súa construción levouse a cabo de xeito escalonado, a primeira no ano 2007 e a última no 2020), outra nave auxiliar para oficina e taller, unha para almacenaxe de forraxe, maquinaria e serrín para as camas e un estercoleiro cuberto.
O destete agora é externo; nós aquí só facemos cebo
Mar, coa axuda de dous empregados, atende o cebadoiro, que ao estar moi automatizado non require de moita man de obra no día a día. “Nós antes faciamos o destete, pero agora é algo externo que nolo fai un terceiro para nós. Como só facemos cebo, é algo relativamente sinxelo, porque temos a alimentación e a auga automatizadas e tamén limpeza automática na parte dos comedeiros. Na parte de atrás non, porque é cama quente e cambiámola unha vez á semana. E despois hai que estar un pouco pendente de repoñer forraxe e tratar algún animal que estea enfermo”, explica.
Destete externo
Os becerros entran nas instalacións de Cebobarán, procedentes doutra explotación de aleitamento, onde son destetados con entre 3 meses e medio e 5 meses, xa perfectamente adaptados á alimentación de cebo postdestete.
Os becerros entran normalmente cunha idade de máis de 100 días de vida
As 3 naves máis pequenas miden uns 1.300 metros cadrados e teñen capacidade para 320 becerros cada unha, mentres que nas dúas máis grandes, de 2.000 metros cadrados, entran 470 en cada unha. En total contan cuns 20.000 metros cadrados de establos.
Sacrificio antes dos 12 meses
Cebobarán traballa ampado polo selo da IXP Ternera Gallega, polo que a saída dos animais prodúcese antes de cumpriren o ano de vida. “Normalmente son sacrificados con 10-11 meses, antes de que se fagan añojos”, conta Mar.
Durante un ano, que coincidiu coa suba de prezo dos becerros mamóns, estiveron en integración con Coren e aínda teñen animais nas instalacións procedentes desa integración, pero desde fai uns dous meses decidiron desfacer o acordo e volver comercializar por libre.
Durante un ano estivemos en integración, pero non me sentía moi cómoda nese sistema e decidín volver voar por libre
“Optei por integrarme quizais por vivir un pouco máis tranquila e sen tanta presión, pero a verdade é que non me sentía moi cómoda nese sistema e decidín volver voar soa, vendendo nun lado e noutro como facía antes, de maneira máis independente”, aclara Mar.
Á hora de sacrificar, envían a distintos operadores, como Novafrigsa, Carnes Viana e outros matadoiros adscritos á IXP en función do tipo de animal, o prezo e as necesidades de gando de cada un dos seus clientes.
Azul belga
Cando baleira unha das naves, limpan, desinfectan as instalacións e reparan os desperfectos antes de volver meter animais de novo. A práctica totalidade dos xatos que están a meter neste momento son becerros de cruzamento industrial procedentes de explotacións leiteiras.
Unha femia deste tipo, de vaca frisoa con limusín ou angus, pode acadar os 230 kg/canal e un macho os 300-320 kg. O azul belga colle máis quilos, pero son casos moi contados os que ten polo medio nalgún lote. “Eu aposto por Ternera Gallega e o meu mercado tamén é ese; becerros azul belga podemos ter 5 ou 6 animais polo medio nunha nave de 300”, calcula.
Se non meten o azul belga na IXP estamos moi limitados, porque teñen que ser becerros nacidos en Galicia e hai os que hai
En relación ao debate no seo do Consello Regulador para aceptar a marcaxe de animais azul belga asegura que “estes meses pasados atopabámonos en ocasións con dificultades para atopar animais rubios ou negros para poder marcar na IXP”.
“Se non meten o azul belga estamos moi limitados, porque teñen que ser becerros nacidos en Galicia e hai os que hai, porque nas granxas de leite cada vez se pon máis azul belga. Iso lévanos a que cada vez haxa opción de selar menos recría para a xente que só manexamos Ternera Gallega”, asegura.
Diferenciación entre Suprema e Tenera Gallega convencional
En canto ás ganderías extensivas da IXP, Mar rexeita calquera tipo de polémica ou enfrontamento coas ganderías en extensivo que producen baixo a categoría Suprema. “Eu creo que cada un vende o produto que ten e tenta facelo o mellor que pode. Nin é mala unha cousa nin o é a outra. Non é peor carne a dun cebadoiro, simplemente é unha maneira diferente de engordar os xatos. E é un xeito de darlle tamén unha saída aos becerros que saen das explotacións leiteiras. Non toda a carne que se consome no mundo se pode criar fóra; iso é imposible”, razoa.
Cada gandería ou cebadeiro vende o produto que ten e tenta facelo o mellor que pode
“Os animais que se crían fóra é algo moi bonito, pero a carne cando realmente sae tenra, branda e xugosa é cando os becerros están dentro. Eles necesitan estar tranquilos e que non lles chova por enriba. Que teñan comida continuamente á súa disposición e que non anden correndo dun lado para o outro, porque senón fan moito músculo. Para que sexa un produto bo, realmente tampouco é o ideal que anden correndo por aí no prado até o momento do sacrificio, porque terás algo moi ecolóxico nos termos de hoxe, pero a calidade da carne non vai ser óptima”, di.
“Si que creo que os animais, xa sexa nunha explotación extensiva como intensiva, mentres os tés, tés que telos ben e tes que coidalos o mellor que podes, dentro evidentemente de que son animais destinados a sacrificio para alimentación humana, pero si que considero que deben existir unhas condicións que mentres vivan aquí deben cumprirse”, argumenta.
Melloras no benestar animal
Desde que fai 20 anos se fixo a primeira nave, foron todas xa reformadas por completo. Fixérono para cumprir coas novas esixencias de benestar animal, por exemplo, no relativo a ter máis espazo por becerro, comedeiros máis longos ou máis bebedoiros. “O do benestar animal repercutiunos moito, traballamos moito niso”, recoñece.
Os lotes están formados por entre 20 e 22 becerros por corte, cunha superficie de 5 metros cadrados por animal
Coa remodelación das instalacións acometida no último ano, automatizaron a limpeza e a alimentación e fixeron lotes máis pequenos. “Iso permítenos facer triaxe dos animais dentro dos grupos e ir igualándoos por tamaño a medida que van medrando”, explica Mar. “Deste xeito hai menos competencia e os becerros están máis tranquilos. É importante que non se estresen”, asegura.
O importante é que teñan boa cama e auga sempre dispoñible; incluso no inverno a auga é fundamental
“Cambiamos a configuración dos establos para facer cuadras máis pequenas. Os lotes están formados por entre 20 e 22 becerros por corte, cunha superficie de 5 metros cadrados por animal. En cada lote hai tres bebedoiros e os comedeiros son de aceiro inoxidable e coas medidas adecuadas. Cumprimos con todos os requisitos con creces”, destaca.
“Os becerros deben ter unha cama enxoita, auga sempre á súa disposición, penso de sobra e levar unha vida tranquila e sosegada; que o proceso natural de crecemento e engorde siga o seu curso para que o produto final sexa tamén o que ten que ser”, argumenta.
Suba dos custos de produción
“Os custos de produción subiron unha barbaridade con respecto a fai anos, primeiro pola covid, despois pola guerra de Ucraína e agora por Irán. Foi todo unha secuencia de cousas encadeadas”, di.
A Ternera Gallega é unha carne moi boa pero ten un prezo elevado porque os custos de produción tamén subiron moito
A alimentación dos xatos está baseada en penso e palla a libre disposición. Mar compra a palla en Castela, ben de trigo ou de cebada, en función da dispoñibilidade, que trae en pacas sen picar. “Temos tamén unhas fincas que pertencen á casa e aproveitámolas para facer herba seca e para botar parte do abono que xeramos”, explica.
A palla encareceuse nos últimos meses e o seu prezo supera os 100 euros a tonelada
O custo de alimentación do gando é o maior gasto dun cebadoiro. “Os nosos becerros comen arredor de 1.200 quilos de penso cada un, desde que entran con 3 meses e medio ate que se van con 11”, detalla.
Co aumento das temperaturas e a maior frecuencia de olas de calor, os becerros comen menos e o índice de conversión en carne tamén é menor. “Dormen máis e pasan máis tempo deitados. Empezan a activarse cara a noite, cando baixan as temperaturas, pero polo día están máis sosegados e non teñen tantas gañas de levantarse e ir comer”, describe.
Cama quente de serrín
A zona de descanso dos animais é unha cama quente de serrín. “Nós xa nunca tivemos parrillas, sempre traballamos con cama quente. Antes utilizabamos palla, pero o problema da palla é que ten menor capacidade de absorción e os becerros están peor porque a cama dura menos tempo en bo estado”, explica.
A palla por si soa non absorbe a mesma cantidade de humidade que absorbe o serrín e os animais están peor
“O que facemos é cambiar a cama todas as semanas. Apartamos os becerros por medio dunhas cancelas para a zona dos comedeiros e pasamos a pala pola parte de atrás, na zona de descanso, para retirar todo o esterco e meter material novo. No inverno aínda ás veces mesturamos coa encamadora algo de palla co serrín, para que a cama non sexa tan fría”, conta.
Conseguir serrín de boa calidade é algo moi complexo hoxe en día
O custo do serrín e a palla é similar, pero o problema do serrín é a garantía de abastecemento. “É moi difícil de conseguir. Antes, fai relativamente pouco tempo, case o regalaban en moitos sitios, pero hoxe non é así”, asegura. Para garantir dispoñibilidade de serrín de piñeiro de boa calidade, sen estelas polo medio, Cebobarán ten acordos estables con distintos aserradoiros.
Xestión do esterco
Ao longo do ano, Cebobarán tamén vende o esterco producido a outras explotacións da zona, sobre todo nas épocas da campaña de sementeira do millo en primavera e renovación das pradeiras en outono.
“Tes épocas máis complexas, como poden ser os meses de novembro, decembro e xaneiro, que chove e non se entra nas fincas. Aí temos que almacenar e quizais sexa a peor época”, admite.
“Os requisitos de benestar animal, medioambiente e xestión de residuos son cada vez máis esixentes. Nós somos un cebadoiro grande e temos inspeccións todos os anos. Non temos moita intención de seguir medrando, pero tampouco estaría fácil hoxe en día”, recoñece Mar.
“Ternera Gallega está resistindo mellor este verán, pero é probable que baixe no inverno”
O sector da carne de vacún levaba anos lidiando con prezos baixos que apenas permitían cubrir os custos de produción das explotacións, pero a falta de animais e a demanda exterior disparou os prezos no ano 2025 até niveis por enriba dos 8 euros kg/canal.
O panorama cambiou por completo neste ano 2026, tralo parón das importacións de gando vivo por parte de Marrocos a raíz dos casos de dermatose nodular contaxiosa detectados primeiro en Cataluña e despois tamén en Aragón.
“Hai moito empacho de carne agora mesmo no mercado e o prezo está baixando. Aquí en Galicia, Ternera Gallega está resistindo mellor, pero tamén é porque estamos no verán e é unha época que sempre é boa, pero se non cambia o panorama penso que o prezo aínda baixará máis no inverno, porque está todo moi parado e moi intoxicado”, asegura Mar.
Hai moitos factores que están influíndo na caída da demanda. “Está o tema de Marrocos e o de Brasil, que tamén inflúe, pero tamén está o prezo. A Ternera Gallega é unha carne moi boa pero ten un prezo elevado e moitas familias estana substituíndo por outras carnes, por porco, polo ou tenreira máis barata”, opina.
Independentemente de Mercosur ou Marrocos, está o prezo da carne e o poder adquisitivo das familias
“As familias teñen menor poder adquisitivo porque hoxe non renden os cartos como fai anos e para xestionar a economía da túa casa e ir indo, tes que renunciar a certas cousas. Cada vez custa máis chegar a fin de mes e tes que recortar a certas cousas, polo que independentemente de Mercosur, Brasil ou Marrocos, está o prezo da carne e o poder adquisitivo das familias. Hoxe se gañas mil e pico ou dous mil euros, entran por un lado e saen polo outro, e iso arrastra todo”, argumenta.
“Eu non sei o que é pagar unha factura da luz, sempre estivemos desconectados da rede eléctrica”
Galego









Control OJD