
Juan Echeverría, nas xornadas sobre muxido robotizado organizadas por Anembe en Asturias
En condicións normais, unha vaca pasa unhas 14 horas ao día deitada. Por iso, non é o mesmo que o faga sobre unha superficie ou outra. Os distintos materiais (area, carbonato, compost, colchón) teñen as súas propias vantaxes e inconvenientes en canto a custo, mantemento ou incidencia de mamites.
Juan Echeverría, veterinario especialista en calidade do leite, participou recentemente na localidade asturiana de Corvera no seminario Saúde de ubre e nutrición: retos e oportunidades do muxido robotizado, organizado pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe), onde detallou algunhas diferenzas entre as distintas camas e a súa relación con aspectos como a produción ou as infeccións intramamarias.
“As camas son un elemento moi importante para a produción leiteira, porque inflúen directamente nos litros producidos e na saúde das vacas. Por exemplo, hai ata dous litros de diferenza entre camas de area e camas de colchón”, asegura.
Unha vaca en produción pasa o 60% do seu tempo deitada
Unha vaca en produción pasa o 60% do seu tempo deitada, un 20% comendo, un 13% no muxido e o 7% restante en diferentes manifestacións vinculadas coas súas relacións sociais co resto do rabaño.
Mamites ambientais
A vida útil dunha vaca en produción depende de múltiples factores, pero as infeccións intramamarias teñen un peso relevante. “O 50% das eliminacións prodúcense por mamites ou por problemas reprodutivos”, asegura Juan.
A mamite é unha reacción inflamatoria dos tecidos produtores de leite da glándula mamaria. Esta reacción pode ser consecuencia dun traumatismo, aínda que o máis normal é que se produza por unha infección, é dicir, pola entrada dun microorganismo polo conduto do teto.
O 50% das eliminacións de vacas prodúcense por mamites ou por problemas reprodutivos
A reacción inflamatoria que se desencadea ten como obxectivo a eliminación dos microorganismos causantes da infección, para así restablecer a función dos tecidos produtores de leite e, como consecuencia, a súa produción.
Entre os microorganismos causantes de mamites están bacterias, micoplasmas, algas e fungos, diferenciándose entre mamite contaxiosa e mamite ambiental. A mamite contaxiosa está causada por patóxenos cuxo reservorio principal é a glándula mamaria infectada. Entre os seus máximos expoñentes atópanse Staphylococcus aureus, Streptococcus agalactiae e Mycoplasma spp. Transmítese de vaca a vaca durante o muxido.
Entre os microorganismos causantes de mamites están bacterias, micoplasmas, algas e fungos
A mamite ambiental é aquela na que os patóxenos responsables se multiplican no ambiente onde se atopan as vacas: camas, feces, auga, etc. As vacas inféctanse durante o muxido por unha mala rutina de manexo, ou nos períodos de tempo entre muxidos. Como exemplo destes patóxenos están os estreptococos ambientais (Streptococcus uberis), os enterococos e as enterobacterias (Escherichia coli, Klebsiella pneumoniae, Serratia marcescens, Pseudomona aeruginosa).
Nas mamites ambientais os patóxenos responsables multiplícanse no ambiente onde se atopan as vacas: camas, feces, auga, etc
Tamén existe outro microorganismo ambiental, unha alga unicelular denominada Prototheca zopfii, cuxo reservorio son as feces infectadas e a auga; patóxenos oportunistas como os estafilococos coagulasa negativos, que aproveitan calquera ocasión para entrar polo conduto do teto; outros microorganismos como Truperella pyogenes; e especies de fungos como Candida albicans.
Diferenzas entre os distintos materiais

Camas de area nunha granxa con robot de muxido en Muxa (Lugo)
Os materiais de recheo de cubículos máis usados en explotacións leiteiras son a area, o carbonato con serrín, a palla e o compost. Entre eles, existen diferenzas substanciais en canto a bacterioloxía, o que está relacionado directamente co porcentaxe de novas infeccións.
As camas con moita bacterioloxía teñen máis risco de mamites
“As camas con moita bacterioloxía teñen máis risco de mamites”, indica Juan. Segundo os seus datos, obtidos tras décadas de experiencia en explotacións que traballan con distintos materiais, a cama de area sería a máis aséptica, cunha bacterioloxía inferior a 5.000 e unha porcentaxe de novas infeccións do 5%, fronte ás 200.000 UFC en camas de compost (15% de novas infeccións).
As bacterias necesitan humidade, nutrientes orgánicos, temperatura apropiada e niveis adecuados de pH
O compost recentemente exprimido ten menos de 10.000 estreptococos fecais, menos de 10.000 E.coli, menos de 50.000 enterobacterias e ausencia de klebsiella, detalla este especialista. “Pero unha vez depositado no cubículo, esta microbioloxía multiplícase por dous”, advirte.
No medio, entre a area e o compost, atoparíanse o resto de materiais. Por exemplo, a palla sitúase en niveis de 40.000 UFC de bacterioloxía e 15% de novas infeccións e o colchón en 10.000 UFC e 10% de novas infeccións detectadas.
Sexa cal for o material de recheo escollido, asegura que non se debe acumular demasiada cantidade diante da vaca para non impedir o seu movemento natural á hora de deitarse e levantarse, e evitar ao mesmo tempo que se deteirone, sobre todo no caso de materiais orgánicos. “O que eu recomendo é meter unha vez á semana material na parte dianteira do cubículo e ir tirando de aí todos os días para atrás á hora de facer a cama”, propón.
Que cama usar en establos con robot de muxido?
O robot de muxido impón unha serie de cambios no establo, tanto no manexo do rabaño no seu conxunto como na rutina das propias vacas. “As vacas deitánse nada máis saír do robot, polo que non pasa tempo suficiente para que o teto se peche antes de que a vaca se deite”, explica Juan.
Ademais, no robot sempre hai animais na zona de cubículo, o que condiciona o manexo das camas, xa que non é posible entrar con maquinaria pesada todos os días. Por tanto, a decisión de que material empregar nun establo con robots de muxido debe ter en conta estas dúas especificidades.
Os sistemas de limpeza dos robots non distinguen entre vacas sucias e limpas
“Hai unha serie de diferenzas entre o robot e os sistemas tradicionais. E para min, o batch milking é un sistema de muxido tradicional porque levamos as vacas a muxirse e, mentres tanto, os cubículos quedan baleiros, como nunha sala de muxido convencional”, matiza.
A alternativa da colchoneta

Camas de colchoneta con carbonato cálcico como secante nunha gandería en Fafián (Sarria)
Sempre que os canais do establo, o tipo de pozo de xurro e outros condicionantes a nivel de instalacións non impidan a súa utilización, a area é un material inerte apropiado para empregar en camas de gando, de fácil mantemento diario e que require unicamente dun encamado semanal.
“A area é a mellor cama, tamén en robot de muxido, se somos capaces de manexala”, destaca Juan. Ademais dun maior desgaste nas instalacións e en elementos como a arrimadeira, a area acaba provocando tamén en ocasións un maior desgaste no brazo e noutras pezas da maquinaria do robot.
Con robot non podemos meter todos os días un tractor a rastrexar; é un factor que hai que ter en conta
Un material apto para usar con robot sería tamén o serrín mesturado con carbonato, aínda que ten un custo máis elevado. En canto aos cubículos de palla, o traballo de mantemento diario debe facerse de forma manual e require persoal cun certo grao de especialización. “Se o mantemento é malo, tamén existe un alto risco de mamites”, asegura este veterinario especialista en calidade do leite.
Un cubículo de palla non o pode facer calquera, porque hai que tomar decisións
Descarta, con todo, a utilización de compost en sistemas de muxido robotizado, debido ás dificultades engadidas no seu mantemento. “Os cubículos con compost requiren o paso de maquinaria pesada a diario para mover e acondicionar o material, polo que é difícil de xestionar en gandarías con robot de muxido. Con bacterioloxías de cama moi elevadas, superiores a 200.000, existe un alto risco de mamites hiperagudas”, advirte.
A miña experiencia en robot con camas de compost é mala; morren bastantes vacas
“A miña experiencia en camas de compost con robot é mala. Morren bastantes vacas por E. coli porque a vaca deitase nada máis saír do robot nunha cama con máis de 200.000 bacterias, fronte a unha cama de area con 5.000 bacterias”, compara. “Se a vaca está 20 minutos ou media hora de pé, sen deitarse, ao saír da sala de muxido, ese problema é moito menor”, asegura.
Coa colchoneta baixa algo a produción, pero aforramos traballo e dores de cabeza
Por iso, en robot decántase por solucións como a area ou a colchoneta. “Para min, son os dous mellores sistemas de cama con robot”, asegura. Das colchonetas destaca que “dan pouco traballo e o mantemento é moi fácil”. “Coa colchoneta baixa algo a produción, uns 2 litros con respecto á area, pero aforramos traballo e dores de cabeza. Prefiro unha boa colchoneta antes que calquera outro material mal manexado”, conclúe.
Separadores flexibles

Cubículos con separadores flexibles nunha explotación robotizada en Xustás (Cospeito)
En canto a evitar accidentes, considera que “cos cubículos flexibles alóngase a vida útil das vacas”. “Estamos mellorando bastante nese aspecto porque permiten ás vacas realizar movementos máis naturais á hora de deitarse e levantarse”, destaca.
“Eu recomendaría poñer cubículos flexibles de plástico con colchoneta de 8-10 centímetros de espesor con serrín ou viruta como roupa de cama por enriba”, propón. “Hai un fake que circula por aí de que son moi incómodos, que son un matavacas, pero iso non é certo”, afirma.
Dise que as colchonetas son un matavacas, pero iso non é certo
“Teño explotacións con area con 48 litros de produción media e unha taxa de eliminación do 18% e con cubículo flexible e colchoneta con medias de 46 litros e taxas de eliminación do 20%”, detalla. “É certo que o manexo da colchoneta é moito máis sinxelo, pero 2 litros diarios nunha granxa de 100 vacas supón moito diñeiro ao final do ano”, recoñece.
Os cubículos flexibles reducen moito as lesións e as abrasións nos corbaxóns
Ademais do material de recheo e do mantemento da cama, outro aspecto que inflúe na comodidade do animal e na súa produción é a dimensión do cubículo. “Para min, a superficie na que se deita a vaca é importante, pero case máis importante é o espazo que ten para facer o balanceo para levantarse e deitarse. As lesións danse máis por iso. A falta de espazo en cubículos moi estreitos é un dos grandes problemas que hai en moitas gandarías”, asegura.
A pendente tamén é importante, tanto para a comodidade do animal como para manter seca a cama. “Eu aconsello pendentes por enriba do 5%, non do 2% como se recomenda moitas veces, porque a vaca está moito máis cómoda e se hai perdas de leite sae máis rápido do cubículo”, razoa.
“No establo hai que traballar o menos posible, porque molestando ás vacas o único que facemos é perder produción de leite”

Público asistente ao seminario organizado por Anembe en Corvera a finais de xaneiro
Juan Echeverría é partidario de buscar un equilibrio entre o tipo de material (canto máis aséptico mellor) e a facilidade de mantemento. “O obxectivo coas camas é que as vacas estean cómodas, secas e limpas, pero tamén traballar pouco, é dicir, que sexa fácil de manter e de manexar. No establo hai que traballar o menos posible, porque andando polo medio das vacas o único que facemos é moléstalas e perder produción”, asegura.
O obxectivo coas camas é traballar pouco, é dicir, que sexan fáciles de manter e de manexar
Este especialista cuestiona algunhas ideas comúnmente estendidas cando se traballa con robots de muxido. “Non vexo por que ten que haber máis leite nos cubículos en robot, porque non entendo por que as vacas teñen que quedar peor muxidas no robot”, asegura.
Un sobremuxido no robot sería moito máis prexudicial para a vaca que na sala
Aínda que tamén alerta de que “un sobremuxido no robot sería moito máis prexudicial porque as vacas deitánse nada máis saír e o sobremuxido sería un factor que aumentaría as mamites”.
Recomendacións para uso de compost nas camas
Aínda que asegura que non é un material que se adapte a establos con robot de muxido, Juan defende a utilidade do compost como material para as camas, aínda que dá unha serie de recomendacións para o seu manexo: “É necesario traballar a cama a diario; hai que pasar un tractor para remover a cama todos os días porque senón non funciona”, di.
Hai que traballar cunha humidade inferior ao 35% e encamar e remover a diario porque senón non funciona
En canto ao grao de humidade, considera que “non se pode traballar con compost con materia seca inferior ao 35%, porque é imposible de manexar e xera moitos problemas no establo de enterobacterias. Se estamos nunha zona moi húmida incluso temos que baixar ese grao de humidade ao 32%, porque o compost absorbe a humidade do ambiente”, explica.
“É recomendable, ademais, engadir carbonato cálcico como secante, xa que imos aumentar entre un 3 e un 4% de materia seca no compost, pero o carbonato cálcico non nos vai solucionar un mal compost”, advirte.
É recomendable engadir un produto secante, pero o carbonato cálcico non nos vai solucionar un mal compost
Non é partidario, con todo, de esterilizar o produto antes de depositalo na cama. “Para min, os tratamentos térmicos non achegan demasiado, porque ás 12 horas o compost xa non está esterilizado. O que hai que facer é botado na cama recentemente exprimido, non 4 ou 5 días despois de estar almacenado”, indica.
Cama fría de compost
En canto a unha cama fría, pode tratarse dunha cama de palla, serrín ou compost como material de base. A cama debe ser aireada na súa superficie mediante cultivador ou rotobátor, que debe pasarse unha vez ao día para mover só a capa superficial.
Só se debe remover a capa superficial, non recomendo ir a unha profundidade de máis de 15 cm
“Non recomendo remover máis de 15 cm, non se debe ir abaixo, só traballar a parte de arriba. A temperatura en superficie ten que ser baixa, inferior a 25 ºC e o pH distinto de 7”, indica Juan, que establece un espazo mínimo por vaca de 10 m² e unhas condicións climáticas de humidade relativa superiores ao 60% e de pluviometría inferior a 800 mm.