A vendima é unha época que xera gran curiosidade no amante do viño por iso a Ruta do Viño Rías Baixas organiza varias actividades para achegar ao visitante a este proceso. Este ano por primeira vez entre estas actividades atópanse os Buses de Vendima para percorrer distintas zonas e coñecer a recollida da uva. Estes autobuses percorrerán as subzonas do Condado do Tea e do Rosal os días 21 e 22 de setembro.
As entradas xa se poden comprar en ataquilla.com por un custo de 18,50 euros por persoa. Para iso, a Ruta do Viño Rías Baixas co apoio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas pon ao disposición do amante do viño un total de 40 prazas de bus, 20 para cada unha das datas. Os buses teñen saída e chegada a Pontevedra e Vigo.
Percorrer a subzona de Condado do Tea, vendimiar na adega Señorío de Rubiós e coñecer Nande hotel da Natureza, pasear por Ponteareas e terminar cunha visita guiada polo Castelo de Sobroso é o plan para o sábado 21 de setembro. Esta experiencia permite coñecer entre outros aspectos as variedades autóctonas da Denominación de Orixe Rías Baixas como a Albariño, ver o proceso manual de recollida de uva e achegarse aos viños tintos atlánticos que se elaboran na adega Señorío de Rubiós.
O domingo 22 de setembro o percorrido realízase na subzona do Rosal onde se visita a adega Terras Gauda durante a súa vendima, ademais de achegarse á Guarda para finalizar cun paseo nun barco histórico polo río Miño. Con esta experiencia o enoturista pode coñecer os viños do Rosal, a zona menos minifundista da D.O. Rías Baixas.
Nestas experiencias os visitantes poderán coñecer de primeira man como se realiza a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas, onde predomina o sistema de condución da uva en espaldera, aínda que hai adegas que manteñen o sistema de emparrado, tan tradicional na D.O. Rías Baixas. Ademais, poderán probar a uva Albariño, Treixadura ou Loureira directamente da parra, os mostos e, ao final da visita degustar os viños da adega.
Máis actividades
Outra opción é visitar algunha das adegas que abren as súas portas durante vendima como Adega Eidos, As Laxas, Fillaboa, Granbazán, Lagar de Besada, Lagar da Cachada, Lagar de Fornelos, Mar de Frades, Martín Códax, Paco & Lola, Palacio de Fefiñanes, Pazo Baión, Pazo de Rubianes, Señorío de Rubiós, Terra de Asorei, Terras Gauda, Valmiñor, y Vionta. Tamén se pode participar nalgunha das propostas especiais que teñen preparadas estas cinco adegas: As Laxas, Mar de Frades, Paco e Lola, Pazo Baión e Terras Gauda, xusto nesta época do ano.
Ademais, o próximo 27 de setembro celébrase a tradicional “Cata de Vendima” ás 20:00 horas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, en Pontevedra da man do catador Nacho Costoya e coa colaboración de ANFACO-CECOPESCA e que xa colgou o cartel de cheo.