“Habería que esixir máis formación para conducir un tractor”

Entrevista a Ángel López Álvarez, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e un dos impulsores a nivel español de “Tu vida sin vueltas”, unha iniciativa para previr os accidentes por envorco do tractor

“Habería que esixir máis formación para conducir un tractor”

Ángel López Álvarez, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Ángel López Álvarez é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e un dos impulsores a nivel español de “Tu vida sin vueltas”, unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde do Traballo para previr os accidentes por envorco do tractor. Falamos con el destas iniciativa e das claves para mellorar a seguridade no uso do tractor.

-Es o responsable de impartir formación no ISSGA para a prevención de accidentes no uso do tractor. Estamos en Galicia en niveis de sinistralidade co tractor moito peor que noutras Comunidades? A que factores cres que se debe?
En Galicia a sinistralidade en canto a tractor é baixa se temos en conta o que son os datos de sinistralidade oficial de profesionais do sector agrogandeiro e forestal. De feito, en 2021 houbo uns 82 accidentes laborais relacionados co uso do tractor, dos que 2 foron mortais, 6 graves e 74 leves.

Pero o problema que temos en Galicia é que hai moitos accidentes non laborais co tractor. Así, no 2021 houbo polo menos 21 accidentes mortais. Cando me refiro a accidentes non laborais son de persoas non dadas de alta na agraria, coma xubilados ou persoas con outra actividade que fan labores agrícolas ou forestais co tractor a tempo parcial ou no seu tempo libre.

“A sinistralidade co tractor en Galicia é moi alta entre a xente que non é profesional do sector agrogandeiro”.

Outro dato é que desde o 2016 ao 2020 houbo só 3 accidentes laborais mortais co tractor mentres que houbo 90 accidentes mortais non laborais, dos que por envorco foron uns 75. Os datos dos accidentes non laborais poden non ser exactos porque son informacións recollidas de diferentes fontes como a prensa, ao non haber parte de accidente.Con estes datos pódese ver que a maior parte dos accidentes que se producen en Galicia corresponde a persoas que non son profesionais do sector.

-Non é casual que Galicia xunto con Andalucía sexa a comunidade con máis tractores antigos….
No ano 2021 compráronse en España uns 11.600 tractores novos, mentres que se adquiriron algo máis de 28000 usados, dos que preto de 16.000 tiñan máis de 20 anos. En Galicia as cifras de que dispoñemos é que se compraron uns 740 tractores novos o pasado ano, pero 5.400 usados, dos que 3.900 tiñan máis de 20 anos. O parque de tractores en Galicia está envellecido e iso non axuda a que se reduzan este tipo de sinistros.

-Que destacarías dos resultados da campaña “A túa vida sen voltas”? Que accións consideras que se poderían mellorar ou incorporar?
Creo que a campaña é bastante completa porque, por unha banda, trátase de advertir de que moitas persoas das que conducen un tractor non son conscientes da cantidade de accidentes que se producen no uso deste tipo de vehículos. Por outro lado, ofrecemos recomendacións para manexar o tractor de maneira segura, para que coñezan as principais pautas para reducir o risco de accidentes. Unha terceira liña de actuación desta campaña foi crear un simulador virtual, que se pode utilizar no móbil ou no ordenador, para mellorar a condución do tractor, sobre todo nas manobras de xiros e en situacións de desnivel para evitar envorcos, xa que a aplicación permite ver en todo momento onde está o centro de gravidade do tractor e cunha serie de sinais luminosas, verde, amarelo ou vermello, advírtese do risco de envorco.

Na campaña tamén se explica polo miúdo cales son as funcións da estrutura de seguridade do tractor, sexa arco ou cabina, e do cinto de seguridade. Con todas estas liñas de actuación creo que é unha iniciativa moi completa para mellorar a seguridade no uso do tractor.

 “A campaña “A túa vida sen voltas” inclúe un simulador de tractor “en liña” moi útil para mellorar o manexo e evitar envorcos”

Esta campaña deseñouse no seo do grupo de traballo do sector agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo á que pertenzo en representación da Xunta de Galicia. En concreto, boa parte do traballo fíxoo o subgrupo de maquinaria agrícola, do que son coordinador.

A campaña non só abrangue esta parte de sensibilización, concienciación e formación senón tamén outras actuacións, para intentar que aqueles tractores que cando se comercializaron non tiñan estrutura de protección podan acceder a dispor dela, de forma que haxa fabricantes interesados en fabricar e ofrecer esas estruturas. Non é un camiño fácil e de momento non hai moita oferta deste tipo de elementos de protección. Nós intentamos facilitar que estas estruturas sexan o máis accesibles posibles abaratando o proceso de homologación e de deseño.

Por outra parte, e tamén dentro da campaña de sensibilización de “A túa vida sen voltas”, destacaría que non só a levamos aos centros de formación profesional de Galicia vinculados co sector primario, senón que tamén nos cursos de capacitación agraria para incorporarse ao sector agrogandeiro o alumnado fixo tamén o curso de manexo seguro do tractor.

-Estase a notar na sinistralidade a proibición de compra-venda de tractores de máis de 40 anos sen cabina homologada?
Esa foi unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo pois entendemos que os tractores que son moi antigos non dispoñen de estrutura de protección, polo que con respecto a un tractor moderno teñen moitas menos medidas de seguridade. Polo tanto, temos que tentar que non se perpetúen no tempo, que non cambien de mans. Neste sentido, acordamos co Ministerio de Agricultura que estes tractores de máis de 40 anos sen estruturas de seguridade homologada non podan cambiar de titularidade no ROMA fóra do ámbito das herdanzas familiares. Pódense empregar dentro da explotación agrícola ou transferirse de pais a fillos, pero non se poden vender a un terceiro e volver dalos de alta no ROMA.

De forma complementaria, o plan RENOVE do Ministerio de Agricultura incrementou as axudas específicas para a compra de tractores novos.

-Non é infrecuente oír que tanto o arco como o cinto non son efectivos nestes sinistros. Por que é falsa esta afirmación?
A estrutura de seguridade que ten o tractor crea un espazo seguro arredor do asento. Polo tanto, se envorca o tractor e permanezo no asento sempre vou estar nesa zona se seguridade que crea o arco arredor do asento. Aínda que falamos fundamentalmente do arco de seguridade non esquezamos que tamén temos que falar do cinto. Para estar seguros e fundamental empregar o cinto de seguridade pois do contrario o máis normal é, cando haxa un accidente, non quedar nese espazo de seguridade arredor do asento e acabar esmagado.

“Para que o arco de seguridade ou a cabina protexen ao condutor en caso de envorco do tractor, é imprescindible usar o cinto de seguridade”

Por outra parte, moitos dos arcos de seguridade son abatibles ou retráctiles, polo que para que protexa ao condutor o arco ten que estar en posición de traballo.

Por iso tamén tratamos de concienciar de que se nun momento determinado temos que abater o arco para facer unha labor agrícola, no momento que remate esa tarefa é moi importante volver subir o arco para que nos protexa, xa que moitos dos accidentes por envorco prodúcense nos desprazamentos cara as zonas de traballo debido a velocidades inadecuadas, fochancas, desniveis…etc.

Por outro lado, hai que lembrar que moitas das cabinas dos tractores máis antigos protexen contra as inclemencias do tempo pero non en caso de envorco, ao non ter estrutura interna de protección, como nos tractores máis actuais. Tamén incidir en que despois dun accidente, unha cabina, do tipo que sexa, defórmase, polo que deberíamos substituíla por outra.

issga tractores

-O envorco é unha das principais causas de sinistros mortais co tractor. Cales son as recomendacións clave de manexo do tractor para evitar este tipo de accidentes?
Hai dous tipos de envorco: o lateral, que se produce cando se traballa en terreos en desnivel no sentido transversal ao da marcha, ou cando se vai a unha velocidade inadecuada e se fan xiros pechados; e logo o envorco cara atrás que se produce cando se circula por terreos en desnivel no sentido da marcha ou cando se arrastra unha carga enganchada nun punto alto do tractor.

 “Circular a velocidade axeitada, evitar os xiros pechados e vixiar o centro de gravidade do tractor son claves para evitar envorcos”

O que se debe facer é circular a velocidades axeitadas á tarefa que estamos a facer, realizar os xiros a pouca velocidade e cun radio de xiro o máis amplo posible para reducir a forza centrífuga que trata de botar o tractor fóra da traxectoria e que produce o envorco.

Tamén debemos gardar as distancias de seguridade respecto a desniveis e saber que se vou cun apeiro ou cun remolque debo coñecer como interesa subir ou baixar as pendentes para evitar os envorcos.

-A toma de forza é outra causa frecuente de accidentes. Que medidas básicas debemos ter en conta para traballar con seguridade?
Outra causa de accidentes graves son os atrapamentos nas tomas de forza. Neste sentido, as tomas de forza e os eixos cardán deben estar protexidos para evitar atrapamentos mentres están xirando. Debese ter en conta tamén que cando vou facer un enganche cun apeiro á toma de forza debe estar desconectada e o tractor apagado, pois moitos dos accidentes débense a acercarse a tomas de forza que están xirando e non dispoñen de protección.

Ademáis, as proteccións das tomas de forza, ou dos eixos cardánicos, que solen ser en forma de copete e extensible, en moitos casos son plásticas e co tempo vanse rompendo e desaparecen. Ao non ter esa protección estamos expostos a un risco elevado de accidentes por enganche da roupa na toma de forza. É importante comprobar que as tomas de forza manteñen todas as súas proteccións en bo estado e verificar que cando vaiamos enganchar un apeiro non haxa ningún elemento xirando.

-Unha distribución de pesos non axeitada no tractor tamén nos pode provocar un susto. En que nos debemos fixar á hora de evitar estas situacións?
Hai que pensar que o tractor é un vehículo que ten o punto de gravidade mais elevado ca outros vehículos e situado preto das rodas traseiras, polo que debemos procurar levalo co máximo ancho de vía (distancia entre rodas) posible. E por outro lado, se vamos enganchar apeiros traseiros estamos desprazando aínda máis para atrás o centro de gravidade, polo que debemos contrapesalo correctamente na parte dianteira para evitar envorcos cara atrás.

-O feito de que un tractor sexa de tracción simple ou de dobre tracción, incide na súa seguridade?
O dispor de dobre tracción, sempre que se poda, é positivo. Cos tractores de tracción simple hai que ter mais precaucións. Vai influír moito no encabritamento ou envorco cara atrás. Tamén pode influír na facilidade para que se atúe ou atasque no terreo. Neste caso debemos coñecer a maneira correcta de manobrar cun tractor de tracción simple, que é saír marcha atrás ou coa axuda doutro vehículo.

 “Os tractores de tracción simple teñen máis risco de envorco cara atrás que os de dobre tracción”

A veces tamén nos axuda o feito de os de dobre tracción levan máis peso adiante, polo que o centro de gravidade sitúase máis cara o centro do tractor.

Debemos ser conscientes das características do vehículo que levamos: Os tractores non teñen amortecedores e as irregularidades do terreo non as absorben da mesma maneira que un automóbil.

-Para conducir un automóbil debemos obrigatoriamente pasar un psicotécnico e levar o vehículo a ITV, pero no caso do tractor parece que hai moita mais lasitude, e non é infrecuente ver a persoas de idade avanzada conducir esta maquinaria, mesmo sen pasar ITV. ¿Considera que falta unha maior control sobre o uso do tractor? ¿Que cambios lexislativos considera que serían necesarios?
Deberíase mellorar no sentido de que para conducir un tractor se esixiran uns coñecementos mínimos sobre este tipo de vehículos. Boto de menos que a xente estea máis concienciada dos perigos que implica o manexo do tractor. O Psicotécnico e a ITV axúdannos a constatar tanto o estado do condutor coma do vehículo. Un vehículo non pode circular por unha vía pública sen dispor da ITV en vigor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información