O cambio climático beneficiará en xeral ao cultivo da vide en Galicia, grazas á diminución das xeadas, das enfermidades fúnxicas e ao aumento da superficie cultivable de viñedo. Con todo, haberá un aumento dos danos provocados por vagas de calor, especialmente en comarcas como O Ribeiro.
Esta é unha das conclusións do informe “Cambio climático e viñedo no Estado Español” que recentemente presentou en Castrelo de Miño (Ourense) Pablo Resco, responsable técnico de COAG e investigador do CEIGRAM, dentro dunha xornada formativa sobre a influencia do cambio climático no cultivo do viñedo organizada polo Sindicato Labrego Galego e a COAG
Segundo informa de COAG “Cambio climático e viñedo no Estado Español”, ¿Corre perigo o viñedo en España co cambio climático ou estase esaxerando?
O viñedo é un cultivo moi adaptado ás condicións extremas mediterráneas, polo cal o cultivo non corre perigo en España, teranse que adaptar o manexo e as variedades para manter e mellorar a calidade e mantendo a rendibilidade económica. Este estudo está feito para que os viticultores poidan ter información climática para os próximos 30 anos e que poida servir para tomar decisións agora.
Cal sería o peor escenario?
É unha pregunta moi xenérica: Para quen? Onde? Pódese falar dun incremento de danos por vagas de calor e descenso das xeadas. Precisamente nas zonas xa de por si máis calorosas experimentaríase maior incremento nas vagas de calor que nas zonas máis frías que experimentarían máis beneficios por menos danos por xeadas.
“Haberá un incremento dos danos por ondas de calor e descenso das xeadas”
Seguirá sendo sustentable a viticultura de regadío como xa se fai neste momento en gran parte da Meseta?
O regadío é unha ferramenta moi útil contra o Cambio Climático, polo que non se pode falar en contra do regadío. Si que habería que entender que o regadío enfocado a obter producións moi altas e de calidade máis baixa tería que revisarse para mellorar a eficacia no uso dos recursos hídricos.
Tería que reducirse as necesidades hídricas dos cultivos con técnicas de cultivo distintas e con regas deficitarias e que permitan que as raíces afonden para mellorar a resistencia do cultivo
¿Poderíase dicir que a viticultura moderna sacrificou a sustentabilidade e resistencia á seca da viticultura tradicional en aras de aumentar a produción?
En xeral estendéronse técnicas de cultivo que poden ser aptas para unhas zonas sen ter en conta condicións de solo e clima locais. En xeral fomentouse producións moi altas que teñen beneficios no curto prazo pero que non garanten unha viticultura sustentable no longo prazo.
Galicia parece que sería unha das Comunidades nas que o cultivo da vide sairía beneficiado co cambio climático. En que medida?
A viticultura baséase nun equilibrio entre a vide, o clima e o solo. Todas as zonas onde existe o cultivo terán que adaptarse ás novas condicións, aínda que en comparacións relativas as dificultades que pode afrontar Galicia serán menores segundo as zonas. Non hai que esquecer que existen moitos microclimas, sobre todo en zonas cunha orografía complicada como en Galicia.
“En Galicia aumentarán as zonas aptas para o viñedo”
En xeral poderemos ver que climáticamente o número de zonas aptas aumentará en Galicia, o cal pode traer dificultades comerciais se se incrementa a produción. Tamén descenderá o número de xeadas e o descenso de humidade podería ser beneficiosa para a calidade do cultivo. Sería o incremento da calor o maior problema, sobre todo na época de maduración, o que podería afectar á calidade se non se toman medidas. É posible que a maduración se adiante e canto máis curto sexa o ciclo peor, xa que os incrementos de temperatura serán maiores nos meses estivais.
Con todo, as 5 denominacións de orixe galegas son moi diferentes en canto a climatoloxía. ¿Hai datos ou estimacións no informe sobre como afectará o cambio climático a cada unha delas?
Aínda que cada viñedo é un mundo, en principio os viñedos situados nas zonas máis calorosas como algúns de O Ribeiro, os viticultores terán que estar moi atentos a previr os efectos de posibles incremento dos danos por vagas de calor. Con todo, en xeral, todas terán que adaptarse para tentar conseguir prolongar os ciclos e que a maduración teña lugar en condicións de temperatura adecuadas.
“O contar con variedades locais pode axudar a enfrontarse ao cambio climático”
E ante esta situación, ¿Que medidas de carácter agronómico poden tomar os viticultores?
Haberá que estar moi atentos ás variedades actuais para ver como se comportan, non existe información sobre moitas variedades e o seu comportamento en condicións climáticas diferentes. Normalmente, o contar cun gran número de variedades locais será de gran axuda para enfrontarse ao novo clima. Seguir investigando con variedades e portaenxertos ou distintos sistemas de poda e cultivo é tamén moi importante.
Con todo, sería posible ampliar tamén o número de variedades traendo de sitios máis cálidos ou de variedades distintas.
Cre que existe concienciación por parte das Administracións do problema ao que nos enfrontamos na viticultura en España? Pregúntoo porque as reparticións de novas superficies de viñedo seguen primando as áreas máis afectadas no futuro polo cambio climático…
Hai que ter en conta que é un cultivo con períodos de amortización moi elevados, que require de grandes investimentos en campo e en adega, polo que calquera estratexia e plan de actuación ten que ter en conta a viabilidade a longo prazo. Por iso é importante que se faga reflexión sobre o modelo de viticultura que temos e ao que nos diriximos en cada unha das zonas, coñecendo as futuras condicións ambientais e a dispoñibilidade dun recurso tan importante como é a auga. Esta reflexión tennos que servir para garantir a sustentabilidade ambiental e económica dun cultivo moi importante.
Algo máis que queiras engadir?
O Cambio climático xunto coa globalización son os retos máis importantes aos que se enfronta a viticultura actualmente. A caída do consumo nos países tradicionalmente consumidores fai que a exportación sexa unha necesidade cada vez maior para o viño.
Pero nos países onde máis medra o consumo hai que competir non só con Francia ou Italia, tamén cos novos países do Novo Mundo (USA,Chile…). Todo isto fai necesario que se poida garantir a calidade da produción para poder exportar, garantindo un equilibrio entre produción, custo de produción, prezo de venda e calidade, que sexa sustentable coas novas condicións climáticas.