Gurgur: iogur de leite galego 100% directo do gandeiro ao consumidor

Gandería Chousa Nova SC de Bama (Touro- A Coruña) aposta pola diversificación transformando o leite na propia explotación. Levan algo máis dun ano comercializando os seus propios iogures baixo a marca Gurgur, e veñen de presentar un novo envase individual.

Gurgur: iogur de leite galego 100% directo do gandeiro ao consumidor

A incerteza ante as variacións do prezo do leite, o que no argot académico denominan volatilidade dos prezos, está a fomentar iniciativas de explotacións de vacún de leite que deciden transformar elas mesmas o seu produto para aumentar os seus ingresos.

Este é o caso de Gandería Chousa Nova SC, de Bama, no concello de Touro (A Coruña). Esta explotación familiar, cunhas 50 vacas en muxido, está a apostar pola elaboración de iogur artesán, que comercializan baixo a marca Gurgur, como unha forma de darlle valor engadido ao leite. Levan algo máis dun ano no mercado e, aínda que como en calquera empresa, os comezos non son fáciles, as súas cifras de produción van medrando e este 2016, o segundo en funcionamento, prevén consolidar a súa rendibilidade.

O impulsor deste iniciativa foi David Fernández, un mozo emprendedor, óptico de formación, que convenceu aos seus pais e ao seu irmán de que era necesario diversificar os ingresos.

“En decembro de 2012 os baixos prezos do leite e os altos prezos das materias primas leváronnos a pensar en como manter a rendibilidade: se aumentando o número de vacas ou apostando por diversificar”, explica David.

Finalmente optaron por esta segunda opción, aproveitando que a explotación atópase ao lado do Camiño de Santiago, “o que supoña un nicho e un plus comercial para o iogur artesán natural”.

 Cambiaron a alimentación das vacas para subir a porcentaxe de proteína

A decisión de apostar por un derivado lácteo como o iogur debeuse a tres razóns, segundo explica David Fernández: “o iogur é un produto menos perecedoiro que o leite, xa que aguanta ata 28 días; non ten o problema da xestión do soro e a transformación leite-iogur é practicamente 1-1 (dun litro de leite vense obtendo 1 kilo de iogur)”.

Para lograr unha calidade óptima do iogur, cambiaron a alimentación das vacas para subir a porcentaxe de proteína ata 3,35 mentres que a materia graxa mantívose en 3,44.

Primeiros pasos: reutilizar instalacións para reducir gastos

En 2013 David incorpórase á explotación, na que xa traballaban os seus pais e un irmán, e presenta o proxecto ao Programa Leader. “O custo total foi duns 70.000 euros sobre todo no equipamento, xa que para o local do obradoiro adaptamos as vellas instalacións da explotación”, asegura David. O equipamento que adquiriron foi un lactofermentador, un medidor de PH, unha cámara frigorífica, construíron un pequeno almacén e mercaron unha furgoneta frigorífica para a distribución do produto.

En outubro de 2014 David comeza a comercializar os primeiros iogures, en envases de 4 kilos para hostalaría, restauración e repostería baixo a marca comercial de Gurgur. A orixe do nome está nun cativiño: “o fillo do meu primo cando estaba empezando a falar para pedir iogur dicía gurgur, e pareceume o nome axeitado, porque repite a última sílaba de iogur, é curto, fácil de dicir e aínda máis fácil de recordar”.

 Venden iogur en envases de 4 kg para restaurantes e pastelerías e envases individuais de 140 gramos

En canto ao formato, comercializan dous tipos de produtos: iogur batido, que se vende en cubos de 4 kilogramos, e iogur en envases de 140 gramos para consumo individual que veñen de presentar o pasado mes de decembro.

O procedemento de elaboración é sinxelo: o leite pasteurízase quentándoo ata 92 ºC durante 40 minutos, o que axuda a reducir o volume de auga do leite, pero conservando as súas propiedades nutricionais. Posteriormente báixaselle a temperatura ata que acade os 40ºC, momento no que se lle inoculan os lévedos, deixándoos actuar entre 4 e 6 horas ata obter iogur. Refrixérase, envásase e listo para o consumo!

“A etiqueta de ingredientes do noso iogur é moi sinxela: 100% leite das nosas vacas”

David coas vacas da explotación e cos iogures Gurgur.

David coas vacas da explotación e cos iogures Gurgur.

O de maior formato David comercialízao principalmente en establecementos de hostalaría e repostería de Santiago de Compostela. Tamén empezou este verán a vender o seu iogur en albergues, casas rurais e restaurantes do camiño de Santiago ao seu paso pola comarca. “E o resultado foi que gustou moito aos peregrinos, sobre todo aos estranxeiros”, salienta David.

Ata agora a Gandería Chousa Nova ven transformando uns 400 litros de leite á semana, mentres que a maior parte do leite seguen vendéndoo a Feiraco. O obxectivo que se marca David é aumentar a produción para reducir os custos, de xeito que o obradoiro chegue ao 100% da súa capacidade de produción, estimada nuns 1.200 litros de leite á semana.

 Gurgur aposta por un produto diferenciado: iogur local e totalmente natural

David Fernández ve posible este reto xa que “se trata dun iogur diferenciado por estar elaborado exclusivamente con leite das vacas da nosa gandería, sen aditivos como xelatinas e almidóns, e ademais é un produto de cercanía”.

“A etiqueta de ingredientes do noso iogur é moi concisa: só é leite e nada máis que leite de vaca e iso o consumidor valórao”, subliña.

Neste sentido, David Fernández confía que este 2016 sexa o ano da consolidación da viabilidade económica de Gurgur, sobre todo no verán, que é cando máis aumenta o consumo de iogur, tanto pola climatoloxía como pola afluencia de peregrinos e turistas.

Para contactar con Gurgur o seu enderezo electrónico é info@gurgur.es

5 ideas sobre “Gurgur: iogur de leite galego 100% directo do gandeiro ao consumidor

  1. Miguel A. Qunteiro

    Lástima que non digades nD sobre aalimentación das vacas, polo que teño que supoñer quea leite non teña acalificación de “ecoloxica”…

    Eu estou nunha cooperativa de consumo,onde podo ercar iogures ecoloxicos, e teñen un pvp de 54 ctms.

    Contestar
  2. Inma

    Se lle cambiaron a alimentación seguro que o fixeron para que o leite foxe mais ecolóxico, ainda así, non sempre o ecolóxico e o máis bo.
    Que sorte tes traballar nunha cooperativa de consumo, non me creo moito que sendo ecolóxicos teñan un pvp de 0,54 ctms. Entón estasme a dicir que se sigue pagando a leite moi por debaixo do prezo que se tería que pagar. Porque entre o coste do leite, a elaboración do iogur, envasado, etc, ¿estasme a dicir que só costa 0,54 ctms?, entón unha de duas, ou non son ecolóxicos ou comprades a leite moi por debaixo do prezo que deberíase de estar comprando.
    Eu sempre compro producto galego porque temos que fomentar a nosa industria. Todavía non probei estes iogures, pero vou intentar conseguilos e probalos, xa que teñen moi boa pinta.
    A parte en vez de ter un envase de plástico, o ten de cristal, que se pode reutilizar, e dicir, o plástico deveríase de eliminar xa que o cristal e o millor para estes productos porque se conserva moi ben.
    A parte os vasiños de cristal se lles pode dar unha segunda vida na tua casa de diferentes maneiras.
    Espero non haber ofendido a ninguén co meu comentario, e se o fixen pido perdón.
    Moitas gracias.

    Contestar
  3. Rosi

    Yogures hay muchos…Está bien que os busquéis la vida sin depender de terceros.Es una pena que, dado lo poco que hay ecológico, no os planteéis cambiar el modo de vida , alimentación y pastioreo ecológico de vuestros animales. Además, si los productos son PASTEURIZADOS…apaga y vámonos. España está CONTAMINADA y obsoleta. Hay que despertarse que nos hundimos en la enfermedad, la intoxicación y la alimentación sin nutrientes que, a lo único que nos aboca es a la enfermedad….

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información