Gundián, o albariño da ribeira do Ulla

Adega Valdés, ubicada en Vedra, lidera a posta en valor da subzona do Ulla na Denominación de Orixe Rías Baixas. O seu viño caracterízase por notas máis frescas e afroitadas

Publicidade
Gundián, o albariño da ribeira do Ulla

Finca de Adega Valdés en Vedra, no val do río Ulla.

Adega Valdés, ubicada en Vedra (A Coruña), é unha das firmas que está a tirar pola subzona da Ribeira do Ulla. Desde que o Ulla entrou na denominación de orixe Rías Baixas, no 2001, Valdés acumula máis dunha vintena de premios en certames nacionais e internacionais, así como puntuacións destacadas nalgunhas das principais guías vinícolas. No 2014, os seus viños recibiron tamén o selo de Galicia Calidade, a marca que distingue ós produtos galegos de calidade.

A produción de Adega Valdés ronda as 300.000 botellas ó ano, centradas sobre todo en monovarietais de albariño baixo marcas como Gundián ou Mayor de Gundián. Elaboran tamén un multivarietal de albariño con treixadura, Pazo Viladomar, e contan asimesmo cada ano cunha tirada simbólica de mencía, tamén amparada pola denominación de orixe.

Bancais de treixadura.

Bancais de treixadura.

Tradición vitícola no Ulla
Os viñedos de Valdés sitúanse no val do Ulla, unha comarca que, igual que outras zonas de ribeira de Galicia, foi de sempre de tradición vitícola. Cando a finais do século XIX, a praga da filoxera levou por diante boa parte das viñas autóctonas, no Ulla sustituironse castes tradicionais, coma o albariño, polas vides americanas, que eran resistentes á praga e que ademais ofrecían altas producións.

Esa tendencia invertiuse nas últimas décadas do século XX, en busca da calidade e da recuperación das castes autóctonas. O proceso culminou no 2001 coa inclusión da subzona da Ribeira do Ulla na Denominación de Orixe Rías Baixas. Desde entón, nos últimos 15 anos, os viños do Ulla xa acadaron numerosos recoñecementos tanto a nivel galego como internacional.

En Adega Valdés, a lista de premios recibidos é longa. De entre eles, un dos que máis satisfacción produciu foi o primeiro premio da Festa do Albariño de Cambados no 2012. A adega xa recibira con anterioridade as distincións de prata e de bronce en Cambados, pero resistíaselle o máximo galardón, que veu representar un recoñecemento non só para os viños de Adega Valdés, senón para toda a subzona da ribeira do Ulla.

Interior da adega.

Interior da adega.

Características dos viños
“Os viños da subzona do Ulla caracterízanse por ser viños máis frescos e máis afroitados” -explica o enólogo da adega, Óscar Pallares.- “Temos unhas condicións particulares de chan, cun solo menos granítico que outras zonas, un contraste de temperaturas máis alto entre o día e a noite e unha maior altitude, que son factores que lle dan á uva unhas características particulares”.

A adega céntrase na produción de viños novos, se ben tamén sacou ó mercado no 2014 unhas 5.000 botellas de albariño criado sobre lias, un sistema baseado en deixar o viño en contacto coas levaduras que producen a súa fermentación. “Danlle ó albariño uns toques de madeira” -valora Óscar Pallares.- “Probablemente sigamos con estas experiencias nun futuro”.

Os principais mercados da adega sitúanse en Galicia e no resto de España. Tamén exporta a diversos países de Europa, como Alemania, Suiza, Bélxica ou Gran Bretaña, así como a Estados Unidos.

Cultivo da viña
A uva da subzona atrae cada vendima unha alta demanda de adegas de toda a denominación de orixe Rías Baixas. En Adega Valdés abastécense da produción propia, que cultivan nunha finca de case 20 hectáreas, e mércanlle tamén parte da uva a viticultores do Ulla.

Viñedo en emparrado.

Viñedo en emparrado.

“Unha das características que destacaría na subzona é que as viñas plantáronse en parcelas moi propicias para a produción. Hai un cultivo ordenado”, valora José Rosende, o responsable de campo de Adega Valdés. A propia finca da adega é un exemplo de emprazamento idóneo para a viticultura. Ubicada a media ladeira, no val do Ulla, e con orientación sur, a finca recibe o sol desde primeira hora da mañá ata a tardiña.

As cepas están ademais en emparrado, un sistema que facilita unha maior exposición solar ó longo de todo o día, así como unha menor humidade. “En espaldera, que é o sistema máis habitual, cada parte da espaldera só recibe o sol unhas horas determinadas do día. Co emparrado, obtemos mellores calidades e reducimos tamén problemas de enfermidades”, compara Óscar Pallares. Como desvantaxe, o emparrado dificulta máis o traballo á hora de podar e atar a viña.

Torres contra as xeadas

En relación a outras subzonas de Rías Baixas, a principal cuestión a ter en conta no manexo do viñedo no Ulla é o maior risco de xeadas primaverais. Para reducir o perigo, a finca de Adega Valdés dotouse de tres torres equipadas con aspas que se poñen a funcionar cando as temperaturas nocturnas baixan en exceso.

Torres contra as xeadas.

Torres contra as xeadas.

As torres moven o aire contra o chan, xenerando correntes de aire que dificultan que calle a xeada. O aire superior ten ademais unha temperatura maior, polo que o desprazamento do aire das capas superiores cara abaixo tamén contribúe a aumentar a temperatura en torno ás cepas. Cada torre calcúlase que pode cubrir unha superficie de arredor de 5 hectáreas.

Unha alarma actívase cada noite cando a temperatura baixa de 6º centígrados. Se a activación se produce na primeira parte da noite, o risco de xeada é claro e póñense en marcha as torres. “Esta primavera está a vir suave e só tivemos que arrancalas 5 días polo de agora”, apunta José Rosende. “O perigo principal prodúcese cando hai un adianto grande da brotación e logo chegan fortes xeadas na primavera. Esa situación pode producirse un ano de cada dez e as perdas entón son moi importantes”, valora.

En previsión dun escenario como ese, a adega dotouse tamén hai uns anos de cañóns de calor que complementan a acción das torres, se ben ata agora só tiveron que poñelos en marcha unha noite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información