Guísamo acollerá a vindeira semana dous cursos sobre arboricultura

Un deles tratará sobre o mantemento básico da motoserra e o outro sobre técnicas avanzadas de trepa e apeo controlado

Un momento do curso de mantemento da motoserra.

O curso que comezará o luns 28 tratará sobre os aspectos básicos do mantemento da motoserra

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para a vindeira semana dous cursos sobre traballos de arboricultura no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.

Así, o luns 28 de setembro comezará un obradoiro temático sobre seguridade nos traballos de arboricultura, centrados no mantemento básico da motoserra. Este curso ten unha duración de 18 horas que se impartirán en horario de tarde e rematará o vindeiro 2 de outubro. Nel, tratarase a prevención de riscos nos traballos que se realizan con esta ferramenta, así como a mecánica e mantemento da motoserra.

O curso de motoserra impartirase polas tardes e o de trepa en horario de mañá e tarde

Asimesmo, o martes 29 de setembro dará comezo o curso sobre técnicas avanzadas de trepa e apeo controlado en árbores e palmeiras. Este outro obradoiro ten unha duración de 60 horas en horario de mañá e tarde, rematando o vindeiro 4 de novembro. Entre os temas a tratar está a introdución á estrutura, fisioloxía e anatomía vexetal, centrada sobre todo en árbores e palmeiras. Tamén se abordarán as técnicas de trepa, poda e apeo controlado, onde se analizarán os protocolos a seguir para un correcto ascenso, aseguramento e distribución de cargas.

Estes cursos están integrados no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Para poder participar nestes dous cursos é preciso remitir cuberto o seguinte formulario de inscrición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información