Guía para solicitar a PAC 2021 en Galicia

Analizamos as novidades a ter en conta esta campaña nas axudas da Política Agraria Común

Guía para solicitar a PAC 2021 en Galicia

A PAC 2021 mantén as liñas de axudas dos últimos anos, pero chega con novidades nos procedementos, ferramentas de apoio e controis. Repasamos as principais cuestións a ter en conta coa axuda de Jorge Piñeiro, subdirector xeral de xestión da PAC (Fondo Galego de Garantía Agraria, Fogga – Consellería do Medio Rural).

Estímase que en Galicia haberá 25.000 solicitantes da PAC, que percibirán 205 millóns de euros.

Consultas da PAC

Pódese consultar información sobre dereitos, resolución de axudas ou cambios no Sixpac nun apartado da web do Fogga. Tamén se poden facer alegacións na solicitude da PAC.

Aplicacións móbiles (Apps)

Existen tres aplicacións móbiles (dispoñibles en Google Play ou App Store) que facilitan o acceso a información e interacción dos beneficiarios na xestión das súas solicitudes.

  • Sga@app. Permite a consulta de solicitudes da PAC e alegacións ó Sixpac. Os beneficiarios sometidos a controis por satélite poderán consultar a través desta aplicación o informe final do control.
  • SGAFoto. Cando sexa necesario facer fotos xeorreferenciadas para a solicitude da PAC (ou para alegacións ó Sixpac), poderanse tomar por medio desta aplicación.
  • InfoPAC. Con información sobre dereitos de pago básico, normativa e novas.

Fotos xeorreferenciadas

Na campaña 2021, presentaranse fotografías xeorreferenciadas tanto para alegacións ó Sixpac como para determinadas solicitudes da PAC. Pódese consultar na web do Fogga unha guía coas directrices para a toma de imaxes.

Os casos nos que haberá que aportar fotos xeorreferenciadas son os seguintes:

Solicitudes de alegacións ao SIXPAC: deberán aportar 2 fotografías datadas e xeorreferenciadas, (indicando sobre a saída gráfica do visor o punto e a dirección coa que foron tomadas), os recintos que impliquen un incremento do valor do coeficiente de pastos (CAP), ou cambios de uso forestal (FO) aos usos pasto (PS), pasto con arboredo (PA) ou pasto arbustivo (PR). Tamén os cambios dos usos pasto con arboredo (PA) ou pasto arbustivo (PR) ao uso pasto (PS).

Solicitudes da PAC
Nos seguintes casos, deberán aportarse 2 fotografías datadas e xeorreferenciadas, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto e a dirección coa que foron tomadas.

  • Recintos con superficie solicitada nas liñas de axuda asociadas: cultivos proteicos e legumes de calidade.
  • Recintos con declaración de superficies de interese ecolóxico (SIE) do pagamento verde no período principal de cultivo, nos concellos con control mediante monitorización.

Alegacións ó Sixpac

O Sixpac, o sistema cartográfico para a declaración de parcelas agrícolas, está en constante actualización. É responsabilidade das persoas interesadas comprobar a información contida no SIXPAC; en concreto, deberán comprobar que a delimitación gráfica e o uso asignado aos seus recintos é correcto. Así mesmo, deberán asegurarse de que os seus recintos non conteñen elementos non elixibles, en particular, camiños e edificacións.

No caso do que o SIXPAC non reflicta a situación real das parcelas debe realizarse a oportuna alegación, dado que a información non coincidente coa realidade pode dar lugar a sancións nas axudas. O prazo de presentación rematará o 31 de maio. Non obstante, haberá un período adicional de actualizacións ata o 31 de outubro, sen efectos para as axudas da campaña 2021.

Incidencia ‘Pasto permanente con actividade de mantemento 5 anos consecutivos’
En recintos de pasto, pasto con arboredo ou pasto arbustivo que se tivesen declarado nos últimos 5 anos con actividades de mantemento, é probable que salte no Sixpac a incidencia 186, que convirte o recinto en ‘Non elixible’ para as axudas, pois enténdese que está en risco de abandono. A catalogación de ‘Non elixible’ manterase a non ser que o solicitante poida demostrar que está realizando unha actividade agraria sobre o recinto, presentando a correspondente alegación.

Declaración gráfica en zonas de concentración
Na campaña 2021, creouse unha nova capa gráfica no SIXPAC coas parcelas de reemplazo das zonas de concentración definidas no Anexo III da Orde da PAC. Isto permitirá na maioría dos casos, a declaración gráfica das parcelas de reemprazo das concentracións parcelarias.

Cesión de axudas con cesión de explotación

A data fin de presentación da solicitude de cesións de axudas mantense á 30 de setembro de 2021, para que a axuda poida calcularse no pago do anticipo. O procedemento MR239G, para as cesións de axudas con cesión de explotación deberá realizarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Controis mediante monitorización por satélite

No 2019 Galicia incorporouse a un novo sistema de control coñecido como monitorización, que consiste en utilizar as novas tecnoloxías e as imaxes de satélite para realizar un seguemento continuo do 100% das superficies declaradas no 100% das solicitudes.

Para introducir paulatinamente este control, que se xeneralizará a partir do 2022, nesta campaña o FOGGA estenderá a monitorización a unha serie de concellos de cada provincia:

A Coruña: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

Lugo: Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade e Lugo.

Ourense: Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo.

Pontevedra: Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei.

Cada control fará un seguemento de todas as parcelas do beneficiario e dará como resultado un semáforo de cores. Se o resultado é cor verde, interprétase que todo está correcto; se é amarelo, hai dúbidas sobre posibles desaxustes, en tanto que a cor vermella indica falta de coincidencia entre o declarado e o control. En agosto, o Fondo Galego de Garantía Agraria comunicará as parcelas clasificadas con cores amarela e vermella, de xeito que as solicitudes poidan modificarse ata o 15 de setembro.

Os informes de control finais estarán dispoñibles no expediente electrónico individual accedendo ao Portal de axudas PAC (web FOGGA) e a través da app Sga@pp. Notificaranse ademais mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Converxencia de dereitos de pago básico

Este ano e o próximo, como xa se ten informado, en cada rexión agronómica haberá unha certa converxencia dos dereitos de pago básico cara o valor medio da rexión. Cada beneficiario pode consultar na web do Fega como quedan os seus dereitos de pago básico esta campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información