As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Guía da nova PAC: esquema das axudas, requisitos e cantidades

As actividades produtivas sostibles e resilientes co medio serán beneficiadas nas axudas directas e nas de desenvolvemento rural, os dous primeiros piares da PAC, aínda que se incorporan certas novidades tanto nas primas como nos requisitos para conseguilas

Guía da nova PAC: esquema das axudas, requisitos e cantidades

Cada explotación poderá cambiar de ecoréxime dun ano a outro / Arquivo

As axudas dos dous primeiros piares da PAC inciden na actividade agrogandeira e nos desafíos medioambientais plantexados na PAC 2023-2027. Os apoios económicos directos do primeiro pilar dividiranse en dous tipos: aqueles desacoplados da produción e outros dependentes dela. No segundo pilar da PAC están aquelas destinadas ao desenvolvemento rural, nas que se encaixan as axudas agroambientais, e as destinadas a zonas con limitacións naturais e o ecolóxico.

“No grupo das axudas desacopladas da produción encáixase a axuda básica para a sustentabilidade (ABR), as redistributivas complementarias á anterior ou os ecoréximes. No segundo caso, nas acopladas á produción, están os apoios vencellados á tipoloxía de gando, entre outras”, detalla o xefe do Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) en Lugo, José Manuel Ferreiro, quen explicou as novidades da nova PAC na última xornada tecnica da Asociación de Criadores de la Raza Porcina Celta (Asoporcel) celebrada o pasado 26 de novembro.

Axudas ao desenvolvemento rural: requisitos e cantidades

Neste segundo piar da PAC atópanse as axudas a zonas de montaña, e as agroambientais. Dentro deste último grupo enmárcanse aquelas dirixidas aos cultivos sostibles, ao fomento dos pastos, ás razas autóctonas en perigo de extinción ou mesmo os complementos por convivencia por grandes carnívoros, entre outras.

-Axudas a zonas de montaña: En canto aos apoios en zonas de montaña “é similar ao que hai agora. Optarían a elas agricultores activos a título principal ou explotacións prioritarias. A superficie mínima indemnizable en cada unha será de 2 hectáreas ata un máximo de 60, cunha carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha. O importe base establecido é de 155€ por hectárea”, expón José Manuel Ferreiro.

-Axudas agroambientais:  Estas teñen un radio de acción máis amplo e unhas condicións xerais a todas: “as explotacións terán que estar dadas de alta no Reaga, non aplicar lodos de depuradora en ningunha parcela, recibir o servizo de asesoramento -ou acreditar unha formación axeitada-, manter o caderno de explotación actualizado e un compromiso de 5 anos”, avanza Ferreiro.

-Cultivos sostibles: Os cultivos sostibles representan un subgrupo dos apoios agroambientais, e á súa vez contén tres liñas principais: cultivos forraxeiros, cultivos extensivos y cultivos leñosos. Nos primeiros o que se pide é unha superficie mínima de 3 hectáreas, cunha rotación de cultivos de 2 anos consecutivos, onde cada ano ten que haber un cultivo diferente, alternando cultivos forraxeiros con cereais, pastos temporais, oleaxinosas, proteaxinosas, etc. Ademais, conta cunha serie de limitacións, como a prohibición de herbicidas e variedades transxénicas ou dispor dun plan de fertilización que contemple o uso de abonos orgánicos. A prima destes cultivos é de 150 euros por hectárea.

Dun xeito similar á anterior están os cultivos extensivos, nos cales se require unha superficie mínima de 5 hectáreas cunha rotación de 3 anos consecutivos con un tricultivo -pataca, cereal, exceptuando o millo, e un terceiro que sexa de horta, leguminoso, proteaxinoso, etc.-. As limitacións son as mesmas que nos forraxeiros excepto porque se permite o uso de herbicidas xustificados pola autoridade competente, e de insecticidas sempre que haxa xustificación mediante trampeo. A prima neste caso é de 180 euros/hectárea.

No caso dos cultivos leñosos contémplanse dous grupos: os viñedos en pendente, nos que esixen unha superficie mínima de 0,5 hectáreas, máis dun 20% de desnivel, o mantemento de muros ou bancais, e non labrar a favor da pendente; as froiteiras -oliveiras, maceiras e castiñeiros- cunha superficie mínima de 1 hectárea, sempre que se manteña cuberta vexetal entre as liñas de plantación, e ao igual que a anterior, sen aplicar fitosanitarios no cultivo excepto casos xustificados. En ambos grupos a prima é de 200€/ha.

-Fomento de pastos e para prevención de ataques de lobo:  Na mesma medida, o fomento de pastos contémplase coma unha axuda agroambiental máis. Para obtela é necesario unha superficie mínima de 5 hectáreas, manter o 70% da superficie en pasto temporal ou permanente, aplicar só fertilización orgánica e ter unha carga gandeira de entre 0,4 UGM/ha e 2 UGM/ha sobre o total de terreo da explotación. A prima por extensificación de prados é de 110 euros/ha.

Ademais, “o que estivera acollido a de fomento de pastos, e se localice nun dos concellos que a Consellería do Medioambiente teña rexistrados ataques de lobo, podería acollerse a un suplemento. Para iso, aquelas explotacións solicitantes terán que pastorear polo menos con 15 UGM tendo á súa disposición sistemas de vixiancia e coidado. Esta prima complementaria por convivencia con grandes carnívoros é de 75€/ha, ata un máximo de 50 hectáreas”, explica José Manuel Ferreiro.

-Produción en ecolóxico e razas autóctonas: Aparte das axudas para agricultura, gandería e apicultura ecolóxica -cun mínimo de 80 colmeas en zonas con limitacións naturais- existe outra liña que subvenciona os cultivos en risco de erosión xenética, a cal marca como requisito dispor dunha superficie mínima de 2 hectáreas de trigo autóctono -callobre ou caaveiro- con semente certificada.

Tamén se contemplan as razas autóctonas en perigo de extinción entre esta tipoloxía de axudas. Para optar a elas cómpre dispoñer dun mínimo de 5 UGM en gando equino e bovino, e con outros tipos de gando -porcino ou ovino- 2,5 UGM. Tamén é necesario participar no programa de mellora xenética da raza e ter inscrito o gando no libro oficial de rexistro xenealóxico da raza. A prima neste caso é de 200€ por UGM.

Axudas directas desacopladas da produción: requisitos e cantidades

-Axuda básica á renda para a sustentabilidade (ABR); É un apoio similar ao pagamento básico cunha mesma estrutura por rexións -neste momento hai 50 pero no próximo período redúcense a 20- e cuns dereitos asignados. Aínda así, existen certos matices: na PAC 2023-2027 as rexións fixaranse en función do cultivo declarado nesa parcela no 2020 e, ademais, realizarase unha conversión de dereitos en dous períodos.

“O primeiro, xa pasado, entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro de 2023, que da lugar a unha conversión provisional en función da equivalencia de rexións entre pago básico e axuda básica á renda, e a superficie dispoñible de cada declarante durante o ano pasado. Esta última comunicarase antes do inicio da solicitude da PAC e a conversión definitiva concluirá antes do 1 de abril de 2024”, amplía Ferreiro.

Aquelas persoas que non teñan os dereitos e queiran acceder a eles poderán facelo a través de compra ou mediante o censo da Reserva Nacional. A esta última poden acceder agricultores mozos, novos agricultores, e quen estea lexitimado por unha sentenza administrativa firme. “Como novidade, poderán acceder á Reserva Nacional agricultores en desvantaxe, é dicir, aquelas que tiveran actividade desde o 2015 pero que nunca optaran a dereitos de pago básico, ou ben, aqueles que participen en programas de reestructuración da propiedade -aquí en Galicia, corresponderíase con todas as formas acollidas na Lei de Recuperación de Terra Agraria-”, avanza o xefe do Servizo Territorial.

-Axuda redistributiva complementaria: “Cobraraa quen teña dereito á ABR e polas hectáreas declaradas, independentemente de que a persoa beneficiaria teña dereitos de pago básico para cada unha delas ou non”, especifica Ferreiro. A cantidade determínase por tramos -os cales varían por rexión da superficie declarada-, por iso, existe un primeiro umbral, en función das hectáreas declaradas, no que se cobrará o 20% do valor medio dos dereitos da rexión; entre este primeiro tramo e o segundo cobrarase o 40%”, explica.

Exemplo dos tramos da axuda redistributiva complementaria por rexións concretas. Fonte: José Manuel Ferreiro

Exemplo dos tramos da axuda redistributiva complementaria por rexións concretas. Fonte: José Manuel Ferreiro

– Axuda complementaria para agricultores mozos:  Poden ser beneficiarios dela mozos e mozas que se incorporaran á actividade no ano de solicitude ou nos 5 anteriores, e por primeira vez na súa vida laboral. Ademais destes requisitos, ao igual que ata agora, “terá que estar dado de alta na Seguridade Social, acreditar formación e ter un control efectivo a longo prazo da explotación”, detalla José Manuel Ferreiro. Consistirá nun pago anual por hectárea subvencionada -máximo 100ha- por un importe igual ao valor medio da rexión, cun suplemento do 15% para agricultoras mozas -chegando ao 115%-.

-Ecoesquemas: A terceira liña de axudas son os ecoréximes, polo cales a PAC remunerará ás explotacións que leven a cabo algunha práctica agrícola ou gandeira beneficiosa para o clima e o medioambiente. Do mesmo xeito, “son compromisos anuais e voluntarios, isto é, podo acollerme este ano a un e para o ano cambiarme de ecoréxime; os pagos anuais son en función das hectáreas acollidas a unha determinada práctica das 7 posibles”, concreta Ferreiro.

Axudas directas acopladas da produción: 

Neste apartado de axudas directas tamén estarían aquelas que están acopladas á produción, nas que se destinan certas cantidades a prácticas como a produción de leite sostible, o vacún extensivo, o engorde de becerros ou o gando ovino e cabrún de produción de carne e leite. Ademais, tamén se incluiría a produción sostible de proteína vexetal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información