Guía completa sobre plantacións de castiñeiro: os tres modelos silvícolas

Recomendacións e obrigas para as producións de madeira, castaña e conservación de soutos tradicionais

Guía completa sobre plantacións de castiñeiro: os tres modelos silvícolas

A Xunta vén de publicar recentemente unhas fichas prácticas para a silvicultura das principais especies forestais de Galicia. Son os denominados modelos silvícolas, ós que se terán que adherir progresivamente tódalas parcelas forestais da comunidade que non conten cun plan de ordenación. Repasamos a continuación os modelos silvícolas do castiñeiro, tanto os orientados á produción de froito como de madeira.

Modelo silvícola de plantacións para madeira

  • Especie principal. Castanea sativa Miller, plantada a unha altitude de máis de 550 metros; ou Castanea x hybrida, plantada en altitudes menores. Este modelo tamén é aplicable a formacións mixtas con piñeiros ou outras frondosas autóctonas.
  • Obxectivo. Conseguir madeira para serra e chapa. Entre 200 e 250 pés por hectárea (ha) de calidade en corta final.
  • Distritos preferentes de aplicación. Tódolos distritos forestais.

 

Rexeneración

  • Marco e densidade de plantación.
    • Plantación de alta densidade para madeira: 815-1.430 pés/hectárea (ha) (3,5 x 2 m; 3,5 x 3 m; 3,5 x 3,5 m e 4 x 2 m). Deixar 3,5 m nunha das direccións para mecanizar.
    • Plantacións de baixa densidade para madeira: 400-625 pés/ha (5 x 5 m a 4 x 4 m). Esixe o uso de material de excelente calidade xenética e morfolóxica (seleccionado en Castanea sativa e controlado en Castanea hybrida). Emprego preferente de variedades ou clons resistentes á avespiña.

É recomendable a rega e preparación de alcorques e o cumprimento das distancias mínimas establecidas no anexo ll da Lei 7/2012.

  • Mantementos. Reposición de marras e roza total o primeiro ano tras plantación. Mecanizado entre liñas de plantación e manual nas plantas. Aboado (N,P,K) baixo en nitróxeno e de liberación gradual.

 

Tratamentos silvícolas

  • Podas de formación. Aplicaranse podas de formación buscando formar fuste continuo e vertical, a partir dos 2 anos ata os 6-7 anos buscando 6 m de fuste recto, actuando repetidamente cada 2 ou 3 anos. É posible formar mediante poda só os pés de máis calidade (400 pés/ha de boa conformación). Absolutamente necesaria en plantacións de baixa densidade (5 x 5 m a 4 x 4 m). Moi importante ter en conta a desinfección da ferramenta entre árbores. Recoméndanse cortes limpos e o uso de seladores (todas estas actuacións destinadas a evitar ataque do chancro). Poda baixa de tódolos pés ata 2,5-3 m, poda alta a 6 m de 250 pés/ha.
  • Desmestas. Optativo. Baixar a densidade a 600-800 árbores/ha, realizarase só se se parte de alta densidade. Aos 8 ou 12 anos. Tratamento de restos de desmestas/podas por trituración, esparexido ou retirada para aproveitamento, segundo a lexislación vixente, no 50% das entreliñas.

A primeira rarea, con selección de 250 árbores/ha, debe ser temperán (13-16 anos) se non se fixo desmesta, para favorecer crecemento diametral. Con desmesta previa, farase aos 18-20 anos (deixando 370 árbores/ha). Obtense madeira para estacas ou trituración. Recoméndanse 2-3 rareas máis, con periodicidade de 7-8 anos, obtendo madeira serrable de pequena dimensión (primeiras rareas ou segundas), e serradura e ebanistería (segundas rareas en adiante), con tendencia a densidade final de 200 a 250 pés/ha. Recoméndase respectar arborado doutras frondosas autóctonas.

 

Corta final de rexeneración

  • Idade de corta. A idade recomendada é de 30 a 60 anos, dependendo da calidade de estación e do diámetro obxectivo. Recoméndase priorizar quendas longas para manter modelos de combustible de frouma baixo o arborado como estratexia preventiva de incendios.
  • Métodos de corta. A feito. Rexeneración en chirpiais de monte baixo. Posibilidade de utilización combinada de brinzais e resalvos como forma de rexeneración.

Madeira-de-castineiro-Maderas-Fernandez-

 

 

Modelo silvícola para a produción de froito

  • Especie principal. Castanea sativa Miller, plantada a unha altitude de máis de 550 metros; ou Castanea x hybrida enxerta, plantada en altitudes menores.
  • Obxectivo. Conseguir unha produción froiteira en novas plantacións.
  • Distritos preferentes de aplicación. Tódolos distritos forestais. Preferentemente, aqueles que coincidan coa indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, na actualidade:
    • Tódolos da provincia de Ourense.
    • Tódolos da provincia de Lugo agás os termos municipais do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo pertencentes ao Distrito VI.
    • Na provincia de Pontevedra o Distrito XVI e os termos municipais de Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis, pertencentes ao Distrito XIX.
    • Na provincia da Coruña os termos municipais de Boimorto, Melide, Santiso, Sobrado, Toques e Arzú pertencentes ao Distrito III.

 

Rexeneración

  • Marco e densidade de plantación.
    • Plantacións para froito: 50-100 pés/ha (10 x 10 m a 14 x 14 m), sendo admisible baixar ata 7 x 7 m en áreas de montaña máis setentrionais. Material de calidade xenética e morfolóxica, patrón (usualmente híbrido) enxertado con púa (C. Sativa) de variedade de alta calidade para froito (aconsellable monovarietal ou bivarietal con polinizadores).
    • Patrón: Usar material cualificado ou controlado no caso de clons híbridos de castiñeiro dos campos de plantas nai rexistrados. Para altitudes menores de 550m é obrigado o uso de castiñeiro híbrido (resistencia fronte a tinta). Altitudes maiores aconsellable castiñeiro silvestre. Recomendable a rega e preparación de alcorques. Ademais do cumprimento das distancias mínimas establecidas no anexo II da Lei 7/2012.
  • Variedades. Púa: as variedade recomendables de C. Sativa a enxertar no caso de que o patrón sexa un híbrido ou directamente no caso de plantas de castiñeiro silvestre son: “Amarelante”, “Famosa”, “Garrida”, “Longal”, “De Parede”, “Ventura e “Xudía”, así como as de boa aptitude como polinizador: “Negral”, “Picona”, “Serodia” e “Rapada”.
  • Mantementos. Reposición de marras e roza total os dous primeiros anos. Mecanizado entre liñas de plantación e manual nas plantas, ou químico consonte lexislación. Aconsellable rego e abono de liberación gradual (2-3 pílulas por planta 4/14/14 + 10CaO), así como granulado, tamén de liberación gradual (50 gr/planta 11/22/9 + 6MgO), ou mesmo a combinación de 100 gr/planta de P2O5 e 40gr/planta de K2O en forma de fosfatos naturais e sulfato potásico respectivamente.

 

Tratamentos silvícolas

  • Podas. Podas de formación buscando formar fuste con moitas pólas, con ampla copa. A comezar aos 7-9 anos e continuar cada 5 ou 6 anos ata conseguir obter unha cruz baixa entre 3-6 m e unha copa moi aberta cunha grande ramificación. Grande importancia nas medidas de prevención fitosanitaria. Aconsellable practicala no verán (mes de xullo). É necesaria a desinfección minuciosa das ferramentas de poda e selado tras o corte.

castañas

Modelo silvícola para a creación e coidado de soutos

  • Especie principal. Castanea sativa Miller, aplicable a formacións mixtas con outras frondosas autóctonas.
  • Obxectivo. Produción de froito ou mixta froito-madeira en soutos tradicionais.
  • Distritos preferentes de aplicación. Aqueles con presenza de soutos vellos de castiñeiro, en particular VII e VIII (Lugo) e XIII, XIV e XV (Ourense). Modelo orientado á xestión de soutos tradicionais con obxectivo principal de produción de froito, incluíndo actuacións de mantemento, mellora e restauración.

 

Rexeneración

  • Recollidas. Asegurar a recollida efectiva da colleita de castaña para evitar que se complete o ciclo de perforadores.
  • Mantemento. Control da vexetación de subpiso que poida supoñer risco de incendio, de modo que se facilite a recollida. Empregaranse, se as condicións o permiten, medios mecánicos. Control de rexeneración doutras especies que non contribúan ao aproveitamento principal.
  • Aproveitamentos complementarios. Compatibilidade con aproveitamento micolóxico e gandeiro, en especial coa retirada da folla desfrondada.

 

Tratamentos silvícolas

  • Podas. Poda de renovación de copas eliminando pólas envellecidas (que poderán supoñer aproveitamento madeireiro) e de baixa produción de castaña. Renovación de copa progresiva (cada 10 anos renovando por completo cada 30), evitando descabezar toda a árbore. Selección posterior de brotes ou re-enxertado da mesma variedade ou variedade alternativa. Poda de brotes bravos por baixo do enxerto.
  • Rexeneración e enxertado. Substitución de pés moi envellecidos e de escaso vigor mediante recepado, replantación ou substitución por brinzal de rexenerado natural. Enxertado dos brotes ou brinzais con variedades tradicionais.
  • Recuperación ou restauración. Intervencións de recuperación en soutos abandonados, consistentes en corta de arboredo doutras especies, roza, eliminación de brotes de castiñeiro bravo, poda de ramas envellecidas, equilibrado de copas, selección de brotes e replantacións.
  • Control sanitario. Seguimento e control de problemas sanitarios, en particular de chancro, perforadores de castaña e avespiña.

manzaneda castiñeiro souto 1

Mapa de distritos forestais de Galicia

 

Mapa distritos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información