A guerra de Ucraína xera tensións no mercado da madeira

O Foro Esenciales en Bioeconomía, que se vén de celebrar en Santiago, abordou o posible impacto do conflicto de Ucraína no sector forestal. Rusia, Bielorrusia e Ucraína exportaban cada ano á UE madeira serrada, contrachapados, pasta de papel e rolla por importe de 2.500 millóns de euros

A guerra de Ucraína xera tensións no mercado da madeira

Genoveva Canals (dereita), de Unemadera, durante a súa intervención no Foro Esenciales en Bioeconomía, organizado por XERA.

O sector da madeira acumula máis de medio ano de fortes tensións de mercado, cunha demanda internacional crecente, o que levou a que se disparasen os prezos en toda a cadea da madeira, sobre todo no mercado de coníferas. No sector, existe temor a que a guerra de Ucraína agrave o escenario. Se hai máis escasez de madeira e os prezos da materia prima continúan á alza, as empresas poden verse en dificultades, segundo advirten xa asociacións europeas da industria da madeira.

En Galicia, a situación analizouse estes días no Foro Esenciales en Bioeconomía, que abordou as tendencias de presente e futuro na industria forestal e da madeira. No Foro, Genoveva Canals, coordinadora de Unemadera, a confederación de asociacións empresariais do sector, abriu un debate a partir dos datos de mercado de FAOstat.

Importacións
Desde Rusia, Ucraína e Bielorrusia, a Union Europea (28) viña importando madeira e produtos forestais por un importe superior ós 2.500 millóns de euros anuais. As principais partidas en valor correspondían á madeira serrada, principalmente de coníferas, e ós contrachapados, en tanto en volume destacaban os máis de 3 millóns de toneladas de madeira en rollo (coníferas e frondosas) que exportaba Rusia cada ano, principalmente con destino a Finlandia. A eses produtos haille que engadir, en menor medida, pasta de papel, chapas e leñas.

Os paises con maiores relacions comerciais eran Finlandia, Polonia, Alemania e Estonia, cun total de 10 paises da UE con importacions superiores aos 100 millóns de euros. Pero independentemente dos paises e sectores que son os primeiros afectados, desde o sector advírtese de que a interrelación natural dos mercados da madeira fai que a propagación dos efectos sexa moi complexa, co que zonas afastadas como Galicia poderían verse afectadas.

Tralo inicio da guerra de Ucraína, as sancións sobre as exportacións rusas e bielorrusas, coas correspondentes contrasancións que se esperan de Rusia, bloquean esas exportacións. Tal escenario supón unha nova volta de torca no mercado da madeira, se ben, tamén hai que precisar que desde xaneiro do 2022 as exportacións rusas xa estaban moi restrinxidas.

Dadas as tensións no mercado da madeira, Rusia prohibira a partir de xaneiro a exportación de madeira en rollo (troncos) e aumentara os aranceis para a exportación á Unión Europea de madeira aserrada.

Trazabilidade, enerxía e bioeconomía
No Foro Esenciales en Bioeconomía, Genoveva Canals, de Unemadera, propuxo tres cuestións a debate. Primeira, o aumento das esixencias que previsiblemente haberá sobre a trazabilidade da madeira, de cara a garantir o cumprimento das restriccións sobre o mercado ruso. En segundo lugar, Canals aludiu ó impacto que pode ter na madeira unha crise enerxética en Europa, pois ese escenario podería levar a que se destinase máis madeira para biomasa, é dicir, para queimar, co conseguinte impacto na dispoñibilidade de materia prima da industria, en especial da de taboleiro.

Por último, un terceiro interrogante apunta a unha cuestión máis estratéxica, o impacto da crise na economía xeral e no consumo de produtos forestais. Será a bioeconomía e a loita contra o cambio climático unha víctima do conflicto?, preguntouse Canals.

Entre as ponentes que interviron no debate, subliñouse a importancia de manter o actual aproveitamento sostible dos montes europeos, un modelo de aproveitamento que, a partir dun maior coidado sanitario das masas e da execución de clareos axeitados, pode permitir unha certa maior dispoñibilidade de madeira.

Galicia agarda por fondos Next Generation para a planta de fibras téxtiles a partir de madeira

Asistentes ó primeiro día do Foro, que se celebrou este xoves e venres en Santiago.

Asistentes ó primeiro día do Foro, que se celebrou este xoves e venres en Santiago.

O Foro Esenciales en Bioeconomía contou durante dous días en Santiago cun destacado panel de profesionais a nivel internacional. Coa organización de XERA, Axencia Galega de Industria Forestal, o encontro tiña por obxectivo abordar o que o sector forestal representa na bioeconomía desde o punto de vista das mulleres profesionais que traballan nesta industria.

Durante o Foro, interviu o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen destacou que o forestal, a través da bioeconomía, pode desempeñar un importante papel para o desenvolvemento da economía circular. Así, subliñou que o sector téxtil prevé que as fibras de madeira supoñan o 30% da súa materia prima no 2040; que a construción está apostando tamén pola sustentabilidade das edificacións, empregando madeira e novos materiais derivados; e que cada vez hai máis envases e embalaxes fabricados de fibras e madeira.

Nese marco da bioeconomía, Conde lembrou que Galicia agarda por Fondos Next Generation para impulsar o proxecto dunha planta de fibras téxtiles a partir da madeira. A idea é que esa planta teña unha capacidade de produción de arredor de 200.000 toneladas anuais. O proxecto, liderado pola pasteira lusa Altri, contará tamén con socios industriais galegos e como ubicación, barállanse emprazamentos na Mariña de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información