Grupo Operativo Piña, a xénese dos piñeirais galegos do futuro

Coa coordinación da Fundación Arume, un grupo de empresas e institucións unímonos para trasladar aos viveiros galegos e ao monte os resultados das investigacións sobre mellora xenética

Grupo Operativo Piña, a xénese dos piñeirais galegos do futuro

Recollida de piña no horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero).

O Grupo Operativo Piña creouse co obxectivo de impulsar a mellora xenética das principais especies de coníferas do monte galego, o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o piñeiro radiata (Pinus radiata). Pretendemos aumentar o crecemento das árbores, mellorar a súa forma e gañar en resistencia a enfermidades e pragas.

Para iso, estamos a implantar técnicas de produción innovadoras nos viveiros forestais galegos, para así ampliar a produción de planta de piñeiro de máxima calidade xenética. É un proceso que se está executando por dúas vías:

• Multiplicación vexetativa por enraizado de estaquillas.

• Embrioxénese somática + crioconservación, para capturar, multiplicar e conservar os mellores materiais xenéticos de piñeiro.

Tralas experiencias iniciadas en anos anteriores para a multiplicación vexetativa do piñeiro do país, este ano emprendemos tamén o proceso de multiplicación vexetativa co piñeiro radiata. Explicamos a continuación como se están executando os traballos e os resultados esperados.

Multiplicación vexetativa por enraizado de estaquillas

1) Primeira fase: recollida de sementes no horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero)

O horto sementeiro e ensaio de progenies de piñeiro radiata de Pena Fesa (Monfero), situado nun monte patrimonial da Xunta de Galicia, seleccionouse para a recollida de piñas, da que extraer sementes.

Este horto sementeiro foi creado xunto con outros dous, situados en Carboeiro (Laracha) e Areas (Tui), pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a finais da década do 2000.

O material xenético contido neles mediuse e avaliouse no 2020 para a conformación dun novo horto sementeiro na Falmega (Oroso). A información así obtida serviu de base para os seguintes pasos.

Desde o Grupo Operativo Piña reevaluáronse as árbores de Pena Fesa, por ser esta plantación a de maior produtividade e onde a mellora para capturar resultaría significativamente visible. Os caracteres avaliados foron o volume do tronco, a forma e calidade de fuste e a ramosidade.

Fixouse un valor xenético mínimo para o carácter volume e a partir de aí fixéronse comprobacións en monte para verificar que se mantiñan os outros caracteres por enriba dos mínimos requiridos e sen defectos graves. O traballo desenvolveuse a través da colaboración da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, xunto co Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a empresa pública Tragsa.

O resultado foi a selección de 52 árbores de piñeiro radiata do horto sementeiro de Pena Fesa, aos que se procedeu a subir, con plataforma ou escaladores, para a recollida de semente (nos casos en que tivesen piña dispoñible).

2) Extracción de semente e cultivo de campos de pés nai en viveiro

Coa piña recollida, procedeuse a extraer a semente, co obxectivo de cultivala en viveiro para confomar plantas de pés nai.

Nun inicio, participan na instalación de campos de pés nai os tres viveiros que están integrados no Grupo Operativo Piña: o viveiro de Maceda (Ourense) de Tragsa; Hifas Foresta (Pontevedra) e Costa de Lóngaras (Abadín, Lugo).

Eses campos de pés nai utilizaranse para amplificar a cantidade de planta conseguida.

“A referencia é a produtividade dunha semente. A produtividade dunha semente é unha árbore. Co campo de pés nai, o que se pretende é xestionalo como un sebe, con podas recorrentes, de tal maneira que se estimula a formación de brotes. Neses brotes aplícanse hormonas enraizantes, co que en 3 – 4 anos podemos conseguir ata 200 plantas dunha soa semente”, destaca Francisco Lario, de Grupo Tragsa.

“O proceso é poñer a xerminar a semente nunha maceta e despois proceder á colleita periódica de estaquillas, que se usan para producir nova planta. Os viveiros que imos acoller os campos de pés nai planificamos executalos con 600 plantas. En 2025 produciremos xa planta a nivel demostrativo e para 2026 podemos obter entre 20.000 e 30.000 plantas en cada un dos viveiros participantes”, detalla Francisco Lario.

A obtención de planta é exponencial, pois de cada planta do campo de pés nai poden obterse ao redor de dez cultivos de estaquillas ao ano e parte desas estaquillas poden, á súa vez, contribuír a aumentar o campo de pés nai.

Doutra banda, “cantos menos xenotipos presentes, a selección pódese encamiñar ás árbores máis punteiras, pero é necesario tamén coidar a diversidade xenética, para garantir a estabilidade das plantacións e que non haxa factores bióticos ou abióticos que poidan xerar danos grandes”, explica Francisco Lario.

O equilibrio para os campos de pés nai do proxecto fixouse nunha selección de 34 – 40 xenotipos.

Embrioxénese somática
A embrioxénese somática é un proceso in vitro, desenvolto en laboratorio, que permite a propagación clonal de árbores superiores. A partir de piña inmatura, de cada embrión cigótico é posible xerar decenas de embrións somáticos, de cada un dos cales poderá xerminar unha planta.

“Á vez que recollemos piña madura para os campos de pés nai, mostreamos a piña verde, que é o material de partida para a embrioxénese somática. Levamos esta piña verde a laboratorio para comprobar como de inmatura está a piña e volver ao horto sementeiro a recoller a piña no momento adecuado para o proceso de embrioxénese somática”, explica Francisco Lario.

Este proceso permitirá a captura de xenotipos clonais superiores, para a súa incorporación a programas de mellora xenética avanzada.

O interese da embrioxénese somática é que permite manter exactamente as mesmas características da árbore orixinal, a diferenza das sementes -empregadas para a multiplicación vexetativa-, que presentan características das dúas árbores proxenitoras.

Resultados esperados

A produción de planta mellorada de piñeiro radiata iniciarase no 2025, o que permitirá instalar parcelas demostrativas, como xa se fixo coa planta mellorada de piñeiro do país.

O obxectivo nos próximos anos é lograr planta de piñeiro radiata da categoría controlada, que non existe na actualidade en Galicia. A categoría controlada de mellora xenética significa que a mellora xenética que achega esa planta tense testado e está garantida.

“A idade de avaliación clásica das árbores de crecemento rápido para produción de madeira é polo menos dunha década e o que imos completar en 2024 e 2025 é o resultado dun proceso que empezou anos atrás coa selección en monte dos pais das árbores do horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero), seguiu co deseño dos hortos sementeiros e culminou coa avaliación que fixemos deses hortos sementeiros e a posterior selección de xenotipos. Todo este proceso de avaliación avala o control, é o que dá garantías de mellora”, subliña Francisco Lario.

Unha última fase do proxecto consistirá na divulgación e extensión a outros viveiros forestais de Galicia do material mellorado, de forma que poidan incorporarse á súa produción e comercialización.

A nivel global, o obxectivo último é incorporar aos piñeirais galegos de piñeiro radiata a mellora xenética, de forma que nun futuro tanto propietarios como industrias se beneficien da produción e subministración de madeira de calidade.

Sobre o Grupo Operativo Piña

O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras.

Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).

O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información