A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Grupo Lence entra na nutrición clínica cun investimento estratéxico en Anutmed Pharma

A alianza combina a capacidade industrial do principal grupo lácteo galego co portfolio clínico e a experiencia regulatoria da empresa farmacéutica co obxectivo de crear unha compañía española de referencia en nutrición clínica personalizada

Grupo Lence Leche Rio

Grupo Lence, propietario entre outras marcas de Leite Río e Leyma, vén de realizar un investimento estratéxico en Anutmed Pharma SL para construír o referente español en nutrición clínica personalizada e achegar solucións nutricionais de base científica a milleiros de pacientes.

A alianza combina a capacidade industrial e a solidez financeira da principal compañía láctea de capital galego co portfolio clínico, a experiencia regulatoria e comercial da empresa farmacéutica española fundada en 2025 por un grupo de profesionais dos sectores sanitario e alimentario.

Aínda que a traxectoria da compañía é recente, o seu coñecemento do sector apóiase nunha sólida experiencia previa de máis de 20 anos. Neste tempo, o seu equipo identificou de primeira man os retos aos que se enfrontan tanto os profesionais sanitarios como os pacientes, especialmente no que respecta á eficacia, personalización e accesibilidade das solucións de nutrición clínica.

A nova alianza nace cun propósito claro: converter a nutrición clínica nunha ferramenta clave para optimizar a recuperación e a calidade de vida dos pacientes

A alianza entre Grupo Lence e Anutmed Pharma ten como propósito desenvolver e poñer no mercado produtos de nutrición clínica e alimentos funcionais para indicacións como enfermidades metabólicas, disfaxia, desnutrición, obesidade, nefropatías ou procesos oncolóxicos, co obxectivo de axudar os pacientes a mellorar a súa saúde e benestar.

Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, sinalou que “desde Grupo Lence levamos cincuenta anos apostando pola alimentación como panca de saúde, e a nutrición clínica é o seguinte paso natural desa vocación. Con Roberto e o seu equipo temos a ambición de construír o referente español do sector”.

Pola súa parte, Roberto Conde, cofundador de Anutmed Pharma, engadiu que “a nutrición clínica só funciona cando ciencia, evidencia e escala industrial traballan xuntas. O noso equipo achega vinte anos de coñecemento clínico e regulatorio; Grupo Lence achega a capacidade industrial e financeira para levalo a milleiros de pacientes. Esa é a combinación que o sector necesitaba en España”.

 

Optimilk PRO té matcha, a nova aposta innovadora de Grupo Lence

Grupo Lence optimilk Te Matcha

Grupo Lence continúa diversificando o seu portfolio con produtos de alto valor engadido ampliando a súa gama Optimilk PRO cunha nova bebida láctea UHT sen lactosa con leite ultrafiltrado e té verde matcha, que achega 27 gramos de proteína de alta calidade procedente do propio leite, sen necesidade de engadir proteínas en po.

A nova referencia está dirixida a persoas con estilos de vida activos que buscan aumentar o seu consumo de proteína dunha forma cómoda e saudable, xa sexa para favorecer a recuperación muscular, complementar a súa alimentación ou gozar dunha opción nutritiva e saciante entre horas.

A principal diferenza de Optimilk PRO fronte a outros produtos do mercado é que a súa proteína procede integramente do propio leite grazas a un avanzado proceso de ultrafiltración. Este sistema permite concentrar de maneira natural a proteína láctea mantendo toda a súa calidade nutricional e o seu excelente perfil de aminoácidos esenciais.

Esta innovadora bebida láctea está elaborada con leite ultrafiltrado, sen necesidade de engadir proteínas en po

Ademais do seu alto contido proteico, Optimilk PRO Té Matcha incorpora os beneficios antioxidantes do té matcha e presenta unha formulación aliñada coas tendencias actuais de consumo: sen lactosa, sen graxa, sen azucres engadidos e sen edulcorantes engadidos.

Un lanzamento ligado ao deporte e ao benestar

Para presentar esta nova variedade, Grupo Lence organizou a pasada fin de semana unha experiencia especial na Coruña xunto ao club de running Run The Coast, reunindo decenas de participantes nunha xornada que combinou deporte, comunidade e degustación do produto.

Os asistentes puideron descubrir e probar o novo produto en diferentes formatos de consumo, incluíndo combinacións con xeo e propostas inspiradas na coctelaría sen alcohol. Así puideron experimentar a versatilidade da nova referencia e o seu encaixe en distintos momentos do día, como o tardeo, onde cada vez se buscan máis opcións sen alcohol.

Dispoñible en exclusiva en liña

Con esta iniciativa, a marca quixo reforzar o seu vínculo cun consumidor que entende o benestar de forma integral e que busca produtos funcionais que o acompañen no seu día a día. “Cada vez máis consumidores buscan produtos que lles axuden a coidarse dunha forma sinxela e equilibrada, sen renunciar ao sabor. Con Optimilk PRO Té Matcha damos un paso máis na nosa aposta pola innovación e por ofrecer solucións adaptadas ás novas necesidades de alimentación e benestar”, sinalan desde Grupo Lence.

Optimilk PRO Té Matcha chega en formato de 330 ml, con alto contido en proteína, sen lactosa, sen graxa e sen azucres nin edulcorantes engadidos

Optimilk PRO Té Matcha preséntase en formato de 330 ml e xa está dispoñible polo de agora en exclusiva a través da tenda en liña de optimilk.es pero irá incorporándose progresivamente ás principais cadeas de supermercados. Este lanzamento enmárcase na estratexia de Grupo Lence de continuar desenvolvendo produtos innovadores que combinen nutrición, conveniencia e sabor, respondendo ás necesidades dun consumidor cada vez máis preocupado pola súa saúde e benestar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *