A gripe aviar en vacún de leite mantense activa en Estados Unidos

Dez estados presentan casos da enfermidade, o que obriga a estremar a vixilancia do movemento interestatal de vacas

A gripe aviar en vacún de leite mantense activa en Estados Unidos

Vaca frisoa. / Arquivo.

O salto que deu este inverno a gripe aviar a granxas de vacún de leite de Estados Unidos continúa sendo motivo de preocupación no sector. A enfermidade detectouse en animais de arredor de 90 granxas de vacún de leite, dun total de 10 estados de Norteamérica. Iso está a obrigar a estremar as precaucións no movemento de vacas entre estados.

O Goberno estadounidense está a implantar este mes de xuño un plan piloto de test voluntarios nos tanques de leite, a fin de que as granxas que queiran mover os seus animais a outros estados poidan acreditar que están libres da enfermidade por medio de test semanais no tanque de leite.

O problema semella serio, pois a falta de control nos primeiros meses da enfermidade, probablemente no periodo decembro 2023 – marzo 2024, levou a que a gripe aviar se espallase ampliamente. As autoridades sanitarias comprobaron que ata un 20% do leite comercializado contiña partículas do virus da gripe aviar, se ben ningún leite comercial presentaba o virus vivo nin tiña ningunha capacidade de contaxio a humanos.

A US Food and Drug Administration subliña que o procesamento térmico do leite (pasteurización ou UHT) inactiva por completo o virus, polo que o consumo de leite comercial segue sendo seguro ó 100%.

Do mesmo xeito, fixéronse probas en laboratorio inoculando o virus da gripe aviar en carne de vacún que era posteriormente cociñada, comprobándose que o cociñado inactivaba o virus. Ata o de agora só se detectou unha canle en matadoiro infectada por gripe aviar, que foi retirada da cadea alimentaria.

En canto ó impacto en humanos asociado ó brote da gripe aviar, o único é que houbo tres traballadores de granxas de vacún que foron contaxiados polos animais.

Europa, libre
En Europa, polo de agora non se detectou ningún caso de gripe aviar en granxas de vacún, se ben as autoridades sanitarias están seguindo estreitamente a situación en Estados Unidos, que é motivo de preocupación.

Gripe aviar en vacuno: situación y perspectivas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información