Greenalia considera que a súa planta de biomasa mellorará as rendas dos propietarios forestais ata un 10%

A compañía galega prevé que a instalación que constrúe en Curtis entre en funcionamento no primeiro trimestre do 2020. Destaca as sinerxias que permitirá a central eléctrica no sector de transporte de madeira

Greenalia considera que a súa planta de biomasa mellorará as rendas dos propietarios forestais ata un 10%

Retirada de restos de corta empacados. / Imaxe: Greenalia.

Greenalia, a compañía enerxética galega que está a construír unha planta de biomasa en Teixeiro (Curtis, A Coruña), prevé que o complexo entre en funcionamento a finais do primeiro trimestre do 2020. Os traballos marchan segundo o previsto e as primeiras probas de equipos espéranse para o próximo outono. Unha vez que a planta estea en marcha, consumirá arredor de 400.000 toneladas ó ano de restos de corta (pólas, casca, etc.) para a produción de enerxía eléctrica. Que repercusión terá o proxecto no sector forestal?

O director de Operacións de Greenalia, Mauro Coucheiro, destaca beneficios en toda a cadea da madeira, desde os propietarios ás empresas de corta e ós transportistas.

A normativa galega obriga a que tras unha corta, os restos sexan triturados ou retirados en menos dun mes, cun prazo máximo no verán de 15 días

“As empresas forestais de Galicia son conscientes de que teñen un problema cos residuos que xera a súa actividade no monte” -explica Mauro Coucheiro-. “A normativa galega xa obrigaba a que os restos de corta sexan ou ben extraídos ou triturados. Desde finais do ano pasado ademais, modificouse a Lei de Montes no sentido de que a extracción ou trituración da biomasa debe realizarse nun prazo máximo de 15 días en época de alto risco de incendio, ou nun mes no resto do ano, unha vez finalizado o aproveitamento principal”, sinala.

A trituración da biomasa ten un custo que Greenalia cifra en arredor de 3 euros por tonelada de madeira vendida, o que nun aproveitamento medio dunhas 300 toneladas pode representar arredor de 900 euros. A compañía destaca que a eliminación dese custo pode representar para o propietario unha mellora superior ó 10% nos seus ingresos.

Empresas forestais e transporte
Os beneficios repercutirían ademais en cadea en todo o sector, segundo valoran en Greenalia. “As empresas forestais poden aumentar o seu volume de negocio prestando novos servizos loxísticos, como enfardado da biomasa e desembosque”, sinala o director de Operacións da compañía.

“No retorno dos seus desprazamentos a industrias e portos, os transportistas poden optimizar a súa loxística co transporte de biomasa” (Mauro Coucheiro, Greenalia)

Outro sector que se vería beneficiado é o do transporte de madeira, pois poderían xerarse sinerxias nas súas rutas actuais cara industrias, parques loxísticos e portos. “Nos seus retornos, os transportistas poderían optimizar a súa loxística coa recollida de biomasa, que entregarían na planta. Non debemos esquecer que Teixeiro está ubicado nunha das zonas con maior produtividade forestal de Galicia, desde a que diariamente saen centos de camións cargados de troncos”, sinalan desde Greenalia.

A biomasa de restos forestais terá un prezo na planta por determinar, unha cuestión que incentivará ás empresas forestais e que se espera que teña tamén repercusión entre os propietarios, que ademais se verían liberados dos custos de trituración dos restos de corta, segundo a valoración da compañía.

Contexto do sector
Cuestionada Greenalia sobre a posibilidade de que a súa actividade xere competencia polos restos de corta con empresas como Finsa ou Ence, que os empregan para o seu autoconsumo enerxético, o director de Operacións da firma descarta que haxa competencia.

“O aproveitamento de restos de corta por parte de Ence no entorno da nosa planta é irrelevante e concéntrase sobre todo nas proximidades da súa factoría de Asturias; en tanto que Finsa aproveita principalmente os restos xerados na transformación da madeira que consumen. Sen embargo, ambas compañías contan cunha intensa actividade forestal en Galicia, polo que tamén se verán beneficiadas da solución aportada por Greenalia para a xestión dos residuos xerados nas cortas”, defende Mauro Coucheiro.

A planta de biomasa de Teixeiro enfoca en principio o seu consumo só a restos de corta, se ben está preparada para traballar con calquera biomasa de orixe agroforestal, polo que non descarta valorar outras opcións que se lle poidan plantear. “O obxectivo fundamental é dar solución ó problema dos residuos forestais xerados nas 100.000 operacións de corta que se realizan cada ano en Galicia”, subliñan.

Vídeo da construción da planta de Teixeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información