Greenalia arranca a central de biomasa de Curtis

A planta, que se abastece de restos de corta, iniciou xa a venda de enerxía eléctrica e quedará definitivamente en servizo a final de marzo. Inquietude no sector forestal pola posibilidade de que a central queime madeira apta para uso industrial, unha opción que descarta a empresa

Greenalia arranca a central de biomasa de Curtis

Planta de Greenalia en funcionamento, co parque de biomasa en primeiro plano. / Imaxes: Greenalia.

A central de biomasa de Teixeiro (Curtis), que produce enerxía eléctrica a partir de restos de corta, está xa en marcha nunha fase de probas. Greenalia, a firma galega promotora da instalación, agarda que a posta en marcha definitiva se faga a finais de marzo.

O complexo empregará arredor de 500.000 toneladas anuais de restos de corta (pólas, casca) na produción eléctrica. Para a captación dos restos de corta, a empresa conta xa cunha vintena de equipos de recollida e empacado funcionando no monte e incorporará outros 10 no mes de abril.

Entre o sector forestal, xurdiron nos últimos meses dúbidas de que Greenalia sexa capaz de cubrir as 500.000 toneladas anuais que precisa só con restos de corta. As industrias da madeira, en especial as que traballan con diámetros máis delgados, como as de taboleiro, temen que a central da biomasa se abasteza tamén de madeira apta para trituración, coma o puntal de piñeiro.

Industria da madeira
Consultada sobre esa inquietude, a secretaria xeral da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), Ana Oróns, sinala que a posta en marcha da planta é positiva “sempre que non distorsione o mercado”. “Apoiamos a enerxía renovable e toda iniciativa que signifique un crecemento para o sector, pero será precisa a adopción de controis e medidas que eviten que se queime madeira, igual que xa se fixo noutros países de Centroeuropa que teñen impulsado instalacións de produción eléctrica con biomasa”, argumenta a secretaria xeral de Fearmaga.

“Apoiamos a enerxía renovable, pero serán precisos controis e medidas para evitar que se queime madeira. O primeiro é garantir o abastecemento da industria” (Ana Oróns, Fearmaga)

“A prioridade ten que ser a de garantir o autoabastecemento de madeira por parte da industria”, conclúe Ana Oróns. Desde a Federación de Aserradoiros tamén se lembra que a biomasa de restos de corta xa viña sendo un recurso tradicionalmente usado por algúns aserradoiros e industrias. “Agora ben, para toda a biomasa que podía quedar sen valorizar no monte, é unha boa noticia que haxa un novo destino na central de biomasa”, precisa.

Valoracións de Greenalia
A inquietude da industria forestal sobre a posibilidade de que a central consuma madeira apta para outros usos é descartada de plano polo director de operacións de Greenalia, Mauro Coucheiro: “A día de hoxe non é posible consumir puntal de piñeiro nin ningún outro tipo de madeira para producir electricidade porque é economicamente inviable. De feito, para algunhas das probas que tivemos que pasar no último mes, precisamos consumir de xeito extraordinario unha cantidade de leñas e puntais, o que nos permitiu constatar que é totalmente inviable”, conclúe.

“O único combustible económicamente viable é a biomasa forestal residual. Queimar leñas ou puntais é totalmente inviable” (Mauro Coucheiro, Greenalia)

“O único combustible económicamente viable é a biomasa forestal residual, da que hai de sobras suficientes no monte. Para iso fixemos un investimento en 30 equipos de recollida e formamos a 60 operarios” -explica Mauro Coucheiro-. “Nestes momentos, non damos feito para atender as solicitudes para recoller biomasa e só estamos traballando na provincia da Coruña e en parte de Lugo”, apunta.

Vídeo con explicación das instalacións que integran a central

Propietarios forestais
Outro colectivo que plantea incertidumes sobre a central de Greenalia é o dos propietarios forestais. Desde a Asociación Forestal de Galicia, o seu director, Francisco Dans, ten advertido da necesidade de establecer transparencia nos prezos da biomasa. “A biomasa dos restos de corta é un recurso, non un residuo”, defende.

Equipo de recollida de biomasa de Greenalia en monte.

Equipo de recollida de biomasa de Greenalia en monte.

Para o propietario existe tamén a posibilidade de triturar os restos de corta e deixalos na parcela, a modo de nutrientes para o seguinte ciclo de plantación, se ben nese caso o propietario tería que afrontar os custos de trituración dos restos, que en Greenalia cifran en 3 euros por tonelada de madeira cortada.

Así as cousas, espérase que a posta en marcha oficial da planta a final de mes vaia clarificando o escenario no monte. Greenalia, que se beneficiou da subasta estatal de megawatios de enerxías renovables con primas, ten que comezar este mes a operar a planta dun xeito continuado, tal e como se recollía nas condicións da subasta.

Dado que a posta en marcha definitiva da planta coincidirá en plena campaña electoral para as eleccións galegas, é previsible que a central non teña un acto inaugural como tal antes do 5 de abril, sobre todo tendo en conta a polémica que rodeou á empresa pola fichaxe da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato como directora de Responsabilidade Social Corporativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información