Graxa, proteína e rendemento en leite por animal: a situación comparada de Galicia

Un traballo de investigadores de Mabegondo e do Ligal valora as calidades lácteas de Galicia e sinala retos de cara ó futuro. Destacan o potencial do leite en pastoreo pola súa maior porcentaxe de antioxidantes e por un perfil de ácidos graxos máis beneficioso para a saúde

Graxa, proteína e rendemento en leite por animal: a situación comparada de Galicia

As granxas galegas destacan a nivel europeo polos seus rendementos anuais en Kg. de leite por vaca, pero atópanse na franxa baixa en calidades de graxa e proteína. Un artigo elaborado por investigadores de Mabegondo e do Ligal, publicado na obra ‘El sector lácteo en España’ (Cajamar), compara os valores galegos e españois cos das principais potencias lácteas europeas. Debullamos os datos e conclusións.

Para a comparación, tomáronse en conta os valores promedio do último quinquenio (2016-2020), a fin de evitar posibles sesgos dun ano concreto. O contido medio en graxa da UE-27 foi do 4,07%, en tanto a proteína foi do 3,43%. En Galicia, a comunidades cos mellores datos de sólidos en leite de España, a graxa foi do 3,81 e a proteína do 3,28%, en tanto a media española situouse no 3,69 e 3,27 respectivamente.

Son datos que ubican á produción láctea española na franxa baixa de produción de graxa e proteína a nivel europeo, unha cuestión que ten que ver con múltiples factores, principalmente pola tradición española de industrias orientadas ó leite líquido e granxas centradas, consecuentemente, no rendemento leiteiro en Kg.

Escenario europeo
A nivel europeo, en graxa destacan Países Baixos, Irlanda e Dinamarca, con porcentaxes que oscilan entre o 4,2 e o 4,4% de graxa. Alemania, Francia e Polonia superan tamén o 4%, en tanto España e Italia sitúanse no treito baixo, con 3,7-3,8.

En proteína existe menor fluctuación, pero pódense establecer similares agrupacións, cos países líderes nun 3,5-3,6 de proteína, seguidos de Alemania, Italia e Polonia, cun 3,3-3,4 %, e á cola quedan Francia e España, por baixo do 3,30%.

A composición do leite vese afectado por múltiples factores, entre os que figura o sistema de alimentación, a xenética ou a raza. A raza é un dos factores máis importantes, pois hai diferenzas significativas na produción de sólidos entre a Holstein e outras razas, pero países cunha alta proporción de Holstein, como Países Baixos, destacan tamén nas porcentaxes de sólidos do leite.

Datos de sólidos só en Holstein
A raza frisona (ou Holstein) é a dominante en toda Europa, pero en países como Alemaña, Francia, Dinamarca ou Italia presenta unha menor proporción, con arredor dun 70% dos animais. No resto de Europa (España, Países Baixos, Irlanda ou Polonia), a porcentaxe supera o 90%.

Se se analizan só os datos das vacas Holstein na UE-27, destacan Países Baixos e Irlanda, con porcentaxes do 4,2 – 4,3 % de graxa e 3,4 – 3,5% de proteína. España, pola súa parte, situaríase entre os países con valores máis baixos, con arredor do 3,7% de graxa e 3,2% de proteína.

Rendementos
No rendemento de leite por animal, nunha produción normalizada a 305 días, España sitúase nos valores máis altos de Europa, por riba dos 10.000 Kg. por vaca, en tanto Irlanda ten menos de 7.000 Kg. por vaca. O resto de países sitúanse entre 9.000 e 10.000.

Hai, por conseguinte, tres modelos de produción de leite, un con altos rendementos e baixo en sólidos lácteos (España e Italia), outro con poucos rendementos e alto en sólidos (Irlanda) e un terceiro, o máis habitual en Europa, que busca un equilibrio entre rendementos e porcentaxes en sólidos.

A raza Holstein presenta significativas diferenzas por países, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en España en canto ó aumento de sólidos en leite, en especial na graxa

Os autores do artigo (Gonzalo Flores, Adrián Botana e César Resch polo Centro de Investigacións de Mabegondo; e Roberto Lorenzana polo Laboratorio Interprofesional Galego de Leite) subliñan precisamente a conveniencia de que España teña como referencia países que combinan unha elevada produtividade por animal cunha alta concentración de sólidos en leite.

Os investigadores inciden en que a raza Holstein presenta significativas diferenzas entre os distintos países europeos, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en canto ó aumento de sólidos en España con esta raza, principalmente en materia graxa.

Comparativa de datos en raza Holstein: graxa, proteína e rendementos.

Comparativa de datos en raza Holstein: graxa, proteína e rendementos.

Calidades do leite de vacas en pastoreo
As granxas en pastoreo, comparadas coas estabulacións permanentes, teñen en xeral menor produción de leite (e menor gasto de concentrado), pero destacan por unha maior porcentaxe de graxa, en comparación cos sistemas de alimentación baseados no millo. Outro dos puntos fortes das granxas en pastoreo (convencionais e ecolóxicas) radica na composición de ácidos graxos do seu leite e nunha maior presenza de antioxidantes.

É de destacar que todo o leite presenta bos datos de ácidos graxos e de antioxidantes, pero o leite en pastoreo presenta unha maior porcentaxe de ácidos graxos cardiosaudables, así como unha proporción máis positiva de Omega 6 / Omega 3, desde o punto de vista da dieta humana.

As granxas en pastoreo, por tanto, obteñen un leite con características diferenciais que ten demanda entre un sector dos consumidores. A expansión deste modelo de produción, como sinalan os investigadores, está limitado sen embargo pola escasez de base territorial e pola deficiente estrutura territorial da superficie (minifundio).

Desmóntase o mito da ineficiencia da proteína animal procedente do vacún de leite

O debate sobre a eficiencia da proteína obtida dos animais, en comparación coa procedente dos vexetais, é outro dos puntos abordado no artigo polos investigadores de Mabegondo e do Ligal. Trátase dun debate que -din-, presenta en xeral importantes carencias, pois bótanse de menos análises baseadas na diversidade de dietas animais e nos distintos niveis de eficiencia da súa aportación á dieta humana.

Para o caso do vacún de leite, os investigadores decidiron facer os cálculos. En xeral, a literatura científica valora a eficacia da conversión en proteína do porcino e da avicultura, pero habería que precisar que estas especies consumen maioritariamente cereais que tamén poderían ser consumidos polos humanos.

En cambio, a gandería vacún emprega con frecuencia terras marxinais, convertindo pastos e forraxes non empregables na alimentación humana en alimentos de alto valor nutricional, á vez que lle proporciona abonos orgánicos á terra.

Un 86% das terras mundiais destinadas ó vacún son pastos e outro 14% terras de cultivo de cereais, leguminosas e oleaxinosas. Se ben unha parte dos pastos poderíanse destinar a terras de cultivo -aproximadamente a metade dos pastos a nivel mundial-, iso tería tamén un efecto medioambiental desde o punto de vista do cambio climático, principalmente pola roturación de pastos semi/permanentes e a perda do carbono almacenado no solo.

Os investigadores conclúen que, co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano

Do total da dieta animal do vacún, o máximo de alimentación que poderían consumir os humanos oscila entre o 9 e o 34%, en función do sistema de alimentación da granxa. Se se mide en proteína, a porcentaxe oscilaría entre o 6 e o 22%.

Se collemos a proteína utilizable polos humanos que consume o vacún de leite e a comparamos coa proteína que esta mesma gandería lle aporta á dieta humana, atopámonos cunha relación positiva, pois as granxas de leite, en función do seu sistema alimentario, consumen entre 0,28 e 0,85 Kg. de proteína por cada Kg. de proteína que lle aportan á dieta humana.

Estos datos demostran, segundo os investigadores, que co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano.

Os autores destacan que é unha cuestión a ter en conta, pois factores como a competencia animal – humana polos alimentos, o impacto da actividade gandeira no cambio climático ou a relación entre dieta e saúde terán a cada paso unha maior importancia entre os consumidores e nas institucións públicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información