Grao húmido e pastone: dúas alternativas para abaratar a alimentación do gando

Mentras a fariña de millo estivo estable poucas ganderías apostaron por ensilar por separado o grao como xeito de aforrar no penso, pero agora que os cereais dispararon o seu prezo o interese por elaborar este concentrado nas granxas aumenta. Coñecemos a experiencia de explotacións que levan anos apostando por este método

O actual debate sobre os custos de produción das ganderías de leite está a sacar a relucir tamén as súas carencias. Un dos hándicaps cos que traballan as explotacións leiteiras galegas é o da falla de superficie agraria suficiente e o de teren abandonado, en moitos casos, a produción agraria para centrarse no coidado do gando. 

Pero en momentos como o actual, de carestía das materias primas, a autosuficiencia das explotacións é un factor determinante para garantir a súa viabilidade económica. A maioría das granxas mercan proteína (colza ou soia, fundamentalmente) e enerxía (fariña de millo ou de trigo) para elaborar a súa ración diaria, unha factura que se está a disparar no que vai de ano. 

A ensilaxe permite a conservación do grao do millo para engadir posteriormente á ración aforrando no concentrado

Tendo en conta que a alimentación do gando supón arredor do 50% cos custos de produción dunha explotación, cubrir as necesiddes forraxeiras por medio do silo de herba e de millo e dispor a maiores dun excedente co que elaborar grao húmido permite reducir de xeito importante a factura na compra destes insumos habituais. 

Falamos con ganderías que levan anos elaborando gran húmido, nalgúns casos mediante unha estratexia planificada na programación anual de cultivos e noutros tendo que mercar a materia prima, pero sempre co obxectivo de garantir estabilidade e non depender dos vaivéns dun mercado fluctuante. 

Diferenzas entre grao húmido e pastone

O grao de millo, rico en amidón, é unha materia prima ideal para a fermentación láctica. O proceso pode facerse de dous xeitos, o que daría lugar a dous produtos diferentes: pastone e grao húmido. O manexo é distinto tanto no momento da recollida como no seu posterior tratamento no silo, con diferenzas con respecto ao do ensilado da planta enteira.

Hai dúas maneiras básicas de ensilar o grao do millo e cada unha delas require dun manexo diferente

A diferenza principal entre o pastone e o grao húmido é que no primeiro dos casos leva a mazorca enteira, é dicir, o grao co carozo, mentras que no segundo se desbota o carozo e só se ensila o grao, polo que o produto final ten menos fibra pero aporta maior enerxía á ración. 

As primeiras experiencias comezaron a facerse en Galicia hai uns 15 anos, tanto en ganderías individuais en centros de alimentación compartidos, como o CAVI de Irmandiños. Nese primeiro momento apostouse polo pastone, por semellarse máis á ensilaxe tradicional do millo, xa que o proceso realízase coma mesma colleitadora só que desbotando a parte verde que representaría o talo da planta. 

O pastone sae máis barato pero é un produto de menor calidade que o gran húmido porque leva o carozo

Para facer grao húmido, sen embargo, precísase dunha maquinaria específica, tanto para a recollida da espiga e a separación na terra de grao e carozo, como posteriormente na explotación, onde hai que moer o grao para o ensilado. Este dobre proceso encarece os custos de elaboración pero o produto resultante, ademais de ser mellor desde o punto de vista nutricional, ten menos riscos de conservación, xa que o pastone, ao levar o carozo, compacta peor. Na actualidade hai máquinas específicas para coller só o gran, polo que a maioría de explotaicións están a apostar polo gran húmido, un produto mellor e máis seguro, polo que o pastone practicamente se deixou de facer.

Unha boa estratexia sería deixar aquelas fincas máis enxoitas ou onde o millo se pasou para facer gran húmido

Deixar de facer silo de millo para facer gran húmido non compensa, pero en anos de boa colleita coma este pode representar unha alternativa nos casos de ganderías que logren excedentes de produción forraxeira, polo que unha vez cubertas as necesidades de silo de millo da granxa, estas explotacións poderían optar tamén por facer gran húmido deixando para isto aquelas fincas máis secas ou nas que o millo xa se pasou do momento óptimo de colleita, dado que o a recolección da espiga para elaborar gran húmido faise máis tarde, arredor do mes de novembro, tendo en conta como vén a campaña deste ano, con certo retraso debido a que as chuvias da primavera serviron para manter o millo verde durante máis tempo.

Coñecemos a continuación a experiencia de tres ganderías que levan anos elaborando estes produtos concentrados a partir da espiga do millo:

Silo de grano húmedo.

Cristóbal, no silo de gran húmido de millo

“Nós deixamos 20 hectáreas para gran húmido, este ano tal como está todo de caro compensa”

SAT Gomelle, de Guntín, leva unha década facendo grao húmido de millo, o que lles permite abaratar o custo da ración. “Este ano tal como está todo de caro compensa. Nós gastamos entre 3,5 e 4 quilos por vaca e día e aforras iso no penso, porque no noso caso o 40% do concentrado é fariña de millo e xa o substitues por iso”, explica Cristóbal Rodríguez.

Nesta explotación, que conta neste momento con 260 vacas en produción, manexan unhas 100 ha de superficie. “A nós sóbranos millo e podenos facelo, pero se andas xusto de forraxe non sei ata que punto é interesante sacrificar silo para facer isto, porque se fas unha cousa non fas a outra”, razoa Cristóbal.

Se andas xusto de forraxe non sei ata que punto é interesante sacrificar silo para facer grao húmido

Debido a que o gran húmido ten un custo maior.na súa elaboración e desbota a maior parte da planta, en SAT Gomelle só recomendan apostar polo gran húmido en caso de ter excedente de millo. “Para min a base para poder facer gran húmido é que che sobre forraxe. Nós o ano pasado non fixemos porque tiñamos menos millo, pero este ano como aínda tiñamos forraxe que nos sobrou e a colleita está rendindo porque non está a ser un ano malo de millo decidimos destinar 20 hectáreas para grao húmido”, explican. 

As fincas que destinamos a gran húmido plantámolas con menos densidade por hectárea para ter máis espiga

Nesta gandería fixeron unha selección previa das fincas, reservando para grao húmido aquelas máis axeitadas polas súas condicións (terreos máis secos), debido a que o grao debe ter unha porcentaxe baixa de humidade e hai que agardar máis tempo para colleitalo. Nestas parcelas, definidas xa na planificación previa de cultivo, fixeron unha sementeira con menos densidade de plantas por hectárea para obter máis grao. “Logramos entre 11.000 e 12.000 quilos por hectárea. En Castela sacan máis, pero aquí é difícil”, indican. 

Non é especialmente delicado, pero hai que xestionalo ben e avanzar todos os días para que non fermente

A mesma empresa que se encarga da recollida do millo para o ensilado na granxa failles tamén o grao húmido, aínda que a maquinaria empregada é diferente. “Apañamos máis tarde, cara a novembro ou decembro, en función da porcentaxe de materia seca que ten o grao. Vén unha máquina específica que colleita a planta e separa o grao da mazorca e carrétase no remolque para a explotación, onde unha salchichadora machaca o grao e méteo a presión nunha salchicha de plástico onde logo fermenta e se conserva durante todo o ano. Debe ensilar canto máis mellor, polo menos dous meses, porque deste xeito gaña en dixestibilidade”, explica Cristóbal, que fai unha advertencia a respecto do manexo do produto: “Despois tes que xestionalo ben, avanzar todos os días para que non fermente, nós mesturámolo co penso á hora de facer a ración”, conta. 

Ensilando en GANXABAR (Mazaricos)

Ensilando en GANXABAR (Mazaricos)

“O promedio que obtemos está entre 12.000 e 13.000 quilos por hectárea cun 60% de materia seca”

Cando un grupo de media ducia de gandeiros da comarca de Xallas e A Barcala (Ganxabar) decidiron xestionar en conxunto a produción de forraxe para a alimentación do seu gando apostaron por facer grao húmido co que substituír a compra de cereais, unha estratexia atinada que dá os seus froitos en anos coma este, de encarecemento das materias primas e escalada dos custos de produción nas granxas

“Ata hai tres anos faciamos o excedente de silo, a estratexia era primeiro garantizar a forraxe e logo se nos sobraba algo facer grao húmido. Logo empezamos xa a facer as fincas que se secaban máis ou se adiantaban moito, pero ao final vímolo interesante e desde o ano pasado xa pasamos a facelo de maneira máis sistemática, porque o ano pasado tiñamos pouca capacidade de almacenaxe nos silos e aproveitamos para facer máis grao húmido”, conta Adrián Cundíns.

Ganxabar xestiona diariamente a alimentación en conxunto de 1.700 vacas en produción e emprega entre 4 e 6 quilos de grao húmido na ración ao longo do ano

“Agora facemos unha pequena estimación de produción da colleita de millo cun barrido polas fincas e a partir diso decidimos a cantidade que imos destinar a facer gran húmido. Este ano deixaremos unhas 150 hectáreas. Logo facemos unha distribución das hectáreas entre os socios, e cada un escolle as fincas que vai destinar a grao, sobre todo fincas secas e nas que o millo estea xa pasado ou máis maduro para silo no momento da campaña”, explica. 

Hai que mirar ben onde se sementa para grao porque antes de novembro non se pode colleitar e se é unha parcela húmida e lle dá por chover igual nese momento xa non podes entrar a sacalo

Tendo en conta que a recollida e elaboración do grao húmido se leva a cabo en Ganxabar unha vez remata a campaña de ensilado de millo, Adrián recomenda “ter en conta as fincas onde se sementa millo para recoller grao, porque antes de novembro non se pode colleitar e se é unha finca húmida e lle dá por chover igual nese momento non podes entrar a sacalo. Este ano haberá que agardar mínimo a novembro, antes vai ser imposible”, indica.

Ten un custo máis elevado que facer o silo de millo e ten que haber un mínimo de rendemento para que compense

O xerente de Ganxabar tampouco recomenda deixar as peores fincas para grao, xa que “canto máis rendemento teñas en silo máis rendemento vas ter tamén en grao”. “Nós obtemos entre 12.000 e 13.000 quilos de promedio, entre as fincas boas e as malas, aínda que iso tamén varía dun ano para outro. O ano pasado, por exemplo, obtivemos 13.000 quilos de media pero hai anos nos que chegas aos 14.000 e outros nos que te quedas en 11.000”, recoñece. 

Dado que facer grao húmido ten un custo máis elevado que facer silo de millo, “ten que haber un rendemento mínimo para que compense, que estaría entre os 10 e os 12.000 quilos”, di Adrián, aínda que matiza: “este ano, tal como están os prezos das materias primas, vai ser rendible igual aínda que se obtivesen menos quilos. A nós evítanos ter que entrar a competir no mercado da fariña de millo, deste xeito só temos que mercar a colza”, destaca. 

Nós temos suficiente avance para facelo en trincheira pero hai que compactalo ben

O produto que Ganxabar elabora ten arredor dun 60% de materia seca, aínda que iso depende de cando se semente e da variedade plantada. “Canto máis longo é o ciclo máis capacidade produtiva de gran ten, sempre que sexan variedades que cumpran o ciclo de maduración”, advirte.

Aínda que na maioría das ganderías ensilan en salchicha o grao húmido para evitar a entrada de aire unha vez aberto, nas instalacións de Ganxabar en Mazaricos ensílano en trincheira. “Hai que compáctalo ben, pero nós temos suficiente avance para facelo en trinchera. É un produto con moito azúcre que ten as condicións todas para fermentar e pudrir se non avanzas entre medio metro e un metro. A maiores, eu considero imprescindible utilizar un inoculante para activar a fermentación e evitar que pudra despois, Nós usamos inoculantes biolóxicos con bacterias, que nestes casos é o que funciona ben”, asegura Adrián. 

A tendencia é facelo cada vez máis húmido para facilitar a conservación e a dixestibilidade, pero sen non está ben seco perdes moito grao na finca porque a máquina non é capaz de separalo ben do carozo

Outro consello que, en vista da súa experiencia, dá o xerente de Ganxabar é moer ben o grao de millo antes da súa ensilaxe. “O grao de millo ten entre un 60 e un 70% de materia seca e as vacas non son capaces de trituralo, polo que tes que facilitarlles a súa dixestión. Por iso canto máis se moe o grao mellor”, di. “Cada vez tende a facerse o grao húmido máis húmido precisamente por iso, para facilitar a conservación e a dixestibilidade, pero tes o hándicap que as máquinas para desgranalo ben necesitan que estea seco, senón perdes moito grao na finca, polo que hai que buscar ese punto de equilibrio”, razoa.  

Canto máis se moa o grao mellor, porque se facilita o ensilado e a dixestión da vaca

A colleitadora non é a mesma que se usa para o ensilado, senón que é unha máquina de cereal á que se lle cambia o cabezal e as cribas. Logo emprégase unha segunda máquina que é a que moe a fariña. No caso do pastone, o proceso é máis sinxelo, posto que se semella máis ao do silo de millo. “É o mesmo proceso, só que non metes a palla, só a espiga, pero a colleitadora é a mesma cambiándolle o cabezal e xa ensilas tamén tal como sae da colleitadora, sen moer posteriormente”, conta Adrián.

O pastone ten máis risco a nivel sanitario para o gando porque tes máis risco de meter esporas, fungos e micotoxinas ás vacas na alimentación

“Nós fixemos pastone varios anos, unha por custo e tamén porque o podíamos facer antes, non hai que agardar a que madure a mazorca, Pero é un produto de menor calidade, porque non é tan puro ao levar a folla e o carozo. Ademais, como o faciamos coa colleitadora do millo ao acabar a campaña era bastante tarde e xa levaba fungos. Cambiamos do pastone ao grao húmido sobre todo por iso, pola calidade nutricional do produto e pola calidade hixiénica. Ten máis risco ademais a nivel sanitario para o gando, porque tes máis risco de meter esporas, fungos e micotoxinas ás vacas na alimentación”, conclúe.

Fan grao húmido de millo que traen de León. No último ano fixeron menos porque o prezo disparouse de repente 30€

En SAT Seixas fan grao húmido co millo que traen de León

“Eu véxolle todo vantaxes, o único inconvinte é que tes que adiantar os cartos”

Aínda que o habitual en Galicia é que as ganderías que fan gran húmido o elaboren a partir da produción de millo da propia explotación, no caso de SAT Seixas fano a partir de grao de millo mercado en Castela, debido á escaseza de base territorial desta granxa de Taboada. 

Malia este hándicap, que os obriga a mercar cada ano entre 450 e 500 toneladas de grao de millo destinados facer con eles grao húmido, Manuel Arias salienta as vantaxes de ensilar o grao de millo na granxa e non metelo directamente na ración en forma de fariña. 

Mercamos cada ano entre 450 e 500 toneladas de millo en grao en León para facer grao húmido, axúdanos coa xestión CAP Coruña

“Non nos sae tan ben de prezo como se o botaramos nós pero sempre che sae mellor que a fariña de millo, que ten moitos máis portes, porque vai da terra onde o colleitan para o secadeiro, do secadeiro posteriormente á fábrica e da fábrica despois para a granxa. Neste caso vén directamente da terra para aquí”, conta Manuel, que ve tamén vantaxes en canto á calidade e selección da materia prima.   

Cando che traen unha bañeira de fariña de millo tráenche unha mestura na que non podes valorar a calidade do grao nin en que estado foi colleitado

“A ti tráenche unha bañeira de grao e ves o millo e podes valoralo; cando che traen a fariña de millo non sabes como era o grao, tráenche unha mestura na que non podes valorar a calidade do grao nin en que estado foi colleitado, así que a este sistema eu véxolle todo vantaxes, o único inconvinte é que tes que adiantar os cartos, porque tes que pagar todo xunto o de todo o ano, o que vas consumir nos 12 meses seguintes”, razoa. 

As vacas están mellor desde o punto de vista da condición corporal porque asimilan mellor o amidón do grao ensilado que en fariña

 

Nesta gandería de Taboada comezaron a elaborar grao húmido hai uns 8 anos nun momento no que, igual que agora, se estaba a producir un encarecemento dos cereais. “Prevíase unha suba de prezos, probamos e gustounos. Porque penso que as vacas asimilan mellor o amidón do grao así ensilado que en fariña e corporalmente vense en mellor estado, máis brillantes, aínda que iso non quere dicir que dean mais leite”, recoñece. 

Cando os camións que transportan o millo colleitado na comarca do Páramo leonés o descargan nas instalacións da gandería en Bembibre (Taboada) procédese ao picado do grao e a súa introdución nunha salchicha de plástico onde comezará o proceso de fermentación e conservación.  

Eu recomendaría que se botase formigón por abaixo na zona onde se vai depositar a salchicha porque ten que ser unha zona limpa

“O ideal sería esperar entre 30 e 40 días para comezar a consumilo e eu recomendaría que se botase formigón por abaixo na zona onde se vai depositar a salchicha e se non se pode que se bote zahorra, porque ten que ser unha zona limpa. A nós un ano entráronnos os ratos e nacen herbas”, explica.  

Outra das advertencias que fai Manuel é que “ten que haber un consumo diario”. “Nós usamos entre 5 e 7 quilos por animal e día e variamos a cantidade en función dos kilos de silo de millo que estamos introducindo na ración e do amidón que teña. Xa non compramos fariña de millo, xa calculamos máis ou menos o que nos fai falta para o ano en función do silo de millo e de herba que temos e despois só mercamos colza ou soia e un núcleo”, indica. 

Este ano é unha aventura mercar grao de millo polo prezo que ten, o ano pasado xa nos saíra 30€ máis cara a tonelada e este ano disparouse moito máis

Pero este ano “é unha aventura mercar o grao de millo polo prezo que ten”, admite Manuel. O problema resolveríase ampliando a superficie agraria da explotación, que bota 75 hectáreas de millo e moxe 220 vacas, pero é un obxectivo que teñen fixado desde hai anos e que non logran acadar polas dificultades para facerse con terras produtivas na zona na que se atopan. “Necesitariamos moita máis terra para facer isto, faríannos falla unhas 50 hectáreas máis que valeran para millo para garantir a produción de grao que estamos mercando un ano con outro”, asegura.

Faríannos falla unhas 50 hectáreas máis que valeran para millo para garantir a produción de grao que estamos mercando un ano con outro

Ao igual que lle pasa a SAT Seixas, ese mesmo problema teríano moitas outras explotacións galegas para poder facer grao húmido producido integramente na granxa, aínda que se trataría dunha estratexia que lles permitiría aforrar nos custos de produción do litro de leite e reducir de maneira importante a súa dependencia da compra de insumos externos. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información