
A mellora do benestar animal nas granxas convertiuse nos últimos anos nunha estratexia na que todas as partes do sector gañan. As industrias alimentarias queren comunicar esas garantías ó consumidor, en tanto para as granxas que certifican o benestar, o selo representa a maiores unha ferramenta de optimización da saúde e rendementos dos animais.
As sombras do sistema sitúanse en pequenas granxas con dificultades para cumprir parte dos requisitos, así como nas esixencias lexislativas adicionais que están por vir. Falamos da situación con Carles Rosell, CEO do selo Welfair.
– Como valoras o benestar animal na gandaría española?
O sector gandeiro en xeral traballa ben, pero ás veces resulta difícil transmitir e explicar ese bo traballo. Nós somos unha ferramenta que permite medir o benestar animal e, a través do selo, relatar todo o que se está facendo ben. Medímolo e explicámolo e creo que é un aval para as boas prácticas do produtor.
Quixera destacar que somos unha certificación que chega a todo o sector. Empresas grandes, empresas pequenas, gandarías e distribución. O noso obxectivo é mellorar o benestar animal e que os gandeiros poidan demostrar que están facendo as cousas ben, que en xeral as fan ben ou moi ben.
– Cal é a situación da certificación de Benestar Animal en granxas de España?
Actualmente a certificación Welfair é líder en España e Portugal no que se refire ao número de granxas e evidentemente de animais. Temos actualmente máis de 26.000 granxas certificadas en España e unhas 4.000 en Portugal. Tamén outras 2.000 noutros países, como Dinamarca, Ecuador, Brasil, Costa Rica ou Chile. En América, estamos traballando para ir tamén a Arxentina e Perú, e en Europa enfocámonos en Polonia e Europa central.
Respecto a empresas, actualmente hai máis de 250 que etiquetan co noso selo e levan máis de 1.000 referencias aos lineais.
– E no caso galego?
Polo que se refire a Galicia, o que predomina son empresas do sector lácteo. Estamos falando dunhas 5.000 granxas, incluíndo todas as especies, das cales 3.300 son de vacún de leite.
O sector de vacún de leite é o que máis aposta pola nosa certificación en Galicia. Porque o benestar animal tradúcese en máis e mellor leite
É certo que en Galicia o vacún de leite é o máis importante, sobre todo pola cantidade de granxas pequenas. Tamén destaca o porcino de engorde, xa que as principais empresas de porcino tamén están na nosa certificación. Temos, ademais, vacún de carne, galiñas, coellos e pavos. Estariamos falando en Galicia de 814 granxas de porcino, 108 de vacún de carne, algo máis de 100 de polos, unhas 700 de galiñas, 32 granxas de coellos e unhas 120 de pavos.
– Como valoras este escenario de certificación?
Non pretendemos que todo o mundo estea na certificación. O que queremos é axudar, impulsar a mellora do benestar animal para aqueles profesionais e empresas que realmente estean implicadas, que por sorte son a maioría.
A nosa certificación vai máis alá da lexislación. É unha certificación voluntaria coa que medimos o benestar animal de acordo coas características naturais de cada especie. É dicir, medimos como o animal realmente se comporta e analizamos a parte de alimentación, de comportamento, de saúde e de instalacións.

O vacún de leite é o sector no que o sistema Welfair ten máis implantación en Galicia
En España xa hai un número importante de explotacións de distintos sectores que están connosco, pero temos un gran percorrido aínda, dadas as características da nosa certificación, que é adaptable a todas as xeografías. Permite crecer tamén noutros sitios para xerar máis valor e que realmente sexa a certificación de referencia tanto en España como noutros países.
O que traballamos en comunicar son as bondades da certificación de cara tanto ao que son os gandeiros como ás empresas, á distribución e ao consumidor. Poder explicar que a certificación é un aval, unha forma de comunicar que están facendo ben as cousas.
– En parte da industria alimentaria, a certificación das súas granxas provedoras estase convertendo xa nunha exixencia.
Si, para moitas empresas xa é un requirimento o que as gandarías teñan unha certificación. A nosa, polo feito de ser independente e multiespecie, fai que a industria se senta cómoda con ela e a traslade ao consumidor. Nós traballamos con todas as especies; con distintos protocolos e cun sistema homologable a outros países.
As industrias xa están primando as granxas que aplican os métodos de Welfair, e os consumidores cada vez recoñecen máis esas prácticas
É unha forma de que o consumidor saiba que o gandeiro está facendo ben as cousas e que coa súa decisión de compra axuda a reforzar o que se continúen as boas prácticas en benestar animal. A distribución tamén adoptou un rol de ser prescritor, de traccionar, e iso axuda a chegar mellor ao consumidor.
– Que criterios aplicades á hora de certificar?
A nosa certificación réxese por unha puntuación. Cada granxa recibe unha cualificación en función das súas prácticas. Con esta información, na seguinte avaliación, pode haber mellorado os aspectos nos que coxeaba. É unha ferramenta de mellora para o gandeiro.
O benestar animal pódese medir. O que vimos é que as empresas que levan tempo certificando axudaron a mellorar a puntuación das granxas. E con iso melloraron a súa eficiencia.
En certa medida, é unha auditoría interna da granxa. Para ir mellorando, esa é a cuestión. Nós medimos o benestar animal baixo criterios científicos, criterios técnicos e de maneira independente.
Hai prácticas e manexos que deben evolucionar e adaptarse á futura lexislación
– En Galicia, hai aínda pequenas granxas con sistemas de vacas trabadas e emparrillados. Son sistemas de manexo viables de cara ao futuro en canto a benestar animal?
Evidentemente son cuestións que están enriba da mesa. Somos conscientes da tipoloxía de gandaría que existe aquí, que é particular, con parte de gandarías pequenas, pero a nosa prioridade é o benestar animal. No tema de vacas trabadas e emparrillado, nós cinguirémonos ao que dite a lexislación.

En Welfair traballan para que todas as vacas das explotacións teñan un mínimo de mobilidade
Daremos un período de tempo para adaptarse, para definir máis claramente que son vacas trabadas, que ás veces a propia lexislación non define de forma clara e contundente. É certo que hai prácticas que pouco a pouco deben ir evolucionando e adaptándose ás novas circunstancias, tendo claro que é necesario ese período de adaptación.
De cara ó 2030, non se permitirán sistemas nos que as vacas non se movan. Outra cousa é definir supostos nos que pode haber vacas parcialmente trabadas por inclemencias do tempo e tamaño da explotación
E o mesmo co emparrillado ou coas mutilacións (descornes, etc.). Non queremos impoñer nada, pero cando haxa unha lexislación hai que cumprila, e niso debemos ser inflexibles.
De cara ao 2030, a lexislación fala de tipoloxías de granxas por tamaños. E contémplase que non debe haber vacas trabadas. Non se permitirá que as vacas non se mobilicen. Outra cousa é definir exactamente os supostos en que haxa vacas trabadas por inclemencias do tempo, por pequeno tamaño de explotación… Pero nós estamos falando nun horizonte 2030, onde as vacas deberán poder moverse.
A nosa certificación non pretende ir máis aló do que marcan as normativas. E traballamos con períodos de transición e adaptación
Nalgún momento poderían estar suxeitas nos establos. Pero teñen que saír ao exterior un período de días longo ao ano, un mínimo de horas anual. E despois tamén moverse diariamente, poder facer exercicio durante o día.
– A posible obrigación de crear patios e accesos ao exterior en granxas intensivas tamén crea polémica en Galicia, dadas as limitacións de terra ou espazo. Como se prevé a lexislación nun futuro?
Os animais terán que poder moverse. Isto está claro. Non se pode ter un animal confinado. Certo que os minifundios e as granxas pequenas condicionan a situación, de aí a discusión que poida haber entre sector gandeiro e administración. Nós o que faremos é reflectir as resolucións da administración no selo.
A escasa mobilidade das vacas leiteiras é unha casuística particular do norte de España. Nós non queremos eliminar ningún tipo de produción, pero temos que preservar o benestar dos animais, que é o obxectivo final da nosa certificación. Hai que buscar un punto de equilibrio e cumprir a lexislación.
– Recentemente mantivestes reunións en Galicia con empresas certificadoras e gandeiros. Que novidades lles trasladastes?
Lanzamos a versión catro do novo regulamento do noso selo. Este regulamento debería mellorar o que é o rigor e o control de todo o proceso de auditoría, así como a súa robustez xurídica.

Rosell asegura que o benestar dos animais acábase traducindo nunha maior produtividade nas granxas
Unha segunda cuestión importante é que imos lanzar unha plataforma dixital de xestión de datos. Esa plataforma vai facilitar ter máis datos da mellora continua que o propio proceso de certificación xera nos gandeiros.
A plataforma vainos axudar na xestión de datos e a executar un ‘benchmarking’ (avaliación comparativa), para identificar cuestións de mellora técnica que teñan unha repercusión directa na rendibilidade e na eficiencia do gandeiro. Por exemplo, vimos que cando instalamos máis bebedoiros en vacas de leite, automaticamente hai unha mellora produtiva de leite.
Ademais de aplicar as prácticas de benestar, é importante saber comunicalas. Para que os mercados poidan e saiban valoralas
É algo que parece claro, pero necesitamos ter os datos para certificalo. É dicir, poder explicar dunha maneira máis contrastada as melloras que supón a nivel técnico. Poderemos ver incluso a progresión ao longo dos anos de cada tipo de explotación e cada tipo de sector despois de aplicar a certificación.
Galego








Control OJD