Granxas sen recollida de leite a partir do 1 de abril

Pequenas explotacións que deixa Leche Río nas comarcas de Ordes e de Santiago aínda non atoparon outra industria que lles recolla a produción, segundo advirte o Sindicato Labrego, que pide a intervención de Medio Rural

Granxas sen recollida de leite a partir do 1 de abril

O sector agarda solucións para evitar que quede leite sen recoller no campo.

Alomenos sete granxas das comarcas de Ordes e de Santiago quedan sen comprador para o leite a partir do venres 1 de abril. Leche Río decidiu abandonar a recollida desas explotacións, alegando dificultades de acceso, e as gandeirías aínda non atoparon alternativas. O Sindicato Labrego pide a intervención da Consellería de Medio Rural para buscar solucións e evitar que quede leite sen recoller no campo, segundo advirte a organización en nota de prensa.

As explotacións afectadas, ás que Río lles estivo recollendo o leite os últimos anos, son de Ordes, Frades, Tordoia e da comarca de Santiago, segundo os datos que manexa o Sindicato Labrego. Son todas pequenas granxas rexentadas por mulleres maiores de 50 anos que teñen na gandeiría a súa única adicación profesional.

Desde o Sindicato Labrego consideran que pode haber máis gandeirías afectadas polo problema e lamentan a impunidade coa que consideran que operan as industrias lácteas.

A organización demanda a intervención urxente da Consellería do Medio Rural para buscar unha solución para as explotacións afectadas. Desde o Sindicato advirten de que esta solución non pode pasar por entregar o leite a prezos de po, por baixo dos 20 céntimos.

O sector leva uns días á expectativa do que sucede coas explotacións que deixa Río e que aínda non atoparon comprador. Días atrás, Unións Agrarias cifraba nunhas 15 granxas as que se poderían atopar con problemas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información