Granxas gañadoras dos premios Exceleite 2025

Entregados os galardóns ás 20 ganderías extensivas, semiextensivas, intensivas e ecolóxicas con mellor calidade hixiénico-sanitaria do leite segundo as mostras diarias analizadas polo Ligal

As explotacións premiadas, xunto ao presidente da Xunta e á Conselleira do Medio Rural na entrega de galardóns

As explotacións premiadas, xunto ao presidente da Xunta e á Conselleira do Medio Rural na entrega de galardóns

Este xoves foron entregados os IX Premios á Excelencia Hixiénico-Sanitaria das Explotacións Leiteiras de Leite Cru de Vaca 2025, nos que foron recoñecidas 20 ganderías en base aos resultados de bacterioloxía e células somáticas nas mostras analizadas polo Ligal. 

Os Premios Exceleite divídense en tres categorías en función do seu sistema de produción (extensivo, semiextensivo e intensivo) e outra que recoñece tamén as mellores explotacións ecolóxicas. En total, outorgáronse 20 galardóns, que recoñecen o esforzo, a profesionalidade e o bo facer dos gandeiros. 

RELACIÓN DE EXPLOTACIÓNS PREMIADAS:

Gandaría extensiva pequena
– Ouro: Agriculvarela
– Prata: Lácteos Veigaria

Gandaría extensiva mediana
– Ouro: Gandaría Sinesio
– Prata: Tallón Lobato

Gandaría extensiva grande
– Ouro: Casa Menor 1614
– Prata: Gandaría Casa Quinto

Gandaría semiextensiva pequena
– Ouro: José Manuel Barreiro Vázquez
– Prata: Troitiño

Gandaría semiextensiva mediana
– Ouro: Pradeda Pozo
– Prata: Pablo Soto Campello

Gandaría semiextensiva grande
– Ouro: Gandaría A Casa Landeira de Oa
– Prata: Ramón Vales Porto

Gandaría intensiva pequena
– Ouro: Antonio Torneiro Pestana
– Prata: Concepción García Pereira

Gandaría intensiva mediana
– Ouro: María del Carmen Barrán Santiso
– Prata: Teresa Fernández López

Gandaría intensiva grande
– Ouro: Antonio Sear López
– Prata: Gandaría Portela Rivas

Gandaría ecolóxica
– Ouro: Granxa Ecolóxica Figueroa
– Prata: Casa Codesal

Alfonso Rueda: “O sector lácteo é un tesouro que hai que coidar”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na gala de entrega dos IX Premios Exceleite en Santiago, onde destacou o papel fundamental do sector lácteo como motor de desenvolvemento económico e social da comunidade. “É un tesouro que hai que coidar”, dixo. 

“Se algo nos identifica dentro e fóra de Galicia é a calidade do noso sector primario, do leite galego e de todo o que ten que ver con este eido. Un bo exemplo do que significa Galicia Calidade é o traballo diario dos gandeiros galegos”, indicou.

Con menos granxas hai máis leite debido á concentración da produción e a que as explotacións se modernizaron e melloraron

Rueda subliñou que o sector está a vivir un bo momento, destacando que Galicia vén de consolidarse como unha potencia leiteira de referencia internacional, situándose entre as dez principais rexións produtoras da Unión Europea.

O presidente do Executivo autonómico destacou o esforzo das granxas en materia de modernización, benestar animal, hixiene e produción ecolóxica, piares que definen, dixo, o agro moderno e competitivo que defende a Xunta. “Con menos granxas hai máis leite debido á concentración da produción e a que as explotacións se modernizaron e melloraron”, sinalou.

Apoio á remuda xeracional

Malia o bo momento de prezos en orixe e o incremento da capacidade de transformación na propia comunidade, que se sitúa próxima ao obxectivo do 75%, Rueda recoñeceu os retos que aínda ten por diante o rural, como a remuda xeracional.

Neste sentido, lembrou o compromiso nos orzamentos de 2026, nos que a Xunta destinará arredor de 24 millóns de euros para facilitar a incorporación de mozos e mozas ao agro e duplicará a partida destinada ao programa de titorización e asesoramento. 

No 2026 haberá 24 millóns de euros para axudas de incorporación de mozos e 19,6 para as industrias de transformación

Ademais, a Administración autonómica implementará ferramentas como o novo Banco de Explotacións para poñer en contacto a gandeiros que se xubilan con interesados en coller o negocio e seguirá aplicando medidas de sanidade animal para seguir protexendo o alto status sanitario da cabana gandeira galega. No relativo ás axudas á transformación para as industrias acadarán os 19,6 millóns de euros.

PAC 2028-2034

O presidente da Xunta fixo fincapé tamén na necesidade que se manteñan os actuais fondos europeos para o sector primario, no día no que milleiros de agricultores e gandeiros protestan diante da Comisión Europea en Bruxelas para pedir que non se reduza a partida para a PAC 2028-2034, e así garantir a súa competitividade.

“Se queremos que o noso continente siga a desenvolverse non podemos perder o sector primario. Non podemos perder o camiño de modernización que se iniciou hai uns anos. O sector primario necesita recursos para non quedar atrás”, indicou Rueda. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información