“As granxas galegas teñen un nivel de emisións medio e poden mellorar reducindo o emprego de concentrado e aumentando o de herba”

Entrevista ao investigador César Resch, responsable desde o CIAM-AGACAL do proxecto europeo “Granxas climáticamente neutras: Construír un futuro baixo en emisións de carbono e climáticamente resiliente: Invetigación e innovación en apoio do Pacto Europeo Verde (H2020-LC-GD-2020)

“As granxas galegas teñen un nivel de emisións medio e poden mellorar reducindo o emprego de concentrado e aumentando o de herba”

César Resch, responsable desde o CIAM-AGACAL do proxecto europeo “Granxas climáticamente neutras: Construír un futuro baixo en emisións de carbono e climáticamente resiliente: Invetigación e innovación en apoio do Pacto Europeo Verde (H2020-LC-GD-2020)

Este 1 de xaneiro comezou oficialmente o proxecto europeo “Climate Neutral Farms: Building a low-carbon, climate resilient future: Research and innovation in support of the European Green Deal (H2020-LC-GD-2020)” aprobado pola Comisión Europea e que terá unha duración de 4 anos.

O proxecto conta con 33 institucións participantes realizando a coordinación o INRA francés. A nivel español, o proxecto coordínase dende Galicia, en concreto desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), dependente da Consellaría do Medio Rural.

Como resultados tanxibles do proxecto búscase lograr un método automático, sinxelo e fiable de medida e certificación de créditos-carbono nas explotacións de leite, xa que os actuais obedecen aos intereses dos sistemas de produción de cada zona (granxas en intensivo ou en extensivo). O obxectivo final do proxecto está orientado a conseguir a neutralidade climática das explotacións leiteiras europeas, en liña coa folla de ruta da UE no horizonte 2050.

Falamos co investigador Dr. César Resch, a persoa responsable do proxecto desde o CIAM-AGACAL.

¿Cales son os obxectivos do proxecto “Granxas climáticamente neutras: Construír un futuro baixo en emisións de carbono e climáticamente resiliente: Invetigación e innovación en apoio do Pacto Europeo Verde (H2020-LC-GD-2020)“?
O proxecto pretende analizar e minorar as emisións de gases efecto invernadoiro da agricultura e gandería. Acordar unidades e métodos de medida, a redución dos impactos e a súa cuantificación poderían ser, moi resumidamente, o primeiro gran obxectivo deste proxecto.

Un segundo obxectivo será crear un sistema de marcadores para cuantificar as emisións e poñer as bases dun sistema de crédito carbono nos sectores antes mencionados.

¿Que importancia ten a participación de Galicia e da AGACAL no mesmo?
A participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) neste proxecto é de suma importancia, pois permítenos estar nun grupo que vai ter moita influencia á hora da toma de decisións nos ámbitos anteriormente referidos.

Os membros do consorcio poden ser agrupados en tres categorías, no ámbito científico a coordinadora é o INRAE, o centro de investigación agrogandeira de carácter público referente en Francia, estando entre outras tamén a Universidade de Wageningen, de Holanda, e o centro de investigación Teagasc irlandés.

Asemade, existen outras dez institucións de investigación, como o Labotorio Interprofesional Galego da Análise do Leite (LIGAL), ou universidades. Hai unha participación de entidades industriais de relevancia no sector lácteo, como son Nestlé, Danone e Friesland Campina. Por último hai unha serie de entidades no consorcio que sendo máis transversais confírenlle a este unha alta relevancia. Neste sentido, destaca a neerlandesa Climate-KIC Holding BV (CKIC) que é unha entidade financiada polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía e que ten por cometido ser axencia de innovación que lidere a construcción dunha Europa sostenible en crecemento e competitiva. Neste apartado tamén se podería incluir a participación da empresa Electricidade de Francia ou o Comisariado francés da enerxía atómica e enerxías alternativas.

Somos en total un consorcio composto por 32 entidades de 17 Estados diferentes dos que 5 son de fóra da UE. Somos a única entidade española que é membro do consorcio e o noso cometido será a coordinación das entidades que participen no ámbito lácteo español.

¿Como se realizará a selección das granxas participantes?
AGACAL como coordinador ten a función de escoller 110 granxas comerciais en toda España nas que se farán propostas e medicións de impacto durante dous anos, os datos destas granxas fornecerán a base de datos do proxecto.

Outra aportación serán os ensaios que farán na granxa experimental do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

O criterio de elección das granxas atenderá a unha distribución xeográfica coa lóxica da produción presente, atenderemos tamén a variabilidade dos sistemas de produción e a diversidade de tamaños. Todo este proceso de elección e seguimento farase en coordinación coas entidades colaboradoras que participan no proxecto.

Levamos traballando con estas entidades dende o mes de Xullo pasado e podemos dicir que todas elas acolleron o proxecto con entusiasmo e a meirande parte xa contemplan nos seus plans de actuacións internos accións na dirección marcada polo proxecto.

As entidades colaboradoras no ámbito industrial lácteo en España son Leche Pascual, Nestlé, Danone, Entrepinares, Leche Río, Naturleite e Central Lechera Asturiana. En suministros contamos con Alltech España, e tamén participa a empresa de asesoramento Agronovo de Lugo e, por último, a entidade financeira Caixa Rural Galega.

 “O sistema de produción de leite é complexo para calcular a súa pegada de CO2 porque hai emisions pero tamén fixación de carbono”

¿Que carencias detectades nos distintos sistemas de cálculo das emisións de gases contaminantes no sector gandeiro,e no vacún de leite en concreto?
Máis que carencias eu falaría de incertezas, a xente quere rapidez e exactitude e a ciencia require tempo, hai moitas incertezas aínda por resolver. O sistema de produción de leite é complexo por definición, hai entradas e saídas e como en todos os sistemas agrícolas hai factores que suman e outros que restan. Isto non ocorre nos cálculos de emisión de por exemplo, unha central térmica onde non hai ningún tipo de fixación de CO2. Os modelos que circulan arestora para o cálculo da pegada de CO2 en gran medida obedecen aos intereses dos sistemas de produción maioritarios na área de procedencia.

Pero hai avances e o proxecto vai na liña de consolidalos e procurar marcadores fáciles para poder achar pegadas de carbono nas granxas de leite de xeito sinxelo, obxectivo e rápido.

Neste sentido, un dos obxectivos do proxecto é a construción dun método automático de medida e certificación de créditos-carbono nas explotacións de leite. Explícanos en que consistiría….
Como comprenderedes non podo por adiantar o que está por facer, pero si que podo dar a miña opinión sobre o que creo que pode ser.

A idea é crear marcadores para que unha vez cheguemos a unha granxa, e en función do que indiquen estes, poder saber a intensidade de emisións das mesmas. Un exemplo moi fácil de entender é o censo e os partos de xovencas: canto máis número de animais e cantos máis partos de xovencas teña (taxa de reposición) máis emisións vou ter para unha produción de leite dada. Estes datos a día de hoxe están rexistrados e serían de moi doada consulta. Os tipos de cultivos, as cantidades de adubos, a capacidade e tipo de foxa de xurro, os quilos e composición de concentrados…..todos estes factores son doadamente medibles e teñen todos impacto directo na pegada de CO2.

O sumatorio destes factores dará lugar a un índice que será o que me dirá se unha granxa está na media, por riba ou por baixo da emisión obxectivo. A partir de aí ven a decisión política de penalizar aqueles que o fan mal ou primar aos que o fan ben.

¿Os famosos peidos das vacas son un dos principais causantes do cambio climático? ¿Que hai de certo nisto?
Só o 5% das emisións entéricas das vacas son pola parte traseira sendo o 95% vía boca en forma de arrotos.

A simplificación das cousas lévanos a escenarios as veces un tanto esperpénticos. As vacas emiten metano porque teñen unha característica que é que son capaces de transformar as celulosas e hemicelulosas, non dixeribles polos humanos, en proteína e enerxía de alto valor alimenticio. A produción de alimentos é inherente á propia vida humana, algo que parece obvio pero coido que ás veces se esquece que comemos todos (os humanos) todos os días. Temos que producir alimentos, temos que mellorar os sistemas e que sexan máis eficiente e así producirán menos CO2, pero temos que producir alimentos para seguir vivindo. Non podemos borrar a agricultura e gandería da faz da terra. Somos o triplo de habitantes que hai 50 anos. Temos como sociedade ser menos hipócritas e cambiar hábitos de consumo, pero non só na comida, senón tamén no consumo de roupa, viaxes, electrónica e un longo etcétera que está na mente de todos.

“As granxas galegas teñen un nivel de emisións medio e pódese mellorar reducindo o emprego de concentrado, e facendo que as vacas coman máis herba e duren máis anos”

O obxectivo final do proxecto é conseguir a neutralidade climática das explotacións leiteiras europeas, en liña coa folla de ruta da UE no horizonte 2050. ¿Cales son os principais factores que inciden en que unha granxa tenda a ser climáticamente neutral?
Isto non deixa de ser un suma resta, entón o que hai que facer é emitir menos e estocar máis. Menos emisión implica ser máis eficientes e almacenar máis e podemos dicir que vai acorde co tipo de uso do solo que facemos. É dicir, canta máis pradeira permanente teñamos máis CO2 almacenaremos. Moi simplificado é o que podo dicir.

A grosso modo, como estimas que é a situación das granxa de vacún de leite galegas en canto a emisións de Gases de Efecto Invernadoiro?
En xeral direi que nun grupo de análise a nivel europeo estamos nunha zona media, pero temos que reverter tendencias. Somos moi vulnerable aos factores de emisión que se lle poña aos concentrados, amañar isto é cuestión de ter menor dependencia de concentrado. Necesitamos máis terra, facer que as vacas consuman máis herba e ir a granxas nas que os índices de reposición sexan menores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información