As granxas, á espera dos novos contratos do leite para ver se cadran contas

Lactalis é a primeira compañía que trasladou unha proposta de novos contratos ás ganderías, nos que sobe arredor de 2,80 céntimos en relación ós asinados hai un ano. Espérase que o resto de empresas mova ficha nos próximos días

As granxas, á espera dos novos contratos do leite para ver se cadran contas

A maioiría das granxas galegas renovará os seus contratos lácteos coas industrias ao final do primeiro trimestre, polo que se espera que nos próximos días comecen a chegar os novos contratos ás granxas, cos 2 meses de antelación que marca a normativa. Nun momento no que os custos de produción están disparados, cun aumento de gastos de arredor de 6-7 céntimos por litro de leite, os gandeiros agardan que os novos contratos lles axuden a cadrar contas.

O contexto do mercado do leite en principio é positivo. Os supermercados aumentaron desde setembro o prezo das marcas brancas e a maioría das industrias elevou tamén o prezo das súas primeiras marcas nos puntos de venda, polo que organizacións agrarias e cooperativas agardan que esa suba chegue en cadea ás granxas.

A maiores, o mercado de produtos lácteos industriais volve acadar cotizacións históricas. O leite en po desnatado sitúase en 344 euros / 100 kg., o prezo máis alto desde o 2007, cando se disparara o prezo do leite no campo. A manteiga, que se encareceu un 66% no último ano, está en 573 euros / 100 Kg. e a maioría de queixos industriais de referencia (Edam, Gouda, Cheddar) encarecéronse no último ano entre un 10 e un 33%.

Primeiros movementos
Así as cousas, tralas protestas gandeiras do pasado outono, houbo xa industrias que comezaron a actualizar prezos no campo. Leche Celta subiu 1 céntimo en decembro e subirá outro en xaneiro, se ben aínda non se sabe que contrato lle presentará ás granxas para a próxima campaña. Lactalis, a industria con maior volume de recollida en Galicia, aumentou pola súa banda 1,50 céntimos xa o prezo do leite e propón outra suba de arredor de 1,30 céntimos no novo contrato, co que subiría en total arredor de 2,80 céntimos, para un prezo base final superior a 32 céntimos.

Entre o resto de grandes empresas, non houbo por agora máis movementos, fóra dos xa realizados no verán por Naturleite, Entrepinares e Pascual, e dos pequenos movementos que foron practicando cooperativas galegas como Clun ou Aira.

En Larsa, as granxas, que teñen por contrato un 30% do seu leite indexado ós prezos dos lácteos industriais, están beneficiándose das subas do mercado, se ben o restante 70% do leite permanece sen cambios. A compañía anunciou no outono que ten a previsión de subir o prezo base na renovación de contratos que lle toca facer agora, pois tamén subiu o prezo de Larsa nos supermercados, pero polo de agora non lle presentou proposta ás granxas.

Compás de espera no sector
No sector gandeiro, que protagonizou protestas este outono tanto ante industrias como ante cadeas de supermercados e institucións, as subas anunciadas considéranse insuficientes, pois as granxas están a verse apretadas, con subas medias nos custos de produción (pensos, fertilizantes, electricidade) que chegan ós 6-7 céntimos por litro de leite.

Tralas protestas realizadas no outono, colectivos como Unións Agrarias, Agromuralla ou o Sindicato Labrego, están á espera de comprobar as novas propostas de contratos que trasladan ás industrias para decidir cos seus afiliados posibles accións.

Desde Unións Agrarias avanzan que as subas que se albiscan son “claramente insuficientes” e agardan movementos maiores por parte das industrias, así como unha indexación dos novos contratos a posibles repuntes nos custos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información