“As granxas en Austria apostaron por valorizar o seu produto e non por dobrar o número de cabezas”

Contamos as conclusións dun grupo de gandeiros e técnicos galegos que visitaron o país alpino para coñecer o seu sistema de produción e transformación leiteira. A viaxe foi promovida e financiada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Visita de técnicos e gandeiros galegos a unha explotación de ovellas e vacas en Baixa Austria

Visita de técnicos e gandeiros galegos a unha explotación de ovellas e vacas que fai queixo en Baixa Austria

Austria é décimo no ranking de principais produtores de leite da UE, pero a importancia do sector leiteiro no país vai moito máis aló dun simple dato estatístico. É o verdadeiro mantedor da paisaxe e dunha estrutura rural que se segue artellando arredor de pequenas granxas familiares que transforman e valorizan o leite que producen.

Ademais, o país ten a taxa máis alta de Europa en canto á incorporación de mozos ao sector, cun sistema formativo público moi enfocado cara a parte práctica e un bo sistema de asesoramento público ás granxas, independente e imparcial. 

Para coñecer esta realidade, un grupo de técnicos e gandeiros galegos de explotacións agrarias elaboradoras de produtos dentro so selo de calidade Artesanía Alimentaria veñen de visitar o país alpino nunha viaxe organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pertencente á Consellería do Medio Rural. 

Austria produce a metade de leite ca España pero mantén máis do dobre de granxas, que se distribúen por todo o territorio

O programa estivo centrado no sistema leiteiro, con visitas a gandarías de vacún e de ovino e caprino, tanto ecolóxicas como en produción convencional, que valorizan a súa materia prima, así como a centros de investigación, escolas de formación, cooperativas e empresas de transformación.

As 8 visitas que se levaron a cabo realizáronse no estado de Baixa Austria, situado ao noroeste do país e unha das principais zonas agrícolas e gandeiras. A súa capital é Sankt Pölten. É o segundo estado máis poboado tras Viena, á que rodea, e o máis extenso do país. A súa poboación é de 1,7 millóns de habitantes e a súa superficie de 19.180 km², cunha densidade de poboación de 90 habitantes por km². Baixa Austria está dividida en catro rexións (Weinviertel e Waldviertel ao norte e Mostviertel e Industrieviertel ao sur) e un total de 572 municipios.

O principal obxectivo desta visita foi coñecer a realidade de explotacións leiteiras que transforman e venden o seu propio produto

Na parte dos produtores artesáns, a expedición estivo formada por 9 produtores procedentes das 4 provincias galegas acollidos á marca de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria: Don Crisanto, de Vilalba; Gandería Quintián, do Páramo; Xeou, de Taboada; Campo Capela, de A Capela; Kelekoi, de Lalín; Bértolos e Serranos, de Friol; A Meixoeira, de Moaña; Casa Luis, de Lourenzá; e O Rexo, de Allariz. 

Obxectivo da viaxe: a transferencia de coñecimento

Esta viaxe técnica foi promovida polo xefe do Departamento de Investigación e Transferencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Pablo Lúgaro Seco, que estivo acompañado por outros representantes da administración autonómica, en concreto, o xefe do Departamento de Protección da Calidade Diferenciada de Agacal, Raimundo Castaño Bascoy; o subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural, Bruno Fernández; o subdirector xeral de Planificación de Extensión Agraria da Consellería do Medio Rural, Juan Barral; e o director do Centro de Formación e Experientación Agraria de Sergude, Juan Carlos Ferreras. Participaron tamén distintos asesores privados, como Hugo Criado (Medrar) ou Pablo Carro (Animalvit), organizador da visita. 

A nova PAC busca mellorar e fortalecer o sistema de asesoramento ás explotacións

Esta visita a Austria a produtores de leite que transforman a súa materia prima enmárcase dentro do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR 2014-2020) a través da submedida de Formación de asesores, co obxectivo de capacitar ao sector do asesoramento agrario e modernizar as zonas agrícolas e rurais, fomentando e compartindo o coñecemento, a innovación e a dixitalización, e promovendo a súa adopción por parte dos agricultores.

O Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) fai fincapé na necesidade de crear un ecosistema de coñecemento e innovación agraria (AKIS, polas súas siglas en inglés), no que convivan tanto o asesoramento público como o privado, mediante a mellora do acceso á investigación, a innovación, o intercambio de coñecemento e a formación para que teña repercusión real sobre o sector.  

A participación dos produtores nesta visita técnica levouse a cabo con fondos europeos dentro da Intervención 7201, financiada nun 60% con fondos Feader, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 12% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Campo Galego acompañounos nesta viaxe como medio especializado contratado para realizar unha ampla cobertura da mesma. Nesta primeira entrega, facemos un repaso polas principais conclusións de volta a Galicia.  

“En Austria, produtores, técnicos e Administración funcionan coma unha engranaxe perfecta desde hai moitos anos e iso nótase; en Galicia estamos empezando”

Intercambio de valoracións e posta en común das principais conclusións da viaxe por parte do grupo de gandeiros e técnicos galegos participantes

Posta en común das conclusións da viaxe por parte dos gandeiros e técnicos galegos participantes

Resumimos a continuación as principais valoracións que fan oos produtores e técnicos que participaron nesta viaxe a Austria, destacando aqueles puntos fortes do sistema produtivo do país alpino e poñendo o foco en aspectos que, adaptados á realidade galega, poderían implementarse para axudar ao sector en eidos como o da transformación e comercialización:

Pablo Carro, director de Animalvit, empresa especializada en suplementos nutricionais e asesoramento ás granxas, tamén é o responsable técnico en España de European Dairy Farmers, unha rede da que forman parte ganderías de vacún de todo o continente. Botando man dos seus contactos noutros países, Pablo foi o encargado de organizar a viaxe xunto ao seu homólogo austríaco, Marco Horn, seleccionando as granxas e centros de investigación e formación a visitar en Austria.

De volta, apela a trasladar á realidade de cada produtor as experiencias vistas de primeira man e facelo “con espírito construtivo” porque “de nada serve queixarse das dificultades”. “En Austria os gandeiros non se queixan do papeleo nin das esixencias que teñen que cumprir; centran os seus esforzos en producir e comercializar cumprindo con todas as esixencias”, di.

Tamén salienta “o valor dun bo asesoramento” e o feito de que “en Austria existe unha colaboración público-privada nunha simbiose perfecta”. “Vós sós ides ir moi lentos; para avanzar é necesario pagar a bos consultores por un bo asesoramento”, recomenda aos produtores que o acompañaron na viaxe. 

Hugo Criado, veterinario e socio fundador de Medrar, unha consultoría que xestiona proxectos con fondos europeos, entre eles o PERTE lácteo, avoga tamén pola colaboración e por aproveitar sinerxias: “na innovación dentro do sector lácteo hai moitos roles e ningún é máis importante que o outro. Austria é un exemplo de aplicación práctica do que significa a transferencia de coñecemento e o I+D+i”, asegura. 

Pensando no sector en Galicia, Hugo é optimista de cara ao futuro: “estámolo facendo moi ben para as trabas que temos, aínda que é certo que non temos que botarlle as culpas sempre á Administración”, admite. Aposta pola diversificación, igual que fixo Austria, e pola coexistencia de granxas máis grandes enfocadas a producir leite para a industria, que baseen a súa rendibilidade na economía de escala e a optimización de procesos, con outras máis pequenas que transformen e valoricen directamente o seu leite, xa que pensa que “poden convivir en Galicia distintos modos de produción”. 

David Rouco forma parte dese segundo modelo. É un mozo que representa a terceira xeración na queixería vilalbesa Don Crisanto, que elabora queixos baixo a Denominación de Orixe San Simón da Costa. Ao igual que a maioría das granxas visitadas en Austria, Don Crisanto tamén transforma o seu propio leite, algo que en Galicia moitas queixerias xurdidas en granxas perden co paso dos anos, abandonando a produción a medida que van medrando para centrarse só na elaboración e comercialización. 

“Eu penso que para unha queixería é moi importante ter o seu propio leite. É algo que, no noso caso, trataremos de manter. É clave ter un modelo no que poidas pechar o ciclo con produción, transformación e comercialización”, considera.

Don Crisanto está a valorar nestes momentos a colocación de placas solares para tratar de reducir a súa factura eléctrica e poder comprobar que en Austria a aposta polas enerxías renovables é algo xeralizado en todas as granxas e empresas de transformación a elas asociadas foi o empurrón final para esta decisión, admite David. 

David Rouco (Don Crisanto): Para unha queixería coma a nosa é fundamental ter no noso propio leite; trataremos de manter ese modelo

Irea Blanco está acabando a carreira de Enxeñería Agrónoma en Lugo coa idea de dar continuidade á granxa familiar, Casa Bértolo, de Friol, unha gandería en ecolóxico que deu o paso tamén a facer queixos, que comercializan coa marca Bértolos e Serranos. “Para min foi moi gratificante ver o interese dos mozos e mozas de Austria por continuar na actividade agraria e o alto grado de relevo xeracional que hai nas granxas”, destaca Irea.

“Ser rural é actual”, reza o slogan da súa sudadeira, convencida de que no rural galego hai futuro, unha idea que os seus pais, Concha e Xurxo, sempre lle transmitiron a ela e á súa irmá Ada. Tamén salienta “o valor e a utilidade que sacan á madeira en Austria e como o monte forma parte tamén da superficie da granxa formando un todo do que se obtén rendemento”.

Dous clientes entrando nunha tenda dunha cooperativa de produtores locais, habitual en moitas localidades 

Carlos Malvido, un dos tres socios da cooperativa A Meixoeira, unha gandería caprina de Moaña que elabora queixos e iogures, volve cunha idea na cabeza, a de poñer en marcha unha tenda de produtores artesanais. “Xa fai tempo que na Asociación Galega de Operadores Artesáns de Alimentación e Pensos (Agoapp), que engloba a medio cento de produtores, valoramos a posibilidade de poñer en marcha un proxecto deste tipo, e foi moi interesante ver en Austria varios exemplos que funcionan, mesmo tendas sen persoal para atendela”, salienta. 

Manuel López tamén volve de Austria cunha idea para implantar na granxa familiar na Augaxosa (Riotorto): poñer en marcha das visitas á explotación e ao obrador no que elaboran baixo a súa propia marca (Casa Luis) e co leite das súas 40 vacas en produción requesón e arroz con leite que distribúen en furgonetas propias en Galicia, Asturias e León. 

“Chamoume a atención a variedade de produtos que elaboran as granxas en Austria e como moitas delas reciben visitas ou mesmo organizan todo tipo de actividades. Distintas cabezas poden facer distintas cousas e ver novas oportunidades”, reflexiona este mozo de 22 anos.

Casa Luis, a iniciativa posta en marcha fai máis dunha década polos seus pais, Balbino e Susana, tamén apostou pola diversificación produtiva. Ademais dos elaborados lácteos, tamén ceban xatos nunha explotación en Barreiros e dispoñen dunha tenda en Lourenzá na que comercializan tanto a súa carne e lácteos como produtos doutros agricultores da zona. “É necesario que os pequenos produtores contemos con máis facilidades para elaborar e comercializar os propios nosos produtos”, reclama. 

Cata de produtos elaborados nun dos centros austríacos de investigación láctea de referencia

Manuel Arias e a súa muller Montse crearon Xeou! no 2019 para facer xeados co leite da súa granxa, que venden en tendas propias ao longo do Camiño de Santiago. A explotación da que procede a materia prima, SAT Seixas, en Taboada, é unha explotación grande que moxe preto de 300 vacas pero despois de anos aumentando ao gando Manolo decidiu cambiar de estratexia. “As granxas en Austria apostaron por valorizar o seu produto e non por dobrar o número de cabezas. Teño moi claro que non imos no camiño correcto, porque multiplicar as vacas é traballar para a industria”, di.

“Hai outras maneiras de ser rendibles e de vivir con calidade de vida, como teñen en Austria”, salienta. Cando el tomou a decisión de incorporarse ao sector desde a propia Administración enfocárono a producir leite e a gañar volume e tamaño como estratexia, algo que considera errado, tanto polas escasas marxes que deixa a venda do leite á industria como polas condicións de superficie agraria e man de obra dispoñible na maioría das granxas. “Eu diríalle á Administración que se centre en formar aos novos mozos e mozas na valorización do leite que producen e en implicalos para facer que s sintan orgullosos diso”, indica.   

Manuel Arias (Xeou): Teño moi claro que non imos no camiño correcto; multiplicar as vacas é traballar para a industria

Chelo López forma parte xunto ao seu home Julio e as súas fillas Alba e Laura da Gandería Quintián, unha granxa familiar do Páramo dunhas 65 vacas en produción que vende leite pasteurizado e queixos. Pero máis aló de producir alimentos, Chelo defende a necesaria labor divulgativa dos agricultores e gandeiros. “Os produtores temos que ser actores do cambio de mentalidade na sociedade. É esencial que cheguemos ás escolas e que trasmitamos o rural en positivo porque o rural ten cousas moi boas, moitas veces intanxibles e os que vivimos no rural temos que sentirnos uns privilexiados por iso. Somos a xeración que temos o deber e a responsabilidade de que os nosos cativos valoren o rural doutro xeito. Tamén explicándolle aos consumidores que desde proxectos pequenos pódense facer cousas moi grandes”, argumenta. 

Do visto nas distintas visitas realizadas en Austria destaca tamén aspectos como o coidado da paisaxe, o apoio que se dá ao modelo de granxas familiares para a transformación nas propias explotacións e a concienciación do consumidor. “En Austria levan moitos anos traballando iso e vense os resultados. Nós, en cambio, tivemos que saír fóra e pagar para atopar coñecemento e tecnoloxía e o cliente non está tan concienciado co valor do produto local. Polo demais, o que destacaría é a ordenación do territorio, o coidado da paisaxe e a limpeza que se ve arredor de todas as granxas”, indica. 

Chelo López (Gandería Quintián): É fundamental que os produtores cheguemos ás escolas. Somos a xeración que temos a responsabilidade de transmitir o rural en positivo

Álex Moure é, xunto á súa muller Susana Aguiar, socio de Kalekoi, unha empresa de transformación ubicada en Lalín que vende leite, iogur e kefir elaborados a partir do leite das vacas da granxa que a familia de Susana ten en Rodeiro. “É moi importante á hora de encarar un proxecto de transformación adaptarse aos condicionantes que un ten. En Austria están moi ben organizados e moi ben adaptados ao seu entorno”, salienta.

“Os produtores en Austria teñen ademais grandes facilidades para desenvolver novos produtos. Calquera gandeiro pode facer o seu queixo ou iogur a moi baixo prezo grazas a ter acceso a unha serie de instalacións públicas e a servizos de apoio e formación”, valora. 

No caso galego, Álex recomenda “axudarse uns produtores aos outros para poder atallar”. “Para alguén que queira transformar leite é moi importante antes de embarcarse niso formarse e informarse ben e non perder esforzos en cousas que non son importantes ou que se poden solucionar de xeito doado preguntando para non cometer os mesmos erros que outro xa cometeu antes”, di. 

Álex Moure (Kalekoi): É moi importante á hora de encarar un proxecto de transformación adaptarse ás circunstancias que un ten

As subvencións que reciben as explotacións en Austria son máis pequenas ca en Galicia, pero os cartos non o son todo, recoñece Andrea Piñeiro, da cooperativa Campo Capela. “Eles teñen outras cousas que aquí non temos. Todas as engranaxes da cadea funcionan como unha soa máquina e existe unha ensamblaxe perfecta entre os distintos departamentos da administración. Iso non o temos en Galicia. Moitas veces os produtores non sabemos a onde acudir e tampouco son escoitadas as nosas necesidades por parte dos organismos que toman as decisións”, quéixase.  

Campo Capela elabora requeixo e distintos tipos de queixos co leite das ganderías socias das comarcas do Eume e Ferrolterra. Andrea, que estudou Comunicación Audiovisual, é consciente da importancia que ten o marketing á hora de vender un produto, por moi bo que este sexa. “En Galicia hai un entorno máis hostil á innovación e á apertura a novas ideas; ás veces estancámonos en maneiras de traballar de fai 30 ou 40 anos”, opina. 

Andrea Piñeiro (Campo Capela): En Austria funcionan á perfección todas as engranaxes da cadea e hai permeabilidade entre os produtores e os organismos que toman as decisións

Óscar López é dono da gandería Escaleira de Sarria. Na súa explotación está a muxir hoxe 180 vacas pero salienta que en Austria “granxas moito máis pequenas logran ser rendibles”. Destaca tamén a diversificación produtiva que hai no país. 

Óscar, que é secretario do Consello Rector da cooperativa Aira, tamén incide na importancia que teñen en Austria cooperativas como Berglandmilch, Möm ou Ennstal, que recollen e transforman a maior parte do leite producido no país. “Logran pagar un prezo bo aos seus socios porque as cooperativas fan queixos e expórtanos. É algo que nos falta aínda en Galicia”, recoñece. 

Anxo Quintana xerente de O Rexo, que conta cun rabaño de ovellas e elabota queixo co seu leite en Allariz, onde trata de poñer a producir superficies agrarias abandonadas, pon o enfoque no desenvolvemento endóxeno da agricultura e a gandería austríacas. “Utilizan a agricultura para producir forraxes e cereais cos que facer pensos propios sen depender das compras fóra e as granxas son moi autosuficientes”, destaca. Tamén a integración do desenvolvemento rural e o turismo coa produción de alimentos e unha maneira de comercializar diferente. “O sector primario en Austria forma parte da estratexia económica do país”, conclúe. 

Paisaxe rural en Baixa Austria, onde se alternan cultivos forraxeiros e de cereais

O aproveitamento da terra é un aspecto no que tamén incide o subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural, Bruno Fernández, pertencente á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que xestiona os fondos Leader (entre outras, unha liña de axudas á pequena industria de transformación e comercialización de produtos agrícolas con investimentos de até 100.000€) e que ten tamén a encomenda da aplicación dos instrumentos de mobilización de superficies abandonadas recollidos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia (na actualidade estase a traballar nos catálogos de usos de solos agroforestais, claves na ordenación do territorio de carácter rústico). 

Bruno Fernández (Agader): Na zona que visitamos en Austria non existe terra abandonada, toda está aproveitada

Juan Carlos Ferreras, director do CFEA de Sergude, un centro público que oferta o ciclo de FP de grado superior en Gandería considera a visita a Austria “a semana profesional máis produtiva dos últimos anos”. “Gustoume moito o énfase que poñen na formación do alumnado da rama agraria, os recursos que dispoñen para iso e o tipo de educación práctica e multidisciplinar que reciben. Serviume para reafirmarme nas miñas convicións sobre o papel da formación, pero tamén para ver que temos moitas cousas que cambiar. En Galicia temos que darlle unha volta aos CFEAS e ao seu papel na formación dos novos gandeiros”, asegura.

Juan Carlos Ferreras (CFEA Sergude): Á nosa formación fáltalle a parte de transformación; se non cambiamos iso, só formaremos a bos gandeiros que seguirán producindo leite para a industria

“Á nosa formación fáltalle a parte de transformación e de industria alimentaria. Se non cambiamos iso, só formaremos a bos gandeiros que seguirán producindo leite para a industria pero que non terán coñecementos para transformar o seu propio leite e incrementar o valor engadido da súa produción”, di. 

Centro de formación da rama agraria en Pyhra, que conta con granxa propia e instalacións de fabricación

Do modelo austríaco Juan Carlos Ferreras tamén considera aplicable en Galicia o sistema de acompañamento multidisciplinar ás granxas. “Teñen un modelo de asesoramento público que quizais poderiamos imitar. Ao meu modo de ver, o persoal das oficinas agrarias debería facer algo máis que tramitar papeis ou facer inspeccións, deben realizar un asesoramento activo nas granxas”, defende. 

Juan Martínez Barral é o subdirector xeral de Extensión Agraria da Consellería do Medio Rural. Del depende a rede de Oficinas Rurais que hai nas distintas comarcas e é o encargado de implementar o sistema de asesoramento público que está a poñer en marcha xunto coa área de Formación, Investigación e Innovación Agraria de Agacal, un servizo que en Austria leva moitos anos funcionando. 

“O sistema de asesoramento por parte da Cámara de Agricultura de cada unha das rexións é moi importante e abarca todos os aspectos, desde a tramitación da PAC e das axudas para melloras ou novas tecnoloxías (robotización, enerxías renovables, tratamento de xurros), até aspectos técnicos de manexo ou alimentación. Mesmo contan con enxeñeiros especializados para facer os proxectos dos novos establos”, indica.  

A Raimundo Castaño, xefe do Departamento de Protección da Calidade Diferenciada de Agacal, chamoulle a atención a aposta da sociedade austríaca pola produción e consumo local. “A trazabilidade e a orixe son un argumento claro de venda. O consumidor aposta polo produto rexional e é difícil ver nun supermercado ou nunha tenda produtos de fóra de Austria se se poden producir no país”, di. Por iso, Rai destaca a importancia de selos como o de Artesanía Alimentaria, que xestiona Agacal, para que os pequenos produtores conten con máis facilidades para elaborar e comercializar os seus produtos.  

Finalmente, Pablo Lúgaro, xefe do Departamento de Investigación e Transferencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o organismo público que financiou e promoveu a viaxe, resume o sentir común tanto por parte dos produtores como dos técnicos e os responsables da administración a respecto do visto en Austria: “Están convencidos das posibilidades que ten o sector e da súa importancia e fan todo o posible para que se manteña”.

“Nesta visita técnica queriamos demostrar que as pequenas explotacións poden ser rendibles, mostrando diferentes modelos de transformación da produción. E ademais da sostibilidade económica, tamén poñer en valor o papel crucial das pequenas explotacións lácteas na sostibilidade social e medioambiental do medio rural”, conclúe. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información