Granxas de Lousada, diversificación en ecolóxico

Falamos con Sergio Boado e Dolores Porto sobre a explotación de agricultura biolóxica que xestionan en Irixoa, que destaca por unha produción variada que inclúe horta, vacún de carne, porco celta e cordeiro. Introducirase ademais en breve na avicultura

Granxas de Lousada, diversificación en ecolóxico

Sergio Boado e Dolores Porto, cun dos seus fillos, ante algúns dos animais da granxa.

Sergio Boado e Dolores Porto son o que se pode etiquetar como emprendedores rurais. Comezaron no agro por tradición familiar e por afección e cando a crise os obrigou a buscar alternativas laborais, embarcáronse en poñer en marcha unha explotación en ecolóxico que se caracteriza pola diversidade de sectores nos que traballa. Xestionan horta, vacún de carne, porco celta e ovellas, todo con certificación ecolóxica, e proxectan introducirse en breve na produción de ovos e polos, tamén de xeito biolóxico.

“Tratamos de que a familia que nos merca, poida levar de todo”

O proxecto de Sergio e Dolores naceu en Lousada de Arriba (Irixoa), unha zona na que predomina a produción láctea con explotacións de tamaño medio e baixo. A propia familia de Dolores xestionaba unha granxa de leite, aínda que Dolores e Sergio optaron por coller outra vía diferente na que viron máis futuro. Diversificaron a oferta, introducíronse na agricultura ecolóxica, e apostaron pola venda directa ó consumidor.

A diversificación da produción é unha das características máis singulares da granxa nun contexto, o do agro galego, caracterizado polas explotacións que adoitan apostar só por un único sector, ben leite, carne ou outros. “Aquí nós tratamos de que a familia que nos merque poida levar de todo”, explica Dolores. “Ofrecémoslles produtos de horta, pero tamén xatos, cordeiros e porcos, ben unha canal, ben media canal” –completa Sergio-. “Os animais levámolos ó matadoiro, onde se sacrifican e despézanse”.

Porcos celtas este inverno, tras unha nevarada.

Porcos celtas este inverno, tras unha nevarada.

A principal vía de comercialización e de contacto cos clientes téñena no mercado de Betanzos, ó que acuden tres veces á semana, así como nas feiras mensuais da vila. “Levou un tempo facerse un oco no mercado, pero desde que comezamos ata agora vimos un cambio moi forte no sentido de que cada vez a xente valora máis o noso produto e confía no noso traballo”, apunta Dolores.

A decisión de producir en ecolóxico permitiulles un posicionamento diferente ante o consumidor. “Optamos pola produción en ecolóxico porque é unha maneira de facer algo serio e de que a xente confíe no produto que ofrecemos”, explica Sergio. “É un modo de traballo que tamén ten máis apoio das subvencións da PAC. É triste que igual a agricultura ecolóxica só compense pola axuda, pero que me digan a min dunha explotación de calquera sector que sexa viable sen subvencións”, reflexiona Sergio.

Horta
A horta constitúe o núcleo de Granxas de Lousada e tamén é a parte que máis traballo lles esixe. Sergio e Dolores comezaron coa horta en Irixoa, aínda que dada a escaseza de superficie agraria na zona, optaron por xestionar tamén parte dos cultivos en parcelas que colleron en Oza dos Ríos, un concello veciño que ademais presenta a particularidade dunha menor altitude que Lousada (Irixoa), que está por riba dos 400 metros. “Esta característica evita que se xunte todo o traballo, xa que as datas de sementeira e colleita son distintas, co cal, por un lado se reparte o traballo, e por outro, tampouco nos chega todo o produto xunto senón de xeito progresivo”, explica Dolores.

Sementeira das patacas, esta primavera.

Sementeira das patacas, esta primavera.

En horta, a explotación aplica tamén a máxima da diversificación e traballa todo tipo de produtos. A suma total sobrepasa as 80 variedades, segundo calcula Dolores, que destaca o grelo como cultivo estrela e cita unha longa restra de hortícolas, entre as que figuran o brécol, a coliflor, os guisantes, o repolo, tomate, pemento ou as patacas. “No posible e cando vemos que é interesante, traballamos con sementes propias e adaptadas á zona que dan bo resultado”, explica Dolores. “Este ano, por exemplo, aquí case ninguén tivo grelos e o noso aguantou”, apunta.

Outro factor a ter en conta no cultivo é o lugar de sementeira. “En Lousada dánsenos mellor algúns cultivos, como o grelo, que ten un sabor moi distinto do de abaixo, ou as patacas baraka. En cambio a pataca Kennebec dáse mellor en Irixoa”, comparan.

Gandaría
A parte de gandaría da explotación comezou case como unha ocupación para o tempo libre, ata convertirse nun dos pilares do traballo de Granxas de Lousada. “Cando comezamos coas primeiras vacas de carne, eu aínda traballaba na construcción” –lembra Sergio-. “Agora temos 16 reprodutoras máis un touro”. A maioría dos animais son da raza Asturiana de Los Valles, salvo unha de rubia galega e algúns cruces. “É unha raza que aguanta mellor o mal tempo e a vida no monte. As vacas dan máis leite para as crías que no caso da rubia galega, que en xeral ten unha xenética máis dirixida ó volume de produción de carne”, considera Sergio.

Recollida do millo no outono para elaborar pastone.

Recollida do millo no outono para elaborar pastone.

“Aquí na zona houbo malas experiencias coa rubia galega e tiñamos claro que queriamos probar con outras razas” -conta Dolores-. “Tivemos tamén unha cachena, que se adaptaba moi ben aquí e que tiña unha carne moi boa, pero quizais a Asturiana dá algo máis de produción”, valora.

A introducción do porco celta, do que agora teñen 4 exemplares femias e un macho, para unha produción anual duns 20 porcos, e as ovellas, completan por agora a parte gandeira da explotación. “Coas ovellas tamén comezamos pouco a pouco. Metemos dúas, vimos que ían ben, logo outras dúas e así” -explica Sergio-. “Non nos enfocamos ó volume, senón a producir o que damos comercializado. O outro día preguntábanme por que non metía máis porcos se me ía ben con eles e eu esa parte téñoa clara. Nós non facemos produción industrial”.

“Coa horta é igual –apunta Dolores-. É mellor vender poucas leitugas a un prezo que remunere o traballo que facer moito volume para venderllas a 15 céntimos a unha cadea de distribución”, valora.

De cara ó futuro, a granxa xa traballa na incorporación dun galiñeiro, cunha parte de cría, outra de galiñas poñedoras e outra de polos de ceba.

Lobos, xabaríns e cervos, a difícil convivencia coa fauna salvaxe

Granxas de Lousada xestiona arredor de 30 hectáreas divididas nun cento de parcelas que se sitúan nun área de media montaña próximo ó parque natural das Fragas do Eume. Esa ubicación, caracterizada por unha alta presenza de fauna salvaxe, leva a dificultades á hora de compatibilizar o traballo agrario co medio natural.

A explotación sufriu un ataque de lobos, que fixo unha desfeita no rabaño de ovellas, e tamén incursións do xabarín, que cubriu a algunha porca e deixouna estéril, según lembra Sergio.

Restos dun poldro, comido polos lobos.

Restos dun poldro, comido polos lobos.

Logo dos ataques, a explotación fíxose con dous mastíns para protexer porcos e ovellas e optou por valar e electrificar algúns dos recintos nos que manteñen ós animais. “Coas vacas en principio non tivemos problemas. Para permitir que se defendan do lobo, tamén optamos por deixarlles cornos. É algo que algunha xente non ve moi ben, pero que é necesario”, conta Sergio, que tamén dá conta do resultado das incursións do lobo no monte comunal, do que é presidente. “Temos 36 cabezas de cabalos e o ano pasado sacamos só un poldro”, resume. “A parte positiva é que desde que hai máis presenza do lobo baixou o xabarín, pero hai uns anos, aquí no Tecor de caza, nun radio de 5 quilómetros chegaron a abatirse nunha campaña preto de 40 xabaríns”.

Os cervos son outro problema a ter en conta. Nunha das últimas colleitas de millo, dunha finca dunha hectárea saíron só 4 metros cúbicos de grao, unha baixa produción que se explica pola presión dos cervos sobre a plantación. “Esta situación non é normal. Semella que estamos aquí para darlle de comer a cervos e lobos”, resumen.

O eucalipto, que se expande por zonas de monte e por antigas pradeiras de explotacións que abandonan, é outro dos ‘inimigos’ declarados que teñen na zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información