“As granxas avícolas traballamos con marxes moi reducidas: 13 céntimos por quilo de carne”

Granjas Dical SL posúe catro naves en Chantada cunha capacidade total de 90.000 polos en cada rotación. Cada mes e medio producen uns 250.000 quilos de carne. Traballan baixo o sistema de integración, o máis habitual no sector

Unha das catro naves que Granjas Dical posúe en Chantada

Unha das catro naves que Granjas Dical posúe en Chantada

O sector avícola viviu en Galicia un certo auxe nos últimos anos. Abríronse novas granxas (unhas 100 nos últimos 5 anos, principalmente en comarcas como a de Lugo ou o Deza) e ampliáronse algunhas das existentes.

En total hai neste momento unhas 1.000 granxas en toda a comunidade, pero a produción segue dominada pola provincia de Ourense e a influencia de Coren. Máis da metade das 250.000 toneladas de carne de polo que se producen cada ano na comunidade prodúcense en Ourense e o resto repártense entre Lugo e Pontevedra fundamentalmente.

A produción avícola en Galicia segue dominada pola provincia de Ourense e a influencia de Coren

A segunda industria con maior presenza en Galicia é o grupo catalán Vall Companys, propietario de Sada e Avigal e que xestiona os matadoiros de Castro Riberas de Lea na provincia de Lugo e Campañó na de Pontevedra.

Vall Companys é o maior operador cárnico español, con presenza en sectores como o porcino, o vacún, o avícola e o cunícola. En Galicia, o grupo catalán comezou mercando Avícola de Galicia no 2008 e formalizou a compra no 2022 dun dos seus principais competidores, o Grupo Sada, pertencente á multinacional Nutreco, tralo visto bo da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.

Vall Companys, o maior operador cárnico español, mercou Avigal e Sada

Na actualidade controla unha cuarta parte do mercado da carne de polo en España e a través da adquisición por parte de Avigal do matadoiro de Celanova a Cunicarn no 2019 entrou tamén no mercado da carne de coello.

“Como non hai competencia pagan o que queren”

Suso, diante dunha das naves en Argonzón

Suso, diante dunha das naves en Argonzón

Pero esta concentración empresarial acaba prexudicando aos produtores, que teñen cada vez menos alternativas a quen vender a súa produción e están máis expostos a unha baixada de prezos das empresas coas que traballan en réxime de integración.

O pai de Jesús montou a primeira nave no ano 1966

Jesús Diéguez García leva toda a vida no sector. Empezaron os seus pais montando a primeira granxa no ano 1966. “Daquela por aquí o que había era vacas, pero as fincas eran moi pequenas e como pasaba a estrada xeral máis. O meu pai era maderista e o tractorista que lle sacaba a madeira montara unha granxa de pitos en Chantada e foi o que o acabou convencendo para que montara el outra”, lembra.  

Logo de coller o relevo, foi ampliando a capacidade da explotación até os 90.000 polos actuais en cada rotación (fan entre 5 e 6 ao ano). Contan con 4 naves en produción, dúas en Argonzón (a segunda construída no ano 1995) e outras dúas na parroquia limítrofe de Muradelle (que fixeron no ano 2003 e 2004) e producen uns 70.000 quilos de carne en cada unha delas cada mes e medio.

Cobran menos de medio euro por cada polo que producen

Suso está xa xubilado e a explotación aténdena hoxe a súa muller Mari Carmen e o seu fillo Pablo coa axuda de dous empregados. Os problemas para conseguir man de obra vense acrecentados mesmo con respecto a outro tipo de granxas, xa que, aseguran, “é un sector que coñece moi pouca xente”.

“Cinco céntimos en kg no supermercado non é nada e a nós sálvanos”

Os produtores de polo quéixase das escasas marxes coas que traballan. “Desde a pandemia baixáronnos o prezo porque din que agora hai mellor xenética e os polos medran máis”, explica Suso. “Cobramos o mesmo que fai 20 anos cando os custos de produción disparáronse desde entón”, evidencia.

Reciben na actualidade 13 céntimos por quilo e carne, así que por cada polo que mandan a sacrificar con entre 2,5 e 3 kg de peso cobran entre 32 e 40 céntimos. “Producimos 70.000 quilos de carne en cada nave por cada turno. Iso é o que nos salva, a cantidade, porque a marxe é moi pequena”, quéixase Suso.

Nunha peituga fileteada hai 50 céntimos de diferenza cunha sen filetear; é máis do que nos pagan a nós polo polo enteiro

“Nunha peituga de polo fileteada ou sen filetear hai 50 céntimos de diferenza e é facerlle un corte. A nós dannos 13 céntimos e temos que traballar 50 días”, compara. Por iso, quere mandar unha mensaxe ás empresas integradoras que controlan o mercado: “Cinco céntimos máis no supermercado non é nada e a nós sálvanos a vida”, asegura.  

Ademais, os 13 céntimos que lles pagan por quilo de carne non é unha cantidade fixa, senón que está condicionado ao consumo de penso, que non pode superar 1,7 kg por animal en todo o ciclo de cría. “A diferenza de consumo de penso cóbrannola ou abónannola, polo que se ti crías ben e aforras penso gañas máis. Nós estamos facendo medias moi boas, movémonos nun rango entre 1,550 e 1,650 kg de penso por animal, dependendo da calidade do polo que nos entra e que ás veces varía en cada camada”, di.

Eficiencia alimenticia

O custo de produción máis importante para unha granxa avícola é o consumo de penso, pero iso apórtao a integradora, ao igual que os polos, mentres que eles poñen as instalacións, o traballo e todos os coidados que necesitan os animais para medrar.

Hai unha serie de factores que non dependen do gandeiro pero que inflúen no resultado final

“Hai que ser eficientes para obter rendibilidade, pero non depende só de como fas ti as cousas, xa que hai unha serie de factores que afectan ao resultado final e que non dependen de ti, como o penso ou a calidade dos polos que chegan á granxa. Ti falo sempre igual, pero o resultado que obtés ou o produto que logras non é sempre o mesmo, pode haber diferenzas entre unha remesa e outra”, explica Suso.

Os produtores reciben unha penalización ou un pago en función da cantidade de penso consumido en cada ciclo de cría

“No noso caso, ao viren de máis lonxe, ben de Cataluña ou de Sevilla, pasan máis tempo nos camións de transporte e sofren máis ca se as granxas de produción estivesen en Galicia”, recoñecen. Os poliños veñen directamente da incubadora, cun día de vida, e permanecen nas instalacións de Argonzón ou Muradelle entre 45 e 50 días, segundo a demanda do mercado.

A medida que os polos van medrando e necesitan máis espazo vanse sacando aqueles de maior tamaño, que son comercializados para asar enteiros. “Son uns 3.000 á semana os que se sacan con 2 kg aproximadamente”, explican. O resto continúan até completar o seu ciclo de crecemento.

A alimentación vaise adaptando ás necesidades nutricionais do animal en función da súa idade

As normas de benestar animal e a propia demanda do mercado reduciu nos últimos anos o número de animais criados en cada turno. “Fai anos había moita máis demanda deste tipo de polo pequeno de asador, polo que en cada turno podiamos chegar a meter 120.000 animais, pero neste momento ao poder sacar menos polos pequenos deste tipo temos que meter menos animais de inicio”, indica.

Os polos son sacrificados no matadoiro de Avigal en Pontevedra ou no de Sada en Castro de Rei, os dous pertencentes agora ao mesmo grupo  

O penso que comen vai variando a medida que o polo vai medrando, para adaptarse ás súas necesidades nutricionais, cun grupo entre 0 e 11 días, outro entre 11 e 21 días, un terceiro entre 21 e 31 días e un último de finalización até o sacrificio.

Cando o grupo Vall Companys ten necesidade de subministro, os polos cárganse na granxa en camións que os levan, indistintamente, tanto ao matadoiro de Pontevedra como ao de Castro de Rei, os dous pertencentes agora ao mesmo grupo. “Mesmo teñen cargado aquí os de Coren, que en teoría son competencia”, di Suso para exemplificar a concentración que hai no mercado e que se ten volvido “un problema para os produtores”. “Estamos indefensos fronte ao poder das integradoras”, asegura. 

“Os paneis solares son aforro; algúns meses na factura da luz só pagamos a potencia instalada”

“A día de hoxe non temos previsto ampliar; son investimentos moi elevados que é difícil amortizar”

Na actualidade teñen dificultades para conseguir viruta de madeira ou cascarilla de arroz para as camas e o seu prezo disparouse

O prezo da viruta de madeira ou da cascarilla de arroz para as camas disparouse e é difícil de conseguir

“A día de hoxe non nos plantexamos seguir investindo en naves”, aseguran en Dical SL. “Son investimentos moi elevados que se van a 400.000 euros para facer unha nave para uns 26.000 ou 27.000 polos”, indica Suso, que asegura que “hoxe amortizar unha nave nova destas características non é doado” e quéixase do escaso retorno que obteñen. “Nós estamos cobrando por cada remesa o mesmo que cando fixemos as naves de Muradelle fai 20 anos, mentres que os custos de produción dobráronse”, calcula.

“Fai 10 anos tiñamos o proxecto de facer outra granxa, pero démoslle para atrás e fixemos un almacén e grazas a iso temos material para a cama almacenado para case un ano. Cando hai dispoñibilidade mercamos e enchemos o almacén, porque agora a cuestión xa non é o prezo, é que a haxa”, explica.

Facer unha nave para 27.000 polos pode custar a día de hoxe unx 400.000 euros; non é doado amortizar ese investimento

Encaman con viruta procedente de dúas empresas, un aserradoiro de Oza-Cesures e unha fábrica de cadaleitos de Piñor de Cea, e encárgano con 3 meses de antelación. “Traiamos tamén cascarilla de arroz de Valencia e de Portugal, pero agora fai xa dous anos que non a hai”, conta.

O prezo da viruta de madeira incrementouse nos últimos anos e está “polas nubes”, di. “Un camión de 80 metros cúbicos custa 2.100 euros e non chega para unha nave”, detalla.

O mantemento da cama é unha das labores principais nunha granxa avícola. Remover a cama con frecuencia para mantela seca e que non apelmace e engadir material en caso de que sexa necesario é unha das tarefas que máis horas ocupa, sobre todo no inverno ou en días de néboa ou chuvia nos que a humidade é maior.

Atopámonos con dificultades para atopar materiais para a cama, tanto viruta como cascarilla de arroz

O traballo de supervisión é tamén básico. Dado que a alimentación, a iluminación ou a ventilación están automatizadas, hai que asegurarse de que nada falla. Para axudarlles a controlar que todo funciona correctamente en todo momento dispoñen dun circuito de cámaras que lles permite controlar o que está a acontecer en tempo real. “As cámaras evítannos moitas viaxes ao día, porque a través delas vemos as alertas e controlamos o que está pasando dentro da nave”, explica Suso.

Tamén fixeron investimentos nos últimos anos en eficiencia enerxética e en autoconsumo, mediante a instalación de paneis fotovoltaicos nos teitos das naves, o que lles permitiu reducir o gasto en electricidade a menos da metade.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información