As granxas alemás apostan por diversificar a produción como estratexia de futuro

As granxas alemás apostan por diversificar a produción como estratexia de futuro

Asesores galegos que participaron en Alemaña na Conferencia dos Asesores Rurais Europeos.

A diversificación das producións debe ser unha aposta de futuro para as explotacións agrícolas e gandeiras da Unión Europea.

Esta é unha das conclusións da conferencia dos asesores europeos rurais (IALB-Tagung), que este ano tivo lugar en Münster, no o estado federal de Renania-Westfalia (Alemaña) do 18 ao 22 deste mes.

Nela participaron 20 asesores rurais galegos, nunha acción coordinada polos profesores do Campus Terra da USC Florentino Díaz, Enrique Arbones e Martin Barrasa, xunto con Elena López Colmenero, e que estivo financiada pola Consellería do Medio Rural a través dos fondos Feader

Os asesores rurais galegos puideron visitar diferentes explotacións, compartir experiencias e coñecementos útiles cos asesores europeos e desta maneira, poder completar o seu programa de formación CECRA, que lles permite obter o Certificado de Asesores Rurais Europeos, que acredita a cualificación profesional destes no ámbito europeo.

O tema dominante na Conferencia virou ao redor de “A Agricultura e o asesoramento en transición. Novos camiños entre os mercados globais e as demandas rexionais”, podendo coñecer, no estado de Renania-Westfalia, un sector agrario moi especializado que opera con éxito, tanto nos mercados rexionais como nos globais, na gandería, labradío e horticultura e, tanto nas explotacións convencionais, como nas ecolóxicas.

 É preciso apostar por produtos de calidade diferenciados

A principal conclusión do Congreso é que se debe tratar de diversificar as orientacións produtivas para que as granxas poidan complementar os seus ingresos e apostar por produtos de calidade diferenciados e comercializados na propia granxa ou en mercados e feiras locais de proximidade, para chegar a un punto de equilibrio no que o termo sustentable alcance a súa verdadeira dimensión.

Participación en workshops

Os asesores galegos participaron activamente en dous dos talleres de traballo da conferencia, o correspondente ás perspectivas do sector agrario en relación co medio ambiente e máis especificamente coa protección da calidade das augas e tamén, no Workshop de estudo das perspectivas do sector agrario en relación coa política agraria, é dicir, como se debe adaptar o asesoramento rural aos cambios da política agraria común.

Nestes talleres de traballo participaron membros do Parlamento Europeo, da Administración Agraria do Estado de Westfalia (Cámara de Agricultura) e representantes de agricultores, que achegaron a información básica para a discusión entre os participantes en cada Workshop, intervindo eles tamén de forma activa. O traballo en cada un dos talleres levou a cabo en grupos de 5 persoas que expuxeron os resultados do traballo, para posteriormente realizar unha posta en común e expoñer as conclusións obtidas.

Visitas a explotacións agrarias

Acompañados dos asesores agrarios da Cámara de Agricultura do estado federal de Renania-Westfalia os asesores galegos puideron visitar ao longo dun día enteiro e coñecer as particularidades e determinar os efectos e influencia do asesoramento agrario sobre o desenvolvemento e evolución das seguintes explotacións:

Explotación con exemplo de diversificación. Granxa Rotger/Lehmenkühler

Nela existen 175 ha de labradío, 240 porcas de cría con cebo dos leitóns producidos e unha planta de biogás de 440 kW.

Gandería e protección do medio ambiente. Granxa Düsse

Nesta explotación levan a cabo tamén traballos experimentais para coñecer o efecto sobre o medioambiente das explotacións gandeiras. As actividades desta granxa céntranse en cultivos de labradío, porcino ecolóxico, cría de aves de curral e gando vacún de leite, podendo discutir os asesores galegos cos asesores da Comarca na que se atopa a explotación, sendo un exemplo importante dunha explotación diversificada.

Agricultura e gandería. Granxa Sörries-Trockel

Formada por 250 ha de cultivos de labradío e 100.000 galiñas poñedoras, co seu propio centro de embalaxe de ovos, e un pequeno rabaño de ovino para autoconsumo e venda directa.

O éxito da agricultura ecolóxica. Granxa Altfeld

Posúe 2 rabaños de galiñas poñedoras (9500 en total) en ecolóxico que utilizan os pasteiros da explotación, comercializando os ovos a través dun gran distribuidor de produtos ecolóxicos (Weiling) e tamén da venda directa.

Esta explotación conta tamén con 60 vacas para a produción de carne e 185 ha de labradío.

Comercialización de produtos ecolóxicos. Weiling

Visita ás instalacións dunha gran empresa de comercialización de produtos ecolóxicos que conta con 600 empregados e un volume de negocio de 200 millóns de euros. Coñecemento dos seus procedementos, tecnoloxía e medios dispoñibles para adquirir produtos ecolóxicos de diversos países e proceder á súa distribución e venda.

Produción ecolóxica de hortalizas, comercialización e venda directa. Granxa Loburg Biolesker.

Explotación de 57 ha, das cales 30 ha son para a produción de hortalizas e 1,5 ha baixo invernadoiro, comercializándose os produtos a través de Weiling e de venda directa.

Traballo de intercambio en entidades públicas de asesoramento

Ao longo dos tres últimos días da súa estancia, os asesores galegos integráronse en 4 diferentes entidades de asesoramento rural pertencentes á Cámara de Agricultura de Renania-Westfalia (LWK-NRW). A Cámara posúe delegacións en cada comarca e dentro delas, a tarefa e actividades máis importantes céntranse no asesoramento aos agricultores. En dúas delas integráronse 8 asesores galegos e os restantes fixérono en dous diferentes servizos de asesoramento, pertencentes aos servizos centrais da Cámara, na cidade de Münster.

O traballo dos asesores galegos nesta actividade centrouse en coñecer os métodos de traballo, os temas de asesoramento, os medios e recursos utilizados, a forma de traballar dos asesores, acompañado todo iso do traballo práctico en visitas a explotacións que están asesoradas polos servizos da Cámara de Agricultura que, no estado federal de Renania-Westfalia asume a maior parte das competencias da administración agraria e ambiental.

O traballo de asesoramento no ámbito da comercialización dos produtos agrarios complementouse con visitas a feiras e mercados locais de proximidade, nos que agricultores e gandeiros ofrecen os seus alimentos de calidade diferenciada, directamente ao consumidor final, e exemplos de distribución agroalimentaria nas que o propio consumidor/a é o que realiza a recolección dos produtos, fundamentalmente flores, amorodos, espárragos, ovos, leite cru, etc…nas granxas que ofrecen os seus alimentos mediante estes sistemas de comercialización directa.

Hai que agradecer a colaboración de todas as persoas e responsables da Cámara, en especial á súa Directora Executiva, a Sra. Waltraut Ruland, que deu todas as facilidades aos asesores galegos e puxo á súa disposición todos os medios necesarios para a realización desta acción formativa, así como ao Presidente de IALB, o suízo Ulrich Ryser e ao Presidente de EUFRAS, o irlandés Tom Kelly, que facilitaron a integración e traballo dos asesores galegos no marco da Conferencia Europea de Asesores Rurais (IALB-Tagung).

Ligazóns de documentación sobre a conferencia anual:

Enlace web da Conferencia: https://www.landwirtschaftskammer.de/ialb2017/index.htm
Certificación CECRA asesores rurais: https://www.cecra.net/index.php/de/
Web de EUFRAS: http://www.eufras.eu/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información