A fundación Ramón González Ferreiro, propietaria da granxa de O Rexo, en Allariz (Ourense) ven de iniciar un novo proxecto de desenvolvemento rural centrado na cría e engorde de bois de razas autóctonas. Para esta iniciativa contou coa colaboración da Fundación Juana de Vega e da Fundación OKELAN.
20 bois das razas Minhota e Vianesa xa pastan nos prados da granxa de Valverde dentro dun proxecto que ten como obxectivo a cría e engorde de gando vacún de razas autóctonas de Galicia e Portugal. O proxecto estudiara a diferente evolución dos distintos animais que estarán alimentados dentro dun réxime semiextensivo. Despois do proceso de engorde os bois venderanse para o seu consumo nas liñas de hostaleira ou consumo particular.
A Fundación Ramón González Ferreiro puxo en marcha a granxa de O Rexo coa intención de recuperar superficies agrarias abandonadas e introducir nova actividade económica para revitalizar o mundo rural. Despois do rabaño de ovellas latxas para a produción de leite e o rabaño de cabras en pastoreo extensivo e virtual, a cría e engorde de gando vacún é o terceiro proxecto que a Fundación pon en marcha.
Para este proxecto a Fundación Ramón González Ferreiro contou coa colaboración da Fundación Juana de Vega, coa que xa tiña colaborado noutros proxectos, e coa Fundación vasca OKELAN, con longa traxectoria na cría e comercialización de gando vacún.
Allariz ten una longa traxectoria histórica ligada o boi. A festa que se celebra todos os anos nos días do Corpus e as xornadas anuais de carne de boi , nas que participa activamente toda a hostaleira da vila de Allariz, dan boa conta diso. Agora a Fundación Ramón González Ferreiro por un chanzo máis nesa tradición coa cría e engorde de bois.
A Valverde chegaron animais de entre 2 e 4 anos e permanecerán nos prados e cortes da granxa ata alcanzar a configuración cárnica necesaria para a súa venda. A granxa conta con 21 hectáreas de terreo onde os bois recibirán unha alimentación natural cuia base principal será o pasto e a forraxe. O proxecto servirá para observar o proceso de engorde nas diferentes razas de gando.