Hai un ano que Zeltia González e Pepe García están á fronte da explotación que durante décadas rexentaron Rubén e Mari, agora xubilados. A explotación xa era dos avós de Pepe, que viñeran de Bazar, do veciño concello de Castro de Rei, para o Arneiro en 1967, cando se fixo a colonización, en pleno franquismo, hai xa máis de medio século. Tiña daquela o seu pai, Rubén, 13 anos e cando casou coa súa nai, Mari, que é de Santa Leocadia, continuaron coa granxa, o mesmo que fan agora Pepe e Zeltia. Un relevo natural para unha explotación familiar con futuro que quere seguir medrando “con xeito”.
“Gústame facer os cambios pouco a pouco para ir vendo os resultados”, di Zeltia, que é enxeñeira agrícola
“Temos neste momento 240 cabezas totais, 130 en ordeño, pero imos ampliar para outras 60 vacas máis en produción”, explica Pepe. Para iso contan dobrar a última ampliación feita no ano 2014 para meter outras 50 camas máis. A un veciño que se xubilou, Gandería Ángel, alugáronlle a explotación e a palleira para meter a recría.
“Queremos seguir medrando pero procurando non equivocarnos moito. Eu son menos lanzada ca Pepe, gústame facer as cousas pouco a pouco para ir vendo os resultados”, recoñece Zeltia, que é enxeñeira técnica agrícola. Pepe fixo o ciclo medio en explotacións agrarias e elaboración de produtos lácteos en Castro. Recoñecen que a formación valeulles á hora de poñerse á fronte da explotación, sobre todo, din, para estar abertos a novidades e a introducir cambios cos que ir mellorando.
Contan ademais co asesoramento do Centro Veterinario de Meira, que lles leva o control reprodutivo e de calidade do leite. Están neste momento en 37 litros de produción media por vaca con un 4,10% de graxa e un 3,30% de proteína. O nivel que herdaron non foi nada malo, recoñecen. De feito, levan en Danone máis de 30 anos e levaron xa dous premios a nivel estatal: o premio Medio Ambiente no ano 2011 pola limpeza e a redución do consumo de auga e residuos, e o premio Joven Ganadero que no 2018 Pepe e Zeltia foron recoller a Valencia.
Primeiro parto antes dos dous anos
O control na explotación lévao Zeltia, que é tamén quen insemina. “Só poño algo de seme sexado en novillas en celo visto para poder medrar porque o índice de preñez báixame”, di. Queren poñer identificación. “Penso que o imos notar, porque cos colares detéctanse mellor os celos. Na nave de recría, aínda que a temos ao lado, non se está tanto como na de produción”, recoñece.
Os descartes fainos tras 5 inseminacións. “Despois poño carne porque non me interesa que as fillas herden iso”, razoa. Insemina as becerras aos 13 meses e “logro que case todas estean paridas antes dos dous anos, aínda que sempre hai algunha polo medio que dá a lata”, asegura.
Entre os cambios que están a facer pensan introducir unha amamantadora para liberar traballo e tratar de acelerar o crecimento das becerras de recría. Neste momento fan destete progresivo a partir dos 45 días de vida, que é cando pasan dos boxes individuais a estar en grupo, até os 65 días que é cando deixan de tomar leite definitivamente. “Neses 20 días imos baixándolles progresivamente”, explica Zeltia.
Nas primeirizas respectan un periodo de 56 días de secado e no resto fano selectivo
Tamén son estrictos co tempo de secado. “Nas primeirizas cumprimos o periodo de secado de 56 días. No resto facemos secado selectivo acurtándoo nas vacas de alta produción pero como mínimo todas as vacas están secas un mes”, explica. Durante o verán as vacas saen a fóra durante o periodo de secado.
Ademais de aumentar a produción, a ampliación nas instalacións persegue unha mellora medioambiental e do benestar animal. “Danone premia agora máis por iso que por cantidade, dache unha prima en función dos puntos que teñas en benestar animal e paga menos por calidades do leite”, conta Pepe. As vacas en muxidura están en camas de area e as xovencas e as vacas secas en palla para facer esterco para as terras do millo e coa axuda pola incorporación taparon as fosas de purín e fixeron un estercolero.
Maquinaria propia
En Granxa Grixeiras tratan de ser autosuficientes na maioría dos procesos e traballos, facendo na propia explotación tanto a recría como a alimentación. Dispoñen de carro mesturador propio co que fan tres racións diarias distintas (para produción, recría e preparto) e contan cun importante parque de maquinaria para os traballos agrícolas.
“Menos o ensilado, o resto fágoo eu todo”, explica Pepe, que recoñece que “ao ter moita maquinaria lévache moito tempo amortizar certas máquinas pero ten a vantaxe de que fas os traballos cando queres e á túa maneira”.
“O futuro vai cara a agricultura de precisión e os particulares seguramente non teñamos capacidade para chegar a esa maquinaria”
“Por exemplo -di- á hora de sementar o millo fágoo cando quero, teño a máquina desde hai moitos anos e agora xa a teño pagada” e quéixase de que “as empresas de servizos comezan a ter problemas para atopar persoal cualificado e ás veces mándanche xente pouco profesional que contratan para as campañas”.
Afirma que “a maquinaria cada vez é máis tecnolóxica e non vale calquera para andar con ela e o futuro vai por aí, polo GPS e os avances na agricultura para sementados de precisión e os particulares seguramente non teñamos capacidade para chegar a esas máquinas pero á hora de lograr forraxes de calidade conséguelo ti mesmo seguramente igual ou mellor que unha empresa de servizos”, opina.
Manexan 138 hectáreas de terreo nun radio de entre 3 e 4 quilómetros e 30 desas hectáreas adícanas á produción de millo. “Non teriamos problemas de terreo nesta zona para poder aumentar”, indica. O Arneiro é ademais unha zona cha con fincas doadas de traballar.
Outro dilema: robots ou sala de muxido nova?
Como moitos outros gandeiros que deciden ampliar, neste momento Granxa Grixeiras atópase ante un dilema motivado polos avances nos sistemas de robotización do muxido e a súa popularización nas explotacións. “Estamos indecisos, temos que valorar ben o que facemos, se una sala nova ou meter robots. Estamos valorando porque o investimento é forte e a decisión non é doada. O gasto na sala de muxido nova e a zona de agarda máis a nave equivalería ao custo de poñer dous robots, pero necesitariamos un robot máis. Agora temos unha sala de 12 puntos e unha zona de espera moi pequena. Temos que muxir entre dúas persoas e lévanos tres horas”, explica Pepe. Con eses tempos non se plantexan pasar de dúas a tres muxiduras, que fan ás 6 da mañán e ás 6 da tarde.
Zeltia aclara que se finalmente se decantan polos robots non é para aforrar empregados. “Aínda que metamos robots non queremos baixar aos traballadores, facemos falta todos porque eu non dou atendido a muxir e a todo o papeleo e Pepe non ten moitas veces axuda para o traballo de campo”, explica.
Ademais deles dous, na explotación traballan tres persoas contratadas. “Aquí os traballadores son un máis da familia, almorzamos todos xuntos na casa pola mañán. O que menos tempo leva leva dous anos e o que máis lonxe ten a casa tena a quilómetro e medio. Estamos contentos con eles, son persoas responsables”, di Pepe. Un deles, José, tiña vacas na casa, outro, Adrián, é un rapaz novo e Soumia é de orixe marriquí pero vive en Muimenta. “Se tiveramos a certeza de que seguen tempo con nós igual seguramente non nos meteramos aos robots, pero o persoal é un problema pola inestabilidade”, aclara.
“A obriga de ter que fichar é un problema nas explotacións non por ter que pagar máis senón pola dificultade de axustar os horarios”, recoñece Pepe
A maiores, a actual obriga de control horario engade complicacións á xestión do persoal. “Fichar é un problema nas explotacións pola rixidez que iso supón e a dificultade que hai moitas veces de axustar ben os horarios”, considera Pepe. “Non é un problema de ter que pagarlles máis, aquí se botan máis horas un día págaselles xa ese mesmo día”, engade.