Na provincia de Lugo hai unhas 13.000 explotacións agrogandeiras, un terzo das existentes en toda Galicia, destacando especialmente no sector lácteo, ao concentrar una parte significativa das granxas de leite da comunidade.
Ademais, a provincia conta cunha importante actividade no sector cárnico, tanto en vacún, fundamental para manter poboación e actividade económica en zonas de montaña, como en porcino e avicultura.
Acorde a esta realidade, a Deputación de Lugo mantén un forte compromiso con conxunto do sector. “A Granxa Gayoso Castro foi o vínculo que tivo sempre a Deputación provincial de Lugo co medio rural e que se mantén plenamente vixente hoxe en día cun novo impulso”, salienta Sonia Verdes, directora do centro.
A Deputación mantén o seu compromiso cun sector estratéxico para a provincia de Lugo
A institución provincial, consciente da importancia de contar cun espazo destas características, impulsou nos últimos anos as instalacións ubicadas en Castro Riberas de Lea, no Concello de Castro de Rei, incorporando novos servizos, como o Centro de Recría e a Granxa Experimental de Leite, e promovendo a diversificación de actividades.
A finca esténdese por máis de 300 hectáreas e combina explotacións gandeiras de vangarda con proxectos de investigación, ensaios agrícolas e a formación de novos profesionais
Hoxe en día, a finca abarca instalacións gandeiras, terras de cultivo, pradeiras e áreas experimentais dedicadas á investigación. Ademais, a súa infraestrutura foi modernizada co obxectivo de proporcionar un entorno tecnolóxico avanzado que permita tanto a produción como a formación e a investigación en condicións de vangarda.
Modernización das instalacións e novos servizos
A Deputación mantén o seu apoio a un sector estratéxico para a provincia de Lugo, axudando a que as explotacións agrogandeiras melloren a súa rendibilidade, aforrando custos na recría no caso das ganderías de leite ou aumentando a calidade xenética das reprodutoras no caso das ganderías de vacún de carne.
A día de hoxe, máis de 60 ganderías da provincia de Lugo recrían os seus animais no Centro de Recría de gando frisón da Deputación, o único centro público existente en España e que conta con arredor de 2.800 animais, o 100% da capacidade das instalacións.
O Centro de Recría de gando frisón aforra cartos e traballo ás explotacións leiteiras
O centro está xestionado a través dunha concesión pola empresa Recría Castro, vinculada á cooperativa Seragro, pero conta con supervisión pública e permite ás granxas que así o desexen externalizar a cría das súas becerras para poderen centrarse en atender os animais de produción.
Ademais do importante aforro económico en instalacións e man de obra, o Centro de Recría permite ás explotacións leiteiras contar con xovencas próximas ao parto máis precoces e produtivas grazas á estandarización do sistema de recría e á incorporación de protocolos sanitarios e pautas de manexo profesionalizadas.
Formación e transferencia do coñecemento
Pero a Granxa Gayoso Castro non só se dedica á produción; é tamén un centro de formación, xa que as instalacións teñen unha función de investigación, docencia e transferencia de coñecemento.
A Granxa Gayoso Castro é un lugar onde se cultiva non só a terra, senón tamén o coñecemento
A través de convenios con institucións educativas como a Universidade de Santiago de Compostela ou o IES José Trapero Pardo, onde se imparten ciclos formativos de grao medio da rama agraria, a granxa ofrece prácticas formativas en gandaría, agricultura e xestión rural. Mozos estudantes de formación profesional e universitarios acoden á granxa para aplicar técnicas e coñecementos adquiridos.
Referente en gandaría sostible
Un dos piares da Granxa Gayoso Castro é a gandaría, especialmente o vacún de leite e carne. A granxa alberga un importante número de cabezas de gando, xestionadas baixo estritos parámetros de benestar animal e sostibilidade. Ademais de ser un referente na produción de leite de alta calidade, a granxa distínguese pola súa aposta pola alimentación natural do gando e pola redución da pegada ecolóxica.
A granxa conta cun importante número de reses, xestionadas baixo estritos criterios de benestar animal e produción sostible
A granxa apostou por variedades forraxeiras de cultivos adaptados ao clima da comarca, como o millo e as leguminosas, co fin de reducir a dependencia de produtos importados. “O noso obxectivo é que este espazo siga sendo un motor de innovación e sostibilidade, capaz de xerar emprego, coñecemento e riqueza na provincia”, insiste a súa directora.
Parte da superficie da granxa pertence ao espazo natural protexido da Lagoa de Caque
A Granxa Gayoso Castro tamén promove a conservación do patrimonio natural, dedicando parte da súa extensión á protección e recuperación de especies. Dentro da superficie total da granxa inclúese unha parte pertencente ao espazo natural protexido da Lagoa de Caque. Estas accións buscan, non só preservar a paisaxe rural, senón tamén concienciar sobre a importancia dos ecosistemas na loita contra o cambio climático.
Innovación
O enfoque innovador da Granxa Gayoso Castro non só se limita á produción agrícola e gandeira. En colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e outras institucións, participa en proxectos de investigación orientados á mellora da eficiencia produtiva e á adaptación ao cambio climático.
Coa Universidade de Santiago, por exemplo, estanse a desenvolver neste momento proxectos de análise da composición dos puríns e de redución das emisións de metano. “Medir e tratar de reducir os gases de efecto invernadoiro producidos pode ser de interese para as granxas no futuro”, argumenta Sonia Verdes.
Un dos piares fundamentais da Granxa Gayoso Castro é a súa aposta decidida pola dixitalización e a tecnoloxía aplicada
Ademais, a Granxa Gayoso Castro está a implementar ferramentas dixitais que permiten monitorizar en tempo real o estado dos cultivos e o benestar do gando. Estas tecnoloxías, que permiten avanzar cara a unha agricultura e gandaría de precisión, inclúen o uso de drons para analizar a saúde dos pastos e sensores que miden a actividade dos animais, o que permite unha xestión máis eficiente dos recursos e unha mellora na produtividade.
Un legado histórico con visión de futuro
A Granxa Gayoso Castro, que leva o nome de quen fora presidente da Deputación de Lugo desde 1943 até o seu falecemento en 1946, foi fundada en 1942 nunha superficie de 300 hectáreas coa dobre finalidade: producir leite e carne para os centros benéficos daquela dependientes da Deputación e contribuir á modernización do sector primario da provincia, axudando aos agricultores e gandeiros da provincia a lograr un modelo produtivo máis avanzado e eficiente.
Ao longo dos anos, a granxa evolucionou, pero a súa misión segue sendo a mesma: fortalecer o sector primario lucense a través da innovación e a transferencia de coñecementos.
A Granxa Gayoso Castro é un símbolo do compromiso da Deputación de Lugo co sector agropecuario e co futuro do rural
Nun momento no que o rural da provincia de Lugo e do conxunto de Galicia afronta grandes retos, como o avellentamento da poboación, o despoboamento ou a falta de relevo xeracional nas explotacións, a Granxa Gayoso Castro érguese como un exemplo do papel que as institucións públicas poden xogar na revitalización do campo.
A través da transferencia de coñecemento e a aposta por un modelo de produción sostible e rendible, este espazo converteuse nun motor de desenvolvemento rural e mantén o compromiso da Deputación co sector agrogandeiro da provincia.