Di o dito que “a experiencia é un grado” e en titulacións como as de Veterinaria ou Enxeñería Agrónoma convértese realmente nun elemento imprescindible na formación dos novos profesionais que nos vindeiros anos terán que asesorar ás explotacións agrogandeiras.
Pola Granxa Experimental de Leite, inaugurada no ano 2020 nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, ubicada en Castro Riberas de Lea e propiedade da Deputación provincial de Lugo, pasan cada ano alumnos e alumnas que formulan a ración ou fan o control reprodutivo do gando.
Poder acceder a vacas reais dentro dunha gandería con animais en produción permite poñer en práctica coñecementos adquiridos e resolver situacións que se dan no día a día de calquera granxa comercial de Galicia.
A granxa de leite é homologable ao que podería ser unha explotación comercial estándar da zona
“A granxa de leite é homologable ao que podería ser unha explotación comercial estándar da zona, só que nós primamos máis a función docente e investigadora en detrimento da produtiva”, recoñece Sonia Verdes, veterinaria e directora da Granxa Gayoso Castro.
O robot de muxido, por exemplo, conta con só 40 vacas, debido ao tempo que permanecen trabadas para a realización de prácticas por parte do alumnado. Ao longo do curso pasado a Granxa Gayoso Castro recibiu arredor de 1.500 visitas de prácticas. “Todos os días temos aquí entre 20 e 40 alumnos de Veterinaria e da Politécnica”, detalla a directora do centro.
A Granxa Gayoso Castro conta cunha certificación de benestar animal que avala o seu funcionamento
“O noso obxectivo é acoller ao alumnado das ramas agrarias que lidera o Campus de lugo e poder ofrecer ao sector os mellores profesionais, cada vez máis cualificados, e ao tempo ser o instrumento que teñan ao seu alcance os investigadores ou calquera persoa que estea interesada en desenvolver proxectos novidosos no eido agrario”, afirma Sonia.
Tecnoloxía de vangarda
O sector do vacún de leite é un dos máis tecnificados e avanzados. Novos adiantos e ferramentas dixitais están a irromper nas ganderías. Axudan á toma de decisións, pero requiren dunha familiarización con elas que só se pode conseguir grazas ao seu manexo.
As instalacións contan coas últimas tecnoloxías do mercado para que os alumnos poidan experimentar situacións reais que acontecen nas granxas actuais, cada vez máis tecnificadas
Por iso, o feito de que a Granxa Experimental de Leite conte coas últimas tecnoloxías do mercado resulta fundamental para que os futuros titulados adquiran os coñecementos necesarios para enfrontarse no seu día a día ao traballo, particularidades, vantaxes e problemas dunha explotación con robot de muxido ou con sistemas de monitorización do gando.
Visitamos as instalacións da Granxa Gayoso Castro no municipio de Castro de Rei para compartir con alumnos e profesores do Grao de Veterinaria do Campus Terra da USC unha xornada de prácticas neste centro dependente da Deputación de Lugo.
Luis Ángel Quintela, vicedecano da Facultade de Veterinaria
“Contar con estas instalacións supuxo un antes e un despois na formación do alumnado”
Poder facer prácticas con vacas reais nunha gandería con animais en produción incrementa as competencias dos novos titulados á hora de enfrontar situacións e problemas habituais nas explotacións. “Supón que teñan unha visión directa do que é exercer a profesión de veterinario”, asegura Luis Quintela, vicedecano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
“Contar con estas instalacións á nosa disposición supuxo un antes e un despois na formación do alumnado. A teoría, os simuladores e as vacas de desvelle están ben, pero isto é outra cousa, e os alumnos están facendo unha media de 500 horas de prácticas ao longo de toda a carreira aquí na Granxa Experimental”, destaca.
Da Facultade de Lugo saen cada ano uns 110 veterinarios ao mercado laboral
A Facultade de Veterinaria de Lugo forma en cada promoción a uns 110 novos veterinarios, dos que aproximadamente a metade son de fóra de Galicia. “Moitos proceden de ámbitos urbanos e tomar contacto coa realidade produtiva permítelles comprobar que nas granxas non se maltrata aos animais, senón todo o contrario”, evidencian.
Luis destaca ademais que existe un nicho laboral importante neste momento para os graduados en Veterinaria no ámbito da produción animal, en campos como a clínica, a reprodución, a nutrición ou o benestar animal, onde se necesitan profesionais cualificados, con formación e experiencia práctica, como os que saen da Facultade de Lugo.
No sector vacún, tanto de leite como de carne, necesítanse veterinarios de campo; hai unha oferta de emprego neste ámbito que non se cubre
O labor do veterinario nas granxas cambiou moito e hoxe céntrase sobre todo na prevención. A medida que se impoñen máis restricións legais ao uso de certos medicamentos, como algúns tipos de antibióticos, máis valor alcanza a prevención.
Irene Saucedo, estudante de 5º
“Se non tivese contacto coas vacas quizais non me plantexaría dedicarme profesionalmente a ese mundo”
Irene Saucedo é unha madrileña que se trasladou a Lugo para estudar Veterinaria no Campus Terra da USC en Lugo. Iniciou a súa formación case ao mesmo tempo que comezaba a funcionar a Granxa Experimental de Leite nas instalacións da Deputación en Castro Riberas de Lea.
Irene é vexetariana e comezou a carreira pensando en dedicarse ao mundo da conservación da fauna salvaxe, pero a súa percepción en relación coa produción animal foi mudando. “Creo que podo ser máis útil desde dentro, cambiando algunhas prácticas na gandería, aínda que en Galicia os sistemas produtivos son diferentes e apóstase máis polo pastoreo e o extensivo”, recoñece.
Entendo que a formación estea máis enfocada ao vacún porque é o que máis abunda en Galicia
“Aínda non teño claro se cando remate a carreira vou dedicarme profesionalmente ao gando vacún, porque gústanme máis os pequenos rumiantes, pero tampouco descarto traballar con vacas, quizais no ámbito da reprodución, que ten un horario máis establecido que a parte de clínica”, argumenta.
Marta Miranda, profesora de Clínica Médica Veterinaria
“É unha grande oportunidade de aprendizaxe que incide nunha mellor formación dos nosos alumnos e alumnas”
Marta Miranda é docente da USC e agradece á Deputación a dispoñibilidade da Granxa Gayoso Castro para acudir cos seus estudantes a facer prácticas. “É unha gran oportunidade de aprendizaxe dispoñer dunha granxa comercial robotizada que está a producir leite, o que incide nunha mellor formación do noso alumnado”, afirma.
A Granxa Experimental de Leite complétase co Hospital Clínico-Veterinario Rof Codina, pertencente á Universidade, con estadías formativas xunto a titores que son veterinarios en exercicio e con saídas a outras granxas comerciais, por exemplo, de porcino, para que os estudantes adquiran un completo bagaxe educativo de carácter práctico.
Hai outras universidades que tamén teñen as súas granxas de prácticas e nós envexabamos poder ter a nosa
“A de Veterinaria é unha carreira moi ampla e ambiciosa porque abarca a parte clínica de toda a variedade de animais existentes (grandes, pequenos e exóticos), todas as producións animais nos seus distintos sistemas produtivos (intensivo, extensivo e ecolóxico) e todas as especies (vacún, porcino, ovino, equino, etc) e a parte de seguridade alimentaria”, explica.
“Tratamos de facer todas estas ensinanzas o máis prácticas posibles desde o primeiro curso e de facer prácticas reais”, indica, e recomenda aos titulados “que sigan formándose e especializándose para estar ao día, porque todo evoluciona”.
A nova normativa sobre o Veterinario de Explotación é a oportunidade que ten o veterinario de campo para reivindicar a súa figura e o valor do seu traballo
“A nova normativa do Veterinario de Explotación vai ser a nosa oportunidade de poñer en valor a profesión e para que o veterinario se faga valer, porque é unha responsabilidade moi grande facerse responsable dunha explotación e iso ten que estar recoñecido tanto polo gandeiro como pola sociedade en xeral”, defende.
Cristian Valls, estudante de 5º
“Vir á granxa axúdache a familiarizarte co manexo das vacas e perderlles o medo”
Cristian Valls é canario e estuda en Lugo o último ano de Veterinaria. “Vin que Bioloxía Mariña, que é o que se estuda en Tenerife, non tiña moita saída, e optei por outra carreira relacionada cos animais”, explica.
Cristian recoñece que para alguén non familiarizado coas vacas, “ao principio son animais grandes que impoñen bastante, eu nunca me vira antes cun bicho de 800 kg ao lado, pero a base de vir pérdeslles o medo”.
“Sen esta parte máis práctica, dende logo non me atrevería a enfrontarme a un futuro laboral nunha granxa de leite, apórtache moita seguridade e fas unha idea máis real do que é a profesión”, admite.
Sen esta parte máis práctica non me atrevería a enfrontarme a un futuro laboral nunha granxa de leite
Os alumnos que cursan o Grao de Veterinaria en Lugo realizan na granxa prácticas de distintas materias: Enfermidades Parasitas, Nutrición, Epidemioloxía, Reprodución, Médica ou Tecnoloxía da Reprodución. Esta posibilidade de facer prácticas con animais reais é un plus que non se dá noutras universidades, asegura Cristian.
“En Gran Canaria, onde tamén hai Veterinaria, apenas se pisa a granxa, ou se pisa no último ano. Aquí, a partir do segundo ano de carreira, comezamos a vir con visitas, que xa se volveron moito máis habituais. A medida que subimos de curso temos moito máis contacto cos animais. Iso sérvenos para familiarizarnos coas vacas e co seu manexo”, destaca.
Uxía Yáñez, investigadora postdoctoral
“Estas instalacións supoñen unha vantaxe moi grande, porque permiten entender como funciona unha granxa no seu conxunto”
Uxía Yáñez está a piques de iniciar unha estadía formativa de dous anos en Irlanda dentro do seu postdoutoramento. Resultou beneficiaria dunha bolsa da Xunta na súa primeira convocatoria e vai especializarse en reprodución bovina, sobre todo no ámbito das patoloxías, como a endometrite.
“Cando empecei a carreira tiña a idea de adicarme a cabalos pero fixen bastantes prácticas con veterinarios que facían clínica sobre todo de vacas e coñecendo este mundo un pouco máis acabáronme gustando”, recoñece.
Uxía imparte xa clases de Reprodución e Obstetricia a alumnos de cuarto curso da Facultade e de Tecnoloxía da Reprodución de quinto e valora o salto de calidade logrado. “Cando eu comecei a carreira a Granxa Experimental de Leite non estaba en funcionamento. Para min supón unha vantaxe moi grande, xa que aporta unha formación adicional que se lle pode dar ao alumnado que non podería recibir doutro xeito, porque non só é facer prácticas con vacas, senón saber e entender como funciona unha granxa no seu conxunto”, destaca.
Uxía comeza unha estadía de dous anos en Irlanda tanto para impartir docencia como para facer investigación
A University College de Dublín, na que Uxía vai pasar os vindeiros dous anos dando clases e investigando, tamén conta cunha granxa como a que o Campus Terra ten nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, pero no caso da irlandesa cun sistema de manexo un pouco diferente, máis centrado no pastoreo, o que lle vai permitir a Uxía complementar a súa formación, xa que no caso da Granxa Experimental de Leite tan só saen ao exterior as vacas secas e as xovencas preñadas, que están todo o tempo fóra.